Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Coruña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Coruña. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de outubro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE NOSTIÁN. A Coruña

PEDRAFITA-MENHIR DE NOSTIÁN.

Pouco podo dicir desta tan interesante como descoñecida pedrafita, almacenada hoxe en día nas dependencias do Museo Arqueolóxico de San Antón, na Coruña.



Fotografía do ano 2005, de Ramón Boga


Trátase dunha pequena pedra de planta cadrangular coas arestas redondeadas. Na parte de abaixo aínda se pode observar a marca de soterramento no chan.

É unha pedra coas caras moi traballadas e puídas. Nunha delas amosa concavidades que ben poideran ser cazoliñas e hai diversas gravuras rectas, como liñas, que sen dúbida son artificiais.


Fotografía do ano 2005, de Ramón Boga

Sei que foi obxecto dunha pequena actuación arqueolóxica antes do seu traslado da que non existe publicación algunha.

Aínda que hai serias dúbidas sobre a súa adscrición crono-cultural, desde aquí considero que ben poidera ser obxecto dun estudo en detalle.



Fotografía do ano 2005, de Ramón Boga


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 27 de xuño de 2012

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA ANTA. Santa María de Erboedo, Laracha


PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA ANTA. 

Ubícase nos Montes de Santa Leocadia, no lugar de Loureiro. Para chegar hai que subir por un cortalumes a uns qms despois de pasar o Campo de Golf de Larín en Arteixo.




Fai de marco de término ou divisorio entre os concellos de Arteixo e Laracha, motivo polo que seguramente se conservou ata hoxe. Desde o debuxo que fixo Monteagudo en 1950 ata hoxe, a pedrafita prácticamente non cambiou nada, conservando intacta a súa imaxe.


 

O Marco da Anta acada unha altura de máis de dous metros . Trátase dunha garn pedra coa base tendente ao prisma trinagular pero con forma xeral cóncavo-convexa, en palabra de Monteagudo. Segundo este mesmo autor, o seu aspecto fálico débese a que amosa un sulco preto da punta que é producido a unha veta de cuarzo de catro cms de ancho que se continua cara ao O por un rego de pegadas pouco perceptibles. Aó pé da base consérvanse tres grandes pedras que probablemente servían de calzos para a pedrafita.






Fotografías realizadas no ano 1999 polo autor
.

Na actualidade (xullo de 2025) o acceso é doado, está sinalizado e o Concello de A Laracha mantén en boas condicións tanto os accesos como o lugar de emprazamento da pedrafita. Para ver e estado acutal podesde ollar a entrada do 10 de xaneiro de 2014 titulada "Unha incursión megalítica".

En Sigrás, saúde, sorte e libros

sábado, 26 de maio de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DE FONTE SALGUEIRAS. Carral (Tabeaio)-Cambre (Anceis)


PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DE FONTE SALGUEIRAS. 


Na parte superior pódese  observar unha "L" gravada.


Para chegar. Atópase detrás da empresa El Corte Inglés en Altamira (Anceis-Cambre) preto da estrada N-550, á beira dunha antiga corredoira hoxe en desuso. A primeira noticia que tiven deste pequeno marco de termo procede do meu amigo, ilustre coñecedor das cousas de Carral e de Culleredo, Xosé Lois Vilar Hermida.

O pequeno cipo que estou a ensinar atópase no lugar de Salgueiras, rodeado de monte e cerca dalgunhas novas pradeiras. O seu nome procede da cercanía da Fonte Salgueiras. Na parroquia de Sueiro (concello de Culleredo) coñécese, sen embargo, co nome de Marco da Fonte das Meigas, fonte máxica onde as haxa, segundo os veciños.

O marco fai de límite (marco de termo) entre tres concellos (Cambre, Carral e Culleredo) e tres parroquias: Anceis, Tabeaio, Castelo e Sueiro.

A pretendida pedrafita está labrada en pedra de esquisto pizarrosa, propia da zona, e acada unha lonxitude de un metro e quince centímetros.

A súa naturaleza megalítica vén dada non polas súas proporcións nin pola presenza de gravuras, senón pola súa situación contextual. Efectivamente, atópase ao final dunha penechaira onde rompe a vertente e onde a situación de visibilidade desde o norte é extraordinaria. A chaira onde se asenta contén unha necrópole megalítica da que aínda se conservan cando menos tres mámoas, seguindo unha orientación lineal N-S, desde o Marco. A última mámoa desta necrópole está situaca ao sul e coñécese co nome de Mámoa de Arteaga que conserva un poderoso chanto da cámara que mide 1,52 ms de lonxitude, 85 cmes de anchura máxima e 59 cms de grosor medio. Esta mámoa é de tipo medio cun diámetro de 22,6 ms no eixe N-S. O burato de violación acada unha lonxitude, no mesmo eixe, duns oito metros.



Esteo da Mámoa de Arteaga. Tabeaio, Carral.

En definitiva, a situación estratéxica do Marco na zona máis visible, puido actuar como xalón indicativo da presenza da necrópole en época megalítica, como ocorre con outras moitas pedrafitas. Ademais a súa ubicación á beira da corredoira, lugar moi transitado, seguramente unha variante do antigo Camiño Inglés ou de Faro, compre con outra das constantes típicas do vencellamento entre necrópoles megalíticas e rotas terrestres, testemuñada en outros moitos casos.



Fotografías realizadas
por Ramón Boga Moscoso, 2010.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!