miércoles, 20 de febrero de 2013

Pedrafita-menhir Marco da Anta. San Miguel de Carballedo

Pedrafita-menhir Marco da Anta. San Miguel de Carballedo, Cotobade

Típico marco de termo que fai de linde entre as parroquias de Santa María de Sacos e San Miguel de Carballedo, ambas as dúas pertencentes ao concello pontevedrés de Cotobade. O lugar onde se asenta coñécese co nome de Trabazo.

Ubícase a vinte metros dunha mámoa coñecida co nome de "Portela da Anta". Atópase inserida nunha necrópole megalítica e, un pouco máis arriba, tamén se conserva o topónimo "arcela". A posible pedrafita amosa planta cadrangular e ten gravadas dúas cruces. Mide ao redor dun metro e media e, á súa beira, aparece un gran bloque granítico con forma tamén cadrangular cun burato no que se debía inserir un cruceiro. Desde este lugar pódese divisar un castro asdcrito á primeira Idade do Ferro, a saber, A Eira dos Mouros.




O lugar de ubicación forma parte dun paso natural que comunica o Val do Lérez co Val de Almofren, tratándose dun camiño tradicional moi transitado.

Segundo Tito Concheiro -que me proporcionou toda esta información- posiblemente se trate dun chanto dunha cámara megalítica moi retocado.

O Marco da Anta foi catalogado por Tito Concheiro como "marco epigrafiado". O estado de conservación é malo tendo como principais enimigos as obras incontroladas, a circulación de maquinaria pesada... e en xeral, a acción antrópica.








Nesta fotografía pódese observar de fronte a pequena mámoa Portela da Anta, cortada pola estrada.

Fotografías, debuxo e información proporcionadas por Tito Concheiro

Pedrafita-menhir A Cova da Serpe. Carballido, Cotobade

Pedrafita-menhir A Cova da Serpe. San Miguel de Carballedo, Cotobade

Atópase a uns douscentos metros da Castro a Cruz do Castro de Carballedo, xacemento escavado por Tito Concheiro que se pode adscribir á primeira Idade de Ferro. 

O marco que nos ocupa non está asociado a ningunha necrópole megalítica nin fai de lindeiro de fincas ou de parroquias, de xeito que pódese manter que está asociado ao castro mencionado antes. Sobresae uns sesenta centímetros aproximadamente e os veciños recórdano moito máis grande, polo que unha boa parte atópase enterrada debido á colmatación.

Na faciana que amosamos, como curiosidade, aparece debuxada unha cruz de malta.

A zona na que se ubica é pola contra, unha área na que aparecen moitos petroglifos e a uns metros debúxase un espectacular petroglifo coñecido tamén co nome de "Cova da Serpe". Para rematar, dicir que nesta área existe moito folclore ao redor dos mouros.






Petroglifos de Cova da Serpe, moi pretos da pedrafita. Os motivos xerais son círculos concéntricos. 

Información e fotografía de Tito Concheiro