jueves, 22 de febrero de 2024

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DAS LAMEIRAS. San Pedro de Moreiras, Toén.



ANTA-DOLMEN DA MÁMOA  DAS LAMEIRAS. San Pedro de Moreiras, Toén.


"Lo que ha sido creido por todos siempre y en todas partes, tiene todas las posibilidades de ser falso". Paul Valery.



Anta-dolmen da Mámoa da Lameira
Debuxo de Ramón Boga, 2024.

Unha vez mais, outra vez, vou mergullarme polos recónditos vericuetos de internet. Páxinas, ventanas, hosts, programas, publicidade..., todo o que invita a non facer unha inmersión polas perigosas e traidoras ondas deste medio que amenaza con engullilo todo. Aínda así, e como un é terco e ademais agora mesmo non ten outro xeito de recabar mais información nin posibilidade de achegarse ás agarimosas terras de Toén, non  queda outra que navegar por estas infaustas redes virtuais. Non podo deixar de pensar con nostalxia a búsqueda de bibliografía nas bibliotecas e nos arquivos: hoxe suplimos todo cun pdf, case todo está en Internet...

E tamén unha vez mais, como case sempre, como todos os anos (excepto si chove, e aínda así...) o ano 2020 foi un ano de espeluznantes e voraces incendios forestais en Galicia. Pois ben, mirando por aquí e por alí, atopei unha información da Asociación Amigos do Patrimonio de Toén: "O 7 de agosto de 2020 un inmenso incendio devastaba os montes da parroquia de San Pedro de Moreiras, en Toén, deixando ao descuberto no monte comunal das Lameiras unha impresionante mámoa que había oculta no lugar". O lume estragou, sen ningún tipo de rubor, ao redor de duascentas vinte hectáreas de monte baixo e mixto. 



Anta-dolmen da Mámoa das Lameiras, coas pegadas
recentes do incendio forestal.
Fotografía Asociación Amigos do Patrimonio de Toén, 2020.

Así  contaban desde a Asociación Amigos do Patrimonio de Toén  os sucesos ígneos que asolaron a bisbarra no verán de 2020, feito desastroso para o territorio pero que deixou á vista unha enorme mámoa con restos da cámara megalítica no seu interior, no seu cumio, onde debía estar. Unha anta de considerable tamaño en irregular estado de conservación: aínda que a mámoa atópase en bastante bo estado, e aínda que o lume deixouna ao descuberto, as altas temperaturas que se acadaron  co incendio, posiblemente afectaran aos esteos que conforman a cámara, dunha ou doutra maneira.



Anta-dolmen da Mámoa das Lameiras, Toén
Fotografía Asociación Amigos do Patrimonio de Toén, 2020.


Grazas ás  pescudas e ao interese e amor polo noso patrimonio, Pablo e David Sabucedo xa intuiran a presenza dunha enorme mámoa cuberta de vexetación nos montes comunais de Lameiras. Froito da súa curiosidade e tesón, froito do seu interese pola arqueoloxía, polas cousas de antes e polo patrimonio do concello fundaron, cun grupo de amigos, a Asociación devandita (APTO). Foi así que, despois do escandaloso incendio, procederon a unha incursión no monte e comprobaron a existencia dun "monumento de enormes dimensións" corroborando as grandes proporcións da anta e da mámoa na que está inserida. O traballo destas persoas deu como inopinado e benvido froito unha enorme repercusión mediática e social: o interese dos medios de comunicación (Faro de Vigo, RTVG, Concello de Toén,  veciñanza...), o que animou o inicio dunha fructífera e apaixoada recompilación de todo tipo de información ao redor do patrimonio local.



Vista da mámoa das Lameiras.
Fotografía extraída do blogue Megaliticia, 2020.

A Anta da Mámoa das Lameiras sitúase nunha chaira das terrazas do Miño, case lindeira coa cunca do río Barbaña. Parece ser que son terreos de monte baixo, froito do abandono do mundo rural e do cambio de costumes. A mámoa, segundo a valoración do arqueólogo M. García Valdeiras amosa numerosas alteracións, sobre todo antrópicas, pero tamén debido ás árbores que foron medrando no seu interior e as evidencias de contínuos e reiterados saqueos, con restos das pedras da coiraza amoreadas sobre algunhas partes da mámoa. Dedúcese que posiblemente fose unha anta das do tipo poligonal con corredor de entrada, a teor dos restos arquitectónicos conservados. A mámoa mide 28 metros de diámetro e, como dicía, pódese contemplar un grande amoreamento de pedras da coiraza no lado do norte. O burato do saqueo, posiblemente reiterado no tempo, acada un metro de profundidade e aí aparece o que queda da estrutura arquitectónica conformada pola pedra da cabeceira, un esteo no lateral do norte, outro sobre o funil, que podería ser parte da pedra cobertora, así como outro esteo mais da cámara. Con respecto á coiraza é interesante a constatación de que está composta por numeros seixos (pedras de cuarzo) o que indicaría a necesidade ritual de ser vista a longa distancia, entre outras moitas posibles interpretacións. 



Anta-dolmen da Mámoa das Lameiras.
Fotografía, La Voz de Galicia, 2021.

Moi preto desta poderosa mámoa, coa súa potente coiraza, discorría un antigo camiño medieval, hoxe pista forestal, como adoita ser habitual e dicir, a construción de necrópoles megalíticas ao carón das antigas rutas de tránsito, como ven sendo recurrente na meirande parte das necrópoles megalíticas de Galicia.

En canto á toponimia tamén esta zona conta con topónimos vencellados dun ou doutro xeito a esta arquitectura monumental: o Regato da Vella, o regueiro de Batemaus, o Monte da Medoña, o Monte da Lagoa, o Marco de Penadanta, Refuxios dos Mouros, etc. Entre os montes de A Medoña e a Penadanta atópase o Outeiro Cebadoiro: neste monte, na noite de San Xoán, as menciñeiras da contorna reuníanse no seu cumio para facer lumeradas.

Para rematar, segundo Sabucedo, a mámoa aparece na documentación medieval no século XII onde se definen os límites do Couto Auriense que pasaban entre Lacuna e Morairas. 

Desde aquí, desde esta humilde tribuna, desde a calorciña do meu fogar no crúo inverno, non teño mais que felicitar á Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén: o amor polo seu territorio serve de exemplo para outras moitas experiencias similares por todo o territorio galego. A defensa do seu patrimonio e tamén a defensa do patrimonio galego, do patrimonio de todos.


Saúde, sorte e ánimo!

En Sigrás, no inverno de febreiro, no mes onde se casan os paxariños, no mes das candeas.


PARA SABER MOITO MAIS:

David Sabucedo Cardero: "A Mámoa das Lameiras en Moreiras (Toén)". PDF.

https://toen.gal/es/asociacion-de-amigos-do-patrimonio-de-toen/

https://adpatrimoniotoen.com/a-mamoa-de-lameiras/

https://historiadegalicia.gal/2020/08/un-lume-forestal-estraga-e-deixa-a-vista-o-maior-dolmen-de-toen/

https://www.farodevigo.es/ourense/2020/08/11/dolmen-emergio-incendio-20160899.html

https://megaliticia.blogspot.com/2020/07/dolmen-da-medona-moreiras.html

https://www.farodevigo.es/ourense/2020/08/11/dolmen-emergio-incendio-20160899.html

https://historiadegalicia.gal/2020/08/un-lume-forestal-estraga-e-deixa-a-vista-o-maior-dolmen-de-toen/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/toen/2021/10/24/toen-senalizara-mamoa-moreiras-tumulos/00031635077696179776217.htm