PEDRAFITA DE PASCUAIS
"Gutta cavat lapidem, non vi, sed saepe cadendo": (La gota horada la piedra, no por su fuerza, sino por su constancia al caer)
Ovidio: "Cartas desde el Ponto", IV, 10.
Pedrafita de Pascuais segundo debuxo de Moncho Boga, 2024. |
Nas brumorosas e lexendarias terras da Comarca de Lugo eríxese esta estupenda e prototípica pedrafita, que ven a engrosar o cada vez meirande número destes monumentos megalíticos do país galego.
Atópase no lugar de Pascuais, nunha chaira que se espalla a través dunha suave pendende que cae cara ao suleste. Corredoiras primitivas, camiños antigos, veredas recónditas, carreiros indispensables..., e erixíase, como contarei mais adiante, á beira dun pequeno manancial de augas cristalinas. Tamén é área de necrópoles megalíticas, unha asombrosa área cunha asombrosa densidade de mámoas. Acevedo, As Corredoiras, Picos das Mallas, Os Carrís, Martul, Cobreiro..., son topónimos que nalgún caso aluden á existencia destas verdadeiras estruturas arquitectónicas vencelladas coa morte.
Pedrafita de Pascuais. Fotografía de Xabier Moure. |
Como tantas outras veces, tanto as fotografías como o que podo dicir desta pedrafita débese ao férreo tesón de Xabier Moure, a través do seu enciclopédico blogue onosopatrimonio. Efectivamente, a maior e única descrición desta tan sorprendente como inopinada pedrafita, chantada no xardín dunha casa rehabilitada para actividades hostaleiras e de turismo rural, recibina por medio do blogue antes mencionado.
Conta Moure unha visita a este establecemento onde o propietario tivo a amabilidade de ensinarlle esta marabillosa pedrafita: nese espazo, Moure, acompañado por Brais Rodríguez Romero, puido contemplar e escudriñar varias pedras chantadas, trasladadas das contornas aledañas da mesma finca. Sen embargo o que verdadeiramente destacaba nese lugar era o gran esteo que nos ocupa.
Efectivamente, como podemos ollar nas fotografías, sobresae un gran bloque granítico coa forma ben regularizada, traballada, puída, con tendencia cónica. A parte que non está chantada na terra ten unha altura aproximada de dous metros e sesenta centímetros. O perímetro, na parte mais grosa, segundo as súas medidas, acada os tres metros e noventa centímetros. O menhir vaise estreitando paseniñamente cara ao mais alto, á croa, onde é un pouco mais estreito.
Pedrafita de Pascuais. Fotografía de Xabier Moure. |
Segundo as informacións do dono da finca, a parte soterrada pode acadar preto dun metro, de xeito que estamos a falar dunha lonxitude total de case tres metros. Segundo Moure esta enorme pedrafita pode chegar a un peso de preto de sete toneladas.
Como dicía ao principio a pedrafita foi trasladada hai anos desde o seu primitivo lugar de emprazamento, dentro da propia finca, cerquiña, á beira dun pequeno manancial. Non se conserva ningún motivo gravado, nin coviña algunha, tampouco escotadura..., sen embargo a perfección do desbastado e a súa forma, falánnos indiscutiblemente dun elemento adscrito crono-culturalmente á época neolítica.
En Sigrás, achegándome aos infaustos tempos de finais do ano 2024.
Saúde, sorte e libros!!!
PARA SABER MOITO MAIS E MELLOR
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://historiadegalicia.gal/2017/09/outeiro-de-rei-atesoura-180-enterramentos-prehistoricos-medio-cento-deles-foron-arrasados-nos-ultimos-anos/
https://outeiroderei.gal/turismo/