Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Betanzos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Betanzos. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de abril de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DE MÁNTARAS, San Cosme de Mántaras, Irixoa

PEDRATIFA-MENHIR DE MÁNTARAS.

“Hoy, a como está la vida, ni para mal comer. Alguna otra cosa se saca. Total, miseria.”

Ramón María del Valle Inclán.



"Nun tan máxico como paradigmático emprazamento, dende onde se otean amplas perspectivas da ría de Betanzos, dende onde se adiviña o profundo canón do río Zarzo (deudor do río Mandeo), eríxese chantada e solitaria, como vixía perpetua, unha pedrafita granítica que desafía impertérrita o vaiven caprichoso dos tempos".

       

Mapa segundo versión de Moncho Boga.
                       

Deste xeito comenzamos o artigo que acaba de ser publicado na revista "Fol de Veleno" editada pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) titulado "A Pedrafita-menhir de San Cosme de Mántaras". O devandito artigo está firmado por Ángel G. Martínez (Papigil) e polo que suscribe.

Todo comenzou un día calquera dos meses centrais do ano 2014, cando, inopinadamente, achegouse polo Museo de Cambre o amigo Papigil que, emocionado, víñame ensinar unha fotografía dunha posible pedrafita. Cando ollei aquila primeira fotografía, e cando me informou do seu emprazamento, non me quedou a máis mínima dúbida de que estabamos diante dun precioso descubrimento, diante dunha pedrafita-menhir, elemento sobranceiro da nosa prehistoria.



Fotografía de Manuel Boga Neira.
                          
Non pretendo nesta entrada reproducir o artigo (tendes a revista á vosa disposición nas librarias) senon incorporar este emblemático novo elemento na listaxe das pedrafitas galegas, que cada vez engorda máis grazas sobre todo ás avezadas e incansables pescudas do noso grupo de whatsapp "Fuso da Moura". 

O traballo de campo, a etnografía, todo hai que dicilo, foi cousa case exclusiva de Papigil.


                           


Fotografía de Moncho Boga.
                           
A pedrafita atópase inserida nunha ampla semi-chaira aos pés do monte de San Antón: está no medio dunha necrópole megalítica, non é un marco de termo e, como elemento testemuña do carácter profano ou prehistórico, paradóxicamente, a Ermida de San Cosme. Polo tanto, lugar de romaría, de camiños reais, corredoiras fondas, nacemento de cursos fluviais... Mámoas, castros e petróglifos rodean a contorna, como sinalando ao embigo, ao omphalos que, poderosamente erecto, sobresae inconfundible no centro case xeométrico desta pequena planicie.

Sen dúbida a ermida de San Cosme (nós mantemos que a advocación orixinal é San Antón) é un elemento cristianizador dun lugar sagrado xa desde a prehistoria. O cristianismo, como é lugar común na interpretación de moitos ritos cristianos, recolleu certas características das festas paganas e aderezounos cun novo fondo cristiano, reinterpretándoos e outorgándolles un novo significado máis axeitado á ideoloxía triunfadora.


                         


En canto á analise formal, estamos diante dun robusto esteo de granito que amosa sección rectangular coas arestas moi biseladas. Acada  unhas dimensións aproximadas de 1,42 m de altura na cara que mira ao suleste. A anchura máxima chega aos 82 cms. Todas as caras atópanse moi regularizadas, aínda que non se observa siño algún de puído, exceptuando o revaixe cóncavo da croa.

Nunha das súas caras aparecen, apenas insinuadas, dúas acanaladuras do tipo media cana: ocupan unha boa superficie, colocadas en diagonal e acadan 5 cm de ancho. A máis longa mide ao redor de 61 cms; a máis corta, uns 50 cms. Na cara do NO aparece o que semella unha cruz feita en dous trazos, pero non podemos desbotar a posibilidade de que sexa unha gravura natural.


                                         

                                          


Fotografías de Moncho Boga.
                                          
Na parte superior, na croa, aparece un amplo rebaixe cóncavo, perfectamente puido, que se pode interpretar, despois das comprobacións efectuadas por Papigil, como  un "axexadoiro de observación astronómica". Efectivamente, a croa cóncava, a xeito de axexadoiro, permitiunos iniciar un proceso de seguimento dos solsticios e dos equinocios, coa finalidade de comprobar a posibilidade de que a ubicación e a orientación poidera dar lugar á sinalización astronómica. Foi así que Papigil comprobou o solsticio de inverno (22 de decembro de 2014) onde puido determinar como o sol situábase directamente sobre o axexadoiro, manténdose nesa liña ata a súa desaparición progresiva tras o horizonte da croa. Podemos concluir, xa que logo, que estamos diante da primeira pedrafita galega ao efecto de marcaxe efectiva para o solsticio de inverno.

Consideramos, con todo, que estamos á beira dun lugar máxico, dun espazo sagrado, sendo visto como tal por múltiples xeneracións, un centro do mundo que describe un todo ordenado, un cosmos, desde o que se solucionan todos aquiles problemas que teñen que ver coa boa marcha de calquera sociedade tradicional.


                               

Fotografías realizadas por Candela, Manuel e Moncho
                                 


IMAXE DA MARCAXE SOLSTICIAL REALIZADA POR PAPIGIL:





Unha das mámoas da necrópole de Mántaras, a poucos
metros da Pedrafita. Fotografías de Candela, Manu e
Moncho Boga.
                             

                     



En Sigrás, nun día calquera dun ano calquera.
Súde, sorte e Libros!!!
 

mércores, 24 de abril de 2013

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE DAS SOUTEIRAS. Santa María de Fisteus, Curtis

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE DAS SOUTEIRAS. 

Atópase no lugar de As Souteiras e constitúe un fermoso exemplo de túmulo megalítico, moi ben conservado en apariencia e cuberto cunha mesta capa de matogueira.




Acada, no diámetro ao redor de 24 metros e sobresae en altura uns dous metros e corenta centímetros.

No centro da mámoa ábrese o sempiterno funil de violación e nel conserva os restos do que foi a cámara megalítica cifrados en dous esteos ben alineados e outro mais desprazado na mámoa. Debían formar parte dunha cámara con pranta poligonal.

Coordenadas:
X: 572.606
Y:4.777.009

(Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo amigo Tito Concheiro)


                                                                  

                            
                                                          


Fotografías de Tito Concheiro

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE SAN CRISTOBO 1. Santa María de Foxado, Curtis.

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE SAN CRISTOBO 1.

Estamos diante dos restos dunha anta pertencentes a unha mámoa que tamén se atopa moi esmorecida. Cumple a función de marco de termo entre dúas propiedades.

Cando se formou o pastizal ou pradeira rebaixouse considerablemente o volume da mámoa e tamén se colmatou o funil de violación.

As medidas da mámoa ou estrutura tumular acadan os catorce metros de diámetro e non sobresae mais de oitenta centímetros. Conserva, como dicía antes, restos da estrutura arquitectónica da cámara que se cifran nun esteo fincado no chan (seguramente "in situ") e outro mais extraido durante o desmantelamento ca cámara. Atópase tirado na parte alta da mámoa apoiado no esteo anterior.

Coordenadas:
X: 581.125
Y:4.775.616

Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo arqueólogo Tito Concheiro, a que agradezo a súa desinteresada e presta axuda nestes menesteres.





Fotografías de Tito Concheiro

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 5 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 10 DE MÁNTARAS. Santa María de Mántaras, Irixoa

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 10 DE MÁNTARAS.

Para chegar. Subindo cara a Paderne desde a Ponte Vella de Betanzos, ao chegar ao máis alto, atopamos a fermosa ermida románica de San Cosme. Detrás deste sinxelo exemplar do románico galego exténdese unha gran necrópole. A maioría das mámoas non conservan restos da cámara á vista, excepto a sinalada co número 10 polo Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos.

Esta mámoa aséntase nunha extensa chaira a 412 metros de altitude nunha zona adicada a praderías e pastizais. A mámoa atópase moi alterada debido a labouras agrícolas e, no burato de violación sobresaen tres esteos da estrutura arquitectónica megalítica.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 16 de decembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MONTE MEDELA. Santaia de Probaos, Cesuras

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MONTE MEDELA.

Para chegar: desde Santaia, onde hai dúas tabernas, ao pasalas, hai que coller un desvío á esquerda que baixa costaneiro. A menos dun quilómetro, hai que coller outro desvío á dereita no que hai unha sinal indicadora da ermida de San Xoán do Couto. A catrocentos metros atopamos á ermida.

O Pico da Medela atópase a 468 ms de altitude e, no lugar onde está asentado o Marco, eríxese unha pequena ermida adicada a San Xoán Bautista. Moi cerca emprazábase unha mámoa da que asomaban dous esteos da cámara. Segundo Vales Villamarín, un destes esteos salvouse porque fai de marco de termo entre as parroquias de Loureda e Paderne. Tamén conta que a tampa ou pedra cobertora do devandito monumento megalítico atópase no chan do palco da música.

O humilde Marco do Monte da Medela destaca, máis que polas súas características formais, pola cantidade de relatos lexendarios de que está rodeado. Por suposto, o número nove, número máxico onde os haia, aparece impertérrito e inconmovible nas lendas vencelladas ás tradicións máxico-curativas deste mínimo elemento que se engrandece cunha soberbia pátina de propiedades extraordinarias.

É unha visita recomendable desde moitos puntos de vista, tanto polos elementos reseñados como polas extraordinarias vistas: amplos horizontes recordan á inmensidade do universo...



Fotografía extraída do artigo, 
VALES VILLAMARÍN, F.: "Estudio de un marco dolménico en Cesuras (Coruña) y las leyendas que generó."
 Anuario Brigantino, nº 22. 1999


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


domingo, 4 de novembro de 2012

PPEDRAFITA-MENHIR DE SANTA MARÍA DE MEZONZO. Vilasantar

PEDRAFITA-MENHIR DE SANTA MARÍA DE MEZONZO.

No Concello de Vilasantar, a un lado da prodixiosa igrexa románica de Santa María, á beira duns alpendres, eríxese esta pedrafita, solitaria e descoñecida. Ante a magnificencia da igrexa monacal, efectivamente, a pedra fincada pasa absolutamente desapercibida.

Trátase dunha pedra chantada con forma troncocónica cun pequeno rebaixe cara ao cumio, o que lle confire un lixeiro aspecto fálico. Sobresae máis dun metro e medio e, aínda que non está pulida, parece evidente que foi labrada pola man do home.


 

Lugar de cruzamento de vieiros se cadra prehistóricos, a pedrafita atópase perfectamente chantada ao norte da igrexa de Santa María, lugar umbrío, lugar dos difuntos, dos cemiterios. Aínda hoxe aséntase o cemiterio parroquial á beira, como recordando e testemuñando que ese é o seu lugar. A posible pedrafita parece sinalar o límite entre vivos e mortos, o límite de dous mundos absolutamente separados.

Estamos diante dun exemplo de cristianización, doutro dos moitos exemplos que xalonan a xeografía mítica galega? Foi este lugar unha necrópole megalítica ou algún tipo de santuario reutilizado polo cristianismo? É esta pedrafita o derradeiro testemuño dun lugar máxico? Estaba ese culto  atávico, tan arraigado que se senteu a necesidade de chantar un poderoso mosteiro neste remoto lugar? En definitiva, é esta unha pedrafita?

Preguntas, preguntas e máis preguntas...

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

luns, 10 de setembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SEIXO. San Xurxo de Torres, Vilarmaior.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SEIXO.

Catalogada  no ano 1998. GA15091005

Esta mañá lenvanteime ás 09:30  e prepareime para unha pequena excursión megalítica. Entre unhas cousas e outras non din saído ata as 10:30. Collín a autorestrada do Atlántico, cousa que non recomendo, e, en Guísamo, tomei dirección cara a Ferrol. Pouco despois collín a saída de Miño, onde principiaron unhas interesantes peripecias matutinas.




O destino foi, ou era, un marco de termo que xa visitei hai uns cantos anos e unhas cantas veces. Sen embargo, debido a diversos avatares, sempre misteriosos e inexplicables, acabei perdendo tanto as imaxes fotográficas como os datos técnicos obtidos despois desas visitas. O destino era o Marco do Seixo, sito entre os concellos de Vilarmaior e Monfero.




Para chegar. Desde o centro de Miño hai que coller a estrada que vai a Bemantes e Vilarmaior (AC-1160). Logo de pasar Bemantes, chégase á Feira do Tres: uns trescentos ms máis adiante hai que coller un desvío á esquerda (DP-5004). Despois de percorrer uns catro quilómetros, aparece un cruzamento  (parroquia de Torres) onde ubícase  á dereita o Café Bar Casa Menguxo. Hai que deixar atrás este cruzamento e o bar e, sen desviarse, pasamos cerca da Casa do Concello, do Campo de fútbol municipal e despois á beira doutro campo de fútbol. Un pouco despois (unha vez percorridos uns tres quilómetros desde o bar) aparece unha caseta do autobús á dereita nunha suave baixada: inmediatamente despois, sae unha pista estreita e asfaltada á dereita. Desde aí ata a pedrafita aínda non hai un quilómetro.




A pedrafíta atópase no medio dun cruzamento e fai de marco de termo separador entre dous concellos (Vilarmaior e Monfero) e tres parroquias (Torres, Vilachá e Monfero). Ubícase xusto no cambio de vertente, onde a aba do monte cae a chumbo. Moi preto, nunha aliñación orientada de leste a oeste, atópase unha necrópole megalítica composta por tres ou catro mámoas. Si esta é unha pedrafita, está a comprir algunhas das constantes en canto ao emprazamento que se poden ollar en moitas outras pedrafitas galegas.




Por ese cruzamento serpenteaba o antigo Camiño Real que transitaban os veciños para trasladarse co gando e con todo tipo de mercadurías á Feira da Viña no Concello de Irixoa. Do mesmo xeito, era o lugar de tránsito axeitado que levaba á Feira do Tres en Vilarmaior.
Temos diante un bloque monolítico que acada unha altura máxima de un metro e vinte centímetros, sen contar a parte que queda enterrada. A súa forma xeral é triangular apuntada, sendo a súa superficie traballada e alisada para conferirlle a forma. O lado norte é recto, mentras que o asimétrico ofrece unha certa forma convexa.. No chan, no lado do norte, descansa unha lousa plana e irregular duns cincuenta centímetros de lado: semella facer de calzo da pedrafita.  A forma é tendente ao cilindro, aínda que tamén se pode interpretar con certa tendencia, na planta, ao triángulo. Segundo os seus "catalogadores" a pedrafita foise enterrando co paso do tempo, pois antes de arranxar o Camiño Rela, acadaba unha altura de máis de 1,80 metroe.

En todo caso pódense distinguir catro caras. A cara norte, cuberta de diversos líquens, é lixeiramente abonbada e nela aparecen unha serie de oquedades que ben puideran ser cazoliñas. Na cara do sur aparecen dous cruciformes; na cara do leste debúxanse unha "M" e unha "F" que poden aludir ao concello de Monfero, para sinalar os lí9mites. Por último, a cara do oeste é a máis basta e nela non localicei ningunha gravura de interese. O perímetro da base é de cento doce centímetros e no alto, máis estreito, posto que vai diminuíndo en grosor adoptando unha forma cónica, acada uns noventa centímetros.


Posiblemente boa parte das inscricións que se atopan por todas as súas caras sexan marcas do Couto de Monfero. López Sangil, a partir da documentación medieval, fala do Marco das Lobeiras que posiblemente se refira a esta pedrafita posto que o monte que a rodea chámase Monte das Lobeiras.

Na cara do sur é onde se atopan o maior número de motivos con representacións gráficas como cazoletas, cruces e unhas gravuras lineales que percorren toda a pedrafita. Todos estes motivos posiblemente sexan de adscrición prehistórica. 




Unha vez feitas as medicións que considerei apropiadas, dada a premura de tempo, retrocedín cara ao cruzamento de Torres, onde está a Casa Menguxo. A intención era tomar un café e dapartir cos posibles parroquianos. Tiven sorte.

Efectivamente, no establecemento estaban dous veciños e o dono do bar: dous homes e unha muller. Pouco a pouco fun entrando en conversa e tamén pouco a pouco funos levando cara aos meus intereses megalíticos. Esto foi o que conseguín sacar á luz:

En primeiro lugar contáronme que antes o camiño era unha profunda corredoira. Cando iniciaron o asfaltado a intención era a de eliminar o Marco pero que grazas á teimuda resolución e terquedade dun veciño do lugar do Seixo, en Monfero, decidiuse finalmente que o Marco permanecería no seu lugar de sempre.

A señora (Julia González Sanjurjo) que estaba tomando un café e unha madalena, resultou a máis fecunda relatora ou informadora debido a que se acordaba moi ben dos contos que lle contaba a súa nai xa falecida. Era tamén a máis xoven dos tres contertulios fortuitos.




Contoume, xaquelogo, que  os veciños da bisbarra utilizaban o Marco para curar diversas enfermidades tradicionais, tanto para o gando como para as persoas. O proceso era o seguinte: había que dar nove voltas ao Marco para espantar calquera mal ou meigallo. En cada volta tamén había que tirar  unha moeda de costas á pedrafita. Tamén se tiraban, sempre para atrás, pedras de seixo ou de cuarzo. Si alguien collía as moedas, o meigallo ou a enfermidade podíase volver contra el. Dicir que, aínda así, os cartos sempre desaparecían.
Pero hai máis: Julia conta que nin hai trinta anos aparecían ao redor do Marco moitas follas de diversas árbores que estaban traspasadas por afinetes e/ou agullas, moitas veces dobladas. Sen dúbida eras conxuros de diverso tipo.

Para as enfermidades do gando, por exemplo, si tiñas unha vaca enferma, debías levar un pucheiro con leite de catro tetos e calquera que pasara por alí tíñao que romper para que o rito curativo dira o resultado apetecido.



Tamén se deixaban frascos que contiñan azufre, posiblemente un prodixioso remedio contra o mal de ollo ou contra outras moitas enfermidades humáns ou animais de carácter tradicional.

Era normal que a xente que ía co gando cara a calquera das feiras, procedese a dar as devanditas nove voltas ao redor da  pedrafita coa intención de influir na sorte á hora dos intercambios feirais.

En fin, logo destas suculentas informacións despedínme dos meus inopinados contertulios sobre as 12:30, levando comigo unha agradable sensación de felicidade.

Un último apuntamento refírese á apariencia fálica obtida a través dalgunhas destas instantáneas, aínda que nas informacións anteriores non saira nin unha soa vez alusión algunha acerca dos ritos de fertilidade.

Para rematar, só me queda agradecer senceiramente a Julia González Sanjurjo, a Andrés García e a Jesús García (Suso), a súa paciencia para responder ás miñas teimudas, recalcitrantes e, ás veces, inxenuas  preguntas.










Fotografías realiadas por
Ramón Boga o 10 de setembro de 2012















Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso o 16 de setembro de 2008.


martes, 29 de maio de 2012

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DA FRAGA DO VELLO. Aranga.

MÁMOA DA FRAGA DO VELLO. 

Para chegar. Partindo de Ponte Aranga (capital municipal), hai que cruzar o río e dirixirse cara ao alto da Serra de Cambás. A poucos quilómetros hai un desvío á dereita que leva a este lugar. Trátase dun outeiro ao que bordea o río Mandeo: na cima aplanada, despois dunha crista de pedra dificil de cruzar, acóchase esta curiosa mámoa.



Está encaixada entre rochas e é notable pola súa forma e construción: a planta é oval e termina en pico nun extremo do eixe longo. Está feita a base de pedras de granito colocadas de plano unhas sobre as outras, formando capas que diminúen na medida que van cara ao cume. 

O eixe maior mide vinte metros e o menor once. Antes da violación tería catro metros de altura. No fondo atopouse unha laxe de forma oval de sesenta cms de ancho e oitenta de lonxitude. 

Este tipo de túmulo é un caso illado no megalitismo galego. Ao non atoparse enxoval algún, e polo singular do procedemento construtivo, á mámoa da Fraga do Vello non se lle pode asignar data precisa nin tampouco adscripción crono-cultural, a pesar do nome: o avanzado da súa técnica construtiva permite aventurar unha datación que non vai máis aló dos principios da Idade do Ferro.



Fotografías realizadas por Ramón Boga Moscoso no ano 1994


Reconstrución e corte da mámoa da Fraga do Vello, segundo José María Luengo (versión de Ramón Boga). Probablemente a Mámoa da Fraga do Vello adscríbase cronolóxicamente ao Bronce Medio:





En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!