Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Muros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Muros. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de novembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS CAPAS. San Xoán de Torea, Muros.

PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS CAPAS


"No hay edificio sin caminos que conduzcan a él, ni tampoco hay edificios sin recorridos interiores, sin pasillos, escaleras, corredores o puertas".

Jacques Derrida.




Debuxo da pedrafita segundo Moncho Boga, 2024.

Atópase, case esquecido polos tempos e polos homes, no Lugar de Outeiro das Capas, á beira do Parque Eólico "Pedregal-Tremuzo", moi preto dun primitivo camiño que unía varias aldeas. A pedrafita hoxe en día non funciona como marco de termo, o que non é obice para deducir que a súa perduración no tempo fose debido a esa posible función práctica. Facemos esta consideración porque a uns quinientos metros atópase o límite actual entre os concellos de Mazaricos, Serra de Outes e Muros, feito que se cadra non é casual. 



Pedrafita Outeiro das Capas.
Fotografía de Elixio Vieites.

Na súa contorna inmediata parece que nacen os regos de Acuiña, de Osedo e a Fonte do Covo. Ademais pódese constatar a existencia dalgunha necrópole megalítica, paneis de petróglifos e varios xacementos castrexos.

Mide desde a base, para a altura, ao redor de dous metros e medio; amosa sección acusadamente redondeada, cilíndrica, que vai diminuindo a  medida que medra na altura. Aos seus pés aparecen dúas pedras de tamaño considerable que debuxan unha forma case esférica, elementos que poden estar vencellados dalgunha maneira coa nosa pedrafita, como acontece noutros exemplares do noso país.



Pedrafita Outeiro das Capas.
Fotografía de Elixio Vieites.

É significativo o decatarse que cando se construiu o Parque Eólico do Pedregal-Tremuzo no ano 2004, nos traballos de prospección arqueolóxica non figura a existencia desta pedrafita: non aparece catalogada,  nin siquiera cunha consideración etnográfica.

Tamén é moi de ter en conta a toponimia circundante, sinalada por Alberte Alonso a saber: Outeiro dos Bois, Cabeza de Riomao, Fonte do Ouro, A Casoliña, Pedra da Arca, Niño do Corvo, etc.



A Pedrafita Outeiro da Capas,
foto de Elixio Vieites.

Malia que non se fala de cazoliñas ou de ningún tipo de gravuras, considero que este gran esteo, chantado na soidade das cumes de Terra de Muros, pode ser considerado outro dos elementos salientables do megalitismo galego, no que atinxe ao universo das pedrafitas-menhires.


QUE PODEMOS VISITAR EN MUROS?

A propia Vila de Muros xa é unha disculpa suficiente para achegarnos a estas terras. Aínda asi, no Museo do Muíño de Marea podemos contemplar a Cista do Bico; os petróglifos da Laxe das Rodas; a ría de Muros en todo o seu esplendor, o Monte Louro... Paga a pena perderse polos recunchos de Muros (que son moitos, variados e impresionantes) deixándonos levar pola intuición do que é fermoso, significativo,  deixando que as cousas se presenten a nós.


En Sigrás, nun outonal e inquedo día de 2024.

Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER ALGO MAIS

http://patrimoniogalego.net/index.php/78418/2015/10/pedrafita-do-outeiro-das-capas/

http://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com.es/2014/03/mapa-das-pedrafitas-de-galicia.html

https://themurostimes.com/2016/05/07/pedrafita-do-outeiro-das-capas/

mércores, 30 de xaneiro de 2013

CISTA DE PEDRAMARRADA. Santa Comba de Carnota, Carnota

CISTA DE PEDRAMARRADA

Formaba parte dunha necrópole composta por tres cistas e atopábase nunha plataforma litoral. As tres cistas estaban orientadas do norte ao sul e distantes entre si de seis a sete metros. Dúas das cistas foran violadas, unha estaba totalmente destruida e da outra quedaba só unha laxe lateral.A máis completa conformaba unha cista rectangular na que cada lado estaba formada por unha lousa e a pedra cobertora por outra, que estaba rota. As dimensións desta tampa excedían a planta da cámara en todo o perímetro (entre 10 e 15 centímetros). Formaba así unha especie de caixa rectangular coas laxes moi pulidas pola parte interior. As medidas ían desde 0s 106 centímetros de longo, setenta de ancho e setenta de fondo. Atopábase calzada nos seus extremos por grandes cantos rodados. O enxovar exhumado desta cista case intacta cifrouse nun puñas de espigo, un brazal de arqueiro así como restos de ósos.







Puñal e planta da Cista de Pedra Marrada,
segundo versión de Ramón Boga Moscoso



BIBLIOGRAFÍA


Beatriz Comendador Rey:
Los inicios de la metalurgia en el Noroeste de la Península Ibérica

En Sigrás, saúde, sorte e libros 

CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

Esta pequena cista adscrita á Idade do Bronce atópase nun pequeno outeiro na liña de costa que se eleva sobre o mar formando unha lixeira dorsal ubicada entre dúas pequenas calas. Atopouse no perfil dun camiño que percorre o outeiro na ladeira norte, próximo ao cumio e emprázase de costas ao mar e orientada cara a unha pequena braña. Non se coñecen materiais procedentes dela. 

Foi atopada e catalogada pola profesora Josefa Rey Castiñeira.









Fotografía e debuxos extraidos da publicación "Lugares para grabar, lugares para morrer, petroglifos e cistas na Idade do Bronce do NW da Península Ibérica". Bóveda Fernández, M.J., Cañizo Fraga, A., Vilaseco Vázquez, J.I.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!