viernes, 19 de octubre de 2012

Posible Pedrafita-menhir en Punta Quilma. Illa de Arousa

Pedrafita-menhir de Punta Quilma (posible). Illa de Arousa, Pontevedra

Unha noticia no xornal de Galicia, en edición local de Arousa, veu a chamar a miña atención hai uns días. O artigo está firmado por María Santalla con data do 23 de xuño de 2012.

Pouco máis ou menos, resumindo, o artigo ven a contar que na Punta Quilma, lindando co mar e mirando ao Illote do Guidoiro Areoso, hai unha enorme pedra que mide máis de catro metros e que posiblemente sexa unha pedrafita.



Fotografía Martina Miser, La Voz de Galicia 23 de xuño de 2012

Parece ser que esta singular pedra non é un penedo natural dos moitos que salpican as contornas da Illa, senon que semella que foi o resultado da acción humana. Segundo a noticia, os investigadores están a estudar si a pedra é ou non artificial. Quen deu a coñecer a gran pedra foi un biólogo especializado en xeoloxía (Juan Vicente Poza), quen ten serias dúbidas do seu carácter natural; así, este estudoso considera que a pedra amosa unha serie de características que poden responder a un monumento megalítico. 

Entre as diversas consideracións, a situación do enorme esteo foi un dos datos que este home considerou á hora de estimala como unha formación artificial. Efectivamente, a posible pedrafita atópase mirando ao Illote do Guidoiro Areoso e, se consideramos que algún día estivo unido á Illa, esta pedra fincada ben puido servir de fito indicador da necrópole megalítica que aínda hoxe se asenta neste singular illote.



Ídolo de Paredes. Paredes de Abaixo, Paradela. Lugo

Ídolo de Paredes. Paredes de Abaixo, Paradela

Trátase dunha peza de granito con forma rectangular que mide 22 centímetros de alto, entre 16 e 22 de ancho e 4 centímetros de grosor. Atópase no Museo de Lugo.


Fotografía: "Galicia no Tempo".
Xunta de Galicia, 1991
.


Estamos diante dunha representación antropomorga gravada esquemáticamente sobre unha placa de pedra moi pouco grosa. A figura configúrase a través de varios trazos lineais que se poden interpretar como unha representación da vestimenta, completado coa insinuación da cara na parte superior. A incisión no centro da parte inferior pode interpretarse como a expresión do seu carácter feminino. Trátase dunha peza única na Península Ibérica.

A súa adscrición crono-cultural amosa dificultades: pódese interpretar como un produto da arte megalítica, posto que se atopou preto dun grupo de mámoas e, tamén, recorda aos ídolos megalíticos como o de Parxubeira. Sen embargo, a amplitude cronolóxica do megalitismo, impide tamén unha adscrición clara.

Por semellanza ou paralelismos formais con outras estelas tanto pintadas como con gravados, tamén se interpreta como asdcrita tanto ao Bronce Inicial como ao Bronce Pleno.


BIBLIOGRAFÍA

BUENO, P., FERNÁNDEZ MIRANDA, M. "El peñato de Vidiago (Llanes, Asturias" Altamira Simposium, Madrid, 451-467.

JORDÁ CERDÁ, F. "Arte de la Edad de Piedra" La Antigüedad I, Historia del Arte Hispánico, I. Madrid, 3-153. 

VÁZQUEZ SEIJAS, M. "Una curiosa placa-ídolo en pedra granítica". Boletin  de la Real Academia Gallega. XXII, 281-283.


Estela de Poio. Pontevedra

Estela de Poio. San Salvador de Poio, Pontevedra

Trátase dun gran esteo de granito que acada 2,10 metros de alto, 66 centímetros de ancho e 30 centímetros de grosor.

Esta curiosa "estela" facía de tampa dun sartego medieval ubicada no adro da igrexa de San Salvador: a peza apareceu coa parte lisa á vista, a decoración atopábase na cara oculta.

Fotografía: "Galicia no Tempo".
Xunta de Galicia, 1991

Trátase dunha decoración a base de gravuras xeométricas e liñas onduladas. A insinuación antropomorfa así como outros adornos que cubre a pedra, pode vencellar a estela coas representacións dos esteos que conforman moitas cámaras megalíticas do país galego. A decoración é a base de incisións e piqueteados. A figura antropomorfa  debuxa os rasgos  de forma moi esquemática e o corpo configúrase coma un cadrado.

Debido a que a peza está esnaquizada no extremo superior e no inferior (para adaptala ao sartego) non se pode dilucidar a súa forma xeral, nin determinar se se trata dunha estela-menhir.

Seguramente procede dalgunha das necrópoles megalíticas cercanas e documentadas nos arredores da igrexa.

Hoxe en día pódese contemplar nas dependencias do Museo de Pontevedra. 


BIBLIOGRAFÍA

-Catálogo da exposición "Galicia no Tempo". Xunta de Galicia, 1991.

-GARCÍA LOMAS, GIMENO et al: "Estela megalítica de la necrópolis medieval de Poio". Actas do IV Coloquio Galaico-Minhoto, Lugo.