jueves, 23 de octubre de 2014

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE VALDEHOME, Avión.

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE VALDEHOME. Avión, Ourense.
  

Coa inestimable axuda de Alberte Alonso, que tamén indaga por aquí e por aló, chegou ás miñas mans a reseña dunha posible pedrafita na fecunda e xa entrañable Serra do Suido, polas agrestes e montesías terras que serpentean entra as provincias de Ourense e Pontevedra.
 



Polo que ensinan as fotografías, extraidas do blogue www.galiciamaxica.eu, semella que este probable cipo prehistórico se encarama nos principios dun pronunciado cambio de vertente, nunha zona onde parece ser que abondan os cursos de auga e onde o toxo medra florecente ao redor dos penedos graníticos que afloran inagotables. Efectivamente, esta zona coñécese co topónimo Chan do Valdohome, feito que fai referencia ao inmediato nacemento do río Valdohome.

Non sabemos si esta posible pedrafita fai de inefable e solitario indicador dunha necrópole megalítica..., pero, si ese fora o caso, estaríamos sen dúbida diante dun exemplar máis para engadir á xa abondosa nómina das pedrafitas galegas.




Atópase ubicada a uns oitocentos metros de altitude e é probable que se conserve porque fai de marco de termo entre os concellos de Fornelos e A Lama (Pontevedra) e Avión (Ourense). Polo tanto, probablemente sexa tamén un límite provincial.

Como curiosidade dicir que a pedrafita amosa ben visibles, unha cruz gravada en cada unha das súas catro caras, feito bastante común entre estes fitos demarcatorios.

Amosa forma xeral cadrangular na base e vaise estreitanto a medida que se eleva, tendo algunha das súas caras bastante regularizadas. Non sabemos nada das súas medidas. 

Segundo Alberte Alonso, que tampouco puido visitala de momento, esta pedrafita parece cumplir (desde a distancia que dá a fotografía) algunha das características que a farían pertencer ao grupo das de observación astronómica.



 

COORDENADAS
 
42°21'49.9"N 8°19'22.3"W

Fotografías e información básica extraida da web www.galiciamaxica.eu

viernes, 3 de octubre de 2014

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

OUTRO DOCUMENTO: Valle-Inclán visita a Anta de Axeitos

Repasando as cousas de internet, curioseando polas súas miles de reviravoltas, pliegues, anfractuosidades e sinuosidades, atopei dúas novas moi interesantes, unha delas titulada "Barbanza. Diálogo de Valle en el Dolmen de Oleiros", firmada por Carlos García Bayón, e a outra titulada "Restan sombra al dolmen de Axeitos, en el que rugía Valle", nova firmada por Suso Souto.  Tempo despois,  a estas dúas novas, veuse sumar unha terceira, baixo o título, "Barbanza. Una tertulia en el dolmen de Axeitos".

Ademais das curiosas novas que se aportan nestas sucintas notas, o máis notable, para min, foi o descubrimento de dúas descoñecidas fotografías antigas que, a xeito de documento, amosan unha inédita vertente interpretativa de cara á visión que os nosos devanceiros máis ilustres, de branco e negro, tiñan ao redor das nosas maravillosas arcas de pedra.



 
Fotografía do xornal El Correo Gallego
    
Carlos García Bayón descubriu esta fotografía do feo, católico e sentimental Valle-Inclán, así como algún manuscrito no que se contan os acontecementos dunha tarde de paseo que o noso esperpéntico e universal excritor pasou cuns amigos admirando e elucubrando sobre a Anta de Axeitos.

Segundo Bayón, Vallé-Inclán era moi aficionado ás viaxes por Galicia e aos paseos polo Barbanza. Así, un día calquera, chegou ata a anta de Axeitos, de onde se conserva esta preciosa fotografía datada no ano 1923.

Parece ser que ese paseo foi contado por Gerardo Gasset (Señor da Torre das Xunqueiras, na Pobra), que é un dos presentes, e, ademais dalgunhas probables e fermosas anécdotas, Gasset relata, feito que xa sabemos, que nas cercanías había outras dúas pedras con gravuras de cervos e renos.


 
Fotografía de Carlos García Bayón
Nesta fotografía atópanse Victoriano García Martí, Ramón Fernández Gil, Valle Inclán e Ramón Gasset, que posan observando o monumento megalítico.



Un documento que reflexa unha realidade que xa se foi, pero que non se foi de todo: as pedras permanecen coa mesma estrutura; Valle-Inclán tamén permanece e permanecerá sempre a través das súas obras. Dous monumentos petrificados, unha auténtica homenaxe á pétrea vontade galega. Somos de pedra e vimos da pedra consistente que formou a alma galega.

Valle-Inclán, impenitente iconoclasta, define a anta como un "triángulo sagrado", "como un ara de sacrificios humanos..." Unha muller que camiñaba por alí, diante da pregunta de si as pedras levaban moito tempo, responde: "Din que están aí desde antes de que viñera Deus ao mundo". Contestación galega que denota non só a importancia coa que os nosos paisanos consideraban estes monumentos, senón tamén a súa antigüidade, pois é anterior á presencia de Deus... Pero Valle-Inclán, coa súa sempiterna sorna e lucidez, e se cadra, etílica retranca, comenta co seu falar apodíctico e riguroso: "Exactísimo. La venida de Cristo fue eso. Superar por la caridad el mutuo y cruento sacrificio de los hombres. Y la lucha sigue en pie. Cristo y el anticristo..."

En fin, outro documento que ven a ampliar o horizonte megalítico galego nas súas múltiples facetas. Esta vez a través do esperpéntico mestre das flores marchtias e dos marqueses decadentes, católicos, feos e, sen dúbida, sentimentais. 

Como corolario, outro gráfico documento que amosa a unión de dous mundos, a reunión do clero diante dun dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. Diante dun monumento pagano, como recoñecendo a súa propia idiosincrasia e a  súa importancia como algo distinto e con identidade de seu, os curas, como modernos turistas, dan carta de natureza a esa outra natureza pagana.



Fotografía da páxina: http//riveira.eu/arquivos/date/2014/05