Amosando publicacións coa etiqueta Terra dos Ancares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra dos Ancares. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DE FERREIRÚAS. Santa María de Cabanela, Navia de Suarna.

ANTA-DOLMEN DE FERREIRÚAS

"Es de sabios prestar oídos no a mí, sino a la palabra ("logos") , y reconocer que todas las cosas son una."

Heráclito de Éfeso



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Segundo relataba nunha entrada, neste mesmo blogue (3 de xuño de 2012), adicada ás Antas-dólmenes de Fonsagrada, para chegar, hai que ir, explicaba, pola estrada que leva a Becerreá indo pola Tambeadoira. A anta está á esquerda desa estrada, no lugar de Ferreirúas ou de Montefrío. Coido, hoxe, desde aquí, que con estas indicacións case é imposible chegar, pero non teño outras. O amigo Xabier Moure, sen embargo, clarexa un pouquiño mais o xeito de chegar: atópase ubicada á man dereita da estrada que vai ao Alto do Restelo á Tambeadoira. Sexa como sexa, con estas indicacións é pouco probable chegar..., o mellor é ir ben equipados co XPS ou acudir a un veciño da zona.



Fotografía da década de 1980. Autor: Enrique López Fernández.

Voltei a este necrópole, a esta anta, pola necesidade de actualizar os diversos datos da anterior entrada: a anta está en Navia de Suarna, non na Fonsagrada, por exemplo. Ata aquí, nada mais que actualizar. É mais, segundo as investigacións de Moure, a descrición xeral da mámoa e da anta seguen a ser prácticamente as mesmas que eu describía nesa entrada e que foron recollidas da publicación de Enrique Fernández López  do ano 1992.



Fotografía da década de 2020. Autor: Xabier Moure.

A Anta-dolmen de Ferreirúas forma parte dunha necrópole situada no alto de Campa das Penas e, segundo o investigador que a deu a coñecer, a anta, que se acubilla nunha gran mámoa de mais de trinta metros de diámetro, describe unha planta das da tipoloxía poligonal (con posible corredor desenvolvido) conformada a través de sete grandes ortostatos compostos de lousa e cuarcita. O esteo da cabeceira, o meirande de toda a estrutura, acada unha medidas dun metro e medio de alto. A tampa ou pedra cobertora atópase un pouco desprazada e a súa composición é de pizarra: acada unhas medidas dun metro e noventa centímetros de longo por un metro e trinta centímetros no ancho. O resto dos esteos son un pouco mais pequechos que a pedra da cabeceira. A cámara megalítica, no interior, mide, no eixo N-S un metro e cincoenta centímetros na base e noventa centímetros de altura. No eixo L-O,  na base é dun metro e sesenta centímetros e, na parte de arriba ou superior, un metro e trinta centímetros. A entrada e o posible corredor de acceso semella que están orientados ao S-L.


Fotografía do ano 2016 do Colectivo Patrimonio dos Ancares.

Segundo Xabier Moure, nunha visita á anta a primeiros da década de 2020, corroboraron a descrición xeral de Fernández López e, ademais, constataron unha agresión á pedra cobertora que foi esnaquizada pola metade.



Fotografía da década de 1980. Autor: Enrique López Fernández.

Logo das denuncias e comunicados ao Concello e ao Servizo de Patrimonio Cultural por parte do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a primeiros do ano 2021, a necrópole foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo a través da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.


EN SIGRÁS, SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

ENLACES E BIBLIOGRAFÍA IMPRESCINDIBLES

https://patrimoniogalego.net/index.php/31681/2013/01/anta-de-ferreiruas/

https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/mamoas-petroglifos-e-castros-navia-de.html

Vázquez Seijas, M. "Monumentos megalíticos. A Casía da Arquela" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. Tomo 1, nº 2. 1942.

Vazquez Seijas, M. "Lugo en los tiempos prehistóricos" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943.

López Fernández, Enrique. "Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada" Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1992.

xoves, 13 de febreiro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO CAMÍN OU DAS XUNQUIÑAS. Cervantes-Navia de Suarna.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO CAMÍN OU DAS XUNQUIÑAS

"¿Por qué el ojo ve las cosas más claras en los sueños que en la imaginación cuando nos levantamos?"

Leonardo da Vinci



O Marco Camín segundo versión de Moncho Boga, 2024.

As únicas e inestimables referencias de que dispoño ao redor deste singular marco-pedrafita, proceden do tremendo blogue de Xabier Moure onosopatrimonio.

Trátase dun marco de término, posiblemente unha pedrafita reaproveitada como tal, que divide ou limita os Concellos de Cervantes e Navia de Suarna, nos  grandiosos Ancares galegos.

A súa ubicación, poderosamente chantada, localízase xunto a unha estrada ou pista asfaltada que leva desde a Braña do Brandozo ata o límite coa provincia de León, xa no Bierzo.



Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com

Conta Moure que, seguindo as súas metódicas investigacións, na cartografía figura co nome equivocado de Marco das Xunquiñas ou do Pozo. O topónimo Xunquiñas tamén nomina a un pequeno regato e a un monte, aledaños ou nas cercanías.

No seu meticuloso rastrexo buscando información, descubriu que os veciños de  Murias (Rao-Navia de Suarna), Poso (Pando-Cervantes) e os de Balouta e Suárbol no Bierzo o coñecen co nome de Marco de Camín ou de Xunquiñas: descubriu que os veciños de Poso tamén o denominan como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de xeito que é probable que a denominación actual de Pozo sexa unha deturpación do nome deste pequeno núcleo rural galego.

A fermosa pedrafita Marco de Camín  acada unha altura á vista de pouco mais de metro e medio e, afondando na súa función de marco de término, non só separa dous concellos, senón que tamén está a delimitar  desde pretéritos tempos (posiblemente desde a prehistoria) o monte da Cospedosa en Cervantes e o Monte de  Murias en Navia de Suarna.



Nas súas pescudas, ademais de descubrir que o topónimo actual é errado, tanto a partir das testemuñas veciñais, tamén descubriu a orixe deste erro na documentación histórica. Un Veciño de Murias, José Fernández alias Vilarín, aportoulle documentación onde xa se fala do Marco de Xunquiñas, como tamén acontece nos interrogatorios do Catastro da Ensenada.

Moure subliña ademais que o Marco do Pozo era outro moxón situado non moi lonxe, que foi sustituido por un marco de cemento (alcumado así talvez polo lugar coñecido como Pozo do Tesouro) e que delimita hoxe en día as provincias de Lugo e León e ata non hai moito tempo limitaba ou  marcaba os lindeiros das aldeas de Pouso e Moreira no Concello de Cervantes, Murias de Navia de Suarna e Suárbol na provincia de León.



Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com

Como corolario, o Marco de Xunquiñas ou do Pozo, leva hoxe como ostentoso ornato ou anuncio con letras gravadas do coto de caza a saber, "Coto N. de Caza" por unha cara e, pola outra, "Coto de Caza LU 1022...", a pesar de estar prohibido por Lei.

Sinalar, por último, como vimos mantendo ao longo dos anos, a persistencia da utilización das pedrafitas como marcos de término desde as profundidades da historia: os monumentos megalíticos en xeral, e as pedrafitas en particular, desempeñaron desde sempre, entre outras funcións, unha función espacial, como marcos delimitadores de territorio e dicir, un papel socio-territorial. Esa significativa función de estruturación da paisaxe (marcadores do territorio, de espacios habitables, de lugares de tránsito...) foron funcionando de forma recurrente como marcos identificadores en datas históricas. Polo tanto concluimos, seguindo os estudos de Martinón Torres, coa constatación do concepto de CONTINUIDADE como un feito consustancial á existencia do megálito. Dese xeito ábrese o reto de reconstruir a historia, unha histroia que abre unha ventá para comprender a nosa paisaxe e por ende a nosa cultura:

"Es una historia de la que son partícipes los constructores de megalitos, pero también los campesinos, las mouras encantadas, los buscadores de tesoros, los paseantes ilustrados, los canteros desvastadores, los propios prehistoriadores... Todos los que, a la largo de la vida de los monumentos, hemos tenido relación con ellos" (Martinón Torres).


Saúde, sorte e libros!!!
En Sigrás, un día gris de febreiro de 2025.

QUE VER NOS ANCARES?

TODO.


BIBLIOGRAFÍA

https://patrimoniogalego.net/wp-content/files_mf/cache/th_7f48715928dfe0c3d117a6df4d299302_Navia-de-Suarna-Marco-de-Xunqui%C3%B1as5.jpg

https://patrimoniogalego.net/index.php/60473/2014/05/marco-de-xunquinas/

http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/07/toponimia-do-concelo-de-navia-de-suarna.html

http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/01/toponimia-do-concello-de-cervantes_23.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2014/07/13/mala-sorte-corren-os-marcos-historicos-ancares/0003_201407L13C10991.htm

Martinón Torres : "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas". Trabajos de Prehistoria, Santiago 2021.

martes, 6 de agosto de 2013

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. Becerreá, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. 

Na fermosa estrada Becerreá-Sarria, na parroquia de Vilouta, a uns cinco quilómetros de Becerreá, atópase a Anta Pedra Cobertoira, da que xa falei aquí a través dunha entrada de maio de 2012. De feito, foi a primeira anta que describín neste blogue. Hoxe, ano e pico despois, recibín un e-mail de Xabier Moure que me alegrou un día gris. O correo comenza así: "Boa noite, Moncho: Achégoche información sobre o Marco de Vilouta, en Becerreá do que me falaran hai algún tempo e que hoxe visitei".

A continuación describe a situación da pedrafita e unha información "preciosa" sobre os distintos elementos que definen esta pedrafita como un exemplar singular.

A pedrafita de Vilouta atópase inscrustada entre os castros de Vilouta de Abaixo e de Arriba e -feito de extraordinaria importancia- moi preto da anta Pedra Cobertoria. Probablemente, como ben subraia Moure, conservouse grazas a que foi reaprobeitado como marco de termo, separador territorial das dúas aldeas mencionadas, pertencentes na Idade Media ao Mosteiro de Penamaior.





A Pedrafita está feita ou composta de xisto e cuarzo, amosa sección cadrada moi regular coas caras moi bastas, sen labrar. As medidas no ancho das caras acadan os vintecinto centímetros en cadansúa; a altura non vai máis aló dun metro. Segundo os informantes de Moure, a pedrafita foi derrubada e mutilada de xeito que, antes desa profanación, sobresaía máis dun metro e medio.

O traballo de Moure (gran coñecedor e divulgador da Comarca dos Ancares) complétase cunha valiosa laboura etnográfica, recollendo as lendas que adxetivan estes senlleiros elementos da nosa xeografía física e sentimental. Efectivamente, cóntase na bisbarra que a pedrafita de Vilouta foi erixida por unha moura; ademais, os mouros que viven no túnel que comunica os castros de Vilouta amarraban as súas cabalgaduras na nosa Pedrafita.




Tamén, para concluir, a responsable da finalización ou remate da veciña Anta de Pedra Cobertoira foi unha Moura que deixou caer a enorme tampa ou pedra cobertora sobre os tres poderosos esteos que aínda hoxe conserva a anta. A Moura troixo a pedra desde un monte situado a dous quilómetros en liña recta que curiosamente se denomina A Moura.

Para máis información o blogue de Xabier Moure Salgado onosopatrimonio.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 15 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DE CHANCIA. San Cosme de Nullán. As Nogais

ANTA-DOLMEN DE CHANCIA

Como algunhas outras moitas veces, viaxando como os argonautas polas procelosas augas do tenebroso mar  de internet, atopei un elemento na páxina web Galicia Dixital que me chamou a atención. A reseña e as fotos pertencen a Luis Pérez Pombo.

Esta posible anta atópase nun lugar coñecido como Campo do Penedo, de xeito que  este singular elemento coñécese na parroquia co alcume de "O Penedo".




Segundo Luis Pérez, trátase dunha anta megalítica á que só lle está a faltar parte da pedra cobertora que ademais está formada por dúas grandes laxes de pedra caliza. A devandita tampa descansa enriba de tres enormes esteos que, na súa parte interior, son cóncabos. Este conxunto forma a estrutura arquitectónica.

 Non sabemos, polos datos de Pombo, si hai estrutura tumular e tampouco o tipo de cámara que debuxa. Así mesmo, tampouco sabemos absolutamente nada dun posible corredor de acceso. E tamén, segundo os mesmos datos, parece claro que tamén lle están a faltar boa parte dos esteos da cámara.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 23 de decembro de 2012

ANTA-DOLMEN DO RESTELO. Santa María de Cabanela, Navia de Suarna

ANTA-DOLMEN DO RESTELO.

Atópase formando parte dunha necrópole megalítica ubicada nos montes do Restelo, a uns 966 ms de altitude. Trátase de cinco mámoas que están ubicadas onde se xuntan as estradas de Becerreá, Navia de Suarna, Baleira e Fonsagrada. Non sabemos si algunha delas fai de marco de termo entre concellos e parroquias.

Seguendo a Xabier Moure (de quen collín a información e a fotografía), a mámoa que amosamos na fotografía, mide ao redor de corenta metros de diámetro. Amosa un gran funil de violación no que se asenta unha poderosa anta das do tipo poligonal con corredor corto e confórmase arquitectónicamente a través de sete esteos para a cámara e catro para o corredor. Non hai restos visibles da pedra cobertora ou tampa.

O estado de conservación é, como en tantos outros casos, lamentable.




Información e fotografía extraída do blog onosopatrimonio de Xabier Moure


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 24 de maio de 2012

ANTA-DOLMEN DE PEDRA COBERTOIRA. Santa Mariña de Vilouta, Becerreá.

ANTA-DOLMEN DE PEDRA COBERTORIA. 


                                   

Para chegar. 

Debemos coller a estrada de Becerreá-Sarria. Parroquia de Silvouta. Por unha corredoira no núcleo desta parroquia, a uns 150 ms xa se pode ver a anta.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

A ubicación desta anta é un valor engadido  á súa extraordinaria e fermosa factura. Efectivamente, o exemplar que estades contemplando, supoño que extasiados, atópase nun extremo dunha chaira na parte máis elevada destes montes ancareses, xusto antes de romper a chumbo a penechaira. Desde aí pódense contemplar impresionantes paisaxes de orografía crebada e abondosa vexetación autóctona.

Para chegar, na parroquia de Silvouta, atoparedes unha caseta ou parada dos autobuses: na outra beira da estrada, sube un camiño que se bifurca case inmediatamente de xeito que se debe coller á dereita, por unha corredoira que sube continuamente e que leva, polo medio dunha amena e bucólica paisaxe, ata os mesmos pés da Pena Cobertoira. 

Non é unha anta moi grande (de tipo medio pequeno), pero amosa unha sensación de fortaleza, de forza, de gravedade. A prarnta é rectangular sinxela e non se aprecian restos de corredor. A mámoa na que se insire é de tamaño tamén medio pequeno. Conserva tres esteos da cámara e a pedra cobertora ou tampa. A pedra da cabeceira é toda ela de cuarzo branxo, destacando poderosamente no conxunto. As demais son de granito de gran moi groso. 

Seguindo as agullas do reloxo, o primeiro esteo sobresae 63 cm da mámoa e mide 99 cm de lonxitude. A pedra da cabeceira acada 81 x 63 e a pedra da dereita ten de lonxitude 94,5 cm e de altura 85,5. O elemento máis sobresainte do conxunto, ademais da cor branca do esteo da cabeceira é, sen dúbida a tampa, polas súas colosais medidas: dous metros e sete cm na parte máis longa e un grosor de 99 cms. 



Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso no ano 2005

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!