ANTA-DOLMEN DOS PEDROUZOS
"Todas las guerras son santas. Os desafío a que encontréis un beligerante que no crea tener al cielo de su parte."
Jean Anouilh
Debuxo de Moncho Boga, 2026. |
Novamente estou no Concello de Friol, novamente estou nas feraces, e ás veces montaraces, paisaxes deste espléndido curruncho da Terra de Lugo. Friol, no outono, é todo un placer para os sentidos. En calquera época, habería que engadir.
Estou, e non me canso de repetilo, nun dos lugares mais representativos do megalitismo galego: a calidade, cantidade e variedade das antas, mámoas e algunha pedrafita que se están a conservar así o confirman e o avalan.
Atópome polo tanto diante doutra anta espectacular, doutra anta que semella está a conservar algún tipo de gravura, doutra anta que conserva intactos algún dos esteos que conformaron a súa planta megalítica. Estou diante dun megálito que pasa a engrosar o alto número de antas que se espallan, como granos no territorio, por todo o Concello de Friol.
A Anta dos Pedrouzos atópase no medio dun piñeiral, rodeada de árbores e vexetación alta e baixa, afectada tamén por moitos troncos que lle caeron enriba e que a están a por en perigo. O acceso é compricado precisamente debido á frondosa vexetación que o está a camuflar: hai que chegar en coche, deixalo e logo practicar unha andaina dun quilómetro polo medio de pistas forestais. Debemos conducir pola estrada Friol-Lugo e, pouco logo do quilómetro dous e medio, antes de chegar ás edificacións de Pedrouzos, aparece unha pista á dereita que hai que coller ata unha bifurcación: debemos seguir entón pola dereita e circular uns trescentos metros. Así xa chegamos á área da necrópole, que non á anta. Chegar a ela é, polo tanto, pouco menos que unha tarefa titánica, por iso non só é recomendable empregar o XPS, senon tamén absolutamente imprescindible. Unha ruta de Alex Negreira en Wilkiloc pode axudar a chegar sen maiores contratempos. Denomínase Ruta Dolmen dos Pedrouzos.
Esta non tan pequena anta semella conservar a planta mais ou menos intacta que está conformada por varios esteos (polo menos tres e un abatido) polo que, obviamente, semellan permanecer na súa posición orixinal. O esteo meirande acada case os dous metros de altura, un e medio de ancho e aproximadamente entre vinte e trinta centímetros de grosor. Non hai razón algunha para non duducir unha planta poligonal con corredor, talvez simple.
A Anta que nos amosa, cunhas espléndidas fotografías, Alex Negreira (megaliticia.blogspot.com) forma parte dun conxunto tumular ou necrópole formado por catro mámoas. Todas elas atópanse hoxe moi remexidas sobre todo debido á intensa actividade forestal. Dúas delas están seriamente danadas debido á apertura de pistas forestais que as están a atravesar polo medio e medio. Probablemente a mámoa que amoso agora sexa a catalogada co número tres a cal amosa diversas e interesantes gravuras nun dos esteos que forman o que queda da cámara.
Por outra banda, a mámoa na que se insiren estes interesantes restos acada unhas dimensións que van desde os trinta metros de diámetro ata os pouco mais dos dous metros de altura. A cámara eríxese dentro do funil do espolio, concienzudamente remexido polos buscadores de tesouros.
EN SIGRÁS, NO MES DO SAN MARTIÑO DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
ENLACES E DEMAIS FAMILIA
Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela: "Prospeccións no Concello de Friol I: mámoas e folclore arqueolóxico". Rev. Croa nº 6, 1996.
https://megaliticia.blogspot.com/2023/03/Dolmen-dos-Pedrouzos.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/dolmen-dos-pedrouzos-5-156707659
