Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Ourense. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Ourense. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de abril de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SANTA MARIÑA DO MONTE I. Ourense

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SANTA MARIÑA DO MONTE

"Pero, para cumplir tal designio, no será necesario probar que son todas falsas, lo que quizá nunca conseguiría; sino que, del mismo modo que la razón me persuade ya de que debo impedirme dar crédito a las cosas que no son enteramente ciertas e indudables, con el mismo empeño que pondría ante aquellas que nos parecen manifiestamente falsas, el menor motivo para dudar que encontrara en ellas serviría para hacérmelas rechazar todas. Y por eso no es necesario que las examine particularmente una a una, lo que sería un trabajo infinito; sino que, ya que la ruina de los cimientos entraña necesariamente la de todo el edificio, me concentraré primero en los principios sobre los que todas mis antiguas opiniones se habían fundado."

Descartes: "Meditaciones Metafísicas". E. Alfaguara.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.


Trátase dunha estupenda e curiosa pedrafita descuberta por Antonio Gavilanes, incansable escudriñador dos elementos prehistóricos das Terras de Ourense. Gavilanes bautizouna tamén con ese nome e confirmou o solsticio de verán (no solpor do 21 de xuño). Debo destacar que a pedrafita atópase no seu emprazamento orixinal.

Atópase á beira da estrada OU-101 que leva de Ourense a Maceda, no quilómetro catro. Sita no mais alto dun pequeno outeiro, é probable (segundo Alberte Alonso) que funcionase de marco de término para amillorar as parroquias de O Monte, Santa Mariña e Ourense: esta consideración pódese deducir a partir da prominente situación de visibilidade. Na cara do leste aprécianse os trazos de varios chanzos e, na croa, atópanse diversas gravuras: unha cruz e varias coviñas, das que falarei mais abaixo.



Fotografía de José Antonio Gavilanes.


A pouca distancia atópase o nacemento dun pequeno regato que verque as súa augas no Rego de Zaín. Orográficamente a situación e configuración confórmase por varias abas e zonas chairosas que descenden do alto de Montealegre, a catrocentos setenta e un metro de altitude. No contexto arqueolóxico aparecen diversos elementos como os petróglifos da Pedra da Lagoa, a Pedrafita do Cepo de Seixalboe a Pedrafita do Marco de Monterrei en Pereiro de Aguiar.



Fotografía de José Antonio Gavilanes.


Segundo a descrición de Gavilanes e súa suposición de adscrición crono-cultural ás época baixomedieval, a posible pedrafita é un penedo reaproveitado como marco de término. Describe unha forma peculiar co que semellan dous brazos erguidos, destacando as raras marcas deixadas pola erosión nos laterais. Os veciños atribúen estas poderosas marcas á corrosiva acción do abesouros que adoitan construir os seus niños nesas caprichosas oquedades. Conta Gavilanes que nun dos laterais hai varios chanzos labrados no propio terreno-penedo para facer mais fácil o ascenso. No mais alto aparece a gravura dunha gran cruz de termo, deseñada no brazo mais alto. Sinala tamén a existencia dalgunha coviña ou cazoliña en ambos os dous brazos, aínda que nos desbota a posibilidade de que sexan de factura natural.



En Sigrás, preto da primavera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES SUSTANCIAIS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/21975/2012/07/marco-de-termo-en-santa-marina-do-monte-i/


luns, 2 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DO CEPO. San Breixo de Seixalbo, Ourense.

PEDRAFITA-MENHIR DO CEPO

SOSPEITOSOS HABITUAIS VI



El lenguaje es un método exclusivamente humano, y no instintivo, de comunicar ideas, emociones y deseos por medio de un sistema de símbolos producidos de manera deliberada. Estos símbolos son, ante todo, auditivos, y son producidos por los llamados «órganos del habla».

E. Sapir, "El lenguaje". F.C.E., México 1996.



Pedrafita-menhir do Cepo. Debuxo de Moncho Boga.

Hoxe traio aquí outra sospeitosa pedrafita atopada por José Antonio Gavilanes e estudada como pedrafita de posible observación astronómica por Alberte Alonso. Trátase dun poderoso esteo chantado en posición vertical, casi cilíndrico e con diversas escotaduras e orificios que ben poideran ser de feitura artificial; vaise estreitando a medida que se achega á croa. Atópase, como dicía, chantado en posición vertical entre unha zona de afroramentos rochosos e diversos penedos. Tamén, moi preto, está a liña divisoria que marca a fronteira entre os concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. Segundo Alberte Alonso non se pode desbotar a posibilidade de que polas inmediacións serpentease unha liña de transo, un camiño, do que xa non queda memoria.



Pedrafita-menhir do Cepo.
Fotografía de José Antonio Gavilanes.

Aínda que Alonso sospeita que o topónimo "cepo" para esta pedrafita pode proceder do lugar onde prendían aos reos para o seu axusticiamento, e onde tamén penduraban as cabezas decapitadas para exhibición pública, eu inclínome por outra interpretación menos escabrosa, posto que esta posible pedrafita atópase nun lugar moi inaccesible, e os axustizamentos de que fala adoitábanse "celebrar" en lugares mais accesibles e/ou públicos.

Efectivamente a miña interpretación aboga pola acepción que define o topónimo "cepo" como procedente do latín "cippum" e dicir, fito ou columna, o que nos achega con mais probabilidade á característica de pedrafita deste elemento posiblemente megálitico. Tamén, nunha das acepcións, "cippus", que significa pao ou poste, compartindo orixe con "cepa".

Este fermoso exemplar de pedra chantada, polas súas características, merece pasar a formar parte do corpus, cada vez mais abondoso, das pedrafita-menhires que salpican toda a xeografía galega.


En Sigrás, no mes do Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!



PARA SABER UN POUQUIÑO MAIS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html




domingo, 25 de agosto de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DE BEIRO. Santa María de Velle, Ourense.

PEDRAFITA-MENHIR DE PEDRA DE BEIRO, VELLE

SERIE "SOSPEITOSOS HABIUTAIS..."

"El mejor truco que el diablo inventó fue convencer al mundo de que no existía."

Film, "Sospechosos habituales". Bryan Singer, 1995.



Debuxo idealizado de Moncho Boga, 2024.
A paisaxe de fondo é completamente imaxinaria.
Neste gran esteo está a placa conmemorativa
adicada a Florentino López Cuevillas.

Sospeitosos habituais: hoxe vou comenzar cunha xeira de elementos que, malia que están indubidablemente feitos pola man do home, tanto pola súa nova situación como pola ausencia de datos arqueolóxicos e/ou etnográficos, e aínda que non haxa ningunha proba do seu carácter prehistórico, aínda así, como hipótese, pódese intuir a súa adscrición a época neolítica, e/ou polo menos prehistórica. Tamén, por isa ausencia de datos, é imposible demostrar esa adscrición temporal. A min góstame consideralos sospeitosos habituais e dicir, culpables de ser monumentos megalíticos.



As dúas posibles sospeitosas pedrafitas que dan acceso
ao lugar do monumento a Cuevillas. Os contedores de lixo
pertencen a unha época incerta e perigosa.
Fotografía de J.A. Gavilanes.

E hoxe vou iniciar a serie cun gran esteo que me deu a coñecer José Antonio Gavilanes e que publicou no seu blogue Alberte Alonso. Trátase dun conxunto de extrañas, curiosas e magníficas grandes pedras que foron colocadas neste lugar no ano 1968 na honra de Florentino López Cuevillas como homenaxe de agradecemento pola  publicación titulada "Parroquia de Velle".


A gran pedra cunha pía circular e acanaladuras.
Fotografía de J.A. Gavilanes.

O lugar do novo asentamento denomínase A Touza e na parroquia o coñecen coa denominación de "Grupo Escolar". Atópase, polo tanto, na parroquia de Santa María de Velle, saíndo cara a Sabadelle.



A gran pedrafita, desde fóra do recinto,onde está a placa conmemorativa.
Fotografía de J.A. Gavilanes.

Trátase dun conxunto  de catro grandes esteos situados no recinto elexido para a homenaxe ao grande Cuevillas. Na entrada, no umbral de acceso á área da nova ubicación, aparecen dous grandes esteos chantados, moi semellantes aos dunha anta, dunha cámara megalítica, dun dolmen. No interior do pequeno recinto, aparece unha pedra mais cativa que amosa na zona superior ou croa unha gran pía circular que parece feita pola man do home, con varios dasaugadoiros. Por último, no balado, destaca unha inmensa pedra de mais de tres metros de altura onde se colocou a placa conmemorativa e que, tanto polas súas dimensións como pola súa factura claramente artificial, pódese considerar un dos nosos primeiros sospeitosos habituais: tanto Alberte Alonso como eu mismo mantemos que estamos diante dunha pedrafita colocada fóra do seu contexto orixinal, completamente descontextualizada.



A Gran Pedrafita coa placa conmemorativa. Á esquerda,
a pedra coa pía e as acanaladuras.
Fotografía deJ.A. Gavilanes.

Os veciños, segundo información de Gavilanes, lembran que, na  década de 1960, trouxeron estas pedras desde unha zona preto do Castro de Madrosende (Santa María de Beiro). Os veciños informantes manifestaron que as pedras, que forman o conxunto na honra a Cuevillas,  as trouxo D. Manuel Blanco Guerra trasladándoas dun monte comunal nun extremo da parroquia, onde limitan os concellos de Amoeiro, Coles e Ourense. O monte  fora arrasado por máquinas paleadoras nos primeiros anos da década de 1960.


A gran pedrafita desde a zona de acceso.
Fotografía de J. A. Gavilanes.

Este fermoso e gran esteo, polas súas colosais dimensións e pola súa clara factura antrópica, considero que pode pasar a formar parte do meu particular inventario de "sopeitosos habituais".


En Sigrás, a finais do estío de 2024

Saúde, sorte e libros!!!!!


COUSAS INTERESANTES QUE AMPLIAN O COÑECEMENTO:

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

xoves, 22 de febreiro de 2024

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DAS LAMEIRAS. San Pedro de Moreiras, Toén.



ANTA-DOLMEN DA MÁMOA  DAS LAMEIRAS.


"Lo que ha sido creido por todos siempre y en todas partes, tiene todas las posibilidades de ser falso". Paul Valery.



Anta-dolmen da Mámoa da Lameira
Debuxo de Ramón Boga, 2024.

Unha vez mais, outra vez, vou mergullarme polos recónditos vericuetos de internet. Páxinas, ventanas, hosts, programas, publicidade..., todo o que invita a non facer unha inmersión polas perigosas e traidoras ondas deste medio que amenaza con engullilo todo. Aínda así, e como un é terco e ademais agora mesmo non ten outro xeito de recabar mais información nin posibilidade de achegarse ás agarimosas terras de Toén, non  queda outra que navegar por estas infaustas redes virtuais. Non podo deixar de pensar con nostalxia a búsqueda de bibliografía nas bibliotecas e nos arquivos: hoxe suplimos todo cun pdf, case todo está en Internet...

E tamén unha vez mais, como case sempre, como todos os anos (excepto si chove, e aínda así...) o ano 2020 foi un ano de espeluznantes e voraces incendios forestais en Galicia. Pois ben, mirando por aquí e por alí, atopei unha información da Asociación Amigos do Patrimonio de Toén: "O 7 de agosto de 2020 un inmenso incendio devastaba os montes da parroquia de San Pedro de Moreiras, en Toén, deixando ao descuberto no monte comunal das Lameiras unha impresionante mámoa que había oculta no lugar". O lume estragou, sen ningún tipo de rubor, ao redor de duascentas vinte hectáreas de monte baixo e mixto. 



Anta-dolmen da Mámoa das Lameiras, coas pegadas
recentes do incendio forestal.
Fotografía Asociación Amigos do Patrimonio de Toén, 2020.

Así  contaban desde a Asociación Amigos do Patrimonio de Toén  os sucesos ígneos que asolaron a bisbarra no verán de 2020, feito desastroso para o territorio pero que deixou á vista unha enorme mámoa con restos da cámara megalítica no seu interior, no seu cumio, onde debía estar. Unha anta de considerable tamaño en irregular estado de conservación: aínda que a mámoa atópase en bastante bo estado, e aínda que o lume deixouna ao descuberto, as altas temperaturas que se acadaron  co incendio, posiblemente afectaran aos esteos que conforman a cámara, dunha ou doutra maneira.



Anta-dolmen da Mámoa das Lameiras, Toén
Fotografía Asociación Amigos do Patrimonio de Toén, 2020.


Grazas ás  pescudas e ao interese e amor polo noso patrimonio, Pablo e David Sabucedo xa intuiran a presenza dunha enorme mámoa cuberta de vexetación nos montes comunais de Lameiras. Froito da súa curiosidade e tesón, froito do seu interese pola arqueoloxía, polas cousas de antes e polo patrimonio do concello fundaron, cun grupo de amigos, a Asociación devandita (APTO). Foi así que, despois do escandaloso incendio, procederon a unha incursión no monte e comprobaron a existencia dun "monumento de enormes dimensións" corroborando as grandes proporcións da anta e da mámoa na que está inserida. O traballo destas persoas deu como inopinado e benvido froito unha enorme repercusión mediática e social: o interese dos medios de comunicación (Faro de Vigo, RTVG, Concello de Toén,  veciñanza...), o que animou o inicio dunha fructífera e apaixoada recompilación de todo tipo de información ao redor do patrimonio local.



Vista da mámoa das Lameiras.
Fotografía extraída do blogue Megaliticia, 2020.

A Anta da Mámoa das Lameiras sitúase nunha chaira das terrazas do Miño, case lindeira coa cunca do río Barbaña. Parece ser que son terreos de monte baixo, froito do abandono do mundo rural e do cambio de costumes. A mámoa, segundo a valoración do arqueólogo M. García Valdeiras amosa numerosas alteracións, sobre todo antrópicas, pero tamén debido ás árbores que foron medrando no seu interior e as evidencias de contínuos e reiterados saqueos, con restos das pedras da coiraza amoreadas sobre algunhas partes da mámoa. Dedúcese que posiblemente fose unha anta das do tipo poligonal con corredor de entrada, a teor dos restos arquitectónicos conservados. A mámoa mide 28 metros de diámetro e, como dicía, pódese contemplar un grande amoreamento de pedras da coiraza no lado do norte. O burato do saqueo, posiblemente reiterado no tempo, acada un metro de profundidade e aí aparece o que queda da estrutura arquitectónica conformada pola pedra da cabeceira, un esteo no lateral do norte, outro sobre o funil, que podería ser parte da pedra cobertora, así como outro esteo mais da cámara. Con respecto á coiraza é interesante a constatación de que está composta por numeros seixos (pedras de cuarzo) o que indicaría a necesidade ritual de ser vista a longa distancia, entre outras moitas posibles interpretacións. 



Anta-dolmen da Mámoa das Lameiras.
Fotografía, La Voz de Galicia, 2021.

Moi preto desta poderosa mámoa, coa súa potente coiraza, discorría un antigo camiño medieval, hoxe pista forestal, como adoita ser habitual e dicir, a construción de necrópoles megalíticas ao carón das antigas rutas de tránsito, como ven sendo recurrente na meirande parte das necrópoles megalíticas de Galicia.

En canto á toponimia tamén esta zona conta con topónimos vencellados dun ou doutro xeito a esta arquitectura monumental: o Regato da Vella, o regueiro de Batemaus, o Monte da Medoña, o Monte da Lagoa, o Marco de Penadanta, Refuxios dos Mouros, etc. Entre os montes de A Medoña e a Penadanta atópase o Outeiro Cebadoiro: neste monte, na noite de San Xoán, as menciñeiras da contorna reuníanse no seu cumio para facer lumeradas.

Para rematar, segundo Sabucedo, a mámoa aparece na documentación medieval no século XII onde se definen os límites do Couto Auriense que pasaban entre Lacuna e Morairas. 

Desde aquí, desde esta humilde tribuna, desde a calorciña do meu fogar no crúo inverno, non teño mais que felicitar á Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén: o amor polo seu territorio serve de exemplo para outras moitas experiencias similares por todo o territorio galego. A defensa do seu patrimonio e tamén a defensa do patrimonio galego, do patrimonio de todos.


Saúde, sorte e ánimo!

En Sigrás, no inverno de febreiro, no mes onde se casan os paxariños, no mes das candeas.


PARA SABER MOITO MAIS:

David Sabucedo Cardero: "A Mámoa das Lameiras en Moreiras (Toén)". PDF.

https://toen.gal/es/asociacion-de-amigos-do-patrimonio-de-toen/

https://adpatrimoniotoen.com/a-mamoa-de-lameiras/

https://historiadegalicia.gal/2020/08/un-lume-forestal-estraga-e-deixa-a-vista-o-maior-dolmen-de-toen/

https://www.farodevigo.es/ourense/2020/08/11/dolmen-emergio-incendio-20160899.html

https://megaliticia.blogspot.com/2020/07/dolmen-da-medona-moreiras.html

https://www.farodevigo.es/ourense/2020/08/11/dolmen-emergio-incendio-20160899.html

https://historiadegalicia.gal/2020/08/un-lume-forestal-estraga-e-deixa-a-vista-o-maior-dolmen-de-toen/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/toen/2021/10/24/toen-senalizara-mamoa-moreiras-tumulos/00031635077696179776217.htm


domingo, 2 de xuño de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DE SANTA MARTA DE MOREIRAS. Pereiro de Aguiar

PEDRAFITA-MENHIR DE SANTA MARTE DE MOREIRAS. 

Non men puiden reprimir e tiven finalmente que inserir dunha vez por todas esta cativa e fermosa pedrafita no catálogo dos bens prehistóricos que vou engadindo pouco a pouco no meu blogue.

Efectivamente, esta pequena e probable pedrafita, estudada e catalogada por José Antonio  Gavilanes, atópase na provincia de Ourense, no Concello de Pereiro de Aguiar. Asegura o compañeiro Gavilanes que se atopa no medio dunhas penedas que conteñen petroglifos, na súa forma máis sinxela, a saber, cazoletas. Relata, ademais, que lle parece un marco de termo, pero que os lindes actuais entre Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas atópanse a máis de setecentos metros. Ben, a miña hipótese, a partir deses datos é a seguinte: aínda que na maior parte dos casos as pedrafitas galegas conserváronse por ter feito de marcos demarcatorios reaproveitados, esa non é a única proba da súa adscrición prehistórica, nin siquiera proba moitas veces que o sexa.  Sen embargo, aínda que a consideración de marco de termo sexa unha clave bastante segura para considerala pedrafita, como dicía, non sempre é así. Si non se conservan máis é porque foron estragadas, esnaquizadas. No caso deste elemento, o non ser marco de termo non é óbice para non considerala pedrafita. É mais: o contexto das cazoletas ben pode garantir a súa adscrición á prehistoria (sexa no megalitismo ou na Idade do Bronce) coma noutros moutos casos en Galicia e Portugal. 

Por tanto considerao que non é importante que hoxe estea a máis de setecentos metros do actual lindeiro entre eses concellos, precisamente porque o ser marco de termo non garantiza que sexa pedrafita, posto que en moitos casos sabemos documentalmente que eses marcos de termo non son efectivamente pedrafitas.

A pedrafita catalogada por Gavilanes atópase nunha zona recreativa do Complexo Deportivo de Monterrei e amosa unha forma tronco piramidal cunha planta tendente a triangular, segundo se pode colexir pola fotografía. Non sobresae mais de sesenta centímetros e amosa gravadas tres cruces pola cara do lesta así como outra máis na cima.



Información e fotografía extraidas da
pax. patrimoniogalego.net, autor José Antonio Gavilanes

Engado novas fotografías enviadas por José Antonio Gavilanes onde se pode apreciar o carácter especial do lugar onde se enclava esta pedrafita. O estar rodeade de penedos con coviñas ou cazoliñas fainos pensar nunha especie de lugar sagrado, nun altar ou nunha especie de santurio. A verdade é que este é un sitio a estudar.













 EN SIGRÁS, SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

xoves, 9 de maio de 2013

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MATO. Santiago de Rabeda, Taboadela

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MATO. 


Trátase dun posible marco de termo, pero que se atopa desplazado uns cen metros do lugar do límite actual co concello de San Cibrao das Viñas. 




Defínese como unha pedra de base tendente a cadrangular cuns 25 centímetros de ancho e uns 70 de altura. Na croa aparece gravada unha cruz,  moi semellante a todas as de termo e, na cara do oeste aparecen unhas gravuras que tamén poden ser os restos doutra cruz de termo, aínda que aparece moi erosionada para poder determinalo. O mais interesante cífrase nunhas cantas coviñas tamén moi erosionadas que poden certificar a adscrición desta pedra a época prehistórica.





Tanto a información como as fotografías son do incansable investigador José Antonio Gavilanes, do que continuamente recibimos noticia dos seus interesantes achádegos por terras ourensás. Grazas, José Antonio.










Fotografías e texto de José Antonio Gavilanes

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 14 de decembro de 2012

ANTAS-DOLMENES DA MOURA. Lugar As Cabanas, San Xoán de Moura. Nogueira de Ramuín

NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA MOURA.

Estamos diante dunha fermosa necrópole megalítica que, cousa rara, atópase perfectamente sinalada. Para chegar, desde a estrada que leva de Luintra a Parada de Sil, atoparemos un desvío que nos levará directamente á A Moura: pouco despois dese desvío chegaremos a unha chaira denominada As Cabanas, desde onde se pode contemplar a necrópole.

Efectivamente, a necrópole componse  de sete mámoas de tamaño medio que amosan os omnipresentes funís de violación así como diversos restos das súas cámaras megalíticas en catro delas. Tamén poderemos observar diversas pedras espalladas que seguramente forman parte da coiraza pétrea.

A mámoa sinalada co número 4 é a meirande da necrópole e conserva varios restos dos esteos da estrutura arquitectónica megalítica.














Fotografías do blogue dolmentierraviva.blogspot.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!





venres, 9 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO COUSO. Santa Olaia de Esgos e Zorelle-Maceda

PEDRAFITA-MENHIR DO COUSO


Atópase ubicada no Alto do Couso, a uns setecentos metros de altitude, con dirección ao lugar de As Lamas.



Fotografía de José A. Gavilanes

Como outras moitas posibles pedrafitas, está a cumplir a función de marco de termo entre varios concellos, neste caso entre o de Esgos e o de Maceda. Presenta varias cazoliñas hemiesféricas e un rebaixe ou acanaladura na parte superior que, como xa sabemos, segundo Alberte Alonso, é un indicio probable da súa primitiva función astronómica. Hai que dicir, para concluir, que é probable que xa non estea na súa posición orixinal.



Fotografía de José A. Gavilanes


Como estaba a dicir mais enriba, atópase á beira dun camiño primitivo, talvez prehistórico, que atravesa os lugares de As Lamas, Seara Vella... Conta o amigo Alonso que non moi lonxe da actual ubicación da pedrafita nace un pequeno regato que desemboca no río do Grañal. E como tamén dicía antes, a pedrafita-marco de poisble observación astronónica, fai de moxón limitador de varias parroquias dos concellos de Esgos e Maceda.


Outra fotografía de José A. Gavilanes.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://patrimoniogalego.net/index.php/11075/2011/12/pedrafita-do-couso/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html
http://onosopatrimonio.blogspot.com 
http://patrimoniogalego.net/

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO VELLO. Noqueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadañedo

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO VELLO

Actualmente atópase ubicado como fito delimitador ou "marco de termo" entre os concellos de Nogueira de Ramuín, Parada do Sil e Xunqueira de Espadañedo.


Fotografía de José A. Gavilanes

Segundo Antonio G. Rodicio (recollido de Xabier Moure) é probable que en principio sinalase os límites dos coutos xurisdicionais dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Xunqueira de Ambía e San Pedro de Rocal, de xeito que tamén, probablemente, se tratase do "Cautum Sancti Stephani de Pedrafita" ao que alude o Privilexio do rei Afonso VII no ano 1153, como fito delimitador do Couto de Rocas.



Fotografía de José A. Gavilanes

Trátase dun gran esteo de sección case cadrangular que mide ao redor dun metro e medio de altura e amosa tres cruces gravadas, típicas dos marcos de termo.

Atópase no lugar do Campo do Eirado (Pardeconde), á beira dun camiño prehistórico que leva desde Ourense, o Castro de Litoria e Astorga. Sinala Alonso que moi preto do marco xurden algúns nacementos de pequenos regatos como o Barrranco do Porto de Carros. É probable que se trate dunha pedrafita de observación astronoómica.



Fotografía de José A. Gavilanes



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

García Rodicio, A.: "Vía romana de Astorga a Orense por el Castro Litoria", Baletín Auriense, nº XXV. 1997

http://onosopatrimonio.blogspot.com
http://riberasagrada.blogspot.com
http://patrimoniogalego.net/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO NOVO. Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo e Esgos

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO NOVO.

Esta fermosa pedrafita atópase facendo de impertérrito marco de termo entre os concellos ourensás de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo e Esgos. Posiblemente fose reaproveitada ou reutilizada na Idade Media para esta nova función, como parecen testemuñar as doce cruces gravadas por todas a súa superficie.

Parece ser que á súa beira transitaba o vía romana ou "verea" que unía Ourense, co Castro de Litoira e Astorga.



Fotografía de José A. Gavilanes

Na coroa da pedrafita hai unha marca, unha especie de rego e contán na bisbarra que foi feito polo cabalo de Santiago ao saltar desde o Marco Vello que se atopa a máis dun quilómetro de distancia.


Fotografía de José Antonio Gavilanes



BIBLIOGRAFÍA

García Rodicio, A.: "Vía romana de Astorga a Orense por el Castro Litoria", Baletín Auriense, nº XXV. 1997

http://onosopatrimonio.blogspot.com
http://riberasagrada.blogspot.com
http://patrimoniogalego.net/