PEDRATIFA-MENHIR DE MÁNTARAS, Irixoa.
"Nun tan máxico como paradigmático emprazamento, dende onde se otean amplas perspectivas da ría de Betanzos, dende onde se adiviña o profundo canón do río Zarzo (deudor do río Mandeo), eríxese chantada e solitaria, como vixía perpetua, unha pedrafita granítica que desafía impertérrita o vaiven caprichoso dos tempos".
Deste xeito comenzamos o artigo que acaba de ser publicado na revista "Fol de Veleno" editada pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) titulado "A Pedrafita-menhir de San Cosme de Mántaras". O devandito artigo está firmado por Ángel G. Martínez (Papigil) e polo que suscribe.
Todo comenzou un día calquera dos meses centrais do ano 2014, cando, inopinadamente, achegouse polo Museo de Cambre o amigo Papigil que, emocionado, víñame ensinar unha fotografía dunha posible pedrafita. Cando ollei aquila primeira fotografía, e cando me informou do seu emprazamento, non me quedou a máis mínima dúbida de que estabamos diante dun precioso descubrimento, diante dunha pedrafita-menhir, elemento sobranceiro da nosa prehistoria.
|
Fotografía de Manuel Boga Neira. |
Non pretendo nesta entrada reproducir o artigo (tendes a revista á vosa disposición nas librarias) senon incorporar este emblemático novo elemento na listaxe das pedrafitas galegas, que cada vez engorda máis grazas sobre todo ás avezadas e incansables pescudas do noso grupo de whatsapp "Fuso da Moura".
O traballo de campo, a etnografía, todo hai que dicilo, foi cousa case exclusiva de Papigil.
A pedrafita atópase inserida nunha ampla semi-chaira aos pés do monte de San Antón: está no medio dunha necrópole megalítica, non é un marco de termo e, como elemento testemuña do carácter profano ou prehistórico, paradóxicamente, a Ermida de San Cosme. Polo tanto, lugar de romaría, de camiños reais, corredoiras fondas, nacemento de cursos fluviais... Mámoas, castros e petróglifos rodean a contorna, como sinalando ao embigo, ao omphalos que, poderosamente erecto, sobresae inconfundible no centro case xeométrico desta pequena planicie.
Sen dúbida a ermida de San Cosme (nós mantemos que a advocación orixinal é San Antón) é un elemento cristianizador dun lugar sagrado xa desde a prehistoria. O cristianismo, como é lugar común na interpretación de moitos ritos cristianos, recolleu certas características das festas paganas e aderezounos cun novo fondo cristiano, reinterpretándoos e outorgándolles un novo significado máis axeitado á ideoloxía triunfadora.
En canto á analise formal, estamos diante dun robusto esteo de granito que amosa sección rectangular coas arestas moi biseladas. Acada unhas dimensións aproximadas de 1,42 m de altura na cara que mira ao suleste. A anchura máxima chega aos 82 cms. Todas as caras atópanse moi regularizadas, aínda que non se observa siño algún de puído, exceptuando o revaixe cóncavo da croa.
Nunha das súas caras aparecen, apenas insinuadas, dúas acanaladuras do tipo media cana: ocupan unha boa superficie, colocadas en diagonal e acadan 5 cm de ancho. A máis longa mide ao redor de 61 cms; a máis corta, uns 50 cms. Na cara do NO aparece o que semella unha cruz feita en dous trazos, pero non podemos desbotar a posibilidade de que sexa unha gravura natural.
|
|
|
|
|
|
Na parte superior, na croa, aparece un amplo rebaixe cóncavo, perfectamente puido, que se pode interpretar, despois das comprobacións efectuadas por Papigil, como un "axexadoiro de observación astronómica". Efectivamente, a croa cóncava, a xeito de axexadoiro, permitiunos iniciar un proceso de seguimento dos solsticios e dos equinocios, coa finalidade de comprobar a posibilidade de que a ubicación e a orientación poidera dar lugar á sinalización astronómica. Foi así que Papigil comprobou o solsticio de inverno (22 de decembro de 2014) onde puido determinar como o sol situábase directamente sobre o axexadoiro, manténdose nesa liña ata a súa desaparición progresiva tras o horizonte da croa. Podemos concluir xa que logo, que estamos diante da primeira pedrafita galega ao efecto de marcaxe efectiva para o solsticio de inverno.
Consideramos, con todo, que estamos á beira dun lugar máxico, dun espazo sagrado, sendo visto como tal por múltiples xenerarcións, un centro do mundo que describe un todo ordenado, un cosmos, desde o que se solucionan todos aquiles problemas que teñen que ver coa boa marcha de calquera sociedade tradicional.
|
Fotografías realizadas por Candela, Manuel e Moncho |
IMAXE DA MARCAXE SOLSTICIAL REALIZADA POR PAPIGIL:
|
Unha das mámoas da necrópole de Mántaras, a poucos metros da Pedrafita. Fotografías de Candela, Manu e Moncho Boga. |