domingo, 4 de noviembre de 2012

Cista de A Forxa. Vilariño de Touzas, Riós

Cista de A Forxa. Vilariño de Touzas

Trátase dunha pequena cista escavada arqueolóxicamente por Fidel Méndez Fernández no ano 1995. Pódese considerar como un exemplo paradigmático de sepultura da Idade do Bronce Inicial en Galicia.

Atopábase, como dicía antes, na parrqouia de Vilariño de Touzas, pertencente ao Concello de Riós en Ourense, a uns oitocentos metros de altitude nunha zona bastante chan.


Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1995


Adoptaba unha forma rectangular orientada do Leste ao Oeste e estaba conformada mediante catro lousas de pizarra. Tamén estaba cuberta por dúas laxes de pizarra, polo menos. Foi atopada polo dono da leira mentres realizaba labouras agrícolas.

As medidas acadaban o metro e medio no eixe leste-oeste, noventa centímetros no eixe norte-sul e tiña sesenta centímetros de profundidade. Atopásase constrtuida sobre un foso escavado directamente no sustrato mineral.


Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1995


No interior había varios anacos de cerámica de perfil troncocónico. Noutros catro recipentes cerámicos apareceu bastante materia orgánica carbonizada, de xeito que puido ser datada con bastante precisión. Tamén se analizaron os restos doutros dos dous recipentes e os restos son intepretados como cervexa.

MÉNDEZ FERNÁNDEZ, F.  "Informe valorativo sobre la excavación en la Cista de A Forxa. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia, inédito.

PRIETO MARTÍNEZ, M.P et al "Dos enterramientos de la Edad del Bronce de la provincia de Ourense. Congresso Transfoiteriço de Arqueologia. Un Património sem Fronteiras". Actas del Congreso.

Pedrafita-menhir de Santa María de Mezonzo. Vilasantar

Pedrafita-menhir de Santa María de Mezonzo

No Concello de Vilasantar, a un lado da prodixiosa igrexa románica de Santa María, á beira duns alpendres, eríxese esta pedrafita, solitaria e descoñecida. Ante a magnificencia da igrexa monacal, efectivamente, a pedra fincada pasa absolutamente desapercibida.

Trátase dunha pedra chantada con forma troncocónica cun pequeno rebaixe cara ao cumio, o que lle confire un lixeiro aspecto fálico. Sobresae máis dun metro e medio e, aínda que non está pulida, parece evidente que foi labrada pola man do home.


 

Lugar de cruzamento de vieiros se cadra prehistóricos, a pedrafita atópase perfectamente chantada ao norte da igrexa de Santa María, lugar umbrío, lugar dos difuntos, dos cemiterios. Aínda hoxe aséntase o cemiterio parroquial á beira, como recordando e testemuñando que ese é o seu lugar. A posible pedrafita parece sinalar o límite entre vivos e mortos, o límite de dous mundos absolutamente separados.

Estamos diante dun exemplo de cristianización, doutro dos moitos exemplos que xalonan a xeografía mítica galega? Foi este lugar unha necrópole megalítica ou algún tipo de santuario reutilizado polo cristianismo? É esta pedrafita o derradeiro testemuño dun lugar máxico? Estaba ese culto  atávico, tan arraigado que se senteu a necesidade de chantar un poderoso mosteiro neste remoto lugar? En definitiva, é esta unha pedrafita?

Preguntas, preguntas e máis preguntas...