miércoles, 22 de abril de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DE MÁNTARAS, Irixoa

PEDRATIFA-MENHIR DE MÁNTARAS, Irixoa.


"Nun tan máxico como paradigmático emprazamento, dende onde se otean amplas perspectivas da ría de Betanzos, dende onde se adiviña o profundo canón do río Zarzo (deudor do río Mandeo), eríxese chantada e solitaria, como vixía perpetua, unha pedrafita granítica que desafía impertérrita o vaiven caprichoso dos tempos".

       
                       


Deste xeito comenzamos o artigo que acaba de ser publicado na revista "Fol de Veleno" editada pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) titulado "A Pedrafita-menhir de San Cosme de Mántaras". O devandito artigo está firmado por Ángel G. Martínez (Papigil) e polo que suscribe.

Todo comenzou un día calquera dos meses centrais do ano 2014, cando, inopinadamente, achegouse polo Museo de Cambre o amigo Papigil que, emocionado, víñame ensinar unha fotografía dunha posible pedrafita. Cando ollei aquila primeira fotografía, e cando me informou do seu emprazamento, non me quedou a máis mínima dúbida de que estabamos diante dun precioso descubrimento, diante dunha pedrafita-menhir, elemento sobranceiro da nosa prehistoria.



Fotografía de Manuel Boga Neira.
                          
Non pretendo nesta entrada reproducir o artigo (tendes a revista á vosa disposición nas librarias) senon incorporar este emblemático novo elemento na listaxe das pedrafitas galegas, que cada vez engorda máis grazas sobre todo ás avezadas e incansables pescudas do noso grupo de whatsapp "Fuso da Moura". 

O traballo de campo, a etnografía, todo hai que dicilo, foi cousa case exclusiva de Papigil.


                           

                           


A pedrafita atópase inserida nunha ampla semi-chaira aos pés do monte de San Antón: está no medio dunha necrópole megalítica, non é un marco de termo e, como elemento testemuña do carácter profano ou prehistórico, paradóxicamente, a Ermida de San Cosme. Polo tanto, lugar de romaría, de camiños reais, corredoiras fondas, nacemento de cursos fluviais... Mámoas, castros e petróglifos rodean a contorna, como sinalando ao embigo, ao omphalos que, poderosamente erecto, sobresae inconfundible no centro case xeométrico desta pequena planicie.

Sen dúbida a ermida de San Cosme (nós mantemos que a advocación orixinal é San Antón) é un elemento cristianizador dun lugar sagrado xa desde a prehistoria. O cristianismo, como é lugar común na interpretación de moitos ritos cristianos, recolleu certas características das festas paganas e aderezounos cun novo fondo cristiano, reinterpretándoos e outorgándolles un novo significado máis axeitado á ideoloxía triunfadora.


                         


En canto á analise formal, estamos diante dun robusto esteo de granito que amosa sección rectangular coas arestas moi biseladas. Acada  unhas dimensións aproximadas de 1,42 m de altura na cara que mira ao suleste. A anchura máxima chega aos 82 cms. Todas as caras atópanse moi regularizadas, aínda que non se observa siño algún de puído, exceptuando o revaixe cóncavo da croa.

Nunha das súas caras aparecen, apenas insinuadas, dúas acanaladuras do tipo media cana: ocupan unha boa superficie, colocadas en diagonal e acadan 5 cm de ancho. A máis longa mide ao redor de 61 cms; a máis corta, uns 50 cms. Na cara do NO aparece o que semella unha cruz feita en dous trazos, pero non podemos desbotar a posibilidade de que sexa unha gravura natural.


                                         

                                          

                                          
Na parte superior, na croa, aparece un amplo rebaixe cóncavo, perfectamente puido, que se pode interpretar, despois das comprobacións efectuadas por Papigil, como  un "axexadoiro de observación astronómica". Efectivamente, a croa cóncava, a xeito de axexadoiro, permitiunos iniciar un proceso de seguimento dos solsticios e dos equinocios, coa finalidade de comprobar a posibilidade de que a ubicación e a orientación poidera dar lugar á sinalización astronómica. Foi así que Papigil comprobou o solsticio de inverno (22 de decembro de 2014) onde puido determinar como o sol situábase directamente sobre o axexadoiro, manténdose nesa liña ata a súa desaparición progresiva tras o horizonte da croa. Podemos concluir xa que logo, que estamos diante da primeira pedrafita galega ao efecto de marcaxe efectiva para o solsticio de inverno.

Consideramos, con todo, que estamos á beira dun lugar máxico, dun espazo sagrado, sendo visto como tal por múltiples xenerarcións, un centro do mundo que describe un todo ordenado, un cosmos, desde o que se solucionan todos aquiles problemas que teñen que ver coa boa marcha de calquera sociedade tradicional.


                               

Fotografías realizadas por Candela, Manuel e Moncho
                                 



IMAXE DA MARCAXE SOLSTICIAL REALIZADA POR PAPIGIL:





Unha das mámoas da necrópole de Mántaras, a poucos
metros da Pedrafita. Fotografías de Candela, Manu e
Moncho Boga.