ANTA-DOLMEN DO CHAN DE OUTEIRO
Debuxo de Moncho Boga, 2026. |
E prosigo, paseniñamente, polas agrestes chairas do Monte Corzán; prosigo coa imaxinación, prosigo cunha anta da que non posúo fotografía: tan só podo amosar uns debuxos froito da miña persoal visión do mundo megalítico.
E prosigo, redundantemente, polas vetustas e antiguas terras altas do Monte Corzán, monte mítico aínda por descubrir, por explorar; un monte talvez místico onde probablemente continúen aparecendo novos exemplares do neolítico (tamén doutras épocas), sen dúbida.
Estou diante dunha mámoa que aínda existía no ano 2023: supoño e espero que siga no seu lugar, no seu emprazamento de milenios.
Mapa de situación das Antas da Rota do Monte Corzán.
Atópase no lugar de Pedralonga pertencente á parroquia de San Vicenzo de Aro: o emprazamento é unha depresión interior na cume dunha pequena dorsal así como nunha suave aba ou pendente que vai caendo paseniñamente cara ao sueste. A vexetación preponderante é o monte baixo, sobre todo as impresionantes toxeiras, rudas e salvaxes. Algúns escasos piñeiros froito da repoboación: profundos que chegan ata os esteos que aínda permanecen da estrutura arquitectónica. Como dicía antes, unha densa vexetación de monte baixo (toxeira espesa) está a cubrir toda a masa tumular ou mámoa.
Mapa de situación da Anta do Chan de Outeiro, 2026.
Estamos, pois, diante dunha mámoa da que case non se percibe o funil de violación: o burato central, froito dos menesterosos furtivos buscadores de inexistentes tesouros, acada unha superficie de cinco por tres metros, mais longa na direción noreste-sudoeste e ao redor de corenta centímetros de profundidade. Neste burato de violación emprázanse os catro chantos da cámara que se están a conservar.
A mámoa ou túmulo acada uns vintedous metros no eixo norte-sul, os dazaoito no eixo leste-oeste e non sobresae en altura mais do metro e medio. Como curiosidade constatar que preto dos esteos da cámara aparece chantado un marco de separación de fincas. Sobre a mámoa aparecen abondosas pedras graníticas de mediano tamaño que mais que probablemente forman parte da coiraza pétrea e son mais abondosas cara ao perímetro, formando unha especie de anel perimetral. Na parte superior ou central xa son mais escasas.
Debuxo versión de Moncho Boga, 2026.
No funil de violación aparecen, probablemente in situ, os catro esteos que formaban a anta ou dolmen. O esteo meirande non sobresae mais de oitenta centímetros, ao redor de cincoenta de ancho e uns trinta e cinco de grosor.
Pouco mais teño que dicir sobre esta anta. Sen embargo, un pouquiño mais: xa é un clásico, debido as labouras de repoboación forestal, a aparición de profundos sucos que neste caso chegan ata os esteos da cámara. E todo por uns poucos eucaliptos e/ou piñeiros de mais. Tamén pola absoluta falta de control institucional.
EN SIGRÁS, LOGO DA GRADUACIÓN DE MANUEL, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
José Mª Bello Diéguez: "Un siglo de arte megalítica en Galicia" PDF.
Elizabeth Shee, "The Megalithic Art of Western Europe." 1981.
García Martínez e E. Shee: "Tres tumbas megalíticas decoradas en Galicia". Trabajos de Prehistoria, T. 30, 1973.
Antón Bouzas Sierra e Fernando Alonso Romero: "Los cercados del macizo del Corzán." (Negreira, A Coruña)
https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/monte-das-mamoas.html
https://lindeiros.net/negreira-publica-un-mapa-on-line/
https://concellodenegreira.gal/gl/novas/mapa-en-lina-de-turismo-descubrenegreira
https://goo.gl/kWmjbn
https://xurdemoran.blogspot.com/2014/02/mapas-del-camino-fisterra-y-muxia-etapa_4911.html#google_vignette
https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf