miércoles, 27 de diciembre de 2023

PEDRAFITA-MENHIR DO CAROLIÑO. Monte Xalo, Santo André de Meirama (Cerceda)

PEDRAFITA-MENHIR DO CAROLIÑO. Monte Xalo

"As pedras mais grandes non poden quedar ben asentadas sin contar coas mais pequenas". Platón

"Nunca chegas á verdade total, nin estás nunca totalmente lonxe dela". Aristóteles

O mesmo arrepiante día 7 de novembro (ver entrada da Anta-dolmen de Pedra Embarrada), o mesmo día no que os lóstregos amenazaban cun segundo Diluvio, ese mesmo día (xoves), no que o ceo semellaba caer nas nosas cabezas, ese día (o mesmo) no que as inclemencias metereolóxicas nos animaban a seguir camiñando, subindo costas, saltando montes, sempre cantando... Pois ben, ese mesmo día chegamos a Meirama e, ben equipados co XPS, procedimos do seguinte xeito: deixamos o automóbil no comenzo dunha corredoira extremadamente costaneira, chea de fochancas e regos que semellaban a fervenza do Ézaro, e contemplamos asustados a amenazante costa, pola que pouco logo casi deixamos os pulmóns, as pernas e as almas. A costa metía medo.



Debuxo de Moncho Boga, 2023

Pero seguimos adiante, con ánimos renovados, con osadía, grazas ao espectacular día que gustaba de animarnos coas encarnizadas ráfagas de vento, coa choiva que nos perseguía virulenta para envolvernos, liarnos e vapulearnos: chuzos de punta caían do ceo. Nesas estupendas condicións, chegamos. Unha milagre eso do XPS e tamén eso do goretex...

Desde a parroquia de Santiago de Sigrás, na que vivo, na que nacín e na que estiven a cumplir con rigor todos os ritos de paso, tanto os que son como os que non (bautizo, comuñón, voda, divorcio, monaguillo, fútbol, escola nacional, comisión de festas, asociación de veciños, fillos...) vexo, desde sempre e supoño que para sempre, a poderosa mole do Monte Xalo: a silueta do bispo tumbado e o cráter inexistente da dereita, que debuxan unha liña inquebrantable dentro do meu imaxinario particular. Trátase dunha fotografía irrepetible, simbólica, máxica e, por iso, absolutamente real. Desde a adolescencia temén era un lugar ao que ir, ao que sempre se volta, no que estar, no que ser: primeiro en bicicleta, algunhas veces en moto, logo en automóbil, pero nunca andando. Un lugar sorprendente no que pasabamos longas tardes estivais, primaverais, outonais e incluso invernais, onde iamos a ver a neve, onde apañabamos cogumelos co meu inesquecible irmán, onde pasamos algunha noite de festa. Un mundo onde case sempre vai frio...



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Desde este extremo do Val de Veiga, onde o río do Gaiteiro (Valiñas) pasa a engrosar o canle do río Mero; desde estas antigas terras, País de Nendos (bosque sagrado), o Monte Xalo estivo e estará sempre voluminoso e impertérrito, altivo, orgulloso, inefable, formando parte das nosas vidas, como un pétreo xigante silencioso, como unha fronteira do mais alá...

O Monte Xalo é, sen dúbida, unha montaña máxica, sagrada, repleta de lendas, de pedras que falan, de pedras sanadoras, de pedras mouras, de pedras adiviñadoras, pedras mouchas, pedras cantadoras, pedras galleiras. Aquí nacen os ríos Anllóns e Valiñas, aquí albiscamos valores ecolóxicos, arqueolóxicos, etnográficos; evidencias de torres altomedievais, gravuras rupestres e restos megalíticos. 



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

As terras altas do Monte Xalo son, desde tempos pretéritos, montes veciñais ou de man común, e os comuneiros están hoxe empeñados en salvagardar os seus valores ecolóxicos, histórico-arqueolóxicos e etnográficos. Hai, ademais,  extraordinarios, incansables e teimudos persoeiros como Lois Vilar Hermida, Manuel Ruibal e David Chas entroutros, que realizan continuos descubrimentos e poñen en valor sen descanso este antigo monte. Efectivamente, cada pedra, cada manancial, cada leira ou braña teñen o seu nome; e tamén falan si se sabe escoitar. Aí van uns cantos alcumes: As Picudas, a Pedra do Vello, a Pedra do Sombreiro, a Pedra dos Corvos, a Igrexa dos Mouros, a  Porta do Inferno, a Pedra do Rastro, a Pedra Gallada, a Pedra do Tesouro, a Pedra da Cadea de Ouro, a Fonte das Meigas, o Castelo de Veiga, a Pena Mazagacha, etc, etc, etc.

Pois ben, nunha penechaira no extremo deste sorprendente paraxe, na parroquia de Santo André de Meirama (Concello de Cerceda), nunha planicie pouco antes do cambio de vertente, que vai caendo case a chumbo cara ao Val das Encrobas e desde onde podemos otear a lagoa artificial resultante do remate da mina de lignitos, no Monte Caroliño, lindeiro coa parroquia de San Román das Encrobas atópase, escondido entre milenarios penedos cheos  das cicatrices dos canteiros, acostada no límite dun eucaliptal, a Pedrafita do Caroliño: tumbada, amosando as súas feridas, pero acompañada doutro pequeno esteo que parece abrazala, sostela pola base, agarimosa.

       


Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

                                                                                                                                       A espléndida Pedrafita do Caroliño describe sección cadrangular amosando catro caras pero coas arestas moi redondeadas: a sensación é a dun poderoso cilindro que vai diminuindo paulatinamente ata a croa para debuxar unha clara imaxe fusiforme. Chega  a unha lonxitude duns 4 metros (cm. arriba, cm. abaixo) e a anchura máxima das tres caras á vista non excede os 50 centímetros. Finalmente estreitase pouco a pouco, aínda que a parte central da cara da fronte vaise abombando suavemente para, a continuación, ir diminuindo ata chegar a unha especie de escotadura, onde se marca o inicio da parte mais esbelta e estreita, que mide uns 30 centímetros de ancho. O que considero lle outorga carácter megalítico a esta poderosa mole é talvez unha xeira de ringleiras ou acanaladuras que adornan unha das caras á vista: están feitas a xeito de sucos en diagonal na parte mais cercana á croa e dúas mais paralelas que cubren case toda a superficie, colocadas regularmente. Sen facer un rastrexo en profundidade, probablemente hai entre 6 e 10 ringleiras.



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023


Todas as caras aparecen ben puidas, traballadas, regularizadas, cun aspecto que pode recordar a algún dos ídolos atopados en varios dolmenes galegos, coa escotadura na parte superior: moitos foron considerados como representación do "glande" amosando un nítido aspecto fálico. O significado simbólico inmediantamente aboca a un vencellamento coa fecundidade.

Aínda que en Galicia os especialistas consideraron tradicionalmente que as cazoliñas ou coviñas constituían o único criterio para fundamentar a adscrición crono-cultural das pedrafitas a épocas prehistóricas, desde aquí mantemos que a existencia de cazoliñas non pode ser o único criterio para a devandita adscrición. Maila que na pedrafita do Caroliño as coviñas non se albiscan á vista, consideramos que as acanaladuras, de clara e distinta factura artificial, constitúen un motivo de poderosa suficiencia, definitivo si acaso, para incorporala ao corpus cada vez mais extenso das pedrafitas galegas. Con todo, mais abaixo aportarei outros argumentos para soster esta hipótese.

     


Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023. Fidel Méndez detrás.


Apoiada no que seguramente é a base do Caroliño aparece outro esteo que mide ao redor dun metro e medio de lonxitude. Trátase dunha pedra moito mais tosca pero que semella de factura artificial: mide 65 cms de ancho na base, 60 na parte media e 33 na parte final ou croa. A simple vista non amosa gravura algunha pero, a pesar diso,  non desgoto a posibilidade de que se trate doutra pedrafita, tendo en conta o contexto. Exemplos de pedrafitas  xuntas, colocadas unha preto da outra, hai documentadas dúas en Galicia: a Pedrafita de Cristal (parece ser que á súa beira había unha outra pequena pedrafita) e  a documentada por Antonio de la Peña González no século XIX quen daba conta de dúas pedrafitas situadas no camiño de peregrinación a Pastoriza e que posteriormente foron destruidas por unha canteira. 

Como estaba a expor antes, a existencia de cazoliñas non pode ser o único criterio para decidir a adscrición dunha pedrafita ao neolítico: é necesario ter en conta toda outra xeira de criterios e/ou regularidades a saber, a orografía, a toponimia, a etnografía, as rutas de tránsito, o contexto tumular, a existencia de gravuras e a forma. 



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Efectivamente, a Pedrafita do Caroliño atópase, como estaba a dicir antes, nunha suave penechaira, á beira de rutas de tránsito primitivas, moi preto dunha necrópole megalítica, ten un aspecto xeral eminentemente fálico e é probable que tivese unha función liminar. Abundando neste eido, a presenza na área inmediata de varias mámoas, de marcos de término (pedra Campaíña) e de petroglifos delimitadores (podomorfo, cazoliña e cruces -ver o enlace co blogue arqueotoponimia) son sinais indiscutibles que nos levan a considerar a adscrición do Caroliño a época megalítica. E dicir, a existencia do lindeiro, como delimitador espacial neses emprazamentos, nos que as pautas son semellantes e coincidentes cos dos túmulos, sendo aínda hoxe en día límites parroquiais, son e deben ser criterios que poden e deben axudar a imaxinar a súa antigüidade, a súa  adscrición, así como a entender un pouco mais un mundo, unha época que xa non é e que xamais voltará a ser.



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Para rematar, seguindo as inesperadas e fecundas contribucións de Dolores González de la Peña, no seu blogue arqueotoponimia, vou a incorporar unha análise moi atractiva e produtiva. Considera que esta zona do Monte Caroliño atópase rodeada dun complexo toponímico que abonda na devandita adscrición crono-cultural: as Brañas do Torreiro, o Rego das Lamas Maiores, o Coto das Arcas, as Pedras Campaíñas e a Pena Negra. Ademais, sostén  que a base etimolóxica de "caroliño" procede do latino "quadram" que ven a nomear un marco, unha pedrafita ou menhir, "por estar o esteo traballado nas súas catro caras". Por iso conclúe que a pedrafita que nos ocupa non só é megalítica senon que probablemente motivou o orónimo para referirse ao  pequeno outeiro no que se empraza (Monte Caroliño).

Para finalizar, unha consideración, un pensamento moitas veces repetido: as pedrafitas, noutrora sistemáticamente esquecidas, xa entraron con personalidade propia a formar parte insoslaiable das variadas manifestacións do megalitismo galego. Neste senso a Pedrafita do Caroliño ben a supoñer un paso cualitativo de extraordinaria importancia no conxunto das nosas pedrafitas.

A pedrafita-menhir do Caroliño foi descuberta por Manuel Ruibal.


Saúde!!!
En Sigrás, no Nadal de 2023.


Para saber bastante mais:

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=O+Caroli%C3%B1o

Victoria Villoch Vázquez: "Un nuevo Menhir en Cristal". Rev. Gallaecia 1998.

Ramón Boga Moscoso: "Dolmenes de Galicia". Ed. Baía, 1996.

Alberte Alonso Fernández: "O uso das pedrafitas no Neolítico galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1. SAGA 2014.

Marcos Martinón Torres: "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los munumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas". Trabajos de Prehistoria, 2010.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://www.barciaxalo.gal/2023/08/blog-post_8.html


COORDENADAS

43.2152013,-8.436104,17





lunes, 18 de diciembre de 2023

ANTA-DOLMEN DA PEDRA EMBARRADA. Santa María de Ferreira, Coristanco

ANTA-DOLMEN DA PEDRA EMBARRADA. Coristanco


 "Y en el sendero boscoso que seguían, Adamsberg escuchaba al feliz guardaespaldas repetir en voz baja:

    -Hay que ver lo que da de sí un dolmen."

FRED VARGAS: "Sobre la losa". Ed. Siruela, 2023


Cantas veces non oiría eu a mesma afirmación que a do gardaespaldas de Adamsberg, ou outras moitas semellantes; cantas veces oín que eso non son mais que pedras mal amañadas;  cantas veces me dixeron que eso son "catro pedras"; cantas veces escoitei esas palabras, pero nun senso pexorativo e de incomprensión... E non obstante, cantas veces me dixeron "moito dan de sí esas pedras!". 



Debuxo de Moncho Boga, novembro de 2023

A anta da Pedra Embarrada (estas para min unhas novas "catro pedras") atópase na espesura do bosque entre floresta varia, nunha fraga que mestura eucaliptos, pinos e carballos..., despois de deixar atrás unha estrada asfaltada e unha fermosa corredoira, chea de pozas e carreiros laterais para evitar a inevitable lama que incide no camiñar de xeito inoportuno: nun día precioso con choiva a esgalla, no que te acordas dos innumerables nomes que ten a choiva en Galicia, na que o vento e as treboadas nos acompañaron durante case todo o día, chegamos a este recóndito lugar naquel fermoso día, chuvioso e frío, intempestivo. 

Alí estabamos pois, Fidel e mais eu, un precioso xoves de inverno que facía honra ao nome da estación e ao do dolmen; día estupendo, en fin, que non fixo mais que animarnos a proseguir coa excursión megalítica, coa incursión onde iamos escudriñar o mais profundo da alma galega, a esencia do que somos, a fonda raigame que pode dilucidar as grandes preguntas da existencia, a esencia, a sustancia, o que é e non pode non ser... No misterioso silencio desas sabias pedras atópase, terco e inexcrutable, o sentido da vida, da nosa vida. E si non é así, polo menos estamos diante dunhas extraordinarias e asombrosas pegadas da nosa historia, que non é pouco.



Foto Moncho Boga, novembro 2023

Alí, como dicía antes, no medio da espesura, acodillada nun muro de mampostería que fai de separación entre dúas parcelas, contemplamos este para min inédito espécimen do megalitismo galego. O lugar de asento-ubicación é unha penechaira, e forma parte dunha necrópole que consta de once mámoas, denominada Necrópole de Chan das Embarradas. Desas once mámoas, catro danse por desaparecidas e, do resto, a que se sinala co número 1, parece ser que está a conservar dous esteos da cámara. E, a uns 20 ou 30 metros da Pedra Embarrada, oculta entre a mesma arboreda, podemos vislumbrar a estrutura hemiesférica doutra mámoa que non está a conservar ningún esteo á vista.



Foto Moncho Boga, novembro de 2023

Parte da estrutura arquitectónica atópase inserida no muro de separación entre as dúas fincas: sabia e intelixente maneira de aproveitar os esteos sen o esforzo de esnaquizalos ou de movelos do sitio, en apariencia. Antes de continuar apetéceme indicar que o lugar de emprazamento é o límite entre os lugares de Bieites de Abaixo e Figueiras, un significativo topónimo este último no eido megalítico.

Pola súa situación en Terra de Bergantiños e pola singularidade das gravuras que está a conservar, así como pola aparente boa conservación da cámara, decidiuse que este espléndido exemplar dolménico debería ser catalogado como Ben de Interese Cultural. Sendo así as cousas, o 21 de xaneiro de 2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou ao Concello de Coristanco a realizar a prospección e delimitación dos elementos patrimoniais do Chao da Embarrada, de xeito que o dolmen da Pedra Embarrada constituiu a mámoa número 11 que se identifica na necrópole do mesmo nome   otorgándoselle o código GA15029076.



Foto Moncho Boga, novembro de 2023


As conclusións derivadas da prospección e delimitación son as seguintes, moi resumidas:  a anta está a contar coas características habituais da arte prehistórica e amosa motivos equiparables aos que se localizan noutros megálitos do NO e, por todo eso, conta cos requisitos legais fixados pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para ser declarado BIC. Deste xeito esta tan inopinada como inesperada anta megalítica está xa inscrita no Rexisto de Bens de Interese Cultural con nome de Dolmen da Pedra Embarrada.

Hoxe en día, cando semella que van por bo camiño os traballos para por en marcha o Parque do Megalitismo da Costa da Morte (do que formará parte esta anta), a última nova aparecida en La Voz de Galicia, en outubro de 2023, informaba da colaboura entre o Concello de Coristanco e a Deputación de A Coruña coa intención de talar os eucaliptos da contorna da anta así como a sinalización para facilitar o acceso dos visitantes. 



Foto Moncho Boga, novembro de 2023

A Anta-dolmen da Pedra Embarrada insírese nunha mámoa en apariencia de tipo medio e describe unha planta poligonal con corredor de entrada desenvolvido e orientado ao sueste, diferenciado tanto na planta como probablemente no alzado, como adoita ser habitual. O conxunto atópase bastante alterado e conserva sete chantos (poderían ser oito) así como a pedra cobertora desprazada enriba dos chantos e partida pola metade. A lonxitude máxima da cámara en planta acada no eixo N-S os 3,60 metros. A medida total, engadindo a cámara e o corredor, non sobrepasa os 6 metros.

Aínda que, como dicía mais enriba, o conxunto está bastante alterado debido a agresións antigas e á acción antrópica e forestal, non amosa, sen embargo, unha situación de extrema gravidade ou precariedade que afecte á súa estabilidade, a curto prazo. O estado de conservación considérase que, dadas as circunstancias, é bastante aceptable, non diferente ao de moreas de cámaras galegas en semellantes condicións. Polo tanto, si dixera que está en pésimas condicións, tampouco me equivocaría moito.



Foto Moncho Boga, novembro de 2023. Fidel Méndez ao fondo.

Se cadra o que fai que este exemplar dolménico se poda individualizar é a conservación, nun dos esteos da cámara (o que talvez sexa a pedra cabeceira), de diversas gravuras prehistóricas. Esta lousa amosa unha composición completamente diferente á do resto dos chantos: as demais lousas son de esquisto; estoutra é de cor negra tipo gneis e aparece, na cara interna, toda ela gravada cunha xeira de motivos de non doada interpretación, por non dicir que imposible. Durante os traballos prospectivo-delimitadores constatouse que estes debuxos só se puideron gravar antes da colocación dos esteos, posto que están parcialmente ocultos pola lousa contigua, o que reforza o seu carácter ou adscrición ao neolítico. Ou doutro xeito, son contemporáneas á construcción do megálito. O esteo atópase fondamente enterrado e está esnaquizado pola parte superior.



Foto de Fidel Méndez, novembro de 2023

As gravuras documentadas na cara interna desa lousa ocupan unha boa superficie da zona intermedia. Segundo a descrición formal, as gravuras están feitas a base de sucos de entre 2 e 3 cms de lonxitude e de entre 1 a 2 cms de profundidade. Aparecen motivos con forma de "U", o que parece indicar que se realizaron por abrasión, sen empregar material metálico algún. 



Foto Colectivo A Rula.  La Voz de Galicia

No conxunto destacan tres elementos abstractos subrectangulares e dous triangulos que hipotéticamente poderían representar figuras humanas, dun esquematismo extremo (tan extremo que ben poderían ser considerados simples triángulos). Estes motivos, posibles e moi hipotéticos antropomorfos, non teñen paralelo algún na arte megalítica occidental. En canto aos demais, son semellantes aos de Casa dos Mouros ou Dombate. 

Pois si, amigos megaliteiros, hai que ver o que da de sí un dolmen!

En Sigrás, decembro de 2023.

Saúde!


PARA SABER MAIS:


DOG 44 do 4/03/2022


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/coristanco/2022/03/04/xunta-incluye-dolmen-pedra-embarrada-catalogo-bic/00031646392875236711843.h


https://www.europapress.es/galicia/noticia-xunta-declara-bien-interes-cultural-dolmen-pedra-embarrada-coristanco-categoria-bien-inmueble-2022030411115


https://elpais.com/espana/galicia/2023-02-15/al-rescate-del-patrimonio-megalitico-galicia-expropia-fincas-privadas-con-dolmenes-y-menhires.html


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2021/04/15/dolmen-coristanques-chan-das-embarradas-grabados-dombate/0003_202104C15C3991.htm


https://www.quepasanacosta.gal/articulo/coristanco/coristanco-sumase-ao-parque-do-megalitismo-co-dolmen-chan-das-embarradas/20211129165944131972.html



martes, 5 de diciembre de 2023

PEDRAFITA-MENHIR DE A TOXIZA. San Martiño de Figueiras, Mondoñedo

PEDRAFITA-MENHIR DA TOXIZA. San Martiño de Figueiras, Mondoñedo.


"No busquemos, por lo tanto, ninguna seguridad y firmeza; nuestra razón siempre queda decepcionada por la inconsistencia de las apariencias; nada puede fijar lo infinito entre los dos infinitos que lo encierran y lo huyen".

BLAISE PASCAL: "Obras. Pensamientos. Provinciales. Escritos científicos, Opúsculos y Cartas". Ediciones ALFAGUARA, Madrid 1981.


Hoxe é un día que probablemente quedará fortemente marcado no meu calendario biográfico particular: despois do abandono blogueiro durante oito anos (que non abandono megaliteiro), volvo con renovadas gañas e ilusión a escribir nesta contorna, que segue a ser un insondable misterio para min.


Pedrafita-menhir de A Toxiza, segundo
versión de Ramón Boga Moscoso, 2023.

E hoxe, como unha homenaxe a aquel lonxano chat chamado "Fuso da Moura" vou  relatar, mediante esta entrada, unha pequena descrición dunha pedrafita. Que sirva de homenaxe tamén a estes esquecidos monumentos, aqueles humildes colosos, aqueles solitarios penedos, aqueles irmáns probes do megalitismo galego.

O 25 de outubro de 2015 atopei, nas inhóspitas páxinas de internet, unha nova no xornal La Voz de Galicia (na súa edición de A Mariña) na que se informaba da aparición dunha inédita pedrafita en Terras de Mondoñedo: a pedrafita-menhir de A Toxiza, dada a coñecer polo arqueólogo do Concello de Mondoñedo Abel Vigo.



Fotografía extraida do blog Megaliticia

Relatábase que ese feito estaba a sinificar un inesperado incremento do patrimonio arqueolóxico do Concello mindoniense, reproducindo floridas verbas das autoridades públicas e técnicas.

O que aquí podo contar deste fermoso e solitario exemplar, impertérrito ao paso do tempo, nas solitarias terras altas da Mariña (seiscentos e pico metros sobre o nivel do mar), rodeado de penedos, de mananciais e da robusta flora da serra, é que xa está a engrosar o cada vez mais amplo corpus das pedrafitas galegas. 

Amosa un aspecto xeral cilíndrico e as posibles caras están ben traballadas, puídas con primorosa paciencia milenaria. Trátase dun poderoso e tremendo bloque de granito que mide case tres metros de altura e, como o seu nome indica, atópase nas proximidades do Pico da Toxiza, nunha lixeira pendente ao sul da Pena do Cerro. A silenciosa e hierática pedrafita amosa unha pequena inclinación cara ao suleste, como si non fose capaz de aguantar o  paso incuestionable do tempo. Atópase rodeada de afloramentos rochosos de diversas características formais.



Fotografía extraída do blog Megaliticia
                                                                                    
O amigo Alberte Alonso fala dun posible aliñamento de pequenas pedras de baixa altura que semellan estar relacionadas, segundo os seus primeiros cálculos astronómicos, coa "suposta liña solar do mencer, na orientación solsticial do ano". Por iso considera que se pode adscribir á tipoloxía de observación astronómica. 

Ao carón da pedrafita serpentea un camiño vetusto, antigo, ancestral, sendo a zona do emprazamento megalítico un paso natural entre cumios, feito que se repite noutras moitas áreas do megalitismo galego.



Fotografía de Mondoñedo.net

Para concluir, e esperando ter a oportunidade de visitar esta fermosa pedrafita mindoniense, non me podo sustraer á tentación de incorporar  as conclusións dun estupendo artigo no blogue arqueotoponimia de Dolores González de la Peña que permite ampliar perspectivas (e se cadra coñecemento) ao redor do mundo das pedrafitas en xeral e da pedrafita que nos ocupa en particular. Considera, nunha entrada adicada a estudos de "falsa toponimia", seguindo a Ripoll Vivancos, que algún fitotopónimo como "figueira" podería non significar "árbore froiteira" senon remitir ao verbo latino figo, figis, figere, fixi, fixum, que significa "atravesar" e que se vencella semánticamente aos límites territoriais, de cuxo participio proceden os nomes que están a recibir os marcos en moitas linguas romances, como en galego "fito".

A parroquia onde se ubica a Pedrafita de A Toxiza é San Martiño de Figueiras, de onde, si a hipótese é acertada, poderiamos concluir que de aí se deriva a existencia dunha paisaxe arqueolóxica na que a pedrafita formaría parte dunha "liña de marcos que percorre ou atravesa pola linde", que é o significado de "figueiras".  Manterémonos á espectativa esperando a aparición de novas pedrafitas que verifiquen esta atractiva hipótese.

Saúde!!!

En Sigrás, no inverno de 2023.


Para chegar: Desde o Mosteiro de Picos, está  sinalizado. O acceso é complicado xa que serpentea por pistas do Parque Eólico da Toxiza. Case todo o traxecto pódese facer en automóbil, excepto os últimos 200 metros.


Coordenadas: Lat 43º 27´28,69´´N       Lon 7º 24´47,70´´O


PARA SABER MAIS:

https://es.wikiloc.com/rutas-coche/menhir-da-toxiza

Blogue: https://megaliticia.blogspot.com/

Blogue: https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

www.mondonedo.net

arqueotoponimia.blogspot.com