Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Paradanta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Paradanta. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de febreiro de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PEDRA POUSADEIRA- San Miguel de Cequeliños, Arbo.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PEDRA POUSADEIRA

"El sentido del conocimiento, y, por tanto, también la medida de su autonomía, no se puede explicar de ningún modo si no es mediante el recurso a su relación con el interés."

Jürgen Habermas: "Conocimiento e interés". Ed. Taurus.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.
                                                                                                                                                  
                
Hoxe vou retornar á Terra da Paradanta, ao Concello de Arbo, territorio vagoroso, entre montañas e grandes vales encaixonados ao redor do río Miño, do noso río, do Río por antonomasia.




Fotografía de megaliticiablogspot.com

O Concello de Arbo atópase, no entanto, entre os Montes da Paradanta e a ribeira do Miño, que fai de fronteira natural e administrativa entre Portugal e España. Trátase do curso baixo do Miño, entre Salvaterra e Crecente, ao redor de vintecinco quilómetros, no sureste da Provincia de Pontevedra. Os outros lindeiros do Concello de Arbo son os concellos de As Neves, A Cañiza e Crecente.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Os restos maltratados da Anta Mámoa da Pousadeira atópanse nunha zona  montesía e a eles accédese por unha pista sen asfaltar, polo que chegar a ela é moi dificultoso. Para non perderse, o mellor é dispoñer dun XPS. Aínda así, malia complicación  para atopala, o último tramo hai que facelo andando: desde a estrada PO-400 hai que desviarse cara á estrada E-5204 á esquerda. Pouco mais ou menos ubícase entre os lugares de A Fenteira ao norte e A Muraña ao oeste; a Cigarreira cara ao leste. En definitiva, aínda que pertence á parroquia de San Miguel de Cequeliños, ben puido funcionar, noutrora, como fito demarcatorio entre a devandita parroquia e San Cristrovo de Mourentán.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A Anta atópase moi esnaquizada e chea de silvas e vexetación invasiva e está circundada por un valo de madeira para protexela. O estado de conservación é extremadamente malo. Polas fotografías de que dispoño pódese inferir que se están a conservar cinco esteos descolocados nun gran funil de violación que debe afectar a toda a estrutura tumular e arquitectónica. Toda esta área atópase ben representada a nivel toponímico con términos como Mourentán ou A Moura, que se aplica a unha parroquia, a camiños, a montes e a petróglifos.

O topónimo pousadoira ou pousadeira fai xeralmente referencia a terrenos especialmente preparados, algo así como unha plataforma, unha pequena chaira. Pola situación orográfica considero que neste caso pode facer referencia a lugares de pasto, asentamentos de verán, cuxo significado sería equivalente ao de "brañas". Tamén pode aludir a un lugar de descanso, como adoitaba acontecer nas vías transitadas, onde había lugares onde descansar, onde "pousar" as mercadurías.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

                  
En toda esta área hai unha boa representación de petróglifos, unha mámoa mais e, no Concello, a necrópole megalítica de Chan do Rei. O camiño-pista que serpentea preto da anta denomínase Sendeiro da Moura e, non moi lonxe, atópase o Couto da Moura.  Petróglifos como os de Fentiño Verde, Couto da Moura, Fanacabritos ou Pousadeira falan elocuentemente da potencia arqueolóxica desta zona. Desde o Coto da Moura unhas extraordinarias panorámicas permiten vislumbrar boa parte do Val do Río Deva e un extenso horizonte das paisaxes da beira portuguesa.



Ruta da Moura. Concello de Arbo.

Precisamente, polos lugares aledaños serpentea a Ruta da Moura: trátase dun sendeiro circular de dificultade media. Entre os nove quilómetros e medio e os once, si se sigue a derivación que leva  ás ribeiras do río Deva, tributario do Miño. Aldeas abandonadas, muíños, fragas de ribeira... Comenza e finaliza na Ponte de Mourentán. Nun dos tramos mais maltratados paisaxísticamente, atópase o Couto da moura, plagado de petróglifos, así como a Mámoa da Pousadoira, que non se inclúe no percorrido. 



Sendeiro da Moura, pdf do Concello de Arbo.



Museo Arabo. Foto Concello de Arbo.

Arbo, un concello talvez sublime, talvez fermoso, espléndido sen dúbida, amosa certamente valores incontestables e, nos últimos anos, está loitando denodadamente por recuperar poboación e por poñer en valor os múltiples valores e recursos dos que dispón con profusión, a través do patrimonio histórico-artístico, natural, arqueolóxico, paisaxístico, antropolóxico... Entre os roteiros para coñecer este excelente patrimonio, destacamos os seguintes: Ruta dos Pescadores, Ruta das Pesqueiras, Paseo Fluvial do río Miño-Deva e o xa sinalado Sendeiro da Moura. 



Petróglifo de Fanacabritos.
Fotografía de megaliticiablogspot.com


Terra de Albariños e Condados e, sobre todo, capital mundial da Lamprea. O Museo Arabo está adicado precisamente a amosar o mundo do viño e da lamprea, ensinando un variado universo enogastronómico vencellado a unha milenaria cultura. É así que o río Miño e a Lamprea seguen a ocupar un lugar central: as Pesqueiras ou Pescos, que aínda se están a conservar e a utilizar, son o prototipo de construción como síntesis perfecta entre arquitectura e enxeñería, un modo de vida para a economía local. Séguese, hoxendía, a empregar na pesca da lamprea esa técnica ancestral.



Unha Pesqueira no río Miño en Arbo. 
Foto, Concello de Arbo


Sempre merece a pena voltar ás profundas terras da Paradanta, ás terras do Miño, ao Concello de Arbo.

En Sigrás, nos turbulentos tempos de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ONDE CONSULTAR ALGO MAIS

pousadeira.htmlhttps://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoa-da-pedra-pousadeira.html
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=110
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=6
https://es.wikipedia.org/wiki/Arbo
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=114
https://www.queverengalicia.com/2012/08/que-ver-en-arbo.html
file:///C:/Users/monchoboga/Downloads/Sendeiro%20da%20Moura%20Exterior%20(1).pdf
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=143
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=114
Planeamento urbanístico Arbo

venres, 26 de xullo de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA DAS ACHAS. San Sebastián de As Achas, A Cañiza.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DAS ACHAS.

"Dicho contexto vuelve a situar esta fotografía en el tiempo, no en su propio tiempo original, pues eso es imposible, sino en el tiempo narrado. Este tiempo narrado construido ha de respetar el proceso de la memoria que pretende estimular"

John Berger: "Mirar". Ed. Hermann blume, Madrid 1987.



Debuxo idealizado da Anta Mámoa das Achas.
Ramón Boga Moscoso


As Achas, A Cañiza, Terra da Paradanta, Serra da Groba..., terras e xentes e paisaxes, e ríos e montes; terras soñadoras, talvez bucólicas, talvez recias e rudas, como as mulleres e os homes que mantiveron e humanizaron unhas paraxes que chegaron ata hoxe case sen cambios, fosilizados no tempo e no espazo. E tamén souberon adaptarse aos tempos. Terra de costumes arraigadas, terras de paso, case de fronteira, terras de montes. Terra tamén de romarías, de santuarios, de ritos suavizados polo cristianismo, de fontes e regatos milagreiros, cantaríns, rumorosos.



https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451


E aí, nun curruncho escondido, recóndito, atópase humilde, entre carballos, fentos, castiñeiros, musgo e bidueiros, a Anta das Achas. A Anta, compañeira doutros moitos elementos megalíticos destas lexendarias terras, fai honra á Paradanta, lugar de antas, pedra de pedra.



https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451


Antóxaseme curioso e sempre me pareceu chamativo (aínda que eu non son esperto nestes temas) que o topónimo "achas" faga referencia a un anaco de madeira "groso que resulta de fender un toro", segundo o diccionario da Real Academia Galega, e segundo a ancestral costume de todas as parroquias de Galicia. Sen dúbida "acha" significa eso e sempre foi así como nome común. Outra cousa é a súa idiosincrasia como topónimo: dentro dos meus cativos coñecementos ao redor da evolución toponímica, sempre pensei que si este lugar se denomina As Achas porque fendían moitos toros, entón en Galicia tería que haber centos de topónimos "achas", e isto non é así.




Foto Turismo A Cañiza.


Insisto, o que vou a expoñer aquí non é mais que unha simple intuición, talvez unha barbaridade, non ten base etimolóxico-científica algunha. Aí vou, de cabeza, sen paracaídas: se cadra este topónimo podería proceder de "archa", "d´archas" e por un lado derivou en "arcas"; polo outro, "archas" puido perder polo longo camiño da evolución o "r" para rematar converténdose en "achas". Polo tanto, segundo esta "estupenda" deducción, o topónimo Achas viría a significar Arcas e dicir, referiríase a antas, aos monumentos megalíticos funerarios.



Foto Turismo A Cañiza.


Son conscente do aventurado desta opinión e barrunto que podo estar a arroxarme polos procelosos e ignotos mundos siderais, nunha especie de ciencia ficción na interpretación do topónimo. Si é así, o sinto, non se voltará a repetir... Como diría Ana Boullón Agrelo, e seguro que con acerto sublime, probablemente este pode ser un bo exemplo de uso e abuso na interpretación dos topónimos. Por outra parte, despois de investigar por aquí e por alí, non atopei ningún investigador que manteña esta opinión. Que non o atopase, tampouco quere dicir que non exista... Excepto Navaza que considera moi probable que, pola súa morfoloxía, non sexa un fitotopónimo, o que parece conter a forma simple "acha".

Como estaba a dicir mais enriba, esta marabillosa anta atópase aloxada nunha preciosa paraxe, cuberta dunha frondosa vexetación adscrita ao bosque atlántico. Nas informacións do Concello diseño que foi escavada, pero podo confirmar indicutiblemente que no n foi obxecto de escavación arqueolóxica algunha. Probablemente refírense a que foi obxecto de violacións furtivas por parte dos piratas-filibusteiros buscadores de tesouros. 

Atópase sinalizada e forma parte da coñecida como Ruta de Petán, un senderio circular que percorre a zona do norte cara ao sur.

É probable que forme parte do grupo de monumentos megalíticos con pla9nta de forma poligonal e corredor desenvolvido, diferenciados tanto na planta como no alzado. Probablemente está a conservar seis ou sete esteos da cámara e algún outro do corredor. A mámoa debe acadar mais de trinta metros de diámetro, sendo das do tipo medio-grande.

En definitiva, e para rematar, unhas terras, as da Paradanta, que sempre merecerán unha visita, e non só polos monumentos megalíticos.


Saúde, sorte e libros!!!!!


PARA SABER ALGO MAIS, PERO POUCO MAIS

Gonzalo Navaza: "Fitotoponimia Galega", 2006 Fundación Barrié de la Maza. Tórculo Artes Gráficas, S.A.

https://www.caniza.org/es/turismo/ruta-de-senderismo/ruta-de-senderismo-da-cidade-castrexa-das-grades

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/a-caniza-116676186/photo-74870451 

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/prg-207-ruta-da-cidade-castrexa-das-grades-116985519

https://www.caniza.org/index.php/es/turismo/recunchos/mamoa-das-achas

mércores, 28 de febreiro de 2024

ANTA-DOLMEN DE REBORDECHÁN. San Bernabé da Graña, Covelo.

ANTA-DOLMEN DE REBORDECHÁN. San Bernabé da Graña, Covelo.

"Quod aliquod creatum sit determinate causa efficiens non potest demostrari vel probari, sed solum per experientiam patet hoc, scilicet quod ad eius praesentiam sequitur effectus, et ad ajus absentiam non."

Guillermo de Ockam.



Anta-dolmen de Rebordechán. Versión
de Moncho Boga, 2024.

Hoxe vou escribir sobre unha anta que xa hai tempo atopei por eses mundos-universos virtuais, procelosos e inquedos, turbulentos ás veces, tempestuosos; nesas contornas onde atopas de todo e onde te mergullas sen enconmendarte a ninguén. Hoxe, efectivamente, vou iniciar unha pequena viaxe polo sur do sur de Galicia,  por esas terras altas, recias, casi fronteirizas, pero vagorosas, amenas, onde ás veces parece que o ceo se xunta coa terra e ás veces co mar Atlántico. Terras antiguas.

A verdade é que é unha anta moi fermosa e está nunha paraxe tamén moi fermosa, nas altas terras da Paradanta, na Serra do Suído. Unha serra cunha imaxe erosionada polo paso dos milenios, con moitas penechairas que chegan a acadar mais de 900 metros de altitude. Unha serra que abraza dúas provincias e onde as abas occidentais caen ou verquen cara ás Rías Baixas; onde as abas orientais caen case a chumbo cara a cunca do río Miño. Trátase dunha zona de media montaña cun desnivel máximo de 1151 metros, no Faro de Avión. Na serra nacen, ademais, os ríos Oitavén e Tea. Abrangue uns 200  quilómetros cadrados e forma parte da Lista de Lugares de Interese da Unión Europea.



Fotografía de Ricardo Rodríguez, 2021.

Unha paraxe máxica, sen dúbida, onde o lobo, a águia real, os bosques frondosos, o bosque baixo, ríos e regatos, chozos, foxos do lobo..., matizan e embelecen todo este horizonte natural e humano.

Lamentando non poder achegarme a través das miñas incursións megalíticas, non me queda outra que acudir a diversas páxinas e blogues  dos que vou tomando prestadas fotos e información. Lamentablemente tampouco coñezo mais bibliografía que a pouca que proporcionan as redes sociais. 



Fotografía extraída do blogue megaliticia.

A Anta de Rebordechán ou  Mámoa de Porto Real atópase ao bordo da estrada EP-5105 que comunica as parroquias de A Graña e Madeira. Esta estrada serpentea, sinuosa e esquiva, ondulada, pola esquerda do val do río Tea.

A parroquia de San Bernabé de A Graña é a mais alonxada da capital administrativa municipal deste concello do sur da provincia de Pontevedra. Atópase formando parte ou asentándose na Serra do Suído, un poderoso sistema montañoso que fai de fronteira entre as provincias de Pontevedra e  Ourense, como sinalaba antes. De Pontevedra son os concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo; de Ourense, Avión e Beariz. Tamén forma parte, Covelo, da histórica Comarca de Paradanta (con Arbo, Cañiza e Crecente), evocador topónimo que probablemente significa "Pedra da Anta" (a forma para-, derivada de Petram, que evoluciona a pedra e logo a para). 



Fotografía extraída do blogue galiciamaxica.

Segundo se pode apreciar nas fotografías, consérvanse uns bos restos da cámara (seis ortostatos) inseridos no pouquiño que debe quedar da estrutura tumular ou mámoa, apenas visible. Só fican varios esteos da cámara e dous do que puido ser o corredor. Polo tanto atrévome a deducir que estaríamos diante dunha anta adscrita ás de tipoloxía poligonal con corredor desenvolvido. 

Investigando por aquí e por alí, parece ser que aínda se están a conservar algúns vestixios dunha vía de comunicación, Camiño Real, coñecida  como "Verea", que atravesaba todo o Suído ata chegar a A Graña onde enlazaba con outras rotas cara a Castela. Aínda que descoñezo si está preto ou discorre polos arredores da anta, talvez o nome con que tamén é coñecida a saber, Mámoa de Porto Real, faga referencia precisamente ao paso dunha antiga e primixenia rota, un paso de montaña. Tanto "porto" como "real" aluden a camiños principais, a rotas de comunicación que afunden a súa orixe a na noite dos tempos.



Fotografía extraída do blogue galiciamaxica.

Segundo a páxina web do Concello de Covelo, existen na bisbarra varias necrópoles megalíticas, destacando a Mámoa de Salcedo formada por "lousas de pizarra asomando restos da cámara megalítica".

Pero non todo é bucólico para esta extraordinaria Serra: si non se pon remedio, nesta parte da Dorsal Galega, proxéctase ubicar ao redor de 20 parques eólicos... E eso a pesares de que na Serra do Suído atópanse unha serie de hábitats que son prioritarios debido a que están en perigo de extinción, de desaparición. Sospeitase que se estivo a dilatar a incorporación á Rede Natura para facilitar a construción deses megaropoxectos que ameazan con dinamitar, con destruir toda súa  riqueza histórico-artística, natural e etnográfica.

En fin, á espera de nova información e, sobre todo, de poder viaxar a estes, hoxe non tan recónditos, paraxes da nosa xeografía humana, física e imaxinaria, é hora rematar xa esta sucinta nova sobre a marabillosa anta-dolmen de Rebordechán.

Saúde e sorte!

En Sigrás, no profundo inverno de febreiro de 2024.


PARA SABER MOITÍSIMO MAIS:

https://concellodecovelo.es/?sec=26&parroquia=a_grana&lang=es

http://www.xoanarcodavella.com/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/dolmen-de-rebordechan/

https://megaliticia.blogspot.com/

https://www.elsaltodiario.com/medioambiente/serra-do-suido-catastrofe-ambiental-rede-natura

xoves, 15 de xaneiro de 2015

CHOZA DE MERA. Barcia de Mera, O Covelo

CHOZA DE MERA. 

Evidentemente, o elemento etnográfico que me ocupa hoxe, non é unha anta nin calquera outro elemento megalítico. Non é unha anta e, sen embargo, como se parece!

Este curioso elemento, bastante abondoso polo sur da Nosa Terra, lévame a facer unha pequena reflexión despois da  descrición formal.




A Choza en cuestión amosa planta tendente a circular construida a base de mampostería e cunha cuberta que semella unha ruda bóveda  pechada con pedra e terróns vexetais, coa segura función de conseguir un bo illamento, tanto do frío como do calor que impera polas montesías terras da Serra do Suido. No exterior, un muro tendente a circular debuxa un pequeno adro, cuxa función era crear un espazo para facer lume e así protexerse das duras condicións do inverno da zona. Estas chozas tiñan a función de servir de refuxio aos pastores. Segundo Óscar Franco, por este lugar serpenteaba  o antigo camiño de Melón e tamén o Camiño Medieval do Ribeiro que levaba a Pontevedra.




Pois ben, esta choza semella unha anta, tanto en canto á súa estrutura arquitectónica como en canto á terra que a protexe, que recorda a masa tumular dunha mámoa.

Terán que ver estas curiosas, sinxelas e fermosas construcións coa atávica necesidade dos galegos de manter os seus costumes ao longo dos milenios, cambiando únicamente a súa función? A verdade é que os galegos somos tercos...

En fin, si non e vero espero que polo menos fose ben trovato.

Saúde, sorte e libros!!!

Fotos e información técnica de Óscar Franco en patrimoniogalego.net

venres, 14 de novembro de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE PARAÑOS. O Covelo.

PEDRAFITA-MENHIR DE PARAÑOS. 

A pouca información e a única fotografía desta fesmosísima pedrafita saiu do blogue de Xabier Moure, onosopatrimonio.

Temos diante de nós unha esbelta pedrafita de sección posiblemente ovalada, semella case cilíndrica, moi ben puída. Os extremos aparecen estupendamente  traballados, redondeados. Na parte superior, semella que hai gravada unha cruz a base de sucos paralelos.




Segundo as informacións obtidas, nas súas caras aparecen gravadas dúas cruces, do que se pode deducir o seu uso como marco de termo, probablemente. Moure, a partir das informacións de Jonathan Zúñiga, conta que a pedrafita foi atopada nos arredores da Igrexa de Paraños, cando se fixeron os traballos de pavimentación da aldea.

Hoxe en día atópase no Centro de Interpretación de Paraños, moi preto da igrexa parroquial. 

Non temos absolutamente ningún dato sobre as súas dimensións.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


sábado, 12 de xaneiro de 2013

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DO MARCO PEDROSO. Santa María de Oroso, A Cañiza

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DO MARCO PEDROSO.

Para chegar. Hai que partir de A Cañiza pola estrada nacional con dirección a Ourense. Ao chegar ao lugar do Burgo, debemos coller a estrada asfaltada da dereita e, ao cabo dun quilómetro aproximadamente, hai que introducirse por unha pista de terra á esquerda pola que, logo de percorrer uns oitocentos metros, chegamos á necrópole, situada a máis de seiscentos metros de altitude.

Pertence á comarca de Paradanta, ubicada ao sudoeste da provincia de Pontevedra e a necrópole atópase emprazada nunha depresión na cume do outeiro, polo que as mámoas que a conforman non son visibles desde longa distancia, caso atípico -segundo Fidel Méndez Fernández- no universo do fenómeno tumular galego. Hai novas na zona da destrución dun marco de grandes dimensións (¿pedrafita, marco de termo?) a causa da construción dun cortalumes realizada na década de 1990.


Debuxo dun dos esteos conservados
nunha mámoa da necrópole de Marco Pedroso.
 Autor Ramón Boga Moscoso, 1996.


A mámoa na que se insire a estrutura arquitectónica, formada por dous únicos esteos, posúe un tamaño medio acadando nos seus eixos meirandes dazasete por quince metros. Na estrutura tumular aínda se poden apreciar os restos da coiraza pétrea a pesar do lamentable estado de conservación no que se atopa.

No funil de violación sobresaen dous únicos esteos, últimos restos do que fora a estrutura arquitectónica da cámara. Os devanditos esteos son de gran tamaño e están moi remexidos, polo que resulta imposible a reconstrución hipotética da planta do monumento. Un dos esteos, desprazados da súa posición orixinal, amosa dous regos gravados no sentido horizontal e acada de longo un metro e corenta centímetros, con dezaoito centímetros para o grosor.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 14 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO CHAN DO MARCO. A Franqueira-A Cañiza-As Neves

PEDRAFITA-MENHIR DO CHAN DO MARCO.

Atópase na serra do Paradanta, no límite entre os concellos de A Cañiza e das Neves. Trátase dun marco que, á parte de dar nome a esta chaira, ten propiedades milagreiras relacionadas cos ritos de fecundidade, sobre todo coas rogativas da choiva ou do sol.




Forma un conxunto de dous esteos que están marcados con cruces de diversos tamaños. Unha é máis pequena e está deitada no chan coa cara na que hai gravada unha cruz mirando cara arriba. A súa forma é piramidal. A outra pedra atópase chantada verticalmente enriba da outra e en tres das súas caras amosa unha cruz gravada. Tamén ten forma piramidal. Segundo Fernández de la Cigoña, a posición facía que cadrasen as cruces da pedra dabaixo coa da pedra erqueita, feito absolutamente necesario se se precisaba o bo tempo. 


Fotografías de Fernández de la Cigoña. Ver bibl.



A pedra que está de pé, atópase na banda de Franqueira, pero cando necesitan que haxa choiva lévana a un regato que se atopa na parroquia de Batalláns, concello de As Neves.

BIBLIOGRAFÍA

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!