sábado, 10 de outubro de 2026

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO COTO DAS FONTELAS. Santa María de Ventosa, Agolada

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO COTO DAS FONTELAS

SOSPEITOSOS HABITUAIS XVII

"Hay que evitar el combate en lugar de vencer en él. Hay triunfos que empobrecen al vencido, pero no enriquecen al vencedor."

Juan Zorrilla de San Martín



Debuxo de Moncho Boga, 2026.

Retorno, unha vez mais -e sospeito que non será a última- ás vagorosas terras de Agolada, volto á parroquia fecunda e amena de Ventosa, retorno á suave orografía do centro de Galicia. E retorno por mor dun elemento que casualmente chegou ás miñas mans, inopinadamente tamén, na forma dun marco de termo: un marco que termo que ten todas as  posibilidades de adquirir a esencia de auténtica pedrafita, de pedrafita reutilizada para delimitar un couto, para marcar un territorio.




Petróglifo a base de cazoliñas aliñadas do Coto das Fontelas.
Fotografía de Alex Negreira en megaliticia.blogspot.com

Non teño fotografías desta pedrafita, pero confío en que algún dos incansables investigadores da terra de Agolada véxase impelido a partir de agora a buscar este singular monumento. Por outra banda, sexa ou non sexa un elemento de adscrición neolítica, non hai, nin vexo, ningunha razón como para non engadir os marcos de termo no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. E este elemento está catalogado como "marco de termo", precisamente.


Debuxo de Moncho Boga, 2026.

Para chegar tan só conto cunhas indicacións que probablemente non valgan para nada; aínda así, como me gusta desenvolver as narracións que non levan a ningures, procedo con total improvisación, premeditación e alevosía. É así que tomamos como punto de partida a capital municipal, para logo coller a EP-6307 con dirección a Rodeiro, ata chegar ao lugar de Laxe. Unha vez pasamos  esta poboación, e deixando detrás as últimas casas, antes do desvío cara a Treibamas, aparece unha curva moi pronunciada: á súa dereita, como por ensalmo, ábrense dous camiños dos que hai que coller obrigatoriamente o da esquerda e despois deambular ao redor de setecentos ou oitocentos metros ata chegar a un punto onde o camiño se bifurca. Pois ben, semella que a nosa presunta e sospeitosa pedrafita eríxese a uns vinte metros da devandita bifurcación, no camiño da esquerda. Ao outro lado deste camiño hai unha gran pradeira que está pechada cunha muralla de pedra.


Por ista ampla zona debe ubicarse a Pedrafita do Coto das Fontelas.
Google maps.

A pedrafita do Coto das Fontelas está emprazada na aba do leste do devandito Coto; o uso da contorna é maiormente forestal e de pradeiras. Repoboacións de piñeiros e o noso sempiterno monte baixo, selvático e contumaz, predominando abrumadoramente as xestas, os toxos, as silvas e outros moitos elementos botánicos de naturaleza miuda. Tamén podemos aventurar, sen lugar a ningún tipo de titubeo, que a nosa sospeitosa habitual atópase nun excelente estado de conservación.

Atópase ubicada, en definitiva, moi preto do lugar de Laxe xusto ao carón do camiño, e foi catalogada debido a unha gravura que amosa nunha das súas caras. A gravura, segundo as informacións  recibidas, pode ser tanto unha "M" como unha "H".

Debuxo de Moncho Boga, 2026.


A forma xeral da pedrafita é de tipo cilíndrico lixeiramente abombada de fronte e vaise estreitando desde a base (mais ancha) ata a croa, onde é moito mais estreita e redondeada. A pouco mais da metade debuxa unha especie de rebaixe a xeito de escotadura o que lle confire un certo aspecto fálico. Para as medidas, non sobrepasa o metro e trinta centímetros de altura e na base non chega aos cincuenta centímetros de ancho. Toda a súa superficie está perfectamente traballada, rebaixada, ata se podería decir que moi ben puída, desbastada.

Na área inmediata existe polo menos unha mámoa e ao redor de catorce paneis de petróglifos. Un estudo mais rigoroso permitiría atopar sen dúbida algunha os camiños prehistóricos que sucan esta terra así como algunha posible necrópole megalítica. Malia todo iso, moi preto, fora da área concreta, atópanse as mámoas de Parada, así como diversas zonas de petróglifos que bordean a contorna do Monte ou Coto das Fontelas: Pena da Moura, petróglifos dos Coutos, de  Gramil, da Gándara.... Un lugar e un emprazamento máxicos, por certo.


EN SIGRÁS, NAS SINGULARES XORNADAS DE PRINCIPIOS DO OUTONO DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


ENLACES E BIBLIOGRAFÍA

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/petroglifos-de-ventosa

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Petroglifos-Coto-das-Fontelas.html

María José Fernández García, Luis Fernando Pérez Méndez: "Gravados rupestres de Agolada". Anuario de estudios e investigación de Deza, nº 8, 2006.