xoves, 2 de outubro de 2025

ANTA-DOLMEN DA COSTA DE MERA 2. Santiago de Guldriz, Friol.

ANTA-DOLMEN DA COSTA DE MERA 2


"El Sol, con todas las cosas que le pertenecen, puede ser considerado como un solo ser, una sola cosa, una sola substancia."

Johannes Kepler


Debuxo Moncho Boga 2025.

Desde Friol si queremos podemos ir en automóbil e logo camiñar ao redor dun quilómetro. Chegar á anta é complicado e recoméndase empregar o XPS. O estado de conservación é regular. Trátase dun conxunto de catro mámoas das que só unha está a conservar restos da cámara megalítica. Dous dos esteos aparecen gravados, un cun motivo de cruces e o outro co que semella un sol.

A anta e a necrópole da Costa de Mera están hoxe sinalizadas, bastante limpas e cun panel ou mesa informativa, o que supón unha agradable sorpresa. 


Planta da Mámoa 2 da Costa de Mera a partir 
da Mesa informativa.

A necrópole magalítica da Costa de Mera argállase  a través de catro mámoas e no contorno aparece unha cativa agrupación ou panel de petróglifos. Emprázase nun lugar elevado da aba a case seiscentos metros de altitude, o que permite a visibilidade de longo alcance. Este feito pode explicar o porqué da elección do emprazamento.



Fotografía de Xabier Moure.

Esta para min nova anta foi redescuberta por Xabier Moure e Brais Rodríguez, incansables investigadores, trotamundos do noso territorio. Pentencentes ao Colectivo Patrimonio dos Ancares, localizaron tamén un gravado na Anta 2 da Costa de Mera. Este gravado, considerado único, o descríben composto  de catorce liñas radiais que parten dun círculo a xeito mais que probable dunha representación do sol. A tremenda gravura atópase na parte inferior dun dos chantos que permanecen da estrutura arquitectónica megalítica.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

A anta foi descuberta e documentada a finais da década de 1980 polo tan mentado neste blogue Juan F. Núñez Jato. Tamén foi visitado polos amigos César Parcero e Carlos Otero Vilariño, arqueólogos e amigos do INCIPIT.



Esteo con soliforme, versión a partir da Mesa informativa.

Para Xabier Moure esta representación do sol non da lugar a interpretacións: a gravura non admite dúbidas en canto á figura que quixeron representar os construtores da anta engadindo, como feito case apodíctico, que o debuxo gravado atópase orientado ao leste, á saída do sol.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

A Anta da Costa de Mera 2 forma parte dunha necrópole composta por catro mámoas. A mámoa 2 acada un diámetro de trinta e catro metros e dous metros de altura, polo que se pode considerar de tamaño grande dentro da tipoloxía das mámoas galegas. Está a conservar actualmente sete chantos da estrutura arquitectónica ou anta e non hai pegada algunha da tampa ou pedra cobertora. A mámoa na que se insire amosa evidencias de diferentes etapas e características, así como o omnipresente funil de saqueo que pode proceder de épocas históricas.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

Tamén ten razón o compañeiro Moure cando incide na necesidade de protexer o inxente patrimonio megalítico do Concello de Friol, onde se conservan ao redor de trescentas mámoas, algunhas entre as mais grandes de Galicia.


En Sigrás, nos derradeiros días de setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ESTUPENDOS ENLACES

https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/friol/2021/05/25/descubren-grabado-unico-galicia-dolmen-friol/00031621943333420560551.htm?

fbclid=IwAR2KkGqZ_PyVsu8B3tmTxW0tlGoBEmhegJkjH8SHRnNSA6It0gd-DJCzb3A

https://roteirosadegalugo.wordpress.com/2023/01/02/roteiro-mamoas-e-petroglifos-custodiando-os-nosos-ancestros/

https://megaliticia.blogspot.com/2021/03/Mamoas-Costa-de-Mera.html

https://www.elprogreso.es/gl/articulo/comarca-lugo/achan-sol-gravado-dolmen-friol-que-pode-ser-unico-galicia/202105261616181505037.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/friol/2022/01/17/atopan-dous-xacementos-arqueologicos-friol/00031642437511856468493.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/mamoas-de-costa-de-mera