jueves, 19 de julio de 2012

Pedrafita-menir do Coto da Fontiña. Cuspedriños, Cotobade.

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DA FONTIÑA. Cuspedriños, Cotobade. Pontevedra

Extraordinaria pedrafita ubicada no Concello de Cotobade e dada a coñecer por X. Alberte Alonso Fernández para a comunidade cientítica. Debo a este autor tanto o préstamo das fotografías orixinais que aquí presento como a facilitación dos textos froito das súas minuciosas investigacións. A amigo Alberte ten máis mérito si cabe debido á casi inexistencia de traballos que exploren o carácter astronómico das nosas pedrafitas. Sen dúbida estamos diante dun precursor destacado en canto ao coñecemento do aspecto astronómico  do pouco coñecido mundo das pedrafitas galegas.

O que aquí vou amosar, ante a imposibilidade de contemplar in situ esta pedrafita, é un resumo dos concienzudos traballos de Alberte Alonso.

Para chegar. A pedrafita do Coto da Fontiña atópase a uns vinte quilómetros da cidade de Pontevedra, indo pola estrada de Ourense. Está ubicada nun cortalume moi preto da devandita estrada. Por un camiño próximo pódese chegar en coche ata uns setenta metros de distancia da pedrafita.


Fotografía de X. Alberte Alonso Fernández, 2005


A pedrafita amosa, pola cara do oeste, unhas concavidades que poden ser cazoliñas, no ángulo inferior esquerdo. A altura da pedrafita nesta cara acada un metro e corenta centímetros, e a sección rectangular. Na parte superior aparece un rebaixe con forma redondeada: probablemente é unha instalación para medir o tempo e así coñecer a chegada dun ciclo climático ou dunha estación. Nesa fendedura, a xuizo de Alonso, na parte superior, evidénciase a efectividade do posicionamento astronómico no solsticio de verán, "aliñamento solar comprobado in situ no solpor do día 21 de xuño de 2005".


Fotografía de X. Alberte Alonso Fernández, 2005


Na cara do leste a pedrafita, marco de termo entre as parroquias de Carballedo, Viascón, e San Xurxo de Sacos, podemos ver a precisión do posicionamento solar sobre a fendedura da croa da pedrafita, xustamente cumprindo a súa función anual de testemuñar e verificar o solpor desta data como cambio a unha nova estación.





Esquema elaborado por X. Alberte Alonso Fernández: aliñamento do posicionamento solar que coincide coa posición do sol, e dicir, coa chegada do solsticio do verán (observación realizada o 21 de xuño de 2005).


Como conclusión o noso amigo asevera que non hai outra data en todo o ano na que o sol  cadre coa Pedrafita como o fai no solsticio de verán. Por iso débese encadrar dentro da tipoloxía das pedrafitas de observación astronómica.


Fotografía de X. Alberte Alonso Fernández, 2005


NOTA: As fotografías foron realizadas por X. Alberte Alonso, que tivo a xentileza de enviarmas (cando aínda andabamos co formato analóxico).

Antas-dolmenes da necrópole de Santa Mariña. O Incio

NECRÓPOLE DE SANTA MARIÑA. O Incio, Lugo

Para chegar. Desde a estrada que vai de Sarria a Monforte, aproximadamente aos cinco quilómetros, debemos coller a estrada da esquerda que leva a Loureiro e Froián. Ao chegar ao lugar de Castelo hai que subir cara ao monte e á aldea de Formigueiros. Fronte á estrada que vai a esa poboación, debemos segugir unha pista que leva dereitamente á necrópole, a uns quinientos metros.

O Campo de Mámoas de Santa Mariña exténdese nunha zona chaira do monte de Santa Mariña, onde limitan tres concellos, a saber, O Incio -parroquia de Santa Cristina do Viso-, Samos (Santiago de Formigueiros) e Sarria coa parroquia de San Martiño de Loureiro.

Sen dúbida estamos diante dunha das necrópoles máis impresionantes de Galicia si temos en conta a gran cantidade de mámoas que conforma o conxunto, o reducido espacio que ocupan, a diversidade dos elementos tanto polas dimensións heteroxéneas como polas diferentes tipoloxías...

Esta estraordinaria necrópole está composta por máis de trinta mámoas, das cerca da metade conservan algún resto da estrutura arquitectónica.  

A necrópole foi obxecto de escavacións arqueolóxicas a cargo de Antón Rodríguez Casal, co que se deixaron varias cámaras á vista.

As antas mellor conservadas son as sinaladas cos números 8, 19 e 30.

A mámoa sinalada por Rodríguez Casal co número 30, acóchase nunha anta das do tipo poligonal seguramente sen corredor e conformada por sete esteos de pizarra moi finos, que se completa con outros esteos por detrás destes que funcionan a xeito de contrafortes, posiblemente. A cámara é de boas proporcións acadando máis de nove metros de lonxitude. No eixo máis pequeno (N-S) mide preto de dous metros. A mámoa é das do tipo medio grande.


 Fotografía, Antón Rodríguez Casal, Rev. Gallaecia nº 17.




Fotografías Moncho Boga, 1994.



Outras antas de Santa Mariña:






 Fotografías de Rodríguez Casal na Rev. Gallaecia nº 17.



Plantas das Antas da necrópole de Santa Mariña segundo Rodríguez Casal. Versión propia.

Nos últimos tempos parece que hai evidencias de restos de pintura parietal na cámara da mámoa sinalada co número 15.

BIBLIOGRAFÍA

Antón Rodríguez Casal, C. Gómez Nistal e Emiliana Romaní Fariña, "El fenómeno tumular y megalítico en las tierras de Sarria/O Incio". Rev. Gallaecia nº 17. Edicións do Castro, Sada.