Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Salnés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Salnés. Amosar todas as publicacións

xoves, 10 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN NO OUTEIRO DO CRIBO. Santa María de Armenteira, Meis.

ANTA-DOLMEN EN OUTEIRO DO CRIBO.

"Algunas veces es dificilísimo permanecer despierto, sobre todo en una iglesia, pero, en cambio, dormir es muy sencillo, hasta los niños saben dormir admirablemente, y no son nada ilustrados."

Óscar Wilde: "El Fantasma de Canterville".



Debuxo de Moncho Boga, 2024


Para chegar ao petróglifo Outeiro do Cribo temos que desviarmonos na estrada CF-102 e, a unhs trescentos ou catrocenctos metros, á man dereita, atoparemos uns penedos nos que se atopa o panel de petróglifos, onde destaca un fabuloso labirinto e unha manada de cuadrúpedos. O estado de conservación é bastante regular debido sobre todo á erosión e á vexetación.

Buceando por aquí e por acullá, mergullado nos procelosos carreiros da internet, un día destes atopei unha nova ilusionante no Diario de Arousa (anos 2021 e 2022). Informábase do achádego dun novo dolmen na contorna inmediada do Petróglifo Outeiro do Cribo, nos Montes de Castrove no Concello de Meis.

Parece ser que o achádego prodúxose despois dunha prospección que realizou o Servizo de Arrqueoloxía da Deputación Provincial de Pontevedra, cando se atoparon diversos petróglifos e un fito de pedra que probablemente se corresponda a un marco de termo para marcar os lindeiros, ben entre parroquias, ben os do Mosteiro de Armenteira. Tamén se atopou unha mámoa, indicaba a información xornalística. Todos estes novos elementos arqueolóxicos atópanse na contorna inmediata do famoso petrófligo Outeiro do Cribo.

Apostillábase na nova do xornal que o Concello de Meis estaba a iniciar o proceso para a protección, posta en valor e intervención arqueolóxica para realizar unha ruta e así poder contemplar estes restos arqueolóxicos.



Fotografía do Diario de Arousa.

No ano 2022 un novo artigo ou reseña no mesmo Diario de Arousa, sinalaba no titular "Meis prepara un proyecto para poner en valor el entorno arqueológico de Outeiro do Cribo". Enfatizábase que tanto o Concelloc omo a Deputación estaban a traballar para poñer en valor a contorna arqueolóxica do Outeiro do Cribo, área onde apareceron novos petrógligos e a anta sinalada antes, non catalogados. Tamén se anunciaba a cesión completamente grratuita da parcela onde se atopan os restos, por parte do propietario. Sen embargo, diversos problemas administrativos sobre todo catastrais, levaron a que o proxecto non se retomase ata o ano 2025, como se constata noutra noticia do Faro de Vigo a saber, "Nuevo futuro para Outeiro do Cribo". Habendo dotación presupostaria por medio dunha subvención semella que este ano por fin vaise levar a cabo a limpeza-desbroce, escavación arqueolóxica e construción dunha pasarela para contemplar e preservar mellor os petróglifos.

Pouco podemos dicir da anta que nos ocupa, mais que se atopa inserida nunha mámoa de gran tamaño ("despois da mámoa de Chan da Gorita en Sanxenxo, esta é a mais grande localizada na comarca do Salnés") e que entre a matoxeira sobresaen tres grandes chantos graníticos. Probablemente, unha vez que se inicien as labores de limpeza, aparecerán novos elementos nesta espectacular área do Monte Castrove.



Labirinto do Outeiro do Cribo.
Fotografía do Diario de Arousa.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES NECESARIOS

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/petroglifo-outeiro-do-cribo-11501729https://www.diariodearousa.com/texto-diario/mostrar/3121342/arqueologos-descubren-meis-nuevos-petroglifos-mamoa-no-estaban-catalogados

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/meis-prepara-proyecto-poner-valor-entorno-arqueologico-outeiro-do-cribo-3483265

https://www.farodevigo.es/arousa/2025/04/15/nuevo-futuro-outeiro-do-cribo-116393568.html


xoves, 14 de novembro de 2024

ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO. A IIla de Arousa.

 

ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO

"La ecología no es sólo una moda. La salvación de la biosfera no es un programa que hay que dejarse para los ingenuos filántropos o los profetas desarmados; podrá ser eficaz -o no serlo- en la medida en que sea un cálculo responsable, nacido del conocimiento científico y la sabiduría política de todos los que participen en el juego".

PAOLO CASINI: "Naturaleza" Editorial Labor, S.A. Barcelona 1977.



Anta-dolmen do Guidoiro Areoso, segundo

versión de Moncho Boga, 2024.


Atópase nunha paraxe marítima espectacular á beira da Illa de Arousa, Illa mítica onde as haia, da que o continente estaba illado, pero ao que se uniu artificialmente na década de 1980 coa construción dunha ponte que rematou con esa separación milenaria en que estaban sumidas as xentes de terra firme.

O Illote do Guidoiro Areoso (ou Ghidoiro ou Xidoiro) atópase a pouco mais dun quilómetro da Illa. O lugar mais cercano é a Punta Quilma, desde onde se poden reservar embarcacións para achegarse a este idílico e cativo promontorio de pouco mais de 600 metros de longo e douscentos no mais ancho. Un pequeno itsmo está a separar pouco a pouco a parte mais rochosa da área dunar: é un indicio claro da subida do nivel das augas do mar e da erosión que ese evento provoca.



Illote Guidoiro Areoso.
Foto: https://historiadegalicia.gal/
.

Non me agradan moito os epítetos con que se ven alcumando este precioso illote desde hai xa algún tempo: illa dos mortos, o caribe galego..., que malia que teñan razón e base suficiente para chegar a estes alcumes, para mín é a illa dos dólmenes, a illa das antas, das cistas, das mámoas: a illa da prehistoria.



A Illa de Arousa. Abaixo, o Illote do Guidoiro.
Fotografía: https://x.com/SabiasGalicia/status/

Pero non só o Illote: si temos en conta que hai milleiros de anos a Illa de Arousa e os seus satélites illotes estaban unidos a terra firme, como unha especie de barra ou península, probablemente debamos considerar  a Illa e os seus illotes coma un todo. O xacemento de Riasón, diversos descubrimentos, a posible pedrafita de Pedra Quilma (de dubidosa adscrición prehistórica) e a gran cantidade de dólmenes do Illote do Guidoiro, fannos pensar non só que esta bisbarra foi habitada desde datas remotas, senon tamén que o fenómeno megalítico non debe ser únicamente cousa do Illote que nos ocupa.


A Anta nº 4 antes da escavación, despois da construción

do muro de contención, no ano 2011.
Foto: Patrimonio Galego.

Nada menos que cinco antas e catro cistas nun espazo tan reducido..., todo esto permite deducir que a acción do mar deixará á vista novos elementos. Aparecen de vez en cando, ciscallados por aquí e por alá, restos de ósos humanos, de animais, restos de cerámica, de metáis, útiles líticos, etc. 



Mámoa 4 segundo versión de Moncho Boga, 2024

Ata o de agora, absolutamente todos os xacementos megalíticos do Guidoiro sitúanse nunha área intermareal onde a implacable acción do mar vainos deixando ao descuberto e/ou destruindoos directamente; o interior está case completamente ocupado por un complexo dunar. Hai cinco monumentos megalíticos identificados, todos eles na metade sul da illa. En toda a extensión da praia foi aparecendo abondoso material arqueolóxico do Calcolítico, da Idade do Bronce (cerámica e restos de comida), da Idade do Ferro e romano. Seguramente nos vindeiros tempos aparecerán moitos mais restos que os temporais irán descubrindo.



O estado da anta da M4 antes da escavación.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/DOLMEN-AREOSO-3.webp

A historia das actuacións arqueolóxicas comenzou a finais dos anos oitenta do século XX, cando o arqueólogo Xosé Manuel Rey levou a cabo actuacións en dúas antas e rexistrou-catalogou a anta número 4, que daquela aínda estaba cuberta con toda a masa tumular. 



Muro de contención, anta e mámoa antes da escavación de 2017.
Fotografía: Xoán Arco da Vella.


No ano 2010, diante do tan repetido avance das mareas, comezáronse unha xeira de intervencións sistemáticas posto que quedou á vista parte da anta nº 4 (antes toalmente cuberta polo túmulo) e destruiuse totalmente a nº 5.  Nestas datas construiuse o muro de contención para protexer a mámoa 4. Unha publicación, do ano 2012, asinada por Xosé Manuel Rey García e de  Xosé L. Vilaseco, estúda as cinco mámoas do illote, dando conta das súas caracteristicas, dos materiais atopados ata entón e do grao en que estaban e están sendo afectadas polas mareas. 



Muro de contención e mámoa.
Fot: xoán Arco da Vella.

No ano 2015 levouse a cabo unha intervención arqueolóxica, sondaxes valorativas e labouras de conservación (nos últimoas 25 anos realizáronse catro campañas arqueolóxicas). Como estaba a expor antes, a acción do mar segue deparando novos achádegos (dúas cistas pequenas) e, a Asociación Pendulleiros" (activo colectivo  que entre os seus obxectivos están a preservación de todos os valores da Illa), descubriu restos óseos e alertou sobre a fraxilidade deste cativo territorio insular e da necesidade de protección, tanto da acción natural como da acción antrópica. 

Outro feito importante que se debe subliñar, é que debido á súa ubicación insular, só se pode acceder en lancha, feito que probablemente posibilitou que estas mámoas non fosen expoliadas en datas históricas, o que fai que sexa un dos xacementos megalíticos mais importantes de Galicia.



A Anta nº 4 antes da escavación arqueolóxica.
co muro de proteción de 2011.
Foto: https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html


Durante a escavación sistemática da mámoa nº 4, que se iniciou no ano 2017, contabilizáronse cinco mámoas (unha delas desaparecida pola acción do mar) e atopáronse restos de diversas épocas. A mámoa nº 5 era un túmulo duns nove metros de diámetro recuberto con coiraza pétrea e a súa estrutura arquitectónica compoñíase con seis esteos, feito que tamén a singulariza con respecto ao resto do megalitismo galego, que adoita posuir entre 5 e 7.



Foto aérea da M4 durante a intervención arqueolóxica.
Fotografía:  https://guidoirodixital.wordpress.com/: .


A mámoa nº 4, catalogada nos anos oitenta, conservaba toda a súa estrutura tumular, enteira, e puidose documentar unha parte da coiraza que a estaba a recubrir. Foi no ano 2011 cando se comprobou que a acción marítima estaba a destruir  boa parte da mámoa que ata entón estaba completa: esta acción provocou un corte transversal no perfil do norte, o que deixou á vista a anta que hoxe podemos contemplar escavada, consolidada e reconstruida. 



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

A análise da estrutura que quedou á vista foi o seguinte:  a planta da cámara megalítica semellaba alongada, tendendo ao rectángulo e mide dous metros e sesenta centímetros  de longo por un metro e cincoenta centímetros de alto; o largo non se coñecía porque estaba acochado no interior mámoa. Esta, pequena, acadaba uns dez metros de diámetro por un metro e vinte centímetros de altura: probablemente a cámara afroraría en altura. A composición da mámoa era de terra negra recuberta por unha coiraza de pedras de granito. Foi así, diante destas conclusións, e logo da análise correspondente, que  o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, acometeu as obras de construción dun gran muro de contención para protexer a anta da acción das mareas.



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

E chegammos ás escavacións do ano 2017. Unha vez rematada esa escavación comprobouse que a cámara megalítica estaba conformada por oito esteos de granito, cun espazo interior de dous metros e vintecinco centímetros por dous metros con 60 centímetros. Debuxa unha planta lixeiramente alongada e aberta ao leste-suleste. Un par de lousas, nesa mesma orientación, delimitan o corredor dun só tramo, que non supera o metro de anchura. A cámara estaba cuberta por unha tampa, aínda que unha soa lousa estaba en posición similar á orixinal. Segundo as evidencias, outra lousa cubriría o corredor, e dúas lousas a cámara.


Fotografía José Blanco do Colectivo A Rula.
Extraída do blog megaliticia.

O feito de que non fose expoliada en datas históricas posibilitou o achado de significativos restos arqueolóxicos in situ: pezas líticas, machados, esferas de granito, esferas circulares de xisto..., en total case 3000 fragmentos cerámicos, ao redor de 650 líticos e 7 pezas metálicas. Por iso o interior da cámara é de extraordinario valor debido a que poucas veces en Galicia foi posible realizar unha escavación arqueolóxica nun xacemento non alterado desde épocas prehistóricas. Neses estratos arqueolóxicos sen alterar atopáronse obxectos en posición primaria e dicir, na mesma posición e colocación na que foron postas aí, destacando, como dicía, varias machadas de pedra e algunha cerámica, coma unha cunca enteira completamente decorada. A todo isto hai que engadir mais de 70 mostras, malacofauna, carbóns...



Fotografía de: https://historiadegalicia.gal/.

Especialmente salientable foi a aparición dun cuncheiro na marxe surleste, na zona do corredor de acceso. Este cuncheiro probablemente foi formado durante a Idade do Bronce. Grandes bloques graníticos e alongados desprazados á esquerda da entrada da cámara indican que posiblemente nesas datas prodúxose o primeiro expolio: alterouse parte da estrutura central e da coiraza, descolocando todas as grandes pedras, algunhas do sistema de peche da cámara. Neste cuncheiro apareceron sobre todo restos de lapas, mexilóns e ostras. Tamén restos de dourada e farro, ósos de gando vacún, de ovella e de cabra. Así mesmo a prospección sistemática do illote permiiu rexistrar tres novas cistas (escaváronse dúas), unha mandíbula humana e unha fíbula: a mandíbula é o único resto humano da Idade do Ferro achado en Galicia. 



Fotografía da páxina: https://guidoirodixital.wordpress.com/.

Outro dos aspectos que se estudou durante a escavación foi a orientación da cámara. En xeral, en Galicia a orientación sempre é ao surleste, orientación que adoita coincidir coa saída do sol nos meses do outono-inverno, momento nos que as raiolas do noso astro iluminarían a maior superficie do interior da cámara. Sen embargo, a orientación da M4 é leste-surleste: non está precisamente orientada ao solsticio de inverno, senón a uns meses antes e despois desas datas. Polo tanto a súa orientación é singular posto que a iluminación do interior non está centrada no solsticio do inverno como é habitual nas cámaras megalíticas galegas.



Fotografía do blog Galicia Máxica.

A empresa TOMOS, S.L. foi a encargada da escavación, consolidación e restauración da Anta da Mámoa nº 4 do Guidoiro, traballos que combinaron coa colaboración de diversos expertos nas mais diversas disciplinas, o que converteu a escavación nun auténtico traballo interdisciplinar: edafólogos e xeomorfólogos (Ramón Blanco e Manuela Costa), especialistas en metalurxia (Beatriz Comendador), bioloxía (Teresa Rivas), canteiros, zooarqueoloxía (Carlos Fernández), xeocronoloxía (Elías López e Jorge Sanjurjo), fotogrametría Dixital Xeorreferenciada, especialistas en pintura parietal (Fernando Carrera), arqueosatronomía (César González-García). A directora da escavación foi a arqueóloga Patricia Mañana Borrazás.



Foto José Blanco-Colectivo a Rula. Extraído do blog megaliticia.

Para rematar, vou a introducir unha sempre interesante e produtiva consideración toponímica resumida dos estupendos estudos de Dolores González de la Peña. Segundo argumenta no seu blogue arqueotoponimia, a etimoloxía de Moralejo Laso da forma Guidoiros (Ghidoiros, con gheada), se explica polo gótico "wida: guía". Desde esta posición explicativa, serían ou servirían de auténticos faros, guías ou  guidoiros e dicir, referencias de navegación para ubicar elementos de singular importancia. Sen embargo,  Dolores inclínase por un caso de castelanización, sendo Xidoiro  o topónimo orixinario, talvez do latín "adjutorium" (protección, amparo, auxilio).  Por iso vencella o topónimo coa necrópole: atopa o étimo galaico-romano  "sciterium" ou "scitorium" que procede do latino "asciterium", homólogo de "monasterium", término que en moitos lugares da Europa Atlántica  se asocia con megalitos, se aplica aos lugares con antas. Serían, os dólmenes, considerados monasterios ou asciterios, templos pequenos, lugares de contemplación habitados por ascetas.



Mámoa 4 despois da escavación e reconstrución.
Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Un dos aspectos mais interesantes e posiblemente fructíferos do equipo que acometeu a intervención arqueolóxica no Guidoiro, atañe á vulnerabilidade dos xacementos costeiros diante do cambio climático, sobre todo con respecto ao nivel do mar: estes efectos están sendo dramáticos, senon desastrosos, no Guidoiro Areoso. A diagnose do equipo de investigación corrobora e asegura que a erosión continuará nos vindeiros anos, especialmente baixo as condicións de ascenso actual do nivel do mar que afectará lamentablemente ao rexistro arqueolóxico do illote.



A  M4 na hoxe en día.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/Outros/PHOTO-2022-08-09-14-13-01-scaled.jpg.webp

O patrimonio cultural e natural do  Illote do Guidoiro e/ou Xidoiro, así como todo o patrimonio da Illa de Arousa, debe ser estrictamente protexido, respetado e preservado, posto que non só é un singular espazo, senon que tamén é perigosamente vulnerable.


En Sigrás, no mes do magosto e do San Martiño de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!!


PÓDESE VISITAR ALGO MELLOR QUE A ILLA?

A Illa de Arousa (A Illa) é un concello ao que sempre hai que voltar: non ten nada sobresaínte e, sen embargo, todo é sobresaínte: é un TODO HARMÓNICO. Calquera rúa, calquera recuncho, cabo, golfo, reviravolta, praia, cala ou monte, ofrecen unhas estampas panorámicas difíciles de superar. O seu illamento milenario fixo que estas xentes e estas paisaxes adquirisen unha forte concencia de seu, unha forte raigame e unha sabiduría propia das xentes con identidade propia. 


ONDE MIRAR E APRENDER MAIS

Patricia Mañana-Borrazás, Ramón blanco-Chao, Mª José Bóveda Frenández, Daniel Cajade-Pascual, Manuela Costa-Casais, Alejandro Güimil-Fariña, Elías López-Romero, Santiago Vázquez Collazo e Xosé L. Vilaseco-Vázquez: "Lo que nos cuenta la marea. Prehistoria en el islote de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Galicia) a la luz de las últimas intervenciones" 2020. En "Actualidad de la Investigación Arqueológica en España I. (2018-2019)" Conferencias impartidas en el Museo Arqueológico Nacional. (PDF)

María Guadalupe Castro González: "La cerámica del Bronce Antiguo en la Mámoa 4 de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Pontevedra). 2020 (PDF).

"Arqueoloxía/Informes". Xunta de Galicia, 1991, 1995.

Elías López-Romero, María Pilar Prieto Martínez, Alejandro Guimil-Fariña, José M. Rey García, Patricia Mañana-Borrazás, X. Ignacio Vilaseco Vázquez, Carlos Otero Vilariña:  "Ocupación humana y monumentalidad durante la Prehistoria Reciente en el islote de Guidoiro Areoso (Ría de Arousa, Pontevedra): investigaciones en el marco de las dinámicas litorales atlánticas actuales".  Na Revista Trabajos de Prehistoria. CSIC,  2015.

https://guidoirodixital.wordpress.com/los-yacimientos-arqueologicos/

http://apedradoencanto.blogspot.com, de Beatriz Comendador Rey.

https://www.manuelgago.org/blog/2012/01/14/unha-viaxe-a-illa-dos-mortos/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2013/02/xidoiros.html?m=1

https://www.raidoviajeros.com/visitar-la-isla-de-areoso/

https://www.isloteareoso.com/tesoros-ocultos-del-islote-de-areoso/

https://www.nobbot.com/entrevista-arqueologa-patricia-manana/

http://patrimoniogalego.net/index.php/78211/2015/09/ghidoiro-areoso/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmenes-guidoiro-areoso.html

https://historiadegalicia.gal/2019/02/xa-podes-conecer-todos-os-segredos-dos-dolmenes-na-conecida-como-illa-dos-mortos-na-ria-de-arousa/

https://gazeta.gal/web/a-illa-guidoiro-areoso-a-illa-das-mamoas-parte-2-ria-arousa-pontevedra/

https://estonoesloquepareze.com/visitar-islote-areoso-ria-arousa/

https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html

http://www.xoanarcodavella.com/2012/10/mamoa-do-guidoiro.html

https://x.com/SabiasGalicia/status/1575206289092886545
    
https://www.bing.com/images/search?

view=detailV2&ccid=CB8%2Bhc39&id=7E8836CAEB49B0EF27988B87D4223AF79E847E36&thid=OIP.CB8-

 hc39tUUsECBVgVKJSwHaFz&mediaurl=https%3A%2F%2Fpbs.twimg.com%2Fmedia%2FFdxBxFOX0AAoHC5.jpg&exph=533&expw=680&q=Fotos+a%C3%A9reas+do+Guidoiro+Areoso&simid=6080167

                               



mércores, 9 de xullo de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE MIRAFLORES. Sanxenxo, Pontevedra

PEDRAFITA-MENHIR DE MIRAFLORES.

Trátase dunha máis que posible pedrafita  de observación astronómica, descuberta por Alberte Alonso no parque de Miraflores, na vila de Sanxenxo. Segundo me conta Alberte, despois dunhas pormenorizadas pescudas, a pedrafita foi colocada como elemento ornamental, xunto con outras diversas pedras, en diversos puntos deste espazo recreativo. Parece ser que as pedras atopábanse amoreadas de calquera xeito nunha silveira ubicada no mesmo lugar, de xeito que desde o Concello decidiron recolocalas nesta nova área. Os operarios encargados da operación erqueron a pedrafita dun xeito, por suposto casual, que a Alberte Alonso lle parece correcto. Considera así que esta nova ubicación foi  un acerto debido a que por ise mesmo lugar serpeaba un camiño tradicional que partía da beiramar e levaba ás necrópoles megalíticas de Chan da Gorita e Con da Ventureira. Ademais, á parte dun regato que discorre moi preto, a pedrafita de Padriñan atópase a pouco menos dun quilómetro.



    Fotografía realizada por Alberte Alonso


Formalmente a pedrafita describe unha forma xeral cónica na cara do oeste, cun lixeiro arqueo ou curvatura central; nos resto das caras presenta unha forma variable, e dicir, a base máis ancha que se vai estreitando pouco a pouco cara ao cumio. En definitiva, arestas pouco puidas, bastas..., cousa bastante común nas pedrafitas de observación astronómica.

Con todo, unha das chaves para a súa adscrición como pedrafita de observación astronómica é a concavidade central, que destaca na croa, necesaria para as verificacións soslticiais.

Para finalizar, non parece que haxa en toda a superficie ningún tipo de gravura, aínda que Alberte, logo da súa minuciosa investigación, observa varios rebaixes presumiblemente artificiais que talvez se puideran calificar como cazoliñas.

Outras fotografías:


    
Alberte Alonso estudando a pedrafita de Miraflores.





Fotografías de Alberte Alonso


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Fernández, X. Alberte, "O uso das pedrafitas no Neolítico Galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1.  Ed. SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega). Ourense, 2014.





venres, 11 de abril de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE SILVOSO. San Martiño de Meis.

PEDRAFITA-MENHIR DE SILVOSO. 

Segundo a descrición de X. Alberte Alonso Fernández, que foi quen a descubriu e que me enviou a fotografía que adxunto, este fermoso exemplar de pedrafita adscrita ás do tipo fálico, describe unha forma xeral piramidal, con toda a superficie perimetral moi ben traballada e cun posible pulimento integral. Na parte superior ou croa amosa pequenas liñas lonxitudinais gravadas. Á parte desas liñas, non se parecia en toda a súa superficie resto algún de gravuras artificiais.





Parece ser que a pedrafita foi achada na década de 1980 cando se estaba a proceder á escavación dun terreno para a cimentación dunha vivenda. Foi así que ao aparecer esta curiosa pedra, os propietarios decidiron conservala de xeito que a chantaron á beira da estrada que colinda coa súa vivenda.

O estado xeral de conservación é bo si exceptuamos o lugar no que se erixe actualmente.


BIBLIOGRAFÍA

 X. Alonso Fernández, "O uso das pedrafitas no neolítico galego" (Estudo das pedrafitas de Observación Astronómica e das pedrafitas fálicas). Ed. SAGA (Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega nº 1) Ourense, Febreiro 2014.

venres, 23 de agosto de 2013

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DE SAN LOURENZO. San Lourenzo de Nogueira, Meis.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DE SAN LOURENZO.


Atópase ubicada a un lado do camiño de terra que leva a unhas veigas, a uns cen metros do cemiterio, lindando coa igrexa.

Trátase dunha curiosa e chamativa pedra que, como case todos os elementos semellantes da nosa terra, amosa "carnet de indentidade" propio: bautizada polos nosos devanceiros como Pedra de San Lourenzo, esta é unha razón de suficiente enxundia como para engadila á nosa xa longa lista de elementos megalíticos.

Tanto a fotografía coma o texto envioumos, -como non- o entrañable compañeiro de preocupacións megaliteiras Xabier Moure, que os recolleu da páxina de Reigosa Galicia Encantada, fermosa publicación que recomendo encarecidamente.

Segundo contan os verdadeiros relatos lexendarios, parece ser que noutrora o mar oceano chegaba ata este lugar e foi precisamente neste emprazamento onde San Lourenzo (o santo que morreu asado na parrilla) arribou na súa embarcación e amarrouna na Pedra. Foi así que, segundo o devandito relato, o día de San Lourenzo, que ven cadrando o dez de agosto, antes de sair o sol aparecen as brasas ou rescoldos ao redor da Pedra, restos sen dúbida (e esto é un engadido meu) dos carbóns con que foi martirizado o Santo na parrilla.




Dise tamén que cando uns veciños quixeron mover a Pedra do seu lugar orixinal, posto que estorbaba na realización das labouras agrícolas, todos os que o intentaron enfermaron misteriosamente.

Segundo Moure, esta rara e inclasificable pedrafita, amosa na parte superior nove cazoliñas. Engade, ademais, que pode ser estudada e definida como un idoliforme (antropomorfo?) posto que pola metade amosa unha fendedura ou escotadura que percorre todo o permímetro, como se pode apreciar na fotografía.

Por último, débese resaltar que no estudo do Impacto Arqueolóxico realizado antes da construción da autoestrada entre Curro e Vilagarcía, elaborado no ano 2008, recollíase a corrección do devandito impacto para salvar a Pedra de San Lourenzo. 


Fotografía e texto enviado por Xabier Moure e recollido da páxina Galicia Encantada de Antonio Reigosa.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 14 de maio de 2013

CISTA DO XACEMENTO DE TARAIS. Riasón, A Illa de Arousa

CISTA DO XACEMENTO DE TARAIS. Riasón, A Illa de Arousa

Unha das tres cistas das que se compón a necrópole do xacemento de Tarais é a que podemos ver nesta fotografía. Son, efectivamente, tres cistas que quedaron á vista debido á poderosa erosión que está a afectar esta zona. A cista que podemos contemplar na devandita fotografía conserva polo menos tres dos catro esteos que a conformaban. Non conserva sen embargo  a tampa ou pedra cobertora; a planta é rectangular.

Como se pode deducir pola fotografía, estas cistas corren un grave risco de desaparición, non só debido aos temporais e ás mareas, senon temén debido a que esta é unha área de forte explotación marisqueira.



Fotografía e texto extraídos de patrimoniogalego.net. Autor pandulleiros.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 14 de marzo de 2013

ANTAS-DÓLMENES DA NECRÓPOLE DE CHAN DA GORITA. San Pedro de Bordóns, Sanxenxo

ANTAS-DÓLMENES DA NECRÓPOLE DE CHAN DA GORITA.

Os Chans da Gorita atópanse a unha altitude duns douscentos cincoenta e sete metros. Nunha pequena chaira aséntase esta necrópole megalítica que se conforma mediante catro mámoas, aínda que posiblemente haia mais sen catalogar. 

As mámoas acadan unha lonxitude media no seu diámetro de entre vinte e trinta metros e non sobresaen mais de dous metros.

Case todas amosan profundos cráteres de violación e tamén presentan restos dos esteos que conformaron a sús estrutura arquitectónica.


Esteos conservados da anta Pedra Redonda



Versión debuxada dos esteos
dunha das antas do Chan da Gorita



Fotografía de Rafa Quintia.


Diversos esteos das antas do
 Chan da Gorita. Fotografía Rafa Quintia



Anta da Mámoa do Pezón



Mámoa do Petouto do Crego. Fotografía de Rafa Quintia



Mapa extraido de mapcarta






MAIS INFORMACIÓN:

andarela.blogaliza.org
onosopatrimonio.blogspot

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 10 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE PADRIÑÁN. San Xinés de Padriñán, Sanxenxo

PEDRAFITA-MENHIR DE PADRIÑÁN.

Tamén se coñece co nome de Pedra do Santo ou Pedra de San Xinés. Como lles ocurre a tantas outras posibles pedrafitas galegas, fai de marco de termo entre as parroquias de Padriñán e Sanxenxo.

Atópase nun xardín e ao acometer deversas obras, respectaron o seu lugar de orixe, caso raro onde os haxa. Amosa na superficie diversas gravuras así como cazoliñas, ferraduras e algún cruciforme. Acada unha altura de ao redor dun metro. Segundo Alberte Alonso esta pequena pedrafita está relacionada con cultos á fertilidade.



Fotografía de Rafael Quintía,
blog: a sombra de bouza panda



Fotografía de Xabier Moure, o noso patrimonio


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 20 de outubro de 2012

CÍRCULO LÍTICO DE LOBEIRA. Vilagarcía de Arousa

CÍRCULO LÍTICO DE LOBEIRA.

Para chegar. Hai dúas opcións básicas: si saímos de Vilagarcía, hai que subir por Cornazo cara ao mirador de Monte Lobeira. Antes de chegar ao mirador, débese xirar á esquerda cara ao mirador de Faro das Lúas. Continúase recto, deixando á dereita o cruzamento que leva ao Mirador. Na primeira curva á esquerda xa se atopa o Círculo. Si saimos de Vilanova hai que subir por András cara ao mirador Monte Lobeira. Andes de chegar ao Mirador do Faro das Lúas, xa se pode ver o Círculo.




Trátase dun Círculo Lítico ben coñecido pola historiografía galega a través, primeiro de Murguía e despois de Obermaier. Non foi ata o ano 2006 que volveu a aparecer, posto que se cría desaparecido. No ano 2010 procedeuse a unha pequena intervención arqueolóxica para determinar tanto a súa naturaleza como a súa adscrición crono-cultural.

Para esta pequena reseña sigo o diario das escavacións publicadas por Beatriz Comendador no seu blog "a pedra do encanto".




A intervención arqueolóxica foi realizada por arqueólogos do CSIC coa colaboración de Beatriz Comendador. O obxectivo da intervención foi minimizar o impacto arqueolóxico obtendo o máximo de información, partindo da base dunha posible relación etre a necrópole megalítica aledaña e o Círculo. Dese xeito, planexáronse dúas sondaxes e, a partir de aí, atopouse o que se determinou como un camiño e ademais certificouse que a estrutura das pedras que forman o Círculo era moi superficial, sen ningún tipo de fosa de cimentación.

A partir destas intervencións, e á espera do traballo de laboratorio, o máis plausible é descartar a súa adscrición prehistórica: efectivamente, considérase que o Círculo é bastante posterior aos túmulos posto que o nivel de ocupación atópase moi por enriba dos da mámoa aledaña.




O Círculo de Lobeira está ubicado nunha chaira onde tamén se asentan tres mámoas orientadas do Leste ao oeste. O Círculo mide ao redor de 18 ms de diámetro e atópase a menos de dous metros dunha das mámoas da necrópole. Compónse de pedras amoreadas de case un metro de ancho e, a cada metro aproximadamente, aparecen fincadas pequenas pedras ou esteos deixando un espazo entre elas cuberto de pedras máis pequenas. Cada esteo amosa a cara plana, máis traballada, cara ao exterior.

Despois das sondaxes arqueolóxicas parece máis que probable, como dicía antes, que o Círculo Lítico de Lobeira adscríbase á época medieval. As similitudes cos círculos líticos de A Mourela en As Pontes de García Rodríguez son evidentes, tanto pola súa proximidade a unha necrópole megalítica como a existencia dun camiño primitivo. A todo iso hai agora que engadir a súa cronoloxía medieval, como xa está probado no caso de A Mourela.




Precisamente esta característica e un dos datos máis interesantes, que vinculos hai entre épocas tan disimilares como o megalitismo e a Idade Media? Est apregunta abre novos camiños e perspectivas para o estudo da sociedade tradicional galega e os seus patróns de ocupamento do territorio. Non cabe a menor dúbida de que as investigacións futuras sobre este tema arroxarán lúcidos e fecundos resultados.

Fotografías extraidas do Blog de Beatriz Comendador apedradoencanto.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!