miércoles, 2 de abril de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SANTA MARIÑA DO MONTE I. Ourense

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SANTA MARIÑA DO MONTE

"Pero, para cumplir tal designio, no será necesario probar que son todas falsas, lo que quizá nunca conseguiría; sino que, del mismo modo que la razón me persuade ya de que debo impedirme dar crédito a las cosas que no son enteramente ciertas e indudables, con el mismo empeño que pondría ante aquellas que nos parecen manifiestamente falsas, el menor motivo para dudar que encontrara en ellas serviría para hacérmelas rechazar todas. Y por eso no es necesario que las examine particularmente una a una, lo que sería un trabajo infinito; sino que, ya que la ruina de los cimientos entraña necesariamente la de todo el edificio, me concentraré primero en los principios sobre los que todas mis antiguas opiniones se habían fundado."

Descartes: "Meditaciones Metafísicas". E. Alfaguara.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.


Trátase dunha estupenda e curiosa pedrafita descuberta por Antonio Gavilanes, incansable escudriñador dos elementos prehistóricos das Terras de Ourense. Gavilanes bautizouna tamén con ese nome e confirmou o solsticio de verán (no solpor do 21 de xuño). Debo destacar que a pedrafita atópase no seu emprazamento orixinal.

Atópase á beira da estrada OU-101 que leva de Ourense a Maceda, no quilómetro catro. Sita no mais alto dun pequeno outeiro, é probable (segundo Alberte Alonso) que funcionase de marco de término para amillorar as parroquias de O Monte, Santa Mariña e Ourense: esta consideración pódese deducir a partir da prominente situación de visibilidade. Na cara do leste aprécianse os trazos de varios chanzos e, na croa, atópanse diversas gravuras: unha cruz e varias coviñas, das que falarei mais abaixo.



Fotografía de José Antonio Gavilanes.


A pouca distancia atópase o nacemento dun pequeno regato que verque as súa augas no Rego de Zaín. Orográficamente a situación e configuración confórmase por varias abas e zonas chairosas que descenden do alto de Montealegre, a catrocentos setenta e un metro de altitude. No contexto arqueolóxico aparecen diversos elementos como os petróglifos da Pedra da Lagoa, a Pedrafita do Cepo de Seixalboe a Pedrafita do Marco de Monterrei en Pereiro de Aguiar.



Fotografía de José Antonio Gavilanes.


Segundo a descrición de Gavilanes e súa suposición de adscrición crono-cultural ás época baixomedieval, a posible pedrafita é un penedo reaproveitado como marco de término. Describe unha forma peculiar co que semellan dous brazos erguidos, destacando as raras marcas deixadas pola erosión nos laterais. Os veciños atribúen estas poderosas marcas á corrosiva acción do abesouros que adoitan construir os seus niños nesas caprichosas oquedades. Conta Gavilanes que nun dos laterais hai varios chanzos labrados no propio terreno-penedo para facer mais fácil o ascenso. No mais alto aparece a gravura dunha gran cruz de termo, deseñada no brazo mais alto. Sinala tamén a existencia dalgunha coviña ou cazoliña en ambos os dous brazos, aínda que nos desbota a posibilidade de que sexan de factura natural.



En Sigrás, preto da primavera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES SUSTANCIAIS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/21975/2012/07/marco-de-termo-en-santa-marina-do-monte-i/


PEDRAFITA-MENHIR DO AGRO DO CASTRO. Santiago de Trasmonte, Friol.

PEDRAFITA-MENHIR DO AGRO DO CASTRO

"Tritogenia: sabiduría; y es que son tres las consecuencias que se derivan de tener buen juicio: calcular bien, hablar bien y actuar como es debido."

Demócrito de Abdera



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Moi preto do Castro de Trasmonte, en terras de Friol, localizou Xabier Moure (no ano 2016) esta fermosa pedra chantada no medio dunha pradeira e/ou dun prado. A altura desde a base acada o metro e dez centímetros e, para o ancho, unha media de corenta e cinco centímetros. Segundo Moure, non funciona como marco demarcatorio e os propietarios onde se asenta, impertérrita, a conservan porque "sempre estivo aí e non molesta".

A pedrafita atópase a pouca distancia do camiño que comunica Trasmonte e Vilariño, a área é achairada e nas cercanías serpentean os Regos do Fondal e da Ponte Castro. Unha área, en suma, con abondosa presenza de petróglifos e xacementos castrexos.

Segundo as excepcionais observacións de Alberte Alonso, trátase dunha pedrafita que se pode adscribir á tipoloxía das pedrafitas zoomorfas. Para Alonso este é un descubrimento extraordinario debido a que se ven sumar a outras pedrafitas coas mesmas características, coas mesmas regularidades: Toco das Cabras en Verín que pertence tamén á tipoloxía de observación astronómica e amosan na súa cima ou croa os trazos zoomórficos dun oso e dunha cabra, respectivamente. 



Fotografía de Xabier Moure.

Neste caso a croa amosa inserida unha clara  apariencia dunha cabra: na zona do ángulo superior dereito pódese albiscar a faciana e o fuciño da cabra, engadindo unha destacable prominencia que simula o corno. Na zona central, o lombo do cáprido, con forma cóncava, caso típico dos axexadoiros de concavidade central. E dicir, conclúe Alonso, unha reprodución xeral prehistórica dunha cabra (fuciño, corpo e traseiro), unha representación zoomorfa "da divindade da abundancia das colleitas do agro, a pedrafita como espírito personificado en pedra que xera vida."

Alonso encadra esta pedrafita na modalidade de "observación astronomo-zoomorfica", vencellando o ciclo astral co ciclo agrícola. As formas típicas da cabra (neste caso) e do oso sobre todo, son casos paradigmáticos. Esa aseveración fundaméntase na consideración de que as sociedades primitivas (prehistóricas) personifican nestes animais un poder divino: "a relación coas estrelas e o ceo, define a veneración-proteción do animal, este é elevado, divinizado".



Fotografía de Xabier Moure.

A cabra, segundo o clarificador estudo de Alonso, foi un dos primeiros animais en ser domesticados xa no epipaleolítico: nese proceso foi xenerando unha convivencia co hábitat, creando toda unha xeira de mitos e lendas a saber, a cabra como símbolo de fertilidade, de riqueza, de abundancia, que ao final foi representado coa cornucopia, representación da abundancia por antonomasia.

En relación coa arqueoastronomía, coa función de observación astronómica, vencella todas estas conclusións ao ciclo da morte, rexeneración, co descenso aos submundos e co posterior renacemento. Por iso a analoxía co ciclo agrícola, tan importante para as sociedades prehistóricas: da morte da colleita e da volta a medrar, da sementeira. A importancia de coñecer cando sementar, sobre todo. Trataríase pois dunha imaxe agrícola empregada para transmitir unha potente mensaxe espiritual.


En Sigrás, no abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES FUNDAMENTAIS

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/5394103594376542467