mércores, 10 de setembro de 2025

ANTA-DOLMEN CHAN DE ARMADA 2. Santo Tomé de Piñeiro. Marín

ANTA-DOLMEN CHAN DE ARMADA 2

SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN VI


"El principio es aire infinito, a partir del cual se generan las coas actuales, las pasadas y las futuras, los dioses y las cosas divinas, y las demás cosas que proceden de aquel".

Anaxímenes de Mileto



Debuxo de Moncho Boga, 2025.

E retorno á Península do Morrazo, un día mais, un día mais polas altas terras de Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa..., ás terras do Cabo do Home ese outro fin do mundo, ese outro fisterra que otea vigoroso as augas infinitas do Mar Océano, desde onde case podes tocar coas mans as Illas Cíes. Volto ao sul.



Versión propia da planta realizada por Ángel Acuña no ano 1994
.

E continúo viaxando. Continuo viaxando polas turbulentas ondas de internet, polas redes, polos vericuetos do incomprensible, polos carreiros da infinitude. E continuo pola fermosa e impresionante Senda das Mámoas de Marín.



Chan de Armada 2. Foto Moncho Boga, 1990-93.

Deixo atrás, coa imaxinación, a necrópole da Chan do Outeiro de Ombra e transito xa na Chan de Armada, onde me están a esperar dúas antas xa coñecidas por min desde hai moitos anos. Dúas antas irrecoñecibles hoxe, dúas antas que non semellan as mesmas..., pero hai que dicir que a situación mellorou de xeito radical grazas, supoño, ao deseño da Senda da que me estou a ocupar.



Foto wilkiloc routes wandelen.


Todavía recordo as miñas primeiras viaxes megalíticas por todo o territorio galego: apartando toxos e silvas para chegar á meirande parte das antas e ás veces voltar sen atopar o buscado. Todavía recordo aquilas viaxes que me facían retornar novo en alma e corpo; todavía recordo a impresión tremenda cando atopabas unha anta no medio da matoxeira, no medio da nada, a onde non ía case ninguén.



Foto wilkiloc routes wandelen.


Chegaba coas indicacións xustas de amigos arqueólogos, chegaba cos mapas do Topográfico Nacional, escala 1:25000. E podo dicir que normalmente chegaba: entendíame mellor con eses estupendos mapas que hoxe en día co XPS.  Eran xornadas enteiras, xornadas nas que a emoción primaba por enriba de calquera outra consideración, xornadas nas que xantabas un bocadillo ou unha tapa nun bar calquera, onde tamén as indicacións do "Jíate por mín (JPM)" complementaban ao Topográfico Nacional.



Foto wilkiloc routes wandelen.


Pois ben, hoxe estou unha vez mais na Chan de Armada (non coñecía as antas do Outeiro de Ombra) e o que vexo, polos sendeiros internetianos, non ten nada que ver co que eu coñecía. É teño que constatar que o resulttado do que vexo é sorprendente tanto en canto ao estado destas coñecidas antas como ao cambio na contorna inmediata, sobre todo debido ás repoboacións con árbores autóctonas.



Fotografía megaliticiablogspot.com


A Anta-dolmen de Chan de Armada 2 acóchase nunha mámoa de dimensións medianas e está moi deteriorada polas escavacións arqueolóxicas antigas e tamén polos saqueos furtivos a que foi sometida ao longo dos anos. A mámoa acada unhas medidas que van desde os case dezasete metros no eixo leste-oeste, ata os trece metros do eixo norte-sul. A razón pola que este eixo é sensiblemente mais pequeno débese a que o túmulo foi cortado polo camiño que discorre polo seu lado norte. A altura supera en pouco mais de dez centímetros o metro.



Foto wilkiloc routes wandelen.


A mámoa foi escavada na década de 1950 por Sobrino Lorenzo-Ruza, escavación que foi unha das causas polas que esta anta se atopa en tan mal estado. Efectivamente, na escavación puxéronse á vista seis esteos que foron escavados ata a base, o que explica a súa inestabilidade e posterior derrumbe. Actualmente podemos contemplar eses seis esteos, tres na posición orixinal e o resto desprazados.




Fotografía wilkiloc rutas/sendeirismo.


A masa tumular, hemiesférica, amosa tres grandes zonas de case destrución. Por unha banda a remoción central, froito na case totalidade das escavacións de Sobrino Lorenzo-Ruza, profunda e ampla, ata a súa base. Acada unhas dimensións de case catro metros no eixo norte-sul e de catro metros e corenta centímetros no eixo leste-oeste. A profundidade da escavación acadou un metro e dez centímetros. Por outra banda, aparece un saqueo-violación probablemente furtiva, no que aparece outro esteo de grandes dimensións que poidera formar parte da pedra cobertora ou tampa. Por último, albíscase a destrución de mais de tres metros da mámoa polo lado norte debido ao paso dun  camiño.



Cartel de situación propio da Senda.


Supoño que froito do expolio arqueolóxico de Sobrino Lorenzo-Ruza, estánse a conservar os seguintes materiais: unha mecha de muíño, dúas bolas de cuarzo, dous coitelos de sílex, cerámica ocre e de cor vermella, dúas bolas de cuarzo, lascas de cristal de rocha e cuarzo...

Para rematar, sinto como unha reconciliación co mundo ao ver este tipo de iniciativas, sobre todo tendo en conta que implican unha limpeza polo miudo destes ilustres exemplares da nosa prehistoria: esperemos que a limpeza e mantemento das mámoas da Senda de Marín se manteña no tempo.


En Sigrás, no segundo día da infamia de setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES MOI INTERESANTES E MOI FECUNDOS

F. Carrera Ramírez e R. Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en le Noroeste Penínsular". Tórculo Edicións, 2006.


https://patrimoniogalego.net/index.php/5156/2011/09/mamoa-de-pedralonga/

https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-mamoas-de-marin-219310977/photo-132766529

https://cousasdecarragal.blogspot.com/2025/03/marin-la-recomendada-ruta-das-mamoas.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/ruta-pasada-auga-estrear-senda-das-mamoas/202406162121471308969.html

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/nueva-senda-das-mamoas-marin-podra-realizarse-proximo-2-junio/202405011229341302690.html

https://www.carriola.es/index.php/noticias-de-marin-by-julio-santos/7174-el-concello-inaugura-el-proximo-domingo-la-ruta-das-mamoas-con-una-andaina-desde-el-lago-de-castineiras

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024-roteiro-das-mamoas-de-marin-otonal-noviembre-desde-lago-castineiras-a-lagocheiras-192112111/photo-118661999

https://nl.wikiloc.com/routes-wandelen/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087

https://it.wikiloc.com/percorsi-escursionismo/vilaboa-lago-de-castineiras-y-rio-maior-204892555


https://pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087