Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Baixo Miño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Baixo Miño. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de abril de 2025

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO COUTO. San Cristovo de Camposancos, A Guarda.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO COUTO

"Lo sabio es la meta del alma humana y, a medida que se avanza en sus conocimientos, va alejando a su vez el horizonte de lo desconocido."

Heráclito de Éfeso



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Aló onde as augas do gran río Miño abrazan as ribeiras de dous países que antes foron un, aló por onde o gran esteiro do río Miño se mistura coa inmensidade das augas do Mar Océano, aló por onde os grandes outeiros agochan restos de poboados ancestrais, aló por onde os camiños seguen a estela do mar e do río, aló por onde os guerreiros celtas celebraban as súas festas e as súas guerras, as súas romarías, as súas liturxias... Alí, no Concello da Guarda, na parroquia de Camposancos, escóndese este pequeno fito medieval fóra do seu emprazamento orixinal, amosando como o paso do tempo segue a manter os sinais que foron importantes ou polo menos significativos, referentes visuais durante xeneracións.

Localízase no Barrio do Couto, no comezo do Camiño Portugués da Costa e, como dicía antes, non está chantada no seu lugar orixinal. Este marco sinalou, desde o século XII, os lindeiros do primitivo couto de Camposancos, que pertenceu ao mosteiro de Barrantes en Tomiño. No século XV pasou a pertencer ao cabido da Catedral de Tui.



Fotografía do Concello de A Guarda.

Probablemente, na medida en que non manexo a documentación medieval sobre este fermoso marco de término, o Marco do Couto sexa precisamente iso: un marco de linde, un acoutamento medieval..., a non ser que a documentación posibilite a interpretación de un esteo vello, antiguo, reaproveitado, e non chantado de novo.


En Sigrás, a primeiros de Abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES INTERESANTES

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/4367380295918940957

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html

https://www.turismoaguarda.es/patrimonio/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/


venres, 22 de marzo de 2013

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. Pontevedra

CÍRCULOS LÍTICOS AS CHOZAS DA SERRA DA GROBA. 

Hoxe quero facer unha reflexión en voz alta, unha reflexión que xa hai tempo teño na cabeza pero que ata de agora non me vín con folgos para desenvolver, aínda que sexa dun xeito breve.

A admirable fotografía, como documento, destes tres círculos líticos da Serra da Grova, suxire reflexións que van mais alá das frías estatísticas da cencia arqueolóxica. Efectivamente, estamos diante de tres "curros" (para gardar o gando) coas súas correspondentes cabanas ou chozos. Ata hai poucos anos, como lle aconteceu ás nosas pedrafitas, foron completamente olvidados e incluso desconsiderados pola arqueoloxía oficial e académica galega. Seguramente non foi unha postura tendenciosa, senón que a carón destes elementos visibles non se atopaba ningún resto arqueolóxico que poidese contextualizalos. Sexa como sexa, o certo é que estes misteriosos elementos seguen aí, impertérritos, aguantando impasibles e hieráticos o paso do tempo.

Parece claro que oficialmente adoitanse adscribir a unha época crono-cultural medieval, sobre todo por aparecer profusamente documentada nos documentos medievais como "cousos" ou "curros vedros". Sen embargo este feito empírico non é óbice para consideralos como megalíticos, coa presumible mesma función de cercado para o gando. Tanto estes Curros da Groba como o xa estudado de Santo Tomé (no Valadouro) conservan poderosas pedras -tipo esteos dolménicos- que obedecen a unha talla neolítica, a mesma que nas antas.

Aínda que houbo e hai numerosos curros ao longo da xeografía galega, cada vez quedan menos debido á falta de proteción: moitas das súas poderosas pedras son levadas impunemente para o seu reaproveitamento.

Como ben mantén o amigo Pena Graña, estas mesmas construcións son consideradas monumentos megalíticos en toda a Europa Atlántica, -da que participamos e somos parte consustancial-, conservados, protexidos e estudados con profusión: normalmente estes curros, ademais, están asociados a necrópoles megalíticas e ás grandes pedrafitas que as conforman.

Os curros ou cousos presentan tamén funcións e tipoloxías variables e, nalgún caso, poderían cobixar algún tipo de enterramento. Poden ser circulares, elípticos ou incluso tendentes á forma poligonal. Outra curiosidade é que tamén encerran no seu interior cabanas que incluso (a modo de hipótese) poderían ser reaprovetamentos da época megalítica, o que demostraría a continuidade do seu uso e tamén a continuidade das nosas ancestrais tradicións.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!