martes, 24 de marzo de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DE A PONTE NOVA, Arcediago. Santiso

PEDRAFITA-MENHIR DE A PONTE NOVA, Arcediago. Santiso

Cristina Vázquez e Xurxo Broz, incansables detectives arqueolóxicos da Terra de Medlide, seguen a enviarme interesantísimos elementos prehistóricos desa fermosa terra. 

Neste caso trátase dun chanto ou esteo atopado no lugar da Ponte Nova, parroquia de Arcediago no Concello de Santiso. Segundo estes mozos, estamos diante dun ortostato ou chanto (ben procecente dunha anta, ben unha pedrafita?) que foi realizado en gneis ocelar, amosando unha forma xeral amendoada. As caras son aplanadas, a base é redondeada e o remate apuntado. A altura acada uns dous metros e medio e mide un metro e setenta e cinco centímetros de ancho máximo.




Na superficie, como se pode albiscar na fotografía, aparecen unha serie de estrías paralelas motivadas polo seu desbastado ou labrado. Os amigos Cristina e Xurxo manteñen a hipótese que se trata dun esteo procedente dunha anta. 

Por último, dicir que foi localizado por estes arqueólogos no ano 2012.

Para saber máis: Artigo publicado no boletín nº 25 do Museo de Terra de Melide, coa autoría de Cristina Vázquez e Xurxo Broz.

miércoles, 11 de marzo de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DO HOSPITAL. Palas de Rei, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR DO HOSPITAL, Palas de Rei. Lugo

Hoxe (que xa facía tempo) teño gañas de introducir un elemento que xa tiñamos recollido pero que os arqueólogos melidenses Cristina Vázquez e Xurxo Broz tiveron a amabilidade, tanto de actualizar a información, como de enviarma. Trátase do Marco do Hospital, posible pedrafita erixida na denominada necrópole do Marco. Tamén se coñece con outros dous nomes: Marco e Marco das Cruces.




Atópase situada no Concello de Palas de Rei, lindando co Concello de Toques e emprázase enriba dunha mámoa da necrópole do Marco. Divide parroquias, concellos e as provincias de A Coruña e Lugo. Na documentación aparece xa citado na Idade Media e tamén na Idade Moderna cumplindo a función de marco. É importante subliñar que aos poucos metros discorre o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

Estruturalmente pódese describir como un gran esteo con forma ou sección triangular moi aguda no cume. Na cara do leste debúxase unha cruz de termo e dúas mais na cara do oeste.




Segundo os nosos amigos de Melide, non se debe descartar que esteamos diante dun esteo da anta na que se asenta (no inicio do cono de violación) sendo reaproveitado como Marco de Termo na Idade Media.

No Boletín nº 19 do Museo de Terra de Melide hai publidado un artigo asinado por Xosé Manuel Rei Broz sobre esta probable pedrafita. O autor amosa dúas fotografías e os debuxos das dúas caras do Marco nas que están as cruces de termo.




Este texto baséase nas informacións escritas e amablemente proporcionadas por Cristina Vázquez e Xurxo Broz. As fotografías son tamén  súas.