martes, 29 de abril de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DA CAPELA DE SAN MARCOS. Fene

PEDRAFITA-MENHIR DA CAPELA DE SAN MARCOS, Fene.

Atópase entre as parroquias de Regoela e Sillobre, a primeira do Concello de Cabanas e a segunda do Concello de Fene.

Teño que agradecer, unha vez máis, ao incansable Xabier Moure o envío de información tanto gráfica como escrita ao redor desta máis que probable pedrafita.

A excursión ao lugar de Xabier Moure proporcionou uns extraordinarios resultados: ao chegar, adicáronse a restrexar a contorna na busca do marco-pedrafita. Cando xa desesperaran, botáronlle unha ollada á capela adicada a San Marcos: nun dos muros caleados da sacristía, enfoscada na parte de abaixo, albiscaron a pedrafita reutilizada e colocada horizontalmente.




Un veciño contoulles a Xabier e compañía que cando se engadiu a sacristía á ermida, decidiron deixar o marco no seu emprazamento orixinal, pero deitado. Parece que estamos, sen dúbida, diante dun lugar (un máis) cristianizado: romaría e feira anual permiten deducir que este espazo foi sempre un lugar sagrado, un centro de encontro. Ademais, como acontece con outras pedrafitas do Golfo Ártabro, repítese con asombrosa regularidade a potencia sanadora do elemento que nos ocupa. A saber, a este emprazamento levaban toda clase de animais tanto para que curasen de diversas doenzas como para que quedasen preñados. Para que o rito se cumplise debíanse dar sete voltas ao redor do marco (mantivose logo ao redor da ermida) e a continuación había que levalos a beber á Fonte do Santo.




Fotografía e información proporcionadas por Xabier Moure. Ver o seu blogue: onosopatrimonio.

viernes, 11 de abril de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE SILVOSO. San Martiño de Meis.

PEDRAFITA-MENHIR DE SILVOSO. San Martiño de Meis. Meis, Pontevedra.

Segundo a descrición de X.Alberte Alonso Fernández, que foi quen a descubriu e que me enviou a fotografía que adxunto, este fermoso exemplar de pedrafita adscrita ás do tipo fálico, describe unha forma xeral piramidal, con toda a superficie perimetral moi ben traballada e cun posible pulimento integral. Na parte superior ou croa amosa pequenas liñas lonxitudinais gravadas. Á parte desas liñas, non se parecia en toda a súa superficie resto algún de gravuras artificiais.





Parece ser que a pedrafita foi achada na década de 1980 cando se estaba a proceder á escavación dun terreno para a cimentación dunha vivenda. Foi así que ao aparecer esta curiosa pedra, os propietarios decidiron conservala de xeito que a chantaron á beira da estrada que colinda coa súa vivenda.

O estado xeral de conservación é bo si exceptuamos o lugar no que se erixe actualmente.


BIBLIOGRAFÍA

 X. Alonso Fernández, "O uso das pedrafitas no neolítico galego" (Estudo das pedrafitas de Observación Astronómica e das pedrafitas fálicas). Ed. SAGA (Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega nº 1) Ourense, Febreiro 2014.

martes, 1 de abril de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SALTO. Cabanas

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SALTO. Cabanas.

A Pedrafita O Marco do Salto posúe todas as características que nos fan sospeitar da súa adscrición crono-cultural á época megalítica: pervivencia como marco de termo, existencia de rituais sanadores e de fertilidade, forma fálica, etc.


                   
Fotografía extraída da páxina Galicia Encantada.

Efectivamente, a pequena pedrafita que amosamos hoxe, aínda fai de pedra de termo entre as parroquias de Salto, Laraxe e Irís, do Concello de Cabanas. Trátase dunha pedrafita cilíndrica, moi ben puída e redondeada na croa, onde tamén aparece un pequeno burato no que a xente coloca as súas moedas, esmola que debe incidir na curación, na posibilidade de concepción, etc.


                                              
                                                         Fotografía da páxina Galicia Encantada          

Segundo as informacións que fumos recollendo, a nosa pedrafita ten propiedades milagreiras: cura unha boa xeira de enfermidades e tamén desfai outra xeira de meigallos, todo elo vencellado moi de cerca coas enfermidades de tipo tradicional. Sen embargo, para que a sanación sexa efectiva, debénse cumprir unha serie de preceptos. En primeiro lugar débese ir alí antes das doce da noite e achegarse ao marco varias veces en absoluto silencio. Tamén é necesario levar un obxecto ou algunha prenda daquilo que se queira sanar, sexa muller, home, animal... Non é necesario dicir que si se incumple algunha destas condicións, a curación non será efectiva. 


   
Fotografía do blogue onosopatrimonio
                                        
Unha vez diante da pedrafita hai que bater tres veces co cú e dar nove voltas ao marco dicinco o seguinte conxuro: "Meigos e meigas, envexosos e envexosas; encantadores e encantadoras, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que vou tirar". A continuación débense votar cartos encima da pedra: ese ritual pódese repetir ata tres veces. 

Na súa páxina galiciaencantada, Antonio Reigosa rastrexou algunha bibliografía sobre este singular elemento e atopou unha breve pero interesante reseña de Monteagudo que relaciona este rito co deus Príapo que se representaba coma un "marco de termo", e dicir coma un falo: é así como simboliza a fecundidade. As mulleres, para quedar preñadas, debíanse frotar nelas varias veces. Este ritual mantívose petrificado de xeito indeleble ata os nosos días.



Curiosa fotografía de Ángel Facio onde se pode 
ver unha prenda que seguramente ten 
que ver co elemento que se quere curar. 
Extraordinario documento gráfico.

Nada máis que engadir que as semellanzas que atopamos nos rituais que se reptien casi miméticamente nas pedrafitas do Marco de San Lourenzo ou Pedrafita de Torres, xa estudadas neste blogue, e situadas nas brumosas terras do Golfo Ártabro.


BIBLIOGRAFÍA E BLOGUES:

-Galicia Encantada de Antonio Reigosa

-O Noso Patrimonio de Xabier Moure

-Luis Monteagudo García: "La cirujía en el Imperio Romano". Anuario Brigantino, nº 23. Betanzos 2000.