jueves, 5 de diciembre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DAS FERRERÍAS. San Pedro de Vilalvite, FRIOL

PEDRAFITA-MENHIR DAS FERRERÍAS

SOSPEITOSOS HABITUAIS VII

Hermes fue seguramente el más astuto, travieso y embaucador de los dioses del Olimpo griego. Su atrevimiento era tal que incluso llegó a realizar hazañas tan increíbles como robar el tridente de Poseidón, la flechas de Artemisa o el cinturón de la bella Afrodita.

J.M. Sadurni, Historia National Geographic.



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Estou, unha vez mais (e espero que non sexa a última) nas vagorosas e feraces Terras de Friol, territorio que xa forma parte indisoluble e indiscutible do meu real imaxinario. Pertencente á comarca de Terra de Lugo, entre correudos castelos, pazos, relatos lexendarios, mouros e mouras, regatos caudalosos, terra de romanos, de celtas..., trátase, aínda por enriba, dunha das estacións megalíticas mais densas de Galicia, e a parroquia de Vilalvite non é allea a este fenómeno universal.



Pedrafita-menhir das Ferrerías.
Fotografía Xabier Moure, 2016.

Nos últimos anos foron aparecendo diversos elementos de problemática adscrición megalítica, e este exemplar é un deles. Tamén, nos últimos tempos, fóronse creando roteiros megalíticos e mesmo fóronse poñendo en valor (coa correspondente sinalización) moitas das necrópoles así como diversos elementos illados. Aficionados e expertos foron completando un auténtico mapa do megalitismo de Friol coa correspondente xeorreferencianción, de xeito que hoxe en día é bastante doado chegar a estes monumentos.

Un dos grandes investigadores, inquedo e incansable, é Xabier Moure de cuxo blogue extraín este novo sospeitoso habitual. Xabier Moure foi anotando, dando a coñecer e edificando  tanto a través da prensa, das denuncias en Patrimonio da Xunta e, como non, coa exhaustiva catalogación no seu monumental blogue "o noso patrimonio", un auténtico corpus da prehistoria galega.

Neste caso conta e describe un enorme, grandioso, esteo que acada mais dos tres metros e trinta centímetros de altura á vista: apunta Moure que o chanto está enterrado outros tantos metros e dicir, tres metros mais, cousa que semella un pouco esaxerada...



Pedrafita-menhir das Ferrerías.
Fotografía Xabier Moure, 2016.

O colosal esteo que nos ocupa foi chantado no emprazamento actual por un home chamado Cesáreo que a desenterrou a finais da década de 1990 duns terreos que estaba acondicionando para a súa conversión en pradeira, en pastizal. Tamén apunta que  este home relatoulle que apareceu outra pedra semellante entre a vexetación, pero algo mais cativa. Alberte Alonso pregúntase si non sería un anaco desta pedrafita... Tamén considera Alonso que podería adscribirse ás pedrafitas da tipoloxía fálica.

Atópase moi preto dunha necrópole megalítica, nunha ampla chaira e, ao seu carón discorre  o Camiño Real, coñecido nesa zona como Camiño dos Mouros.

A súa cercanía a varias necrópoles megalíticas (aínda que non está no seu emprazamento orixinal), a súa feitura artificial, e a súa proximidade a unha vía de tránsito, seguramente en activo desde épocas prehistóricas, son motivos suficientes para engadir este impresionante esteo na listaxe das pedrafitas-menhires que xalonan pouco a pouco a xeografía galega.


En Sigrás, nos primeiros días do Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!


O HORIZONTE MEGALÍTICO EN FRIOL

Dicía mais enriba que o Concello de Friol, nos últimos anos, xa é un referente en canto ao fenómeno megalítico, en canto a necrópoles, enormes mámoas e pedrafitas. Aí vai unha listaxe bastante actualizada dos elementos que podedes visitar, contemplar, mirar e admirar..., para ampliar o coñecemento, en suma:

Anta da Moruxosa, Necrópole do Monteirón, Anta de Vilalvite, Pedrafita entre Narla e Trasmonte, Medorna das Pallotas, Medorna da Zanca, Anta de Nodar, Antas do Verdellón, Anta de Cotá, Pedrafita das Cazolas, Chao das Pallotas, Antas de San Cibrao da Pregación, Antas da Costa de Mera, Necrópole do Monte Vilaldar, Círculo lítico da Chousa do Toxo, Pedrafita do Agro do Castro, Pedrafita do Vieiro e Pedrafita de Fontedelo.


PARA SABER UN POUQUIÑO MAIS

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=aNTA+DE+vILALVITE

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Friol

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmenes-lugo.html

https://historia.nationalgeographic.com.es/a/hermes-embaucador-picaro-mensajero-dioses_21786