viernes, 25 de mayo de 2012

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA ALTA. Xinzo de Limia, Ourense

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA ALTA. Xinzo de Limia, Ourense

Como chegar: Para chegar, debemos partir de Xinzo de Limia con dirección a Allariz. Cando se levan ao redor de tres qms, hai que coller unha pista á esquerda á beira dunha fábrica areeira. Debemos coller despois a pista que está á esquerda da Cal Grande da Antela (antigo desaugadoiro romano) que queda entre a devandita pista e a areeira. Despois de percorrer cerca dos sete qms, hai que virar outra vez á esquerda e, a un qm aproximadamente, atópase ergueita a pedrafita.



Fotografía aérea dos anos 50 do século XX onde se aprecia o primitivo e orixinal emprazamento da pedrafita A Pedra Alta. Do libro "Antela. A memoria asolagada" d X. L. Martínez Caneiro. Edicións Xerais, 1997.

O mesmo que todas as "presuntas" pedrafitas galegas, é moi dificultosa a súa adscripción crono-cultural debido, sobre todo, a que non se atopa na súa ubicación orixinal e á falta doutros elementos arqueolóxicos asociados. Os habitantes da contorna da Lagoa Antela coñécena co nome de "anta" ou "antela". Tamén, o mesmo que con case todas as outras pedrafitas galegas, a Pedra Alta estivo a facer de marco de termo entre os concellos de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus. 

En canto ás súas medidas, a altura máxima (tendo en conta que se atopa nun novo emprazamento) acada os tres metros e, no perímetro, os sesenta e cinco centímetros. A forma é tendente a circular aínda que da metade para abaixo tende a rectangular. Toda a superficie da pedrafita aparece perfectamente pulida e amosa un signo cruciforme.





Algunhas notas  histórico-arqueolóxicas e lexendarias.

É case imposible destacar algún dos elementos que xalonan esta comarca pola inxente cantidade e variedade de rotas, tanto artísticas e arqueolóxicas como ecolóxicas. Desde a Lagoa Antela, coas torres medievais de Sandiás e da Pena, o románico de Santo Estebo de Sandiás, a parroquial de Xinzo, Morgade ou a de Zos en Sarreaus, San Xoán de Vilar de Santos, importantes castros ata cuantiosos vestixios do paso dos romanos por estas vetustas terras: a vía XVIII de Antonino que unía Braga con Astorga, cos importantes restos de Aquis Querquennis na Baixa Limia ou a área dos Miliarios en Portela do Home...



Fotografías realizadas por Ramón Boga.

A Lagoa Antela, á parte de ser unha das lagoas senlleiras de Galicia, é famosa polos achados arqueolóxicos e polas lendas que perviven aínda hoxe no acervo popular. Dise que os cínifes que a poboan nos veráns calurosos son os enfeitizados cabaleiros do Rei Artús. A lenda clásica da Lagoa Estixia quizais influira no nome do "río do Olvido" que dan os xeógrafos romanos ao río Limia, que nace na Lagoa: segundo os antigos habitantes de Galicia, quen o cruzaba perdía a memoria. É interesante observar que a Lagoa está rodeada de castros e conserva escavado na terra o grandioso canle desaugadoiro que os romanos construiron para comezar a súa desecación.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.

A lenda máis extendida conta que na Lagoa permanece asolagada a cidade maravillosa de Antioquía, da que os altos torreóns aínda se poden ver cando o estío vén seco, sobre todo a través do Pozo da Meiga. A cidade foi asolagada por un castigo divino por non lle dar de xantar nin pousada a Cristo.Tamén se conta que puido ser por un castigo debido a que os seus habitantes adoraban ao galo. Tanto no San Xoán coma no Nadal pódense oir as campás das igrexas da cidade. Así mesmo, nos días con bo tempo albíscanse os galos e oese o seu canto para que os habitantes lembren os seus pecados.   Debaixo desta mítica cidade existe un pasadizo cheo de tesouros, comunicando os castelos da Pena e Sandiás.

Para concluir, é necesario reproducir as palabras de Martínez Carneiro extraidas do libro citado máis enriba. Poden server de recordatorio para moitos outros lugares da nosa xeografía:

"Na Veiga de Antela, a pesar da cristianización da mitoloxía da auga, a memoria colectiva estaba en pé. Sen embargo, foi ameazada de morte por aquelas institucións que secaron a Lagoa, e agoniza hoxe por causa destas que planifican e executan as concenracións parcelarias. Así, este progreso tecnocrático e desmedido, ó desruír os soportes simbólicos, ataca de raíz a identidade do pobo galego".



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1995.


Antas-dolmenes da Baixa Limia I

ANTA-DOLMEN A CASIÑA DA MOURA

Desde a preciosa aldea de Maus de Salas, seguindo en dirección da dereita, chégase ás comportas do encoro de Maus de Salas. A Casiña da Moura e a anta primeira que se atopa á beira da comporta do encoro.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992

Estamos diante dun completo exemplar de anta con cámara poligonal conformada medieante sete esteos que soportan unha pedra cobertora ou tampa monolítica de gran tamaño. Os esteos da cámara están dispostos de xeito que se imbrican entres si debuxando unha cámara que acada os dous metros e sesenta centímetros. Esta completa anta, moi proporcionada e completa, foi posiblemente desprazada da súa posición orixinal con motivo da construción do encoro, de xeito que os ortostatos do que fora o corredor de entrada, están apoiados no interior da cámara, sendo imposible a súa reconstrución. 



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992

O enxoval exhumado compoñíase por dúas machadas, das que unha amosa forma globular con fondo plano.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN CASOTA DO FOXO

Atópase ao outro lado da comporta do encoro, nun pequeno outeiro desde o que se divisan unhas espléndidas panorámicas da contorna.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992


Trátase dunha cámara de tipo poligonal conformada por sete chantos. Nos eixes da cámara as medidas van desde os dous metros e corenta centímetros ata os dous metros e sesenta centímetros. O conxunto arquitectónico atópase coroado por unha poderosa pedra cobertora monolítica que é máis grosa a medida que se achega á entrada da anta. O mesmo que acontece coa Casiña da Moura, no amosa restos visibles do corredor e é probable que tamén fose desprazada do seu asentamento orixinal.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso

O enxoval exhumado nas escavacións arqueolóxicas componse de anacos de vaso campaniforme cunha decoración a xeito de liñas horizontais e puntilladas.


ANTA-DOLMEN DE MUNIXEI

Restos dunha cámara megalítica que se empraza entre uns ríos afluentes do río Salas: atópase nun pequeno espolón ubicado na aba occidental do val do regato de Lobeira.



Fotografía de J.M. Eguileta Franco
.



Saúde e sorte!
En Sigrás, un día calquera dun ano calquera.

Antas-dolmenes da Necrópole de Monte Penide

ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DE MONTE PENIDE. Vigo.




Croquis elaborado por Ramón Boga

Como chegar. Unha das posibilidades para chegar á Mámoa do Rei, desde Vigo, consiste en coller a estrada de Redondela e, ao chegar a Chapela, no Alto da Encarnación, hai que coller a estrada á dereita que leva a San Vicente de Trasmañó salvando unha ponte que circula por enriba da Autoestrada do Atlántico. Unha vez pasada a igrexa parroquial de Trasmañó, debemos coller hacia o campo de fútbol. Despois de percorrer uns dous qums., atoparemos un cruzamente no que se atopa a anta á dereita.

Outra alternativa consiste en partir desde o colexio de San Xoán de Cabeiro e coller dirección a San Vicente de Trasmañó: o complexo megalítico atópase a uns tres qms.

A necrópole de Monte Penide (tamén coñecida como Chan das Formigas, Chan da Cruz ou Chan da Pedra do Couto) aséntase nunha chaira de 394 ms de altitude. Hoxe en día quedan rexistradas 39 mámoas das 85 de que constaba. As numerosas obras debidas ao tendido eléctrico, ás labouras agrarias e incluso ás obras do Aeroporto de Peinador, foron a causa da destrucción dunha boa parte delas.



Plano de situación da necrópole.
Por Ramón Boga.

Dos investigadores que se ocuparon dest anecrópole (Filgueira Valverde, García Alén, Álvarez Limeses ou Pedro Díaz) talvez os que máis en detalle a estudaron foron Mergelina e Peña Santos. Segundo Peña Santos, o conxunto amosa uns límites perfectamente definidos, a saber, a elevación coñecida como Coto Darca e, cara ao poñente, o Castro Ferreiro, a partir do que se van erixindo as mámoas ata a penechaira que remata nas estribacións do Monte Penide. Como curiosidade dicir que as mámoas son coñedicas na zona co alcume de "Cortellos dos Mouros".




Debuxos versión de Ramón Boga.


Na figura podemos contemplar as plantas de catro cámaras estudadas por Mergelina. Na actualidade, segundo Peña Santos, tan só se pode contemplar a sinalada co número 1.As restantes non se conservan en bo estado.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO REI OU CHAN DA PEDRA DO COUTO.





Alzado e planta da Anta Mámoa do Rei.
Versión de Ramón Boga a partir das plantas de Mergelina.



Descrición da Mámoa do Rei:

A anta da Mámoa do Rei debuxo unha planta poligonal composta de seis esteos e corredor orientado ao leste. O esteo da cabeceira, o máis grande, estaba tirado hacia o interior da cámara, pero hai uns anos foi restituido ao seu lugar orixinal, como amosa a fotografía de Ángel del Castillo. Ao redor, enriba do túmulo, pódense ollar varios chantos tirados que, seguramente, forman parte da estrutura arquitectónica. Segundo algunhas informacións recollidas por Cuñarro, os máis vellos aínda recordan a anta coa pedra cobertora e co túmulo de terra que chegaba ata a parte superior dos ortostatos.


Dimensións do túmulo: 

Acada 15 ms para o diámetro e medio metro de altura. A masa tumular amósase cada vez máis disminuida. A esta situación lamentable contribúe o estar situada nun cruzamento. Tamén poidemos ollar numerosas tobas feitas polos conexos e, así mesmo, as plantacións de piñeiros e eucaliptos ou o asfaltado da pista que a circunda, feitos que contribúen ao seu paulatino esmorecemento.


Medidas da cámara: 

2,86 ms no eixe O-L e e ms no eixe N-S. O chanto máis grande da cámara acada 80 cms de ancho por 2,20 ms de alto.




Fotografía da Anta da Mámoa do Rei por don Ángel del Castillo en "Inventario Monumental y Artístico de Galicia", 1987. Nesta fotografía podemos observar o gran ortostato da cabeceira (onde está apoiada a nena) todavía en pé.


Tracicións e lendas: 

Interesante e significativa é a traidición,  hoxe perdida, de parar diante da Mámoa do Rei os séquitos mortuorios para rezar responsos. O significativo é que posiblemente os veciños xa non souberan que a mámoa era un túmulo funerario. Trátase sen dúbida dun bo síntoma  de respeto hacia os túmulos froito dunha tradición que se alonga  no lonxano pasado

Os Mouros son os habitantes perpétuos do Monte Penide: nin morreron, nin marcharon e viven nesta zona chea de restos arqueolóxicos que foron construidos por eles como o seu propio lugar de residencia perpetua. Pero tamén as covas e as casas dos mouros neste monte son o lugar onde esconden os seus grandes tesouros. Os mouros treman diante dun cristiano, pero en caso de doenza ou enfermidade non dubidan en pedirlles axuda. As mouras son extremadamente fermosas (os seus conxéneres masculinos son negros), loiras e lávanse e peiteanse continuamente.  A tarefa á que adican a maior parte da súa existencia é a de vixiar e protexer os seus cuantiosos tesouros que, como se dicía, gardan baixo terra, nas mámoas e nos castros ou nas minas, e deféndenos con velenos ou  con encantamentos tomando a forma dunha serpe.



A Anta da Mámoa do Rei no ano 1993. Pódese ver como o ortostato da cabeceira está tirado no interior da cámara. Fotografía de Ramón Boga Moscoso.



A Anta da Mámoa do Rei na actualidade, logo da restitución do ortostato da cabeceira ao seu lugar orixinal. Ano 2008.




Restos dunha anta situada a poucos metros da Mámoa do Rei. Trátase dunha gran mámoa cun espectacular funil de violación no que se conservan varios chantos da cámara. O que vemos aquí mide ao redor de 2 metros de lonxitude e algo máis dun metro de altura. Fotografía de Ramón Boga Moscoso feita no ano 1993.



Anta Mámoa do Rei
segundo debuxo de Ramón Boga Moscoso



BIBLIOGRAFÍA

José Manuel Hidalgo Cuñarro e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico de Monte Penide, Redondela-Pontevedra”. El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980
Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado” Boletín del Seminario de Arte y Arqueología, Fasc , curso de 1935-36. Valladolid, 1936.

Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra”. El Museo de Pontevedra, XXXI. Pontevedra 1977
.
Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia” Bahía 1997.

Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia”. Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.