Amosando publicacións coa etiqueta Cista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cista. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de marzo de 2025

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE OUTEIRO DE CAVALEDRE Nº 13. Requiás, Muíños.

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE OUTEIRO DE CAVALEDRE,  Nº 13. 


"Ne laudet dignos, laudat Callistratus omnes.
Cui malus est nemo, quis bonus esse potest?"

"Para no alabar a los que lo merecen, Calístrato alaba a todos.
Para quien nadie es malo, ¿quién puede ser bueno?"

Marcial: "Epigramas."




Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Unha vez mais, e non será a derradeira, volto ás formidables terras da Baixa-Limia, da Serra do Xurés, terras de val e de escarpadas cumes, de espesas fragas, terras de tránsito, de épicas historias imposibles, de clima sorprendente, de fauna e flora únicas, terra de prehistoria, terra de inxente patrimonio... Volto polas intrincadas vías internetianas, camiños obtusos e, por suposto, moi prácticos. 

E volto ao Concello de Muíños, ao Encoro de Maus de Salas. E volto sabendo que non será a última vez: aínda me quedan moitos elementos megalíticos que amosar, moito que ver e que estudar.



Fotografía do blogue megaliticia.

Esta vez estou novamente no Outeiro de Cavaledre, nunha área do Encoro que está a meirande parte do ano asolaga pola auga estancada, onde poucas veces se poden contemplar as antas que quedaron ocultas durmindo o sono dos afogados. 



Fotografía do blogue megaliticia.

Esta vez, estou diante da Anta núnemro 13: trátase dunha anta da que non se conserva practicamente nada da mámoa ou túmulo debido a que foi completamente lavada polas augas represadas. Tan só podemos contemplar, da estrutura arquitectónica, dous ou tres esteos que posiblemente estean na súa posición orixinal, así como os restos do anel peristalítico que podería ter a función de suxeitar a terra que conformaba a mámoa.



Fotografía do blogue megaliticia.


Dentro, ou a partir da tipoloxía das plantas das cámaras megalíticas efectuada por Eguileta Franco para as antas da Baixa Limia, a anta número 13 de Outeiro de Cavaledre, forma parte das cistas con cámaras rectangulares simples. 

Como se pode ollar na planta de Eguileta e na fotografía anterior, a erosión semella que está a seguir afectando a esta cámara, de xeito que é probable que desapareza en pouco tempo: dos cinco esteos que debuxou Eguileta, agora tan só fican en pé tres deles.



Planta da Anta Outeiro de Cavaledre 13, a partir do orixinal de
Eguileta Franco, 1993-1994.


En Sigrás, no mes de marzo de 2025
Saúde, sorte e libros!!!


PARA DISFRUTAR AS TERRAS DA BAIXA LIMIA, QUE HAI QUE VER?

Absolutamente todo.

https://www.concellomuinos.com/
https://patrimonionatural.xunta.gal/es/baixa-limia-serra-xures
https://www.komoot.com/es-es/guide/506926/rutas-de-senderismo-en-baixa-limia


ENLACES NECESARIOS

https://megaliticia.blogspot.com/2021/10/Dolmenes-sumergidos-Embalse-Salas.html

https://una-universitaria-mas.blogspot.com/2014/06/epigramas-de-marcial-seleccion.html

https://www.facebook.com/xavierperdiz/posts/pfbid02Wa77shf34WpAbodctKpmkose6hLfZYk8as5k2kzeRc6ffYVEwmCcCWmaFvdBBPtQl

Eguileta Franco: "As mámoas dos concellos da Baixa Limia. Aportación al catálogo de monumentos tumulares de la comarca". Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XI. Fascículo 106. Santiago de Compostela 1993-94.

mércores, 5 de marzo de 2014

ANTA-DOLMEN DA MINA DAQUELA BANDA. San Martiño de Carantoña, Vimianzo

ANTA-DOLMEN DA MINA DAQUELA BANDA.

Esta gran anta (tipo cista) publicada na páxina patrimoniogalego.net por Manuel Rial, atópase na parroquia soneirense de Carantoña.




Está inserida nun pinar e os tres esteos que compoñen a súa estrutura arquitectónica semellan posuir unhas boas dimensións. Precisamente as tres pedras que parecen conservarse forman unha planta rectangular, o que permite deducir que a anta pode adscribirse crono-culturalmente aos monumento tipo cista da Idade do Bronce. En Galicia hai varios exemplos deste tipo de enterramentos pero ningún deles foi obxecto de intervención arqueolóxica algunha que permita demostrar estas aseveracións que xa son un clásico nas conclusións da arqueoloxía galega.

Segundo Manuel Rial, a pedra cobertora atópase nos arredores da cista e a estrutura tumular na que se insire a cista aparece en bastante bo estado.



Fotografías e información de Manuel Rial

martes, 14 de maio de 2013

CISTA DO XACEMENTO DE TARAIS. Riasón, A Illa de Arousa

CISTA DO XACEMENTO DE TARAIS. Riasón, A Illa de Arousa

Unha das tres cistas das que se compón a necrópole do xacemento de Tarais é a que podemos ver nesta fotografía. Son, efectivamente, tres cistas que quedaron á vista debido á poderosa erosión que está a afectar esta zona. A cista que podemos contemplar na devandita fotografía conserva polo menos tres dos catro esteos que a conformaban. Non conserva sen embargo  a tampa ou pedra cobertora; a planta é rectangular.

Como se pode deducir pola fotografía, estas cistas corren un grave risco de desaparición, non só debido aos temporais e ás mareas, senon temén debido a que esta é unha área de forte explotación marisqueira.



Fotografía e texto extraídos de patrimoniogalego.net. Autor pandulleiros.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 31 de xaneiro de 2013

CISTA DE GANDÓN. San Cibrán de Aldán, Cangas do Morrazo

CISTA DE GANDÓN. Aldán, Cangas do Morrazo

Trátase de dúas cistas atopadas ao realizar unha escavación no soto dunha vivenda particular. O Arqueólogo Peña Santos desenvolveu unha escavación de urxencia e sairon á luz as dúas devanditas cistas que non tiñan tipo algún de estrutura tumular. A primeira cista tiña planta trapezoidal con cincoenta e cinco centímetros de lonxitude mámima; non mantiña pedra cobertora nin unha das pedras cabeceiras. As dimensións eran de trinta centímetros na base menor e cincuenta e tres centímetros na maior. A orientación era norte-sur. No seu interior apareceron restos dunha incineración.







Plantas das Cistas de Gandón 1 e 2 segundo versión
de Ramón Boga Moscoso



A segunda cista atopábase cuberta cunha lousa grande de superficie e formas irregulares cunha dimensións máximas  de cento oitenta e cinco metros de lonxitude, cento sesenta metros de ancho e trinta e cinco centímetros de fondo. Nunha das pedras do sudoeste apareceron gravadas cinco cazoletas. Todo o conxunto estaba rodeado dunha especie de anel lítico perimetral. Sobre o xabre apareceu un brazal de arqueiro e unha placa de cobre.


BIBLIOGRAFÍA

Beatriz Comendador Rey:
Los inicios de la metalurgia en el Noroeste de la Península Ibérica 

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 30 de xaneiro de 2013

CISTA DE PEDRAMARRADA. Santa Comba de Carnota, Carnota

CISTA DE PEDRAMARRADA

Formaba parte dunha necrópole composta por tres cistas e atopábase nunha plataforma litoral. As tres cistas estaban orientadas do norte ao sul e distantes entre si de seis a sete metros. Dúas das cistas foran violadas, unha estaba totalmente destruida e da outra quedaba só unha laxe lateral.A máis completa conformaba unha cista rectangular na que cada lado estaba formada por unha lousa e a pedra cobertora por outra, que estaba rota. As dimensións desta tampa excedían a planta da cámara en todo o perímetro (entre 10 e 15 centímetros). Formaba así unha especie de caixa rectangular coas laxes moi pulidas pola parte interior. As medidas ían desde 0s 106 centímetros de longo, setenta de ancho e setenta de fondo. Atopábase calzada nos seus extremos por grandes cantos rodados. O enxovar exhumado desta cista case intacta cifrouse nun puñas de espigo, un brazal de arqueiro así como restos de ósos.







Puñal e planta da Cista de Pedra Marrada,
segundo versión de Ramón Boga Moscoso



BIBLIOGRAFÍA


Beatriz Comendador Rey:
Los inicios de la metalurgia en el Noroeste de la Península Ibérica

En Sigrás, saúde, sorte e libros 

CISTA DE ATIOS. Porriño

CISTA DE ATIOS

Foi atopada no lugar de Tanés, pertencente á parroquia de Atios, no concello de O Porriño. Quedou ao descuberto debido aos traballos dunha explotación mineira.

Estruturalmente amosa unha forma rectangular con medidas que van desde un mero e cincoenta e nove centímetros ata un metro e trinta centímetros, aproximadamente. Confórmase mediante catro lousas de granito e outra máis cativa que fai de peche da xunta SO, que non axustaba tan exactamente como as outras. 



Planta da Cista de Atios,
segundo versión de Ramón Boga Moscoso


Posuía unha pedra cobertora que sobresaía do conxunto en planta. No enxoval exhumado había dous puñais de espigo, ambos os dous con dobre fío de bisel e dous cilindros de ouro decorados con gallóns nun arame de forma espiral e sección romboidal de prata.


Enxoval da Cista de Atios.
Museo Municipal Quiñones de León, Vigo


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

Esta pequena cista adscrita á Idade do Bronce atópase nun pequeno outeiro na liña de costa que se eleva sobre o mar formando unha lixeira dorsal ubicada entre dúas pequenas calas. Atopouse no perfil dun camiño que percorre o outeiro na ladeira norte, próximo ao cumio e emprázase de costas ao mar e orientada cara a unha pequena braña. Non se coñecen materiais procedentes dela. 

Foi atopada e catalogada pola profesora Josefa Rey Castiñeira.









Fotografía e debuxos extraidos da publicación "Lugares para grabar, lugares para morrer, petroglifos e cistas na Idade do Bronce do NW da Península Ibérica". Bóveda Fernández, M.J., Cañizo Fraga, A., Vilaseco Vázquez, J.I.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 4 de novembro de 2012

CISTA DE A FORXA. Lugar Vilariño de Touzas, San Miguel de Progo, Riós.

CISTA DE A FORXA. 

Trátase dunha pequena cista escavada arqueolóxicamente por Fidel Méndez Fernández no ano 1995. Pódese considerar como un exemplo paradigmático de sepultura da Idade do Bronce Inicial en Galicia.

Atopábase, como dicía antes, na parrqouia de Vilariño de Touzas, pertencente ao Concello de Riós en Ourense, a uns oitocentos metros de altitude nunha zona bastante chan.


Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1995

Adoptaba unha forma rectangular orientada do Leste ao Oeste e estaba conformada mediante catro lousas de pizarra. Tamén estaba cuberta por dúas laxes de pizarra, polo menos. Foi atopada polo dono da leira mentres realizaba labouras agrícolas.

As medidas acadaban o metro e medio no eixe leste-oeste, noventa centímetros no eixe norte-sul e tiña sesenta centímetros de profundidade. Atopásase constrtuida sobre un foso escavado directamente no sustrato mineral.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1995

No interior había varios anacos de cerámica de perfil troncocónico. Noutros catro recipentes cerámicos apareceu bastante materia orgánica carbonizada, de xeito que puido ser datada con bastante precisión. Tamén se analizaron os restos doutros dos dous recipentes e os restos son intepretados como cervexa.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA


MÉNDEZ FERNÁNDEZ, F.  "Informe valorativo sobre la excavación en la Cista de A Forxa. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia, inédito.

PRIETO MARTÍNEZ, M.P et al "Dos enterramientos de la Edad del Bronce de la provincia de Ourense. Congresso Transfoiteriço de Arqueologia. Un Património sem Fronteiras". Actas del Congreso.

mércores, 11 de xullo de 2012

ANTAS-DOLMENES DO GUIDOIRO AREOSO. A Illa de Arousa.

ANTAS-DÓLMENES DO GUIDOIRO AREOSO.

O Illote do Guidoiro Areoso ou Xidoiro atópase na ría de Arousa e pertence ao Concello da Illa de Arousa.

O Guidoiro Areoso ten unhas dimensións moi reducidas, está sendo "comido" polo mar. Non ten ningunha fonte de auga.



Fotografía de Beatriz Comendador Rey

Arqueolóxicamente, trátase dunha auténtica "illa dos mortos" ou "cemiterio megalítico", ao dicir de Manuel Gago. No ano 1988 realizouse unha campaña de sondaxe e, posteriormente, realizáronse dúas campañas de escavación desenvolvidas de dirixidas por J. M. Rey García. Nestas campañas escaváronse varias antas e, aínda que as memorias completas de escavación están inéditas, un avance pódese atopar nas publicacións  da Xunta de Galicia "Arqueoloxía/Informes" dos anos 1991 e 1995.



Fotografía de Sole Felloza/Capítulo Cero


A primeira anta escavada acochábase nunha mámoa de pequenas dimensións, constaba de coiraza pétrea e formaría (non estaba completa) un círculo perfecto de ao redor dos seis metros de diámetro. Tamén estaba limitada -a coiraza- por un anel peristalítico de pedras chantadas máis grandes.



Foto de "Arqueoloxía/Informes" Xunta de Galicia 1991 e 1995.

A cámara, moi esnaquizada (froito de numerosas e abondosas violacións) conservaba cinco esteos que posiblemente debuxarían unha planta de tipo poligonal simple.

Unha das estruturas escavadas máis enigmáticas non se atopaba na superficie, senon que se acochaba debaixo da area: apareceu nun paleochán de cor negra intensa. Estruturalmente este pequeno complexo compoñíase dun anel peristalítico externo  dun metro de ancho e, no interior deste anel, apareceu outra estrutura circular formada por vinte pedras dun tamaño que oscilaba entre os 20 e os 50 cms, a un nivel máis baixo que as pedras do anel externo. Sen dúbida esta é unha construción novedosa e problemática dentro do mundo megalítico galego posto que non se pode saber cal é a súa función e tamén posto que non podemos estar seguros da súa posible/improbable función propiamente funeraria.



Foto de "Arqueoloxía/Informes"
Xunta de Galicia 1991 e 1995.

Na escavación desta "rara avis" do mundo megalítico? galego, exhumáronse diversos materiais que se cifran en oitenta olas de cerámica, lascas, ósos de bóvido e de cápridos, etc. Pero se cadra o máis interesante foi o achádego de dúas "variñas ou punzóns" que, despois de ser sometidos á técnica da Fuorescencia de Raios X para a súa datación, foron considerados uns dos obxectos de bronce máis antigos da Península Ibérica.

Segundo Beatriz Comendador Rey, o emprazamento na praia indicaría a existencia de navegación polo interior da ría durante a nosa Prehistoria Recente.

Nota: a estrutura máis semellante que eu atopei en Galicia foime ensinada por Manuel Pisón e atópase no Valadouro. Podédela ver neste Blog no capítulo adicado á Anta de Santo Tomé. Denomínase Círculo das Pedragosas.

Outra das antas que quedou recentemente ao descuberto:






Fotografía de Sole Felloza/Blog Capítulo Cero 


                                                                                             
PARA SABER MOITO MAIS:


http://www.manuelgago.org/blog

http://apedradoencanto.blogspot.com.es de Beatriz Comendador Rey


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 8 de xullo de 2012

ANTAS-DOLMENES E PEDRAFITAS: Couto dos Mouros, Monte Marxós, Cista (Rodeiro); Agro da Pena (Dozón); Chousa Nova, Mámoa da Braña (Silleda); Marco do Camballón (Vila de Cruces); Mámoa do Cruce, Altar do Sol (Lalín)

ANTAS-DÓLMENES E PEDRAFITAS NAS TERRAS DO DEZA:

-Anta-dolmen Couto dos Mouros
-Anta-dolmen do Monte Marxós
-Pedrafita-menhir (posible) na contorna de Couto dos Mouros
-Pedrafita-menhir en Lalín de Arriba
-Cista de Rodeiro
-Anta-dolmen do Agro da Pena
-Anta-dolmen da Chousa Nova
-Anta-dolmen da Mámoa da Braña
-Necrópole do Marco do Camballón:
      Anta-dolmen nº 5
      Anta-dolmen nº 2
      Anta-dolmen nº 3
-Anta-dolmen Mámoa do Cruce
-Anta-dolmen Altar do Sol


ANTA-DOLMEN COUTO DOS MOUROS. Alemparte, Rodeiro

Atópase na parroquia de Alemparte (Concello de Rodeiro), nunha penechaira na que se ubican unhas cantas antas máis.

A anta de Coto dos Mouros ubícase nunha mámoa de tipo medio grande moi coberta de vexetación, e é fácil de localizar porque se insire case como unha illa no medio de pradeiras gañadas ao monte.

Obviamente a anta aínda non foi obxecto de ningunha escavación arqueolóxica, pero parece, a simple vista que se conserva en bantante bo estado.

Segundo informacións de Manuel Lestón, no interior da mámoa consérvase unha anta que describe planta poligonal composta por oito esteos. O esteo que fai de cabeceira atópase algo inclinado cara ao interior e nel vense restos de pintura parietal que forman zigue-zagues e unha gravura, noutro esteo, que representa un antropomorfo.

O corredor ten á vista un tramo corto e conserva dúas pedras cobertoras grandes. 



Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 2010.




ANTA-DOLMEN DO MONTE DOS MARXÓS. Rodeiro

A primeira noticia que me chegou acerca desta anta foi a través de Manuel Lestón. Efectivamente, cando por encargo da Xunta de Calicia este arqueólogo dirixíase a recoñecer a Anta de Couto dos Mouros para eleborar un informe, polo camiño atopou uns cantos esteos esnaquizados que formaban parte dunha mámoa que fora destruida  recentemente. O primeiro que lle chamou a atención, á parte da magnitude dos esteos, foi que todos eles estaban decorados con pinturas megalíticas. 

Hoxe en día os esteos da anta de Monte dos Marxós atópanse depositados no Museo de Pontevedra. Segundo Fernando Carrera, que realizou os traballos de limpeza e documentación das pinturas prehistóricas, formarían parte dunha cámara poligonal composta por sete esteos e corredor corto formado por outros catro esteos así como un anaco da pedra cobertora. Todos estes esteos aparecen enlucidos cunha preparación de cor branca. Os esteos verticais da cámara e corredor están decorados con pintura roxa e negra. 


Planta hipotética da Anta de Monte dos Marxós, segundo Fernando Carrera


BIBLIOGRAFÍA

Fernando Carrera: "Informe sobre los trabajos de limpieza y documentación de la pintura prehistórica conservada en los ortostadot de la mámoa de Monte dos Marxós (Rodeiro, Pontevedra), depositados en el Museo de Pontevedra".


PEDRAFITA-MENHIR (POSIBLE) NA CONTORNA:


Moi preto da anta Coto dos Mouros aparecen unha serie de pedras fincadas de tipoloxía semellante ás pedras que forman as cámaras das antas. Esta en concreto, xunto a outras, aparece formando un poste ao que se enroscan os arames para formar un cercado. Polas súas características semella unha pedrafita, feito que non se debería esgotar tendo en conta as características chairas da zona. Posiblemente, si é o caso, funcionarían como fitos anunciadores da necrópole, sempre en zonas de cambio de vertente, e en lugares moi visibles a longa distancia.

PEDRAFITA-MENHIR NA Estrada Lalín-Rodeiro (Lalín de Arriba):

Cando ía na busca da anta de Couto dos Mouros, pola estrada que leva a Rodeiro desde Lalín, na dereita da estrada, un curioso monolito chamou a miña atención. Trátase dunha pedra cilíndrica asentada sobre un pedestal de cemento que foi colocada alí non se sabe por quen nin porqué. Engado neste apartado polo curioso da situación.


Fotografías realizadas por Ramón Boga, 2010.


CISTA DE RODEIRO

Foti atopada durante a realización de labores agrarias e consérvase unha soa lousa con gravuras no lugar de A Tiza, noa arredores de Rodeiro.

A forma do único esteo conservado é paralelepípeda con decoración de liñas e trazos xeométricos de non doada interpretación. Existe a nova de que na cista foi exhumado un puñal pequeno de tamaño que se extraviou misteriosamente, así como una vaso cerámico, tamén moi pequeno e esnaquizado, ao que lle faltaba o bordo: posuía un fondo plano con un suave gollete que tiña a bordura pouco sainte.


ANTA-DOLMEN DO AGRO DA PENA. Dozón.

Trátase de cinco esteos que se atoparon ao destruir unha mámoa no concello de Dozón. Son esteos de pequeno tamaño mais ou menos completos e fracturados.


Esteos do Agro da Pena. Fotografía Fernando Carrera


Fernando Carrera foi o encargado de analizar os cinco elementos megalíticos posto que case todos os esteos conservan pinturas prehistóricas. Á beira doutros dos esteos que quedaron na mámoa destruida, todas elas formaban parte do conxunto arquitectónico.

O estado dos esteos e o grao de destrución do xacemento impiden aventurar a ubicación orixinal dos mesmos e reconstruir unha cámara megalítica.

Aínda que non se conserva ningún gravado, en catro dos cinco esteos do monumento consérvanse pinturas prehistóricas. Hoxe en día os esteo da anta do Agro da Pena están depositados no Museo de Pontevedra.



Esteo do Agro da Pena. Fotografía de Fernando Carrera



BIBLIOGRAFÍA

Fernando Carrera Ramírez: "Informe sobre los trabajos de documentación y conservación de la pintura megalítica existente en los ortostatos de la Mámoa do Agro da Pena" (Dozón, Pontevedra).


ANTA-DOLMEN DA CHOUSA NOVA, Silleda.

Trátase dunha anta que aínda non puiden visitar. A información así como as fotografías foron extraidas da páxina patrimoniogalego.net e o autor das fotografías firma co seudónimo xandlinathry.




A mámoa na que se acocha a anta foi destruida parcialmente debido á construción dunha pista forestal así como polas labouras agrarias recentes, como en tantos outros sitios do noso país. 

A estrutura tumular atópase ben delimitada por unha gabia externa e por un anel pétreo. No centro da mámoa ubícase unha anta que se conforma a través de cinco esteos e un espazo aberto cara ao leste. A anta é de escasa altura e ten o aspecto dunha cista.




O conxunto megalítico foi afectado pola construción da líña férrea do AVE entre Santiago e Ourense. Foi así que se procedeu a unha completa escavación arqueolóxica na que apareceu a cámara prácticamente intacta. Na devandita escavación exhumouse un bo enxoval con varios uteis de pedra pulida  eun colar de doas de ámbar e variscita. Despois da construción da liña férrea soterrada, o conxunto megalítico foi reconstruido no seu lugar orixinal.


BIBLIOGRAFÍA

Bóveda Fernández, María José: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra). Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DA BRAÑA. San Paio de Refoxos, Silleda

Os restos conservados desta gran anta consérvanse no Museo de Pontevedra. Proceden dunha mámoa destruida hai xa algúns anos debido a labores agrícolas.


Calco dun dos esteos da Mámoa da Braña. Autor, ver bibliografía.


Da destrución salváronse varios esteos da cámara que amosan interesantes gravuras que de debuxan a través de vairas series de liñas ondeantes e un rego central, unha fiada de sete círculos, un motivo solar e oito ondeantes verticais.


Autor, ver bibliografía.


Estes motivos repítense con naturalidade en moitas antas galegas.


Autor, ver bibliografía.




BIBLIOGRAFÍA

Carballo Arceo, L.X. e Vázquez Varela, J.M.: "Nuevos hallazgos de arte megalítico en la provincia de Pontevedra: a Mámoa da Braña". Gallaecia, nº 7/8. Ediciós do Castro  1984.


NECRÓPOLE DO MARCO DO CAMBALLÓN. Oirós, Vila de Cruces

Entre Silleda e Lalín, na parroquia de Prado, hai que coller a estrada ata Oirós e, en Bodaño, hai que virar á dereita, ata chegar á penechaira.

Forman parte dunha necrópole de quince mámoas, das que tres están a conservar restos da cámara, e outras tres amosan restos do anel periférico pétreo. Aínda que parece que non corren perigo inminente de desaparición, se non se acometen traballos de consolidación urxentes, tanto os axentes metereolóxicos  como a acción antrópica están a erosionalas de xeito  que pode resultar inexorable.


ANTA-DOLMEN Nº 5 DO MARCO DO CAMBALLÓN, Vila de Cruces.

A primeira anta, que se sinala co número cinco, conserva sete esteos imbricados, formando unha cámara poligonal que tende ao círculo, e non amosa restos do corredor. O esteo meirande atinxe unha altura dun metro e cincoenta centímetros por setenta e catro centímetros de ancho. Non conserva pedra cobertora nen amosa, a simple vista, restos do anel peristalítico: moi pretiño dela hai outra mámoa, tamén escavada, da que só se conserva un anel de pedra. Nun dos esteos da anta apareceron unhas gravuras de liñas sinuosas, liñas serpentiformes e un motivo solar ou helioforme. O enxoval exhumado nas escavacións, das que non hai memorias publicadas, consistiu en diverso material lítico pulimentado e lascado, un disco perforado e cerámica lisa e campaniforme.



Anta nº 5. Fotografía do ano 1994.
Fotografía de Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN Nº 2 DO MARCO DO CAMBALLÓN. Vila de Cruces.

A segunda anta, acochada dentro dunha gran mámoa, conserva cinco esteos. Atópase moi esmorecida con dous esteos pousados no chan. O meirande atinxe unha lonxitude dun metro e trinta e cinco centímetros e no ancho un metro e vintecinco centímetros. A mámoa está completamente cuberta de toxos  silvas..., posuíndo un tamaño de tipo medio.


Anta nº 5. Fotografía do ano 1994. 
Fotografía de Ramón Boga Moscoso



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN Nº 3 DO MARCO DO CAMBALLÓN. Vila de Cruces.

A teceira anta consiste nuns probes restos moi esnaquizados : un esteo chantado dun metro e cincoenta centímetros de altura con noventa e tres de ancho,  e dous esteos máis, tamén chantados, que non sobresaen máis de sesenta e cinco centímetros. Hai varios esteos de menor tamaño ciscallados ao seu redor. Semella imposible reconstruir a cámara. Foi escavada, deixando á vista, aparte daquiles restos da cámara, un anel de pedra circular de conside­rables dimensións, e dúas partes da mámoa que debeu ser unha das meirandes da necrópole.





 
Fotografías do ano 1994. Autor Ramón Boga Moscoso


Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO CRUCE. Parada de Alperiz, Lalín


Esteo gravado.
Debuxo de Moncho Boga, 1996

                                        
Para chegar. Na estrada que vai de Lalín a A Golada hai dous desvíos  que levan directamente a Parada. Está á beira da estrada, nun cruzamento.



Fotografías da Anta da Mámoa do Cruce no ano 1990.
Por Ramón Boga


Atópase nunha necrópole de seis mámoas que se coñecen como as Mámoas da Cruz. Nas datas en que Filgueria Valverde e García Alén fixeron o inventario de antas da provincia de Pontevedra, todas elas contaban con cámara dolménicas compostas, tamén todas elas, por sete ortostatos.   


 
Vista da Anta da Mámoa do Cruce no ano 2008.
 Autor, Ramón Boga


A Anta da Cruz confórmase por un esteo, que mide case un metro e medio, e que ten gravuras serpentiformes que representan auténticas serpes xa que aínda se poden distinguir as súas cabezas. O resto dos esteos da cámara apenas sobresaen. Foi obxecto dunha escavación hai unhos anos, e a súa disposición nunha encrucillada, a beira dunha estrada, fixo que a mámoa que a contén permaneza en lamentables condicións de conservación.



Vistas da Anta da Mámoa do Cruce no ano 2008.
 Autor: Ramón Boga


ALTAR DO SOL. Parada de Alperiz

Aínda que non o puiden atopar por falta de tempo, próximo a esta necrópole, atópase unha grupación de pedras con forma de recinto pechado que parece ser -segundo Filgueira- está presidida por unha gran pedra con dúas oquedades en forma de círculo que os veciños coñecen co nome de Altar do Sol. 

A devandita construción atópase a uns 40 ms da mámoa nº 3 de Parada, dentro dunha finca con monte raso de uces e toxos. O esteo sobresaía un metro e sesenta centímetros.

Como dicía, non atopei o Altar do Sol, pero nunha publicación do Concello de Lalín atopei a fotografía que amoso a continuación: 




BIBLIOGRAFÍA


Fernando Carrera: "Informe sobre los trabajos de limpieza y documentación de la pintura prehistórica conservada en los ortostatos de la mámoa de Monte dos Marxós (Rodeiro, Pontevedra), depositados en el Museo de Pontevedra".

Carballo Arceo, L.X. e Vázquez Varela, J.M.: "Nuevos hallazgos de arte megalítico en la provincia de Pontevedra: a Mámoa da Braña". Gallaecia, nº 7/8. Ediciós do Castro  1984.

Bóveda Fernández, María José: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra). Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!