martes, 14 de enero de 2025

ANTA-DOLMEN DO ESTELO. Santabaia, Vilalba.

ANTA-DOLMEN DO ESTELO


"Pero de esta misma fuente nacieron las hazañas de los vigorosos héroes, exaltadas hasta las nubes en los escritos de los varones elocuentes. De tal estulticia nacieron los Estados, merced a ella subsisten imperios, autoridades, religión, consejos y tribunales, pues la vida humana no es sino una especie de juego de despropósitos."

Erasmo de Rotterdam: "Elogio de la Locura".



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Atópase na parte norte da parroquia vilalbesa de Santabaia, ubicada a varios centenares de metros da formación Pena Grande. "Estelo" pode proceder do indoeuropeo e ser un hidrotopónimo que significa "moverse impetuosamente, rápidamente", ou ben directamente, "río". 




Planta da Mámoa do Estelo a partir de Pombo-Mosquera.

Terei que voltar algún día ás intrépidas  Terras de Vilalba, á Terra Cha, ao solar da Pedra Chantada, de Roza das Modias, da Capela dos Mouros, de Mollafariña, da Pedra dos Millós... Terei que voltar ás suaves e achairadas terras sulcadas por centos de ríos, salpicadas por centos de mámoas, debuxadas  por centos de antigos camiños, elevados xacementos castrexos, variadas igrexas rurais e sempiternos castelos que, como diría Erasmo, son froito da estulticia humana.



Sección da Mámoa do Estelo a partir de Pombo-Mosquera.

Esta zona foi prospectada e catalogada por Xosé A. Pombo Mosquera e por Mª Luisa Rego Álvarez e as súas conclusións foron publicadas no artigo que sinalo na bibliografía ao final desta entrada.



Foto do blogue megaliticiablospot.com

Entre as conclusións destes autores cabe salientar unha serie de regularidades: as mámoas-medoñas case sempre se presentan formando necrópoles ou agrupamentos e tamén a meirande parte amosan funil de violación.  Subliñar asimesmo que a meirande parte destes monumentos atópanse en pequenas zonas achairadas, mesetas ou pequenos outeiros, en lugares con gran visivilidade. Tamén a meirande parte están á beira de primitivos camiños reais, o que podería levar a considerar unha estreita relación do mundo dos mortos cos camiñantes, ou ben no valor apotropaico destes monumentos.

Neste traballo foron catalogadas un total de duascentas vinte mámoas das que 39 foron totalmente destruidas nos últimos setenta anos, case sempre debido ao emprego de maquinaria moderna para converter os terreos en pradeiras ou en terras de labranza. É  interesante subliñar que, logo da prospección no Concello de Vilalba e parte do de Xermade, dos 220 túmulos, entre os conservados e os desaparecidos, establecendo unha relación entre os quilómetros cadrados desta área e os túmulos, dá un resultado dun túmulo por cada 2,33 metros cadrados, sen dúbida unha das mais altas densidades de monumentos megalíticos no territorio galego.



Foto de Alex Negreira.

A Medoña ou Anta do Estelo atópase nunha zona alta, achairada, e, entre as necrópoles cercanas, destacan as seguintes (incluindo varias do Concello de Xermade): Necrópole de Baxín-Roupar (8 mámoas), Necrópole de Lousada (17 mámoas); Necrópole de Carrizo (17 mámoas), entroutras. Débese destacar que na Necrópole de Carrizo está emprazada a pedrafita-menhir Pedra Chantada, ata hai ben pouco unha das poucas pedrafitas consideradas como tales no país galego.



Foto de Cándido Rico.

A mámoa, medoña ou anta do Estelo atópase no conxunto tumular denominado Pena Grande-Ramallo, que está conformado por nove mámoas. É o meirande túmulo desta necrópole. Na zona tamén hai un xacemento paleolítico denonimado precisamente Pena Grande.



Foto do blogue megaliticiablospot.com

Formalmente pertence ao tipo de cámaras megalíticas poligonais, tendente a circular e con corredor pouco desenvolvido.  A mámoa na que se insire acada os case dous metros de altura por uns vinte metros de diámetro. Non está a conservar a pedra cobertora e a cámara  confórmase a través de cinco esteos de cuarcita. O corredor está orientado ao suleste. No interior da cámara atopouse un trapecio de sílex claro, material que non pertence a ningunha das variedades coñecidas na bisbarra: atopábase ao pé dun dos esteos. Como dato sustancial considerar que á  súa beira serpentea o primitivo Camiño Real.



Foto do blogue megaliticiablospot.com

Hai uns anos a organización ecoloxista ADEGA e o colectivo Mariña Patrimonio denunciaron diante do Seprona os danos-desfeita nunha das mámoas desta necrópole froito  dunha plantación de eucaliptos, sen ningún tipo de control: "De hecho, Manuel Miranda subrayó que "este bien fue dañado como consecuencia de los profundos surcos realizados sobre la masa del túmulo en el transcurso de los trabajos forestales", porque la Xunta de Galicia no está haciendo todo lo que debería hacer para proteger ese patrimonio". Segundo as fotografías das que dispoño e das informacións xornalísticas, a plantación afectou á cámara megalítica desta anta, ao remexer boa parte da súa estrutura arquitectónica. Desta mámoa ocupareime noutra vindeira entrada.

En Sigrás, no post-nadal. Inverno 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


AGUNHAS POUCAS INFORMACIÓNS 

POMBO MOSQUERA, XOSÉ A. Y REGO ALVAREZ, Mª LUISA:  ''O Megalitismo nas Terras de Vilalba (Lugo)''. Brigantium (89/90 vol. 6, pp21-53). Museo Arqueoloxico e Histórico San Antón. Coruña 1990.

https://www.vilalba.gal/parroquias/santabaia-san-pedro/

https://es.wikipedia.org/wiki/Santaballa_(Villalba)

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/vilalba/2019/06/04/pena-grande-yacimiento-museo-aire-libre/0003_201906L4C4991.htm

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/medona-de-estelo.html

http://megalitos.arqueoloxico.com/

https://www.elcorreogallego.es/galicia/2018/06/26/denuncian-danos-mamoa-vilalba-plantacion-110042185.html