Pedrafita-menhir da Cruz da Moa. A Capela
Hai uns días recibín un correo electrónico do camarada megaliteiro Xabier Moure Salgado, onde me contaba as súas andanzas e pescudas por terras do Eume, concretamente polo Concello de A Capela.
Contábame Xabier que esta pequena pedrafita, atópase cerquiña do cemiterio de A Capela, entre os lugares de As Mouriñas e A Pena da Cruz, topónimos que nos achegan á realidade megalítica da contorna.
As interesantes pescudas de Xabier levárono a falar cos veciños e un deles contoulle a pequena historia, que servirá de biografía, da pedrafita. Grazas a iso, hoxe podemos saber que a pedrafita foi reutilizada como marco entre varias fincas (desde tempos do seu bisavó) e que orixinalmente atopábase chantada no lugar de Cruz da Moa.
Se cadra o máis interesante deste relato é que á pedra acudían as mulleres que non podían ter fillos para tentar trocar a situación. Aínda que non sabemos nada dos rituales que se desenvolvían dese xeito, si estamos na situación de considerar que estamos diante dunha pedrafita que se pode encadrar dentro das do tipo fálico-fecundadoras, tanto pola súa forma, como pola súa función.
As cousas, sen embargo, cambiaron radicalmente para a nosa pedrafita cando o señor cura da parroquia decidiu que había que eliminar de raíz eses costumes pagáns, e ordenou destruir a pedrafita. Por sorte, aínda que cambiaron a pedrafita do seu lugar orixinal de emprazamento, o cura non foi quen de desfacerse dela.
Hoxe en día a pedrafita atópase tirada no chan. Adoita forma xeral cónica e ten unha altura aproximada dun metro e medio.
Fotografía de Xabier Moure Salgado. Blog: onosopatrimonio.