domingo, 2 de junio de 2013

Pedrafita-menhir de Santa Marta de Moreiras. Pereiro de Aguiar

PEDRAFITA-MENHIR DE SANTA MARTE DE MOREIRAS. Pereiro de Aguiar.

Non men puiden reprimir e tiven finalmente que inserir dunha vez por todas esta cativa e fermosa pedrafita no catálogo dos bens prehistóricos que vou engadindo pouco a pouco no meu blogue.

Efectivamente, esta pequena e probable pedrafita, estudada e catalogada por José Antonio  Gavilanes, atópase na provincia de Ourense, no Concello de Pereiro de Aguiar. Asegura o compañeiro Gavilanes que se atopa no medio dunhas penedas que conteñen petroglifos, na súa forma máis sinxela, a saber, cazoletas. Relata, ademais, que lle parece un marco de termo, pero que os lindes actuais entre Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas atópanse a máis de setecentos metros. Ben, a miña hipótese, a partir deses datos é a seguinte: aínda que na maior parte dos casos as pedrafitas galegas conserváronse por ter feito de marcos demarcatorios reaproveitados, esa non é a única proba da súa adscrición prehistórica, nin siquiera proba moitas veces que o sexa.  Sen embargo, aínda que a consideración de marco de termo sexa unha clave bastante segura para considerala pedrafita, como dicía, non sempre é así. Si non se conservan máis é porque foron estragadas, esnaquizadas. No caso deste elemento, o non ser marco de termo non é óbice para non considerala pedrafita. É mais: o contexto das cazoletas ben pode garantir a súa adscrición á prehistoria (sexa no megalitismo ou na Idade do Bronce) coma noutros moutos casos en Galicia e Portugal. 

Por tanto considerao que non é importante que hoxe estea a máis de setecentos metros do actual lindeiro entre eses concellos, precisamente porque o ser marco de termo non garantiza que sexa pedrafita, posto que en moitos casos sabemos documentalmente que eses marcos de termo non son efectivamente pedrafitas.

A pedrafita catalogada por Gavilanes atópase nunha zona recreativa do Complexo Deportivo de Monterrei e amosa unha forma tronco piramidal cunha planta tendente a triangular, segundo se pode colexir pola fotografía. Non sobresae mais de sesenta centímetros e amosa gravadas tres cruces pola cara do lesta así como outra máis na cima.



Información e fotografía extraidas da
pax. patrimoniogalego.net, autor José Antonio Gavilanes

Engado novas fotografías enviadas por José Antonio Gavilanes onde se pode apreciar o carácter especial do lugar onde se enclava esta pedrafita. O estar rodeade de penedos con coviñas ou cazoliñas fainos pensar nunha especie de lugar sagrado, nun altar ou nunha especie de santurio. A verdade é que este é un sitio a estudar.













 SAÚDE E SORTE!

Anta-dolmen A Casiña dos Mouros. San Miguel de Valadares, Outes

ANTA-DOLMEN A CASIÑA DA MOURA. Lestaio, San Miguel de Valadares. Outes

Atópase nunha extensa chaira a uns catrocentos metros de altitude. Trátase duna anta inserida nunha mámoa que amosa un gran funil de violación, como adoita ser habitual nas mámoas en Galicia. Esa profunda ferida na estrutura tumular provocou, ademais de destruir unha boa parte da mámoa, o desprazamento das pedras cobertoras ou tampas, tanto da cámara coma do corredor. 

A mámoa acada ao redor dos dezaoito metros de diámetro e sobresae un metro aproximadamente. En canto á estrutura arquitectónica da anta, parece que describe unha planta de forma poligonal con corredor, da que aínda se conservan catro grandes esteos para a planta e dous máis pequenos para o corredor. O máis grande dos esteos da cámara acada os oitenta centímetros de altura e de longo case dous metros. Tamén, dicía, consérvanse dous dos esteos do corredor: un deles acada unha altura duns corenta centímetros.




Fotografía e información extraida da páx. web patrimoniogalego.net, de Elixio Vieites.