Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Ribeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Ribeiro. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de agosto de 2024

PEDRAFITA-MENHIR A EIRA DOS MOUROS. SAN XOÁN DE SADURNÍN, CENLLE.

PEDRAFITA-MENHIR A EIRA DOS MOUROS.


"Colón parte a la conquista de las Indias y se topa con América. Colombo es la capital de Ceilán. El antiguo nombre de Ceilán es Serendib. De Serendib, por latosísimos motivos literarios, viene serendipity. Devotamente consultado el muy distinguido Devoto y Oli, informa a quienquiera saberlo que serendipity es "la capacidad de interpretar correctamente un fenómeno ocurrido de modo completamente casual en el curso de una investigación científica orientada hacia otros campos de búsqueda".

Santo Piazzese: "Asesinato en el jardín botánico". Siruela Policiaca. Ediciones Siruela, Madrid 2017.



A Eira dos Mouros segundo versión de Moncho Boga.
Sigrás, 2024

Unha vez mais, unha outra vez (e serán moitas mais), voume adentrar no tantas veces mentado e lustroso universo internet, transmutado nun internauta que non o quere ser, un eterno dilema. Como todo, ambivalencia, dúbida, maniqueismo, inseguridade, medo, dialéctica..., cousas que fan que todo sexa un drama, unha traxedia, unha traxicomedia talvez. Vou de cabeza, sin manguitos.



Fotografía de Xabier Moure do bloque onosopatrimonio.

A primeira vez que tiven coñecemento desta fermosa, rara e única pedrafita, foi a través do amigo J.A. Gavilanes, alo pola década de 2010, a primeiros. Amosábame un curioso chanto no que se podían apreciar uns petroglifos con forma de cazoliñas e outros dous motivos en espiral. No entanto, lamentablemente, deixei de publicar entradas no blogue: pero seguín a recabar informacións e xuntando elementos megalíticos coma un coleccionista de cromos ou de calquera outra cousa.



Fotografía do blogue Galicia Máxica.

A pedrafita-marco da Eira dos Mouros atópase nas fértiles e históricas terras do Ribeiro (terra de viño, de monxes, de condes, de castelos de caudalosos ríos...), no límite entre os concellos de Ribadavia e Cenlle, e emprázase nunha ampla chaira, nun terreno en pendente, sulcada polo primitivo camiño, hoxe arranxado, que comunicaba Cenlle con Ribadavia, a poucos metros da divisoria destes dous términos municipais.

A aldea Eira dos Mouros está hoxe deshabitada, como tantas outras na Galicia, e pertence á parroquia de Santo André de Campo Redondo (Ribadavia); sen embargo, o marco-pedrafita atópase mais arriba, moi preto deste cativiño pobo valeiro, pero xa no territorio do Concello de Cenlle.



Fotografía de Clodio González Pérez.

Ao deixar detrás as viñas da Eira dos Mouros (segundo Xabier Moure), subindo cara a Cenlle, á esquerda, permanece un tramo do primitivo camiño mencionado mais enriba, sen saída: a pedrafita atópase seguindo de fronte. Non está protexida, nin sinalizada, nin catalogada. Soa. A uns poucos metros do límite entre Cenlle e Ribadavia onde, tamén moi preto, conflúen catro parroquias: San Xoán de Sadurnín (Cenlle), Cenlle (Cenlle), Santiago de Esposende e Santo André de Campo Redondo en Ribadavia.


Fotografía do blogue megaliticia.

Segundo Alberte Alonso, compañeiro de inquedanzas pedrafiteiras, os trazos e as gravuras (espirais e coviñas) son sen dúbida de adscrición prehistórica, megalítica. As coviñas ou cazoliñas son un dos criterios para datar e conferir carta de natureza ao monumento no catálogo megalítico; as espirais son un motivo moi escaso, pola contra, tanto nas antas galegas como nas pedrafitas. Si estas  espirais son de época megalítica, estamos sen dúbida diante dun caso único dentro do universo megalítico galego.

Semella que, ademais, esta impresionante pedrafita ubícase (como en tantos outros casos) estratéxicamente ao carón das áreas tumulares, das necrópoles, ben como fito anunciador, ben como representación fálica, referente da fertilidade, aludindo, probablemente, á eterna dicotomía vida-morte.



Fotografía do blogue Galicia Máxica.

Formalmente estamos diante dun poderoso bloque de xisto, material de pouca consistencia, de tamaño medio cunha certa forma cónica irregular, o que lle está a conferir unha clara apariencia de pedrafita. As dimensións oscilan desde o metro e sesenta centímetros para a altura, ata preto dun metro para o ancho. Na súa superficie aparecen esculpidas (na cara orientada ao suroeste) dúas pequenas gravuras con forma de espiral, así como nove cazoliñas.

As coviñas (concavidades hemiesféricas de casi imposible interpretación) acadan desde os sete centímetros de diámetro ata os dous e medio as mais cativas. Posúen diferentes profundidades e están distribuidas sobre todo nas zonas inferior e central da superficie, á esquerda dos motivos en espiral. Dúas das cazoliñas son significativamente mais grandes e de mais profundidade que o resto. As dúas espirais (segundo as conclusións do Colectivo A Rula) son dextróxiras (no mesmo sentido que as agullas do reloxo) e miden, a mais cativa, de 12 centímetros de diámetro, e describe dúas voltas, mentres que a mais grande (18,5 cms de diámetro) desenvólvese a través de tres voltas.



Foto nocturna do Colectivo A Rula.

Esta extraordinaria, e atreveríame a dicir que única, pedrafita foi descuberta  e citada por primeira vez polo mestre Clodio González Pérez no seu libro "Cenlle, historia e patrimonio". Aí recolle un documento de doazón ao mosteiro santiagués de San Paio de Antealtares. Mantén que a "petra scripta", que figura como linde entre Santo André de Campo Redondo e San Paio de Ventosela, na doazón que os reis Sancho Ordóñez e dona Godo outorgan ao mosteiro de Antealtares no século X, é precisamente a pedrafita que nos ocupa. Traducido ao galego:

"...a mámoa onde está a pedra escrita, e dereito ao Monte do Rei e Eira dos Mouros".

Como se deduce obviamente do documento, a pedrafita estaba sobre unha mámoa, polo que a pedra escrita nomeada neste valioso documento de doazón, é probable e mais que posible que sexa a pedrafita da que estamos a falar. Tamén podemos inferir que se trata, polo tanto, dun dos esteos da mámoa hoxe destruida.



Fotografía do blogue megaliticia.

A tremenda pedrafita Eira dos Mouros non se atopa hoxe no seu lugar orixinal e é probable que tampouco a orientación sexa a mesma. Tamén aparece danada na parte inferior onde se atopa a espiral inferior.

Un pequeno excursus sobre o topónimo:

Composta de dous termos "eira" en galego é a parte exterior da casa tradicional  galega, onde se facían a maior parte dos traballos e tamén onde xogaban os nenos. Zona dos hórreos, dos alpendres, área da malla... Un auténtico "patio", un auténtico obrador, espazo central da casa galega, un elemento adxetivo por antonomasia, onde se adoitan colocar as outras múltiples construcións adxetivas. Lugar de reunión tamén, de traballos tamén comunitarios, malia que de ámbito privado. Era a parte de atrás da casa, a que non daba ao camiño.



Fotografía do blogue Megaliticia.

Galicia enteira está chea de "mouros", de seres máxicos que viven ocultos: son sen dúbida o trasunto máxico e mítico das mulleres e dos homes galegos: somos nós. Moura/o podería derivar do adxetivo e antropónimo "maurus"; sen embargo considero que se debe optar polo significado de raíz oronímica "mor-" ou "mohr-" esto é, "monte, pedra ou rocha". Trátase dun topónimo profusamente extendido por todo o país galego e por toda a Europa Atlántica: sitios, lugares, emprazamentos cheos de pedrafitas, de antas, de castros e/ou de formacións rochosas singulares. Polo tanto "mor-" simboliza e significa  o asentamento no chan ao que un pertence e se identifica, a terra de mámoas e de megálitos sustentados aquí por xentes mouras, nada que ver cos mouros de orixe musulman. 

Galicia está chea de "eiras dos mouros" que nomean lagoas, círculos de pedra, pequenas aldeas... E malia que non coñezo lenda algunha sobre esta Eira, de momento, a meirande parte delas están asociadas a un rico acerbo etnográfico lexendario, que as caracteriza e singulariza.


SAÚDE, SORTE E MOITA LECTURA!!!!

En Sigrás, no irreverente estío de 2024.


PARA SABER MOITAS MAIS COUSAS:

Clodio González Pérez: "Cenlle, historia e patrimonio". Editor: Noia (A Coruña): Gráficas Sementeira, 2017.

https://colectivoarula.com/2020/07/04/o-derrubo-do-marco-da-eira-de-mouros-en-cenlle/

https://colectivoarula.com/2020/03/13/o-marco-da-eira-de-mouros-no-concello-ourensan-de-cenlle-en-perigo/

https://culturagalega.gal/noticia.php?id=31321

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/marco-eira-dos-mouros/

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/marco-eira-dos-mouros.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

xoves, 23 de outubro de 2014

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE VALDEHOME, Avión.

PEDRAFITA-MENHIR A LAPA DE VALDEHOME. 
  

Coa inestimable axuda de Alberte Alonso, que tamén indaga por aquí e por aló, chegou ás miñas mans a reseña dunha posible pedrafita na fecunda e xa entrañable Serra do Suido, polas agrestes e montesías terras que serpentean entre as provincias de Ourense e Pontevedra.
 



Polo que ensinan as fotografías, extraidas do blogue www.galiciamaxica.eu, semella que este probable cipo prehistórico se encarama nos principios dun pronunciado cambio de vertente, nunha zona onde parece ser que abondan os cursos de auga e onde o toxo medra florecente ao redor dos penedos graníticos que afloran inagotables. Efectivamente, esta zona coñécese co topónimo Chan do Valdohome, feito que fai referencia ao inmediato nacemento do río Valdohome.

Non sabemos si esta posible pedrafita fai de inefable e solitario indicador dunha necrópole megalítica..., pero, si ese fora o caso, estaríamos sen dúbida diante dun exemplar máis para engadir á xa abondosa nómina das pedrafitas galegas.




Atópase ubicada a uns oitocentos metros de altitude e é probable que se conserve porque fai de marco de termo entre os concellos de Fornelos e A Lama (Pontevedra) e Avión (Ourense). Polo tanto, probablemente sexa tamén un límite provincial.

Como curiosidade dicir que a pedrafita amosa ben visible, unha cruz gravada en cada unha das súas catro caras, feito bastante común entre estes fitos demarcatorios.

Amosa forma xeral cadrangular na base e vaise estreitanto a medida que se eleva, tendo algunha das súas caras bastante regularizadas. Non sabemos nada das súas medidas. 

Segundo Alberte Alonso, que tampouco puido visitala de momento, esta pedrafita parece cumplir (desde a distancia que dá a fotografía) algunha das características que a farían pertencer ao grupo das de observación astronómica.



 

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

COORDENADAS
 
42°21'49.9"N 8°19'22.3"W

Fotografías e información básica extraida da web www.galiciamaxica.eu

venres, 9 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO PADRÓN. Santa María de Melón, Melón.

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO PADRÓN.

O seu uso actual é o de marco de termo non só entre os concellos de Melón e a Cañiza, senón tamén entre as provincias de Ourense e Pontevedra.



Fotografía de Alberte A. Fernández

Descubriuna o ilustre pedrafiteiro Alberte Alonso Fernández do que tomei estas poucas notas: atópase en moi bon estado de conservación e na croa amosa unhas concavidades que posiblemente cumplisen a misión de observación astronómica. Xa sabemos que esta é unha das características salientables para decidir a adscrición dunha pedrafita á súa misión astronómica. Ubícase á beira dun camiño e acada unha altura aproximada máxima dun metro e sesenta centímetros. Nunha das súas caras aparece gravada unha cruz, característica propia do seu novo uso como marco de termo.

O Marco Padrón atópase a pouca distancia da aldea de A Fonte Santa, á beira dun camiño primitivo, en lixeira pendente. Reaproveitada como marco de termo, é un destes marcos que mais entidades limita: parroquias, concellos e provincias.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!



ENLACES


Blogue: catalogaciondepedrafitas


PEDRAFITAS-MENHIRES DA TOUZA E DO TOUZO. Serra de Faro de Avión.

PEDRAFITAS-MENHIRES DA TOUZA E DO TOUZO.

Para chegar. Hai que ir en dirección á ermida da Virxe da Xestora, séguse polo lateral da devandita ermida ata chegar ao marco da Portela de Pao, que aparece sinalado cunha cruz á beira dunha cancela. Desde a ermida ata o marco hai que ir andando. Estamos a uns 1000 ms de altitude no límite dos concellos do Covelo (Pontevedra) e Melón, Carballeda de Avia e Avión (Ourense). Á esquerda da Portela de Pao hai unha antena: a pedrafita de A Touza ubícase a uns trescentos metros ao oeste da antena; a pedrafita do Touzo atópase á dereita, despois de atravesr a Portela de Pao.



Pedrafita da Touza. Fotografía de Estanislao Fdz. de la Cigoña. Ver biblio.

Segundo De La Cigoña (de onde extraín os datos máis importantes) ambas as dúas pedrafitas eran nun principio unha soa pedra cada unha: o Touzo posuía forma fálica e a Touza describía formas máis sólidas. Para este autor, as pedrafitas son o símbolo por antonomasia da fecundación -eu diría que só para determinados casos- neste caso dos campos, da agricultura: a vida volve a nacer despois da chuvia, da "exaculación". Polo tanto, o elemento masculino debe estar erecto. Sen embargo, si chove de máis, as colleitas pódense perder, por iso é necesario retirar a pedrafita e deitala no chan. Estamos por iso diante dun curioso e extrano caso de pedrafitas "móviles".



Pedrafita da Touza. Fotografía de Estanislao Fdz. de la Cigoña. 

Xa estamos en disposición de colexir que o Touzo é unha pedrafita "macho" e A Touza é femia, ambas as dúas imprescindibles para que as rogativas teñan éxito, ambas as dúas imprescindibles para atraer a choiva ou afastala.

A pedrafita da Touza confórmase perante catro grandes pedras que, montadas unhas sobre outras, acadaría unha altura aproximada dun metro e corenta centímetros. O perímetro na base é de dous metros e trinta e seis centímetros.

A pedrafita de O Touzo atópase a case un quilómetro cara ao sueste da anterior. Confórmase mediante tres anacos. Si se montana estas tres pedras, acadaría unha altura dun metro e dez centímetros aproximadamente e un metro e coranta e cinco centímetros na base.


BIBLIOGRAFÍA

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.