martes, 19 de maio de 2026

ANTAS-DÓLMENES DO MONTE CORZÁN. San Vicenzo de Aro, Negreira

ANTAS-DÓLMENES DO MONTE CORZÁN

ROTEIRO MEGALÍTICO DO MONTE CORZÁN

"Sólo hay una guerra que puede permitirse el ser humano: la guerra contra su extinción".

Isaac Asimov


Antas-dólmenes do Monte Corzán.
Debuxos de Moncho Boga, 2026.

O Monte Corzán, nas brumosas e misteriosas terras de Negreira, é un dos montes míticos de Galicia, recoñecido xa como tal polo mismísimo M. Murguía no século XIX, na súa monumental Historia de Galicia: falaba de dólmenes e círculos líticos compostos de chantos de moi pequeno tamaño. Segundo conta puido contemplalos debido a uns incendios que afectaron á zona en épocas decimonónicas. Hoxe en día, polo interior desa extraordinaria chaira, espállanse ao redor de medio cento de mámoas, en diferente e irregular estado de conservación.


Mapa de Negreira. De, https://concellodenegreira.gal

Na década de 1950, Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, facéndose eco das gravuras da Anta de Espiñaredo das que falaba Murguía, achegouse á zona para comprobalo persoalmente. Non atopou ningún rastro dos presuntos círculos líticos dos que falaba o ilustre arteixán, pero sí que puido contemplar os gravados da anta de Espiñaredo e os esteos que aínda a conformaban. Tamén documentou 13 mámoas. As dúas viaxes de Lorenzo-Ruza á zona deberon ser bastante desesperantes: sempre que ía faltaba algún esteo, desaparecera, como por arte de maxía. Si chega a ir unhas cantas veces mais, quedábamos sin anta.


Camiño de Fisterra.
 Debuxo de https://xurdemoran.blogspot.com/2014 

A outra visita interesante e importante foi a de  Elisabeth Shee e García Martínez na década de 1970, onde deixaron constancia gráfica das gravuras do esteo que quedaba da  Anta de Espiñaredo. Nesas datas a anta permanecía coas mesmas características que amosa hoxe en día. A única diferencia é que debido á colmatación, o esteo sobresae a metade da súa lonxitude, mais ou menos.


Pazo de Cotón. De galiciapuebloapuebloblogspot.com

Esta entrada serve de introdución a outras seis entradas adicadas a diversos megálitos que inopinadamente aínda se están a conservar. Dos tres primeiros non hai dúbida; dos tres seguintes só dispoño dos debuxos. Posiblemente xa non existan.


ALGUNHAS NOTAS A MAIORES

O Monte Corzán atópase ubicado  na vertente norte da cunca do río Tambre e desenvólvese perante unha superficie achairada, sulcada polo río Corzán. Acada unha altitude media duns catrocentos metros.


Ponte Vella de Ponte Maceira. De loboquirce.blogspot.com

Como dicía mais enriba, xa Manuel Murguía falaba dun "monte sagrado" e de numerosos círculos líticos formados por pequerrechiñas pedras que nin Sobrino nin ninguén mais puideron atopar. Pois ben, aparte deses escurridizos círculos, paréceme interesante e pertinente engadir nesta entrada unha pequena reseña do traballo de Alonso Romero sobre "Los cercados del Monte Corzán" (ver bibl.), escrito en colaboura con Antón Bouza Sierra. En sucinto resumo, manteñen que estes cercados son muros megalíticos, muros de doble fiada que miden un metro de ancho e  un metro de altura, onde permanecen en pé. Sen entrar en detalles, logo dun meticuloso estudo comparativo con estruturas semellantes en varios  países de Europa, chegaron á conclusión de que estes cerramentos (tor enclosures) están típicamente construidos cunha doble fiada de chantos rechea de anacos de terra e rochas comúns coma no sudoeste de Inglaterra. Fundamentan a súa adscrición neolítica en varios puntos a saber, nos achádegos en superficie, en que os cercados non coinciden nin teñen nada que ver coa estrutura e parcelación tradicional das fincas e terreos e, ademais, os veciños relacionan estas estruturas cos nosos extraordinarios "mouros".



Cercado  neolítico no Monte Corzán. Fotografía de 
Alonso Romero e Bouzas Sierra.

Negreira, fermosa vila, capital das Terras da Barcala, terras do río Tambre, amosa numerosos recursos histórico-artísticos e naturais: desde o fabuloso Pazo de Cotón ata a Ponte Vella de Ponte Maceira, pasando polo Xacobeo Camiño a Fisterra, que discorre plácidamente por entre as súas frondosas paisaxes. A poucos quilómetros de Santiago, da ría de Muros e Noia..., sempre será sorprendente e inesquecible  perderse polos seus sinuosos recunchos, como sorprendente é o atávico e terco esquecemento, tamén sistemático, dos seus recursos megalíticos, recursos perdidos entre as insondables chairas das súas míticas serras.


Mapa de situación. Mellor levar o XPS!
Captura, google maps.

Para chegar ao Monte Corzán, si saímos da vila de Negreira, hai que coller a DP-5601 - DP-5603: logo de percorrer aproximadamente uns cinco quilómetros, pasando o cruceiro de Zas, hai que introducirse por unha pista que sae pola esquerda e leva a Pedralonga. Ao redor de case dous quilómetros despois, é necesario coller á esquerda para dirixirmonos á aldea de Vilar. Preto duns setecentos metros despois, colleremos outra pista á dereita e, mais ou menos, xa estamos en pleno Monte Corzán. Como sempre, procurade levar o XPS posto que, si me facedes caso, non chegades...


EN SIGRÁS, ENTRE OS MAIOS E AS FRORES, 2026.
SAÚDE SORTE E LIBROS!!!


ENLACES E BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

Manuel Murguía: "Historia de Galicia".

Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: "Megalitos del Monte Corzán". Zephyrus IV, 1953.

García Martínez e E. Shee: "Tres tumbas megalíticas decoradas en Galicia". Trabajos de Prehistoria, T. 30, 1973.

Antón Bouzas Sierra e Fernando Alonso Romero: "Los cercados del macizo del Corzán." (Negreira, A Coruña)

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/monte-das-mamoas.html

https://lindeiros.net/negreira-publica-un-mapa-on-line/

https://concellodenegreira.gal/gl/novas/mapa-en-lina-de-turismo-descubrenegreira

https://goo.gl/kWmjbn

https://xurdemoran.blogspot.com/2014/02/mapas-del-camino-fisterra-y-muxia-etapa_4911.html#google_vignette

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/08/pazo-de-coton-negreira.html

https://loboquirce.blogspot.com/2016/06/ponte-vell-do-maceira-coruna.html