Amosando publicacións coa etiqueta Petróglifo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Petróglifo. Amosar todas as publicacións

domingo, 7 de decembro de 2025

PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín.

PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ

RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. 


"La razón humana tiene, en una especie de sus conocimientos, el destino particular de verse acosada por cuestiones que no puede apartar, pues le son propuestas por la naturaleza de la razón misma, pero a las que tampoco puede contestar, porque superan las facultades de la razón humana."

I. Kant: "Crítica de la Razón Pura"



Debuxos e panel de Moncho Boga, 2025.

INTRODUCIÓN XERAL

O Concello de Verín anunciaba, en febreiro de 2022, unha reordenación dos recursos turísticos do contorno natural do Pozo do Demo, feito no que estaba implicado con absoluto entusiasmo o amigo megaliteiro de Verín Rafa Castro. Pois ben, desde aquila, nada de nada, para disgusto do amigo descubridor deste tremendo itinerario pedrafiteiro e para disgusto meu tamén.



Vista da garganta do Pozo do Demo.

Anunciábanse naquel ano actuacións cunha perspectiva "revolucionaria": a implementación dun Museo Natural ao aire libre que sería visitable por medio da realización de seis roteiros temáticos. Entre esas rutas, que abarcaban una amplo espectro do patrimonio natural e cultural, atopábase a recuperación das pedrafitas descubertas por Rafa, das pedrafitas da Baixada de San Xosé. Sería un roteiro que deambularía por entre pedrafitas e petróglifos: un paradigmático roteiro sagrado da prehistoria, probablemente único.


Vista da garganta do Pozo do Demo.

Dese xeito, segundo o Plan Director do Pozo do Demo (ao que aludían nas novas de toda a prensa), a concreción dese Plan suporía por en valor un "megarrecurso turístico, unha zona dun potencial que ven delimitada pola súa riqueza natural."


Fraga do Pendón.

O aproveitamento, como recurso turístico, centraríase no contorno do Pozo do Demo, na chamada Baixada de San Xosé (un auténtico camiño prehistórico, entrada natural á Meseta) e no Rego das Quintas: cachón, campo megalítico, castelo medieval, castro, xacemento romano...



Unha das Pedrafitas da contorna do Pozo do Demo.

A intención das autoridades municipais era convertelo nun recurso turístico para a previsible chegada de ¡cen mil visitantes ao ano!. O reclamo, por suposto, era o xigantesco "museo natural" ao aire libre, e así disfrutar dunha "das paisaxes de maior beleza da provincia, un balcón ao Val de Monterrei."



Petróglifo das Quintas. Foto, La Región.

Un total de seis rutas, accesibles, temáticas, por área de interese xeolóxico, megalítico, romano, medieval, flora e fauna e historia do evento de 1909.

O roteiro megalítico engadiría megálitos e petróglifos da Baixada de San Xosé. Posiblemente o nome da ruta sería "Ruta das Pedrafitas e Petróglifos da Baixada de San Xosé".


Escavacións na Villa romana de O Bouzadoiro.

Pero desde o ano 2022 até hoxe (2025) non voltei  saber nada dese ambicioso e interesante proxecto. E falei con Rafa Castro: o devandito proxecto probablemente quedou acochado nun caixón, reducido ás estancias do esquecemento. E no esquecemento tamagano quedaron tamén as nosas pedrafitas...


Nestes outeiros localizaron os restos do Castelo de Cabreira.

Nesta introdución, neste pequeno limiar, onde estou a estruturar unha senda, ruta, roteiro que só existirá na miña imaxinación, vou tentar ordear os poucos coñecementos que fun acopiando paseniñamente ao redor desta máxica e ancestral área do universo, tan imaxinario como real, arqueolóxico e etnográfico galego.


Ruta PRG do Pozo do Demo.
Extraído do blogue estavivobajoelcieloazul.blogspot.com

Tamén quero deixar constancia que nos últimos anos a Terra de Verín-Monterrei amósase como unha das grandes áreas megalíticas de Galicia, sendo a Baixada de San Xosé a de maior concentración de pedrafitas-menhires nunha zona tan reducida espacialmente. Si a esto lle engadimos a gran cantidade de petróglifos que flanquean este camiño máxico, atopámonos sen ningún tipo de dúbida, diante dun camiño ritual, dun camiño de importancia real e simbólica para os homes do neolítico e referentes para as xentes da bisbarra até épocas históricas.



Regueiro das Quintas. Foto wilkiloc.


Metodolóxicamente o traballo de Rafa Castro parte da hipótese  seguinte: a consideración significativa de todos os elementos con relación práctica, histórica e/ou simbólica. O contexto e a interrelación destes elementos pode aportar unha compresión significativa global.



Castro da Baixada de San Xosé. De wilkiloc.


O ancestral Camiño da Baixada de Xan Xosé comunica os lugares de A Veiga das Méás (Concello de Vilardevós) e Cabreiroá (Verín). Trátase dun sinuoso trazado que serpentea a través dun acusado desnivel. O topónimo "Baixada de San Xosé" probablemente se debe  á enorme  cantidade de petróglifos do do tipo "coviña" que van xalonando todo o camiño: segundo a lenda as coviñas son a marca que deixou o "caxato  de San Xosé" cando deambulaba por estes lugares na compaña da Virxe e do Neno  para fuxír da furia asasina de Herodes.



Sinalización, foto de wilkiloc.

O Camiño está a conservar as rodeiras-sucos perforados no transcurso dos séculos por carros: esa pervivencia foi truncada por unha desafortunada actuación do Concello de Verín (2013) provocando danos irreparables. Nas beiras deste Camiño Rafa Castro atopou varias posibles (e mais que probables) pedrafitas de gran tamaño, tiradas no chan, e algunhas delas decoradas con petróglifos tipo cazoliñas ou coviñas hemiesféricas.  O Camiño da acceso á Igresiña dos Mouros e á porta sur dese Castro. Neste Camiño desemboca o Camiño de Malpaso, preto do posible emprazamento do mítico Castelo de Capraria.



Imaxe de Mapcarta

Rafa Castro sistematizou e nomeou as oito pedrafita-menhires da Baixada de San Xosé a través de letras e números que están a seguir unha dirección lóxica ao longo do prehistórico camiño. Son as seguintes:


1. Pedrafita A1. Amosa, segundo Alberte Alonso, trazos fálicos e atópase entre as parroquias de San Pedro de Osoño (Concello de Vilardebós) e San Salvador de Cabreiroá (Concello de Verín).


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

 -Coordenadas da pedrafita A1: Lat 41º 54´ 92,30´´ N Lon 7º 24´ 31,2´´ O 580 m.s.n.m


2. Pedrafita A2.  Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás. Na clasificación de Alberte Alonso encádranse na tipoloxía de "pedrafitas con outras funcións" e dicir, que poden ter varias das que se consideran ou ben algunha outra función descoñecida.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

 -Coordenadas da Pedrafita A2: Lat 41º 55´0,99´´ N Lon 7º 24´ 2,87´´ O 549 m.s.n.m.


3. Pedrafita A3. 
Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A3: Lat 41º 55´0,93´´ N Lon 7º 24´ 4,39´´ O 436 m.s.n.m.


4. Pedrafita A4. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita A4: Lat 41º 54´9,47´´ N Lon 7º 24´ 4,01´´ O 591 m.s.n.m.


5. Pedrafita A5. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita A5: Lat 41º 54´9,89´´ N Lon 7º 24´4,48´´ O 671 m.s.n.m.


6. Pedrafita A6. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

-Coordenadas da Pedrafita A6: Lat 41º 55´0,93´´ N Lon 7º 24´4,39´´ O 582 m.s.n.m.


7. Pedrafita B1. Pedrafita con características fálicas, segundo a clasificación de Alberte Alonso. Atópase entre as parroquias de San Pedro de Osoño (Concello de Vilardebós) e San Salvador de Cabreiroá (Concello de Verín).



Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita B1: Lat 41º 54´ 92,10´´ N Lon 7º 24´ 31,9´´ O 580 m.s.n.m


8. Pedrafita B2. Na Baixada de San Xosé, entre o treito da Veiga de Meás.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.


-Coordenadas da Pedrafita B2: Lat 41º 54´9,39´´ N Lon 7º 24´3,31´´ O 670 m.s.n.m.


A ruta completarase con outras dúas pedrafitas e un posible círculo lítico que se atopan no contorno imnediato da Baixada de San Xosé, nas increíbles paisaxes do Pozo do Demo. Son a Pedrafita da Fraga Grande e o Toco das Cabras.


9. Pedrafita Toco das Cabras. 

10. Pedrafita da Fraga Grande.

11. Posible Círculo Lítico nunha das terrazas do Castro da Baixada ou Viña de San Xosé.


Todas as conclusións e/ou liñas principais de investigación desta entrada, así como a inxente recolleita de dados, a analise morfolóxica e as interpretacións, foron extraídas do inxente traballo elaborado polo incombustible investigador tamaguiano Rafa Castro, logo de moitas horas de laborioso e meticuloso traballo de campo polas abruptas terras do Val de Monterrei, polas reviradas costas do Pozo de Demo, polas empinadas rutas da Baixada de San Xosé, polas envexables paraxes da parroquia de Cabreiroá, no Concello de Verín. O espléndido traballo, inédito, de Rafa Castro, títúlase "Novas exploracións no Contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes". Toda esa intensa actividade, plasmada nese fabuloso traballo, foi realizada entre os anos 2013 e 2015.



Ruta Pozo do Demo, en wilkiloc

Para rematar coa introdución, gostaríame facelo coas palabras do meu amigo megaliteiro Alberte Alonso, extraídas do seu blogue catalogacióndepedrafitasdegalicia a saber, "...dende o cumio do Pozo do Demo, área moi posiblemente sacralizada e posteiormente transformada, por medio da conversión ao cristianismo, esnaquizando lugares de culto tradicionais, ou aplicanda a obliteración, demonizando aos deuses indíxenas, ou criminalizando como bruxaría prácticas relixiosas ancestrais, onde é probable unha secuencia ocupacional dende o neolítico ata o medievo, pódese atopar o rexistro arqueolóxico de períodos e tipoloxías diferentes: círculos líticos, pedrafitas, trilitos, pedras abaladoiras, petróglifos, lagares rupestres, pías, castros, necrópole, así como o folclore ligado ao rexistro antropolóxico e etnográfico da área."


En Sigrás, nun día húmido e chuvioso do Nadal de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES QUE NON SE PODEN ESQUECER

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

sábado, 20 de setembro de 2025

ANTA-DOLMEN DE GAGÁN OU XAXÁN. Santo Tomé de Piñeiro, Marín.

ANTA-DOLMEN DE GAGÁN OU XAXÁN

SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN XI


"Moviéndose en el espacio, los átomos eran originalmente unidades individuales, pero inevitablemente comenzaron a chocar entre sí, y en los casos en que sus formas eran tales que les permitían entrelazarse, comenzaron a formar grupos. El agua, el aire, el fuego y la tierra no son más que diferentes grupos de átomos inmutables."

Demócrito de Abdera


Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

E, lamentablemente, chego ao último elemento megalítico da Senda das mámoas de Marín..., sen embargo, sen dúbida voltarei por estas terras para reflexionar e amosar as outras antas sitas nos concellos de Vilaboa, Moraña, Bueu e Cangas. Non tardarei moito.

Pero antes de continuar, un pequeno excursus sobre os topónimos "Morrazo" e  "Gagán". "Morrazo" adoitase interpretar como un topónimo derivado da raíz prerromana "mor" ou "morr" que se refería a pedras ou a montes moi pedregosos. Por iso tamén se considera que a palabra galega "morea" (moitas cousas amontonadas) podería ter a mesma orixe como "cousas amontonadas con forma de montaña".  Pero tamén podería proceder la latino "Murratium" de xeito que significaría "muro": un enorme ou gran muro que se introduce no mar...

Con respecto ao topónimo "Gagán", é probable que proceda do latino "gagates", e dicir un marco no camiño, significado que cadra moi ben coa función delimitadora e/ou  marcaxes espaciais, das mámoas e das pedrafitas en todo o territorio galego.



Planta versión propia a partir de Acuña Piñeiro, 1994.

Chego á última espléndida anta: fantástico exemplar que non coñecía, pero que hoxe xa é como unha amiga mais dentro do amplo abano do megalitismo galego. E achégome á anta catalogada como Mámoa  da Chan de Xaxán. Debo aducir neste punto unha breve consideración sobre o topónimo Xaxán ou  Gagán: nunha ficha da páxina web de patrimoniogalego.com asinada por Franjopadín e adicada a esta mámoa, explica que se trata dun topónimo que estivo a sofrir unha deturpación debido a unha sobrecorrección de "ghaghan", que é a denominación traidiconal coa que a coñecen as xentes do Morrazo. Polo tanto deberíamos dicir Gagán.



Sección versión propia a partir de Acuña Piñeiro, 1994.

Nas datas en que a visitou Franjopadín, a mámoa estaba absolutamente cuberta de matoxeiras, polo que resultaba infrutuoso intentar a súa medición e determinar polo tanto as súas dimensións. Falamos do ano 2011.


 
Fotografía de Franjopadín, 2011, en patrimoniogalego.net

O emprazamento atópase nunha leve vagoada do regato Neibó, nunha suave pendente con dirección ao devandito rego. A masa forestal constituíase mediante unha repoboación de eucaliptos. A cámara megalítica ou anta atópase totalmente valeirada por dentro, saqueada, e a mámoa está lixeiramente remozada debido ás intensivas labouras forestais. 



Fotografía de megaliticia.blogspot.com

O túmulo acada grandes proporcións a saber, mais de trinta metros de diámetro e case os dous metros para a altura. Debido a esta enorme formación en canto ao volumen, a mámoa ten unha gran visibilidade, influindo taménm o seu asentamento nun dos socalcos do río.



Fotografía de megaliticia.blogspot.com

Dicía antes que a cámara megalítica atópase completamente valeirada por dentro: por iso  pódese contemplar unha planta poligonal composta mediante cinco esteos e o inicio dun mais que probable corredor na área do leste.



Fotografía de megaliticia.blogspot.com

Segundo podemos deducir das fotografías, trátase dunha construción con certas particularidades que a singularizan dentro do horizonte megalítico galego. Tamén as informacións que fun recabando, non sin certa dificultade, falan das seguintes características: na zona do posible corredor, orientado ao leste, non aparece ningún esteo pero sí unha especie de masa tumular cun muro de mampostería. Por outro lado, na parte do oeste (cabeceira) acontece o mesmo, pero neste caso o cativo muro de mampostería descansa sobre unha laxe que apenas asoma e que podería ser un dos chantos da cámara por esa beira.



Fotografía de megaliticia.blogspot.com

Outra das características é a presenza de restos da coiraza pétrea por diversas zonas da mámoa. En definitiva e, para rematar, a área do oeste da cámara atópase bastante esnaquizada, entre outras cousas debido ao transo dunha pista forestal. 



Croquis extraído da Senda das mámoas de Marín.

Pois ben, lástima que rematou: só me queda retornar físicamente ao Morrazo e descubrir, en exclusivo directo, as antas desta increíble Senda que todavía non fun quen de visitar.


IMPRESCINDIBLE SI TE ACHEGAS A MARÍN
 
Si fixemos esta viaxe megalítica á Senda das Mámoas de Marín, é imprescindible visitar a Estación de Petróglifos de Mogor:  indispensable, non admite demora. 



Centro de Interpretación dos Petrófligos de Mogor.

Os Petróglifos de Mogor, á beira da primorosa praia de Mogor, contan hoxe cun Centro de Interpretación e con rampas que permiten a contemplación desa escritura prehistórica da rocha. Organizan, desde o Centro, visitas guiadas no verán tanto pola día como pola noite.



Concéntricos e labirinto. Fotografía galiciamaxica.eu

Non sei si é necesario dicir, a estas alturas, que Mogor e os seus petróglifos constitúen unha das estacións de arte rupestre máis importantes de Galicia e, sen dúbida, a mais importande do universo.



Vista nocturna do labirinto e dos concéntricos.
Fotografía gastroviajesruth.

Por iso débese visitar indiscutible e inexcusablemente esta apaixoante estación de petrógligos e o seu Centro de Interpretación. Moito se ten falado, estudado e analizado sobre a significación destes impresionantes petróglifos, pero no que semella que hai un certo consenso é na consideración do seu posible uso ritual que talvez engada algún tipo de vencellamento coa astronomía. E dicir, unha especie de calendario, posto que, a través dos seus aliñamentos e roteiros sinuosos, pódense distinguir os equinoccios e os solsticios, tan importantes para as sociedades de cazadores e recolectores do neolítico.



Outra vista dos petróglifos de Mogor.

Os motivos predominantes son os circulares, labirintos, espirais, cazoliñas, círculos concéntricos e un cervo.

Os petróglifos concéntranse en tres paneis ou estacións a saber, a Pedra do Campiño, a Pedra do Labirinto e a Pedra dos Mouros.

En Sigrás, nos días centrais de setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


INTERESANTES ENLACES E BIBLIOGRAFÍA

https://patrimoniogalego.net/index.php/4713/2011/09/mamoa-de-chan-de-gagan/

https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/dolmenes-lago-castineiras-11487131

https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html

https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html

https://arqueologia-patinho.blogspot.com/2008/07/chan-de-armada-desvela-sus-secretos.html

https://www.concellodemarin.es/pxom/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/marin/2015/09/16/zarzas-asfixian-area-mamoa-chan-armada/0003_201509P16C8995.htm

https://historiaymitos.blogspot.com/2009/04/mamoas-bajo-asedio-en-o-morrazo.html

https://ahoradosmouros.blogspot.com/2012/01/duas-lousas-da-mamoa-do-chan-da-armada.html

F. Carrera Ramírez e R. Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en le Noroeste Penínsular". Tórculo Edicións, 2006.

SOBRINO LORENZO-RUZA, Ramón. “Prospecciones arqueológicas en Morrazo”. El Museo de Pontevedra. Pontevedra. 1956.

https://patrimoniogalego.net/index.php/4681/2011/09/mamoa-de-chan-da-armada-1/

https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-mamoas-de-marin-219310977/photo-132766529

https://cousasdecarragal.blogspot.com/2025/03/marin-la-recomendada-ruta-das-mamoas.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/ruta-pasada-auga-estrear-senda-das-mamoas/202406162121471308969.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/nueva-senda-das-mamoas-marin-podra-realizarse-proximo-2-junio/202405011229341302690.html

https://www.carriola.es/index.php/noticias-de-marin-by-julio-santos/7174-el-concello-inaugura-el-proximo-domingo-la-ruta-das-mamoas-con-una-andaina-desde-el-lago-de-castineiras

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024-roteiro-das-mamoas-de-marin-otonal-noviembre-desde-lago-castineiras-a-lagocheiras-192112111/photo-118661999

https://nl.wikiloc.com/routes-wandelen/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

https://it.wikiloc.com/percorsi-escursionismo/vilaboa-lago-de-castineiras-y-rio-maior-204892555

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/marin/2008/03/15/arqueologos-reconstruiran-mamoa-chan-armada/0003_6653268.htm

https://pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

https://www.bing.com/images/search?view=detailV2&mediaurl=https%3A%2F%2Fwww.paxinasgalegas.es

https://arqui-2.blogspot.com/2014/07/breve-historia-de-los-laberintos.html

https://lugaresconhistoria.com/petroglifos-mogor

https://www.concellodemarin.es/

https://turismo.concellodemarin.es/index.php/es/cultura

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/petroglifos-de-mogor/


martes, 22 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DE PENA SERRADA. San Xoán de Parada, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN DE PENA SERRADA

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO VI

"La masa masiva de la tierra en realidad se reduce a la insignificancia en comparación con el tamaño de los cielos."

Nicolás Copérnico



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A necrópole de Pena Serrada conta con seis mámoas e só dúas delas presentan algún resto de estrutura arquitectónica megalítica ou cámara. Está preto da necrópole de Jolfa, tamén constituida por seis mámoas. 



Fotografía de megaliticia.

Pouco teño que dicir da anta que presento nesta entrada, mais que se trata dunha  enorme mámoa e que conserva dous esteos da cámara. Baixando un pouco mais pola ruta arqueolóxica, atópanse as mámoas de Pascuais.



Outra vista, moitos anos antes.


OS PETRÓGLIFOS DE PENA SERRADA



Afloramento rochoso de Pena Serrada.
Foto, Concello de Outeiro de Rei.

Os petróglifos ou gravados rupestres de Pena Serrada foron documentados no ano 2016 polos arqueólogos Meijide Cameselle e Senín Fernández, que catalogaron o gran panel de petróglifos gravados nun afloramento rochoso de grandes dimensións e definiron dous motivos diferentes de gravuras rupestres. Atópanse a quinientos trinta e dous metros de altitude. O conxunto foi decladado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2017.


Cazoliñas de Pena Serrada. Foto de Xabier Moure


Dicía que os arqueólogos identificaron dous motivos diferentes de gravuras. Por unha banda, no extremo do oeste, unha combinación circular composta por tres círculos concéntricos cunha cazoliña no centro. Atópase moi desgastado pola acción erosiva dos elementos. Pola outra, na parte central da rocha, aparece un grupo de quince cazoliñas entre diaclasas de granito, e agrúpanse nunha superficie de dous metros por un metro e trinta centímetros. Tamén aparecen varias gravuras que parecen debuxar ferraduras. As cazoliñas e os círculos concéntricos adoitan datarse na Idade do Bronce e as ferraduras talvez sexan da Idade Media.



Concéntricos de Pena Serrada.
Fotografía, megaliticiablogspot.com

Dentro do imaxinario popular destaca a lenda que recolle Meijide Cameselle: as gravuras con forma de ferradura non son outras senon as pegadas que deixou o cabalo de Santiago (que se supón blanco) cando pasou pola bisbarra.



En Sigás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoa-da-pena-serrada.htmlhttps://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/
https://eu.wikiloc.com/ibilbide-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883
https://eu.wikiloc.com/ibilbide-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883/photo-45584628
https://patrimoniogalego.net/index.php/90088/2016/11/petroglifos-da-pena-serrada/
https://outeiroderei.gal/turismo/patrimonio-historico-artistico/petroglifos/
https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/petroglifos-da-pena-serrada.html
https://outeiroderei.gal/turismo/patrimonio-historico-artistico/petroglifos/

xoves, 10 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN NO OUTEIRO DO CRIBO. Santa María de Armenteira, Meis.

ANTA-DOLMEN EN OUTEIRO DO CRIBO.

"Algunas veces es dificilísimo permanecer despierto, sobre todo en una iglesia, pero, en cambio, dormir es muy sencillo, hasta los niños saben dormir admirablemente, y no son nada ilustrados."

Óscar Wilde: "El Fantasma de Canterville".



Debuxo de Moncho Boga, 2024


Para chegar ao petróglifo Outeiro do Cribo temos que desviarmonos na estrada CF-102 e, a unhs trescentos ou catrocenctos metros, á man dereita, atoparemos uns penedos nos que se atopa o panel de petróglifos, onde destaca un fabuloso labirinto e unha manada de cuadrúpedos. O estado de conservación é bastante regular debido sobre todo á erosión e á vexetación.

Buceando por aquí e por acullá, mergullado nos procelosos carreiros da internet, un día destes atopei unha nova ilusionante no Diario de Arousa (anos 2021 e 2022). Informábase do achádego dun novo dolmen na contorna inmediada do Petróglifo Outeiro do Cribo, nos Montes de Castrove no Concello de Meis.

Parece ser que o achádego prodúxose despois dunha prospección que realizou o Servizo de Arrqueoloxía da Deputación Provincial de Pontevedra, cando se atoparon diversos petróglifos e un fito de pedra que probablemente se corresponda a un marco de termo para marcar os lindeiros, ben entre parroquias, ben os do Mosteiro de Armenteira. Tamén se atopou unha mámoa, indicaba a información xornalística. Todos estes novos elementos arqueolóxicos atópanse na contorna inmediata do famoso petrófligo Outeiro do Cribo.

Apostillábase na nova do xornal que o Concello de Meis estaba a iniciar o proceso para a protección, posta en valor e intervención arqueolóxica para realizar unha ruta e así poder contemplar estes restos arqueolóxicos.



Fotografía do Diario de Arousa.

No ano 2022 un novo artigo ou reseña no mesmo Diario de Arousa, sinalaba no titular "Meis prepara un proyecto para poner en valor el entorno arqueológico de Outeiro do Cribo". Enfatizábase que tanto o Concelloc omo a Deputación estaban a traballar para poñer en valor a contorna arqueolóxica do Outeiro do Cribo, área onde apareceron novos petrógligos e a anta sinalada antes, non catalogados. Tamén se anunciaba a cesión completamente grratuita da parcela onde se atopan os restos, por parte do propietario. Sen embargo, diversos problemas administrativos sobre todo catastrais, levaron a que o proxecto non se retomase ata o ano 2025, como se constata noutra noticia do Faro de Vigo a saber, "Nuevo futuro para Outeiro do Cribo". Habendo dotación presupostaria por medio dunha subvención semella que este ano por fin vaise levar a cabo a limpeza-desbroce, escavación arqueolóxica e construción dunha pasarela para contemplar e preservar mellor os petróglifos.

Pouco podemos dicir da anta que nos ocupa, mais que se atopa inserida nunha mámoa de gran tamaño ("despois da mámoa de Chan da Gorita en Sanxenxo, esta é a mais grande localizada na comarca do Salnés") e que entre a matoxeira sobresaen tres grandes chantos graníticos. Probablemente, unha vez que se inicien as labores de limpeza, aparecerán novos elementos nesta espectacular área do Monte Castrove.



Labirinto do Outeiro do Cribo.
Fotografía do Diario de Arousa.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES NECESARIOS

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/petroglifo-outeiro-do-cribo-11501729https://www.diariodearousa.com/texto-diario/mostrar/3121342/arqueologos-descubren-meis-nuevos-petroglifos-mamoa-no-estaban-catalogados

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/meis-prepara-proyecto-poner-valor-entorno-arqueologico-outeiro-do-cribo-3483265

https://www.farodevigo.es/arousa/2025/04/15/nuevo-futuro-outeiro-do-cribo-116393568.html