miércoles, 29 de agosto de 2012

Pedrafita-menhir do Agro de Naia. Santa María de Cruces, Padrón

Pedrafita-menir do Agro de Naia. Santa María de Cruces, Padrón.



Fotografía de Guitián Rivera.
Ver bibliografía abaixo. 2001
.


O artigo publicado na revista Brigantium nº 24 do ano 2001 titulado "Un acoutamento medieval na comarca compostelá" firmado por J. Guitián Castromil e X. Guitián Rivera, así como as indicacións de Alberte Alonso, puxéronme na pista desta tan ilustre e interesante como descoñecida pedrafita, testemuño de diversas épocas e costumes, testemuño do paso do tempo cambiante e caprichoso. Diversos avatares e tamén diversas casualidades permitiron que chegase ata hoxe: a actividade dunha canteira en todo o seu perímetro e incluso o roubo. Un bo día a pedrafita desapareceu e despois de diversas denuncias voltou ao seu lugar orixinal pero lamentablemente non sabemos si a súa situación é a primitiva...



Ademais do seu valor prehistórico, para min fundamental, a pedrafita funcionou na Idade Media como marco de termo: trátase dun dos tres fitos que aínda perviven dun acoutamento medieval. O máis interesante, ademais da epigrafía medieval, é que tamén se está a conservar a documentación referida ao acoutamento no Arquivo da Catedral de Santiago. Esta documentación permitirame afondar no carácter prehistórico do referido marco.


Para chegar. Partindo da estrada N-550 e pasando o Santuario de Escravitude cara a Padrón, a poucos metros hai un desvío á esquerda que leva a Pedroso. Despois da próxima aldea de Queiruga, pásase por debaixo da autoestrada A-9 e, a uns 300 ms á esquerda, no medio dunha gran canteira abandonada, eríxese a pedrafita desafiando a gravidade, como unha orgullosa illa no medio da nada.




Descrición formal. A pedrafita acada unha altura aproximada de 2,10 ms, sin contar a parte que está enterrada. A anchura das catro caras varía entre os 40 e os 50 centímetros.

A cara que mira ao sul non amosa gravuras, aínda que na parte inferior sobresaen varias cazoliñas que seguramente son artificiais. Na cara do oeste, na parte superior, hai gravada unha cruz latina con tres brazos rematados en "T". O trazo vertical está cortado por un arco e cruzado por un trazo horizontal. A cruz mide ao redor de 38 por 24 centímetros. Nos espazos delimitados polos brazos hai catro cazoliñas moi pequenas e na cara norte aparece unha típica inscrición medieval en latín: está organizada en cinco rexistros horizontais.


O estado de conservación da pedrafita é lamentable e, á parte dunha fendedura que vemos na foto superior que amenaza con romper, a súa situación no curuto dun outeiro que quedou da canteira fai que o monumento corra un serio risco de desaparición.



Fotografías realizadas por
 Ramón Boga Moscoso en agosto de 2012

Outras consideracións. Na Idade Media, para facer os acoutamentos dos Cotos Xurisdicionais, en xeral aproveitábanse os elementos xa preexistentes que moitas veces tamén marcaban o territorio con outros fins. Así, para os novos acoutamentos aproveitábanse as mámoas e as pedrafitas: cando unha demarcación era nova, colocábanse pedras novas, marcos novos; pero cando era antiga, como é o caso ("...seus termos antigos", "...terminos antiquos", etc) aproveitábanse os marcos-pedrafitas que perviviron ao longo dos tempos e das horas: facían unha cruz, marcaban e elaboraban o texto que permanece petrificado ata hoxe.
Así a partir da documentación medieval e da análise morfolóxica, pódese demostrar a antigüidade da pedrafita.


Afondando nestas consideracións acerca da adscrición prehistórica, e sabendo que posiblemente a pedrafita non estea no seu emprazamento orixinal, non hai que esquecer a hipótese de Alberte Alonso ao manter que foi  observatorio astronómico: a fendedeura ou escotadura da croa parece ser unha boa razón para a verificación desa consideración máis que plausible.
Por iso este pode ser un digno exemplo da pervivencia dos lindeiros territoriais desde tempos prehistóricos, precisamente isa utilización permitiu a súa conservación. É iste outro valor engadido a este precioso e grandioso monumento: como observatorio astronómico e como marco de termo desde a prehistoria. O que permite un mellor coñecemento da evolución do lindeiros territoriais no país galego.


 Fotografías: Ramón Boga Moscoso, agosto 2012

domingo, 5 de agosto de 2012

Pedrafitas-menhires de Andabao. Boimorto

Atópanse na parroquia de Andabao, moi pretas do lugar de Torre, onde se asenta a igrexa parroquial, nunha extensa chaira entre vales.

Os veciños non recordan que estes fermosos monolitos estivesen en pé algunha vez: unha veciña díxome que foron reposicionados cando fixeron as explanacións da parcelaria. Tampouco recorda nada de antas, dólmens, mámoas ou mouros...

Eu atopeinas cando facía traballos de xeoreferenciación para a Universidade de Santiago de Compostela: en plena efervescencia megalítica, cando cheguei a esa zona, atopeime de bruces con estas espectaculares pedrafitas.

Vou poñer simplemente as fotografías, noutra ocasión falarei un pouco máis delas.









Fotografías de Ramón Boga Moscoso,
realizadas no ano 1995
.










Fotografías de Ramón Boga Moscoso,
realizadas no ano 2007
.












Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso no ano 1994








Fotografías realizadas
por Ramón Boga Moscoso no ano 2007
.


viernes, 3 de agosto de 2012

Bolo do Betote. Sarria, Lugo

BOLO DO BETOTE. Sarria, Lugo

Durante as obras de construción da autovía A6 entre Nadela e Sarria, excavouse o contorno dunha enorme rocha granítica (bolo) que contiña varias cazoletas gravadas na súa superficie. Ademais, diversas estruturas arqueolóxicas aparecían vencelladas a este Bolo, encadradas, segundo os seus escavadores, no Calcolítico. Entre esas estruturas destacaba un anel peristalítico rodeando a rocha. Debido a este feito e diante da necesidade de trasladar a gran pedra, optouse por unha escavación completa da contorna.


O Bolo do Betote, no seu emprazamento
orixinal, durante a escavación arqueolóxica.
Fotografía de Juan A. Cano Pan.


A escavación arqueolóxica foi realizada por Juan A. Cano Pan e as súas conclusións aparecen relatadas da revista de informes de arqueoloxía da Xunta de Galicia publicadas no ano 2006.

O xacemento do Bolo configura un espazo claramente simbólico e ritual: o bolo-pedrafita atópase no interior dun anel lítico periférico con tendencia ao círculo. Segundo Cano o anel definíase por ter dúas caras, unha interna e outra externa, claramente diferenciadas: as pedras atopábanse chantadas e tamén aparecía un recheo de pedra no interior. 

Todo o conxunto (bolo-anel pétreo) aparecía delimitado por unhas foxas lonxitudinais que probablemente configuraban un novo anel de delimitación. 


O Bolo do Betote unha vez 
seccionado e trasladado. 
Fotografía de Juan A. Cano Pan.


Unha vez escavada esta extraña estrutura de tipo ritual, procedeuse ao seu traslado, optándose por cortar o Bolo en varios anacos. O peso total foi de 112 toneladas. A reinstalación fíxose tendo en conta a recuperación  de toda a morfoloxía do Bolo así como a súa orientación orixinal.


Cazoletas do Bolo do Betote. Fotografía de Juan A. Cano Pan.