sábado, 3 de mayo de 2014

ANTA-DOLMEN DE ABUIME: xa non está sola.

A ANTA-DOLMEN DE ABUIME xa non está sola.

Todavía recordo vívidamente cando sobre o ano 1993 visitei por vez primeira a Anta de Abuíme. Cheguei a Escairón (levaba aos meus pais comigo) cunhas parcas notas de cómo chegar a esta sonada anta. As notas para chegar eran importantes pero insuficientes: só o instinto megaliteiro permitiume atopar á anta despois de cruzar unhas leiras privadas. Recordo a emoción do achado, pero tamén recordo o descorazonamento de ver aquelas cinco enormes pedras chantadas abandonadas no medio da nada, sen accesos e sen sinalicación algunha. A segunda vez que me acerquei por isas fermosas terras de Lemos, da Ribeira Sacra, a anta estaba cuberta de neve..., pero isa é outra historia.


  
Anta de Abuíme, fotografía de Ramón Boga


Por iso a miña alegría foi grande cando esta semana recibín unha mensaxe da Asociación Veciñal do Sabiñao que me alegrou o día. Dentro do lamentable estado no que se atopan a meirande parte dos elementos megalíticos galegos ante a desidia de todo o mundo, é extraordinariamente loable a iniciativa desta Asociación: desde inicios de 2014 o acceso á Anta de Abuíme está sinalizado desde Escairón e tamén desde o Campo da Festa de Abuíme. Pero non só iso, a devandita Asociación conseguiu o permiso dos veciños para crear un acceso doado polas súas fincas ata a Anta.

Estes verdadeiros gardas do noso patrimonio foron capaces tamén de decatarse dunha perigosa inclinación do esteo central (probablemente a pedra da cabeceira) debido ás inclemencias metereolóxicas deste ano, notificando o feito á Dirección Provincial de Patrimonio. 



                                                          Anta da Leira Rapada

Desde este blogue non podo menos que felicitar a esta xente. Só, parece mentira, desde estas iniciativas cívicas poderemos salvar e poñer en valor o noso patrimonio.

Ademais, e para rematar, a Asociación está comprometida con todos os últimos achádegos na bisbarra: Anta da Leira Rapada en Vilatán, petroglifos, betilos ou idoliños cerca de Escairón, etc.

Información recibida da Asociación Veciñal de O Saviñao