lunes, 29 de enero de 2024

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO OU DAS EMBARRADAS: chegaron os exércitos invictos.

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO OU DAS DERRAMADAS: crónica dunha desfeita patrimonial.


"Elle est arrivée. Quoi? L`eternite"

("Ha llegado. ¿Qué? La eternidad")

A. Rimbaud, "Eternité".


A Mediados de xaneiro de 2024 aproveitei unha viaxe a Lavacolla (Aeroporto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela) para achegarme á cercana parroquia de Salto a visitar a Anta de Zarramacedo ou das Derramadas.



Anta-dolmen de Zarramacedo.
Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Neste blogue xa publiquei dúas entradas. A primeira data do 13 de decembro de 2012 onde me limitaba a describir a estrutura arquitectónica do que se conservaba da cámara: medidas, número de esteos e características orográficas, así como un debuxo da planta. Atopábase no medio dunha pradeira e os chantos podíanse contemplar perfectamente, limpos de vexetación. Talvez o único  problema estrutural afectaba á total inexistencia do túmulo-mámoa no que debía estar inserida.



Planta da Anta de Zarramacedo
Debuxo versíon de Ramón Boga.


Fotografías realizadas desde a mesma perspectiva ao longo do tempo:

    

Fotografía da
páx. web megalitos.arqueoloxico.com
,
década de 2000.



Fotografías de Alex Negreira, 2014.
Podemos cotemplar
como os sucos están practicamente enriba da anta.




Fotografía de Manuel Boga, 2024.


A seguinte entrada data do 27 de maio de 2014, dous anos despois da entrada anterior, e titulábase "A única cámara megalítica existente en Santiago de Compostela, en perigo de desaparición". Nas fotografías que me enviou daquela Alex Negreira e coa información do nunca esquecido e sempre presente Papigil, puiden ver os sucos abraiantes para plantar os eucaliptos que ían pasar case por enriba da anta. A paisaxe era por iso absolutamente desoladora: un exército en perfecta formación semellaba avanzar desde a lonxanía con paso marcial, ameazante, en pé de guerra. Os regos dos futuros exércitos coloniais xa se atopaban ao carón da anta, sen ningún tipo de separación ou distancia de seguridade, sen control arqueolóxico de ningún tipo.

Pero deixovos coas miñas indignadas palabras de entón, que brotaran como un torrente de silenciosa protesta e indignación:


"Santiago de Compostela, o mellor valor histórico-turístico e cultural do pobo galego, olvida outra tumba, unha humilde tumba se cadra, que non recibe visitas, que non deixa cartos. Visitámola catro zumbados que non facemos máis que dar a lata... Pero somos tercos e, polo menos desde aquí, non nos resignamos a perder este probe recurso arqueolóxico, si o comparanos coa formidable tumba da cidade do apóstolo.

A Porta da Mámoa, a quintana dos mortos, o Santiago Peregrino que descansa na súa  furna "dourada", protexido de todas as inclemencias, érguese todopoderoso transmutado no Santiago Matamouros, onde a nosa pequena anta, feita polos máxicos "mouros", habitantes subterránesos da nosa terra, está a perder a sempiterna batalla fronte ao brillo da belicosa relixión triunfadora.

Hoxe, como sempre, estamos cos vencidos; os vencedores están a outro nivel, lonxanos, impertérritos, noutra dimensión... As nosas testemuñas do pasado, as humildes mámoas (con cámara ou sin ela), esmorecen olvidadas no seu sono de milenios: a única cámara megalítica que se conserva no Concello de Santiago desaparecerá  incomprensiblemente para sempre si non se poñen os medios axeitados para salvala." 




Fotografía de Alex Negreira, 2012.



Fotografías de Manuel e Ramón Boga, 2024.


E cando chegamos alí, ao lugar de Zarramacedo, na parroquia de Salto, do Concello de Santiago de Compostela, cabeza visible do patrón das hespañas, heraldo das hordas de turistas, o que era unha visión futura desvelouse na mais crúa realidade: xa chegaron os exércitos de eucaliptos, xa están por enriba do que o tempo e os milenios non estragaron. Como a relixión vengadora, a especie invasora conseguirá o que non conseguiron nin o tempo nin as costumes. 

E chovía: caeunos outro pequeno diluvio, como xa ven sendo habitual. Manuel e eu esperamos estoicamente a que escampara, a que as portas do firmamento se pechasen para poder dar un pequeno paseo ata este probe vestixio, cada vez mais esnaquizado, do noso legado prehistórico.


Saúde!!!

En Sigrás, no medio de xaneiro de 2024.



miércoles, 10 de enero de 2024

UNHA INCURSIÓN MEGALÍTICA

OS PREVIOS

"Todos los hombres tienen naturalmente el deseo de saber. El placer que nos causan las percepciones de nuestros sentidos es una prueba de esta verdad. Nos agradan por si mismas, independientemente de su utilidad, sobre todo las de la vista".

ARISTÓTELES: "Metafísica", Libro I, cap., 1.


O mesmo día xoves, 7 de novembro de 2023, ese mesmo día, no que as comportas do ceo se abriron para acompañarnos durante toda a xornada, o meu amigo e arqueólogo Fidel Méndez e eu, ben equipados cuns poucos bártulos, saímos cara a un mundo que, aínda que nos parece moi e ben coñecido, é, pola contra,  moito mais, mal e ben descoñecido.

Ademais de ir  escudriñar dous especímens novos para min (Pedrafita do Caroliño e Anta da Pedra Embarrada) aproveitamos para visitar outros tres megálitos antigos, xa moitas veces revisitados: a Pedra Moura de Aldemunde, a Casa da Moura de Cabaleiros e a pedrafita Marco da Anta. A verdade é que foi un día completo que acompañamos dun copioso xantar: a fermosa xornada pedía churrasco e churrasco lle dimos, e churrasco xantamos.


ANTA-DOLMEN A CASA DA MOURA. TORDOIA.

Despois da visita á Pedrafita-menhir do Caroliño, collimos a antiga estrada Ponte do Porco-Muros e achegámonos ao dolmen de Cabaleiros: atópase case coma sempre, si non temos en conta os achaques da idade. Estamos sen dúbida diante dun dos grandes reclamos turísticos do Concello de Tordoia. 



Anta-dolmen Casa da Moura.
Debuxo de Ramón Boga, 1992.

A anta probablemente está no mesmo estado de conservación, en apariencia, que cando a visitamos por vez primeira nos primeiros anos da década de 1990, si exceptuamos a tala dos piñeiros que a rodeaban. Esta masa arbórea que a estaba a cubrir, moi fermosa, non facía mais que poñer en perigo a estrutura tumular do monumento. Tamén cambiou a fotografía: unhas edificacións da outra beira da estrada impiden unha vista limpa da anta.



Anta-dolmen de Cabaleiros. Foto Moncho Boga, 1991

Como sabedes estamos diante dun dos grandes fitos do megalitismo galego, propiedade pública (Deputación de A Coruña).  Este é un lugar excelente para recordar as orixes míticas da Casa da Moura: como indica o seu nome, esta "casa" foi edificada por una Moura que levaba, voando, a pedra na cabeza mentres ao mesmo tempo tecía. A Moura de Cabaleiros, que probablemente era moi fermosa e tiña os cabelos louros, é o trasunto mítico, máxico e tráxico da muller galega que podía e pode con todo. Pois ben, a nosa fantástica moura deixou caer a pedra e así erixiu este paradigmático dolmen, habitado desde entón polos nosos mais extraordinarios antepasados e seguro que coetáneos (porque sei de certo que aínda están a vivir aí), mouras e mouros.



Anta-dolmen Casa da Moura.
Fotografía de Moncho Boga, 2023



Anta-dolmen Casa da Moura, 1993
Debuxo de Moncho Boga.


ANTA-DOLMEN  PEDRA MOURA DE ALDEMUNDE. CARBALLO.

E, posto que estabamos moi preto, decidimos achegarnos ata Aldemunde, no limítrofe Concello de Carballo, para contemplar outro dos agarimosos exemplares do noso megalitismo. A Pedra Moura entrará a formar parte do Parque do Megalitismo da Costa da Morte e, en datas próximas, vai ser obxecto dunha intervención arqueolóxica. A Deputación Provincial xa está a mover os fíos para que tanto a anta como o terreno pasen a formar parte do patrimonio público.



Anta Pedra Moura de Aldemunde.
Foto de Moncho Boga, 1991
   

Como vimos dicindo, denomínase Pedra da Moura e está a conservar sete esteos chantados, dos que cinco pertencen á cámara (poligonal) e dous ao corredor. Arrimada a un dos chantos atópase o que queda da pedra cobertora fóra do seu sitio orixinal. Desde os anos noventa do século XX semella que non estivo a sufrir ningunha alteración significativa; a mellora é sustancial en canto á limpeza e cuidado da anta, sen resto algún de vexetación.



Anta-dolmen Pedra Moura.
Fotografía de Moncho Boga, 2023

A Pedra Moura tamén ten lenda: aínda podemos entreoir os lonxanos ecos da Moura que o construiu, xa sabedes, carrexou os esteos e a tampa na súa cabeza ao mesmo tempo que fiaba cunha roca e, por si fora pouco, dáballe de mamar a un meniño. Outra vez a nosa Moura que exemplifica de xeito soberbio os quefaceres da muller tradicional galega.



Pedra Moura de Aldemunde, 1993.
Debuxo de Ramón Boga

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA ANTA. LARACHA.

Xa postos na noite madrugadora do inverno, coa persistente e terca choiva, decidimos subir ata a pedrafita do Marco da Anta, na parroquia de Erboedo, Concello de Laracha. Fai de marco de termo entre ese concello e o de Arteixo. Tamén e coñecida polos nomes de Pedra do Guicho, Pedra do Carallo e Marco do Ramallal.

A primeira vez que que oín falar (leín) desta pedrafita foi a través da lonxana e profunda voz de don Luis Monteagudo. A primeira vez que fun ver esta esbelta pedrafita foi na compaña dun alumno nativo de Larín na década de 1990, que me guiou. Subimos por un cortalumes e a contorna do menhir estaba completamente cuberta de toxos, xestas, fentos e eucaliptos; era pouco coñecido e, antes de achegarme alí, contaba con que xa non existira. Equivoqueime. Posteriormente foi catalogado pola arqueóloga, vixía mítica de terras arteixáns e larachenses, Puri Soto.




Pedrafita-menhir Marco da Anta
Foto Moncho Boga, 1998

Pois ben, aquel 7 de novembro voltei ao Marco da Anta: maila que era pola tardiña, a noite negra cerniase amenazante sobre as nosas cabezas. Unha noite desabrida. Deixamos o automóbil no inicio da corredoira, onde hai un panel indicativo-ilustrativo da pedrafita, e procedimos a andar; andivemos e subimos, subimos, subimos na noite oscura coa luz dos móbiles, na noite coa auga por todos os currunchos (arriba, abaixo e de lado), coa auga entre nós e con nós: unha boa compaña a auga, que se convirte en lama, auga e lama, auga, lama e costa. Na noite: e chegamos arriba, ao cume, solar da Pedrafita do Carallo.



Pedrafita-menhir O Marco da Anta
Fotografía de Moncho Boga, 2023

E alí estaba a Pedrafita de Monteagudo, catalogada por Puri Soto. Alí estaba impertérrita, sola, na noite non estrelada. En fín, entre eucaliptos, alí estaba na noite, facía frío e era de noite, e chovía. Actualmente apreciase que é un lugar moi visitado, non hai rastro de toxos nin xestas na contorna mais inmediata e únicamente os ubicuos eucaliptos seguen a acompañar esta maxestuosa pedrafita. 

Para rematar, unha consideración arqueotoponímica de Dolores González de la Peña no seu estupendo blogue "arqueotoponimia", que reflexiona sobre o topónimo "carallo" aplicado a esta pedrafita:


"El menhir conocido como Pedra do Carallo, situado en Santa Locaia de Arteixo, es un clarísimo ejemplo gráfico de que la denominación anatómica que reciben los genitales masculinos, carallo y testículos, se ha tomado del campo semántico del megalitismo, en concreto de los dos términos que designan los elementos que forman el hito demarcatorio, el quadrum y sus testis, en virtud de un símil formal. Por lo que no resulta desencaminada la hipótesis tradicional que considera que este tipo de megalitos fueron considerados símbolos fálicos".


Saúde e sorte.

En Sigrás, no post-nadal de 2024.


https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Marco+da+Anta