ANTA-DOLMEN DA CRUZ DO PAU
"Al cabo de los años he observado que la belleza, como la felicidad, es frecuente. No pasa un día en que no estemos, un instante, en el paraíso".
Jorge Luis Borges.
Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025. |
Posible tampa da anta Cruz do Pau empregada como soporte dunha marquesiña. Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com |
Desde o lugar de Torroña hai que ir en automóbil e, pouco logo, camiñar unha distancia duns 400 metros ata chegar á anta. O acceso non é doado polo que se recomenda encarecidamente dispoñer dun XPS. O estado de conservación deste monumento megalítico non é moi bo.
Fotografía extraída do blogue megaliticia.blogspot.com
Malia que algúns interpretan que o topónimo "groba" procede da tribo galaica dos "grobios" (que se asentaban desde o Río Lérez até o Río Douro), semella mais probable que o devandito topónimo teña unha orixe xermánica: o significado viría a ser "vagoada", "zanxa", "barranco", "torrenteira"..., referíndose talvez aos numerosos elementos artificiais que probablemente se vencellan coas pegadas da minería antiga, qeu deixou as súas profundas feridas no territorio, e non ás anfrastuosidades orográficas. A anta Cruz do Pau atópase precisamente na penechaira das área mais alta, formando parte dunha necrópole megalítica que se asenta ao norte da cima. A distribución espacial das mámoas que conforman esta necrópole marca unha liña recta de ao redor dun quilómetro.
A tampa ou pedra cobertora da que falábamos mais enriba foi trasladada e reutilizada como soporte dunha marquesiña do autobús no lugar de Torroña: amosa na súa superficie diversas gravuras das do tipo cazoliñas.
Fotografía extraída do blogue maisquepetroglifos.blospot.com
Fotografía extraída do blogue maisquepetroglifos.blospot.com
A nosa anta, tamén alcumada (supoño que é a mesma) "Túmulo do Areeiro 4", foi saqueada vítima dos afanosos e covizosos buscadores de tesouros, tan destrutores e sen beneficio algún: pódese dicir que o fin nunca xustificou os medios. Malia esta desfeita cómpre subliñar que aínda está a conservar uns cantos esteos da súa estrutura arquitectónica ou cámara megalítica. Deses esteos destaca un dos que forman a cabeceira que amosa, pola súa parte externa (a que estaría tapada pola masa tumular) tres grandes cazoliñas moi ben executadas. Coma noutros moitos casos, é plausible que os motivos tiveron ou ben que ser realizados antes da colocación do chanto ou ben o chanto foi un elemento reutilizado: ambas as dúas posibilidades están sobradamente contrastadas noutras antas galegas. Nunha hipotética intervención arqueolóxica poderíase saber si os esteos amosan mais gravuras deste ou doutro tipo, considerando tamén as cazoliñas da tampa reutilizada en Torroña.
A mámoa na que se insire a anta é das do tipo medio e apenas sobresae do nivel do chan un metro e medio. Por toda a súa superficie aparecen espalladas unha morea de pedras de tamaño mediano, que deberon formar parte da coiraza. A planta posiblemente sexa das do tipo poligonal.
E, con gañas de voltar a estas inconmensurables terras, conclúo a cativa reseña doutra anta mais nos territorios galaicos do fin do mundo.
En Sigrás, a finais de xaneiro de 2026.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACES RECOMENDADOS E OBRIGATORIOS
https://www.calameo.com/read/006231724284b66cadcc6
https://megaliticia.blogspot.com/2025/08/Mamoa-da-Cruz-do-Pau.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html
https://masquepetroglifos.blogspot.com/2012/03/