xoves, 30 de abril de 2026

ANTA-DOLMEN ARCA DE RAMASQUIDE. Santa Eulalia de Frexulfe, O Valadouro.

ANTA-DOLMEN ARCA DE RAMASQUIDE

"En la guerra, la verdad es la primera víctima." 

Esquilo



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Atópome novamente, aínda que sexa en espíritu, na asombrosa Serra do Xistral, na Mariña de Lugo, no Concello do Valadouro:  poderosa serra que esconde unha enorme multitude de elementos megalíticos, etnográficos e histórico-artísticos, como pedrafitas, círculos líticos, antas, castros, ermidas penas que falan, abrigos, chozos, curros..., así como un importantísimo valor natural como é o caso das turbeiras. Desde o neolítico ata a Idade Media: un tesouro que está á espera ser descuberto. Pero a Serra do Xistral tamén está a padecer a incomprensión dos tempos contemporáneos: o eucalipto xa campa, ábrense novas pistas e destrúense antigas corredoiras, amoreanse penas e esteos. Si non se fai algo, este tesouro natural e histórico pronto pasará aos anales do esquecemento mais brutal.


Mapa turístico do Valadouro. Imaxe de Hotel Vila do Val.

Para chegar hai que coller a estrada CP-0101 que leva de Ferreira ao Cadramón e remata en Abadín. Desde Ferreira, no lugar de Freixido aparece unha pista costaneira á man dereita, na ribeira esquerda da Fraga das Lerias, lindando co Rego da Pumarega. Dicir que é convinte (non necesario) ir en  coche e, logo duns dous quilómetros, andando. Tamén hai que subraiar que habendo XPS, non debería un arriscar guiándose polo mapa. 


Unha instantánea da Serra do Xistral. Foto de www.terrasdelugo

Como dicía, a anta atópase no lugar de Ramasquide en pleno contorno da Fraga das Lerias, un dos derradeiros reductos  de bosque autóctono que permanece no Concello do Valadouro. O seu lugar de emprazamento é de non doada localización, escondida nas profundidades do bosque atlántico. O emprazamento denomínase Chaira de Ramasquide, moi preto das misteriosas estruturas do Bico Longo.


Unha das posibles pedrafitas do camiño de Ramasquide.
Fotografía de Manuel Camba Gayoso.

A estrutura arquitéctonica, segundo os datos recollidos do traballo Arqueoloxía do Valadouro (ver bibl.), desenvólvese a través de dous chantos verticais que suxeitan a pedra cobertora. A pedra cabeceira é unha rocha natural aproveitada para isa finalidade. O chan desta sinxela cámara atópase enlousado. Todo este conxunto aparece cuberto por unha espesa silveira no contexto dunha plantación de piñeiros.


Anta Arca de Ramasquide. Fotografía de 
Manuel Camba Gayoso.

No ano 2005, segundo contan os autores do libro antes mencionado, a anta estaba completamente cuberta de vexetación e, na súa descrición, López Calzada determinaba que non se atisbaba evidencia algunha da masa tumular ou mámoa, pero si da tremenda e curiosa estrutura arquitectónica que está a conservar a pedra cobertora ou tampa. A descrición de López Calzada engade tres chantos ou esteos mais para a cámara: en vez dos dous de que falaba antes, engade outros tres, de xeito que sería unha cámara con cinco esteos e pedra cobertora. As dimensións da tampa son case colosais posto que acada un grosor de cincoenta centímetros e para o longo e o ancho non se puido determinar pola vexetación exhuberante que a estaba a cubrir. A altura total é dun metro e oitenta centímetros  (engadindo o grosor da tampa) e a altura no interior é aproximadamente dun metro. A lonxitude ou profundidade do interior é de preto dun metro e corenta centímetros mentres que o ancho acada os noventa centímetros. Para a pedra ou esteo da cabeceira aproveitouse unha gran rocha natural, feito que (malia que non é moi común) está documentado en algunhas outras antas galegas.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Contan os autores deste estupendo traballo que un paisano casado en Frexulfe relatoulles  que a anta estaba noutrora cuberta  de terra. Esta información recibiuna da súa dona que á súa vez a ouvira do seu pai. Pero ademais recolleron outra lenda ao redor desta magnífica anta: "A Arca de Ramassquide, que está na Fraga das Lerias, fixérona unha vella e mais un vello para abrigárense".


Fotografía de megaliticiablogspot.com

Para rematar, fágome eco das estupendas intuicións de Manuel Camba Gayoso (que me proporcionou interesantes informacións) ao indicar que estamos diante ou na "enigmática Fraga das Lerias", unha área con abondosos restos de "refuxios o que denota unha ocupación ininterrumpida desde o Neolítico." 


Fotografía de megaliticiablogspot.com

Toda esta chaira incicial de Ramasquide atópase circunvalada por un longo muro que semella de mampostería: o Camiño Vello do Escallal. Relata Camba que este Camiño do Escallal atópase xalonado por varias pedrafitas de pequeno tamaño, como sinalando a dirección cara á anta. Consérvanse cando menos catro pedrafitas, o que indicaría un posible camiño ritual. O Camiño leva dereitamente á Anta Arca de Ramasquide que se empraza nun lugar con acusado desnivel. 


Unha vista da Serra do Xistral. Foto de
Manuel Camba Gayoso

Nesta área montaraz e luxuriosa da Serra do Xistral (cando non toda a Serra do Xistral mesma) pódense visitar unha morea de elementos megalíticos de especial interese, moitos deles xa publicados neste blog a saber, Arca de Sinás, Anta de Santo Tomé, Círculo Lítico de Prado das Chantas, Círculo Lítico das Pedragosas...

En Sigrás, nun día un pouco ventoso de abril de 2026.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES E BIBLIOGRAFÍA 

Isaac Pérez, Manuel Lourenzo, Xesús Pisón (2010): "Arqueoloxía do Valadouro. Prenistoria". Servizo de Publicacións Deputación de Lugo.

https://megaliticia.blogspot.com/2020/06/arca-de-ramasquide-paradolmen.html

https://www.valadouro.gal/category/turismo-gl/

prliminaresdaserradoxistral.blogspot.com

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/arcas-de-ramasquide-y-sinas-51599410

https://toponimiavaladouro.blogspot.com/2013/07/toponimia-do-concello-do-valadouro.html

https://www.facebook.com/profile.php?id=100063822677499&locale=es_ES#

https://terrasintermediasdoxistral.blogspot.com/2020/03/7-zona-14-fraga-das-leiras-4-ramasquide.html

https://www.hotelviladoval.com/ferreira-o-valadouro-ubicacion-de-nuestro-hotel/

https://www.terrasdelugo.info/o-valadouro.html

https://store.avenza.com/products/o-valadouro-cartografia-municipal-geochart-map?srsltid=AfmBOorqQeu6T7WsnxXNvvoOu76Z0lGHem7Gqi0-ADf1UdQsE7eRmmSo

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/arcas-de-ramasquide-y-sinas-51599410/photo-34236117

https://parquearqueoloxicodaserradoxistral.blogspot.com/2020/?m=0