martes, 15 de julio de 2014

PEDRAFITAS-MENHIRES DE ANDABAO. Boimorto.

PEDRAFITAS-MENHIRES de Andabao.

Hoxe, pola mañanciña, sobre as 12:30, os meus nenos e mais eu, saimos de Sigrás e collimos con dirección ao Concello de Boimorto. Aproveitando as vacacións estivais, enchimos a bolsa isotérmica con diversas viandas e bebidas, e procedimos a aventurarnos por isas benqueridas terras do interior coruñés. Saimos, pois, ben pertrechados e dispostos a pasar unha perfecta xornada estival nas vagorosas terras do Tambre.

Xantamos precisamente nun couto de pesca, entre as parroquias de Castro e Andabao, entre castiñeiros e carballos centenarios, onde falamos amigablemente cun vello pescador de Carral. A calor era abafante, pero o alagre ton cantarín da auga formando unha pequena presa, contribuiu a que pasaramos un tranquilo e fresco xantar.

Pouco logo, levantamos "o campamento" e dirixímonos ao lugar de Torre, onde se ubica a igrexa parroquial: uns metros máis adiante, nun cruzamento, eríxense as tres pedrafitas, descubertas por min nos primeiros anos da década e 1990. Desde entón pouco cambiaron as cousas.

As tres pedrafitas atópanse fora do seu lugar orixinal. Foron chantadas de novo logo de realizar na bisbarra a concentración parcelaria: apareceron tumbadas e enterradas, e os novos  propietarios decidiron chantalas, erguelas, debido seguramente á súa forma particular, nos arredores das súas fincas. As poucas persoas que puiden entrevistar non recordan nada de "mámoas", "medorras", "medoñas", "mouros" ou "tesouros"... Sen embargo, podemos dicir, sen lugar a dúbida, que a chaira na que se asentan está a cumprir moitos os requisitos para considerala unha "área megalítica".



Chaira onde se asentan as dúas primeiras pedrafitas.
                              Fotografía de Candela Boga Neira.
                              

                                  
                                                          Primeira pedrafita. 
                                              Fotografía de Candela Boga Neira.


As dúas primeiras pedrafitas teñen forma cilíndrica, ancha na base e diminuindo pouco a pouco a medida que se eleva cara á cume. A terceira pedrafita forma unha especie de triángulo por unha das súas caras. A forma xeral das dúas primeiras pedrafitas recorda á das pedrafitas do Alentejo portugués, que foron datadas no mesolítico: caracterízanse (segundo Manuel Calado) por estar moi ben puidas e ter unha forma xeral cilíndrica moito máis estreita na cume. Non adoitan ter tipo algún de gravura e non están asociadas a necrópoles, senón  a poboados mesolíticos.


                                              
                                              Fotografía de Candela Boga Neira


s nosas pedrafitas, moi semellantes a moitas daquila rexión portuguesa, parecen cumprir todas isas características, sobre todo porque non hai pegada algunha de túmulos ou de necrópoles megalíticas. Tampouco amosan tipo algún de gravura ou incisión artificial. Están, eso sí, perfectamente puidas en toda a súa superficie, polo menos as dúas primeiras.

A primeira pedrafita acada os dous metros e vinte centímetros de altura. A anchura máxima, na cara que mira ao norte, é de noventa centímetros; na do sur, entre oitenta e noventa centímetros e, no sueste, arredor de setenta centímetros. 

A segunda pedrafita acada unha altura máxima dun metro e noventa e oito centímetros. A sección na base é tendente a triangular, de xeito que podemos definir tres caras que desaparecen a medida que se vai estreitando. Na cara do noreste mide de ancho uns noventa centímetros; na do oeste, arredor de setenta e, na do norte, un metro e un centímetro.

  
                              Pedrfita segunda. Fotografía de Candela Boga Neira.


                                                        
                                                         Pedrafita segunda. 
                                             Fotografía de Candela Boga Neira.



Fotografía de Moncho Boga.
                                                                

A terceira pedrafita non se pode encadrar en ningunha das tipoloxias que manexamos para as pedrafitas do noroeste peninsular, polo que deixamos o seu estudo para outro momento.

Como conclusión, dicir que mantemos que estas pedrafitas (a primeira e a segunda), e a falta de datos arqueolóxicos, a xeito e hipótese de traballo, ben se poderían encadrar dentro da tipoloxía das pedrafitas que o arqueólogo portugués Calado mantén para moitas das pedrafitas do Alentejo lusitano.


MAIS FOTOGRAFÍAS

Primeira pedrafita:



                              






Segunda pedrafita:






miércoles, 9 de julio de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE MIRAFLORES. Sanxenxo, Pontevedra

PEDRAFITA-MENHIR DE MIRAFLORES, Sanxenxo

Trátase dunha máis que posible pedrafita  de observación astronómica, descuberta por Alberte Alonso no parque de Miraflores, na vila de Sanxenxo. Segundo me conta Alberte, despois dunhas pormenorizadas pescudas, a pedrafita foi colocada como elemento ornamental, xunto con outras diversas pedras, en diversos puntos deste espazo recreativo. Parece ser que as pedras atopábanse amoreadas de calquera xeito nunha silveira ubicada no mesmo lugar, de xeito que desde o Concello decidiron recolocalas nesta nova área. Os operarios encargados da operación erqueron a pedrafita dun xeito, por suposto casual, que a Alberte Alonso lle parece correcto. Considera así que esta nova ubicación foi  un acerto debido a que por ise mesmo lugar serpeaba un camiño tradicional que partía da beiramar e levaba ás necrópoles megalíticas de Chan da Gorita e Con da Ventureira. Ademais, á parte dun regato que discorre moi preto, a pedrafita de Padriñan atópase a pouco menos dun quilómetro.



    Fotografía realizada por Alberte Alonso


Formalmente a pedrafita describe unha forma xeral cónica na cara do oeste, cun lixeiro arqueo ou curvatura central; nos resto das caras presenta unha forma variable, e dicir, a base máis ancha que se vai estreitando pouco a pouco cara ao cumio. En definitiva, arestas pouco puidas, bastas..., cousa bastante común nas pedrafitas de observación astronómica.

Con todo, unha das chaves para a súa adscrición como pedrafita de observación astronómica é a concavidade central, que destaca na croa, necesaria para as verificacións soslticiais.

Para finalizar, non parece que haxa en toda a superficie ningún tipo de gravura, aínda que Alberte, logo da súa minuciosa investigación, observa varios rebaixes presumiblemente artificiais que talvez se puideran calificar como cazoliñas.

Outras fotografías:


    
Alberte Alonso estudando a pedrafita de Miraflores.





Fotografías de Alberte Alonso



BIBLIOGRAFÍA

Alonso Fernández, X. Alberte, "O uso das pedrafitas no Neolítico Galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1.  Ed. SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega). Ourense, 2014.





martes, 1 de julio de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE MARZÁS. Ponte Ambía, Baños de Molgas

PEDRAFITA-MENHIR DE MARZÁS, Santa María de Ponte de Ambía.

Hai xa algún tempo, o extraordinario e incombustible investigador e acérrimo defensor do noso patrimonio, José Antonio Gavilanes, envioume unhas cantas fotografías e algunha reflexión sobre esta posible pedrafita. Isto é, pouco máis ou menos, o que me contou:

A aldea de Marzás pertence á parroquia de Santa María de Ponte Ambía, do concello ourensán de Baños de Molgas. Ata hai uns vinte anos, os veciños desta aldea, para ir á igrexa (que se ubica no lugar de Vilar), tiñan que percorrer unha longa distancia pois, aínda que a igrexa atópase cerca en liña recta, a corredoira que as unía non permitía o tránsito de veículos. Foi así que arranxouse a corredoira para facer unha pista que une eses dous puntos e agora sí é transitable. Nesta antiga ruta atópase a nosa pedrafita: está chantada formando parte dun muro e servindo de columna para unha portela na que se garda o gando. Para Gavilanes a pedrafita non está no seu lugar de orixen, senon que probablemente foi trasladada  cando se construiu a pista.




A hipótese de Gavilanes é que a pedrafita procede dun lugar denonimado A Medorra, a cerca dun quilómetro de distancia. 

Por útlimo, engadir que a pedrafita amosa algunhas gravuras a xeito de cazoliñas e que posiblemente foi cortada para adaptala ao novo uso de "portela".

Debido a esas consideracións, non podemos asegurar a súa definición como "pedrafita", talvez sexa o esteo reaproveitado dunha mámoa destruida procedente do lugar de A Medorra.










Fotografías e información proporcionada por José Antonio Gavilanes.