martes, 29 de enero de 2013

Dolmen-Anta da Mámoa do Forno das Arcas. Ardán, Bueu

Dolmen-Anta da Mámoa do Forno das Arcas. Ardán, Bueu

Para chegar. Pódese seguir a ruta ofertada polo concello de Bueu denominada "Ruta dos Abades I". Desde Bueu, hai que dirixirse cara As Meáns e logo cara a Cela. Desde a igrexa de Santa María, débese chegar á área recreativa de Chans. Na fraga de árbores autóctonos que hai nas inmediacións atópase inserida a mámoa de Forno das Arcas. Está sinalada.

Esta fermosa anta atópase ubicada nunha mámoa tendente a circular que acada os trinta metros de diámetro. Non se albiscan mais restos da estrutura arquitectónica que uns cantos esteos da cámara. Efectivamente, os restos da anta aparecen ao descuberto aínda que os esteos que a conforman aparecen desprazados do seu lugar orixinal, froito de continuas expoliacións. Incluso nalgún dos esteos pódense ver os restos da acción dos canteiros da bisbarra. Das fotografías de que dispoñemos pódese inferir a existencia aínda duns seis esteos da cámara. Pola disposición dos esteos conservados tamén se pode deducir unha anta con cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido. 



Fotografía extraida de motivosdaldea.wordpress.com


Na páxina motivosdaldea.worpress.com relatan unha lenda ao redor deste esplédido exemplar do megalitismo galaico: "As leiras que rodean o lugar do Forno das Arcas eran veigas dos mouros, onde estes sementaban o millo miudo. As casetas restantes que por alí había desapareceron co paso do tempo por seren ruíns, só queda unha en pé por ser feita de pedra, o dolmen de Forno das Arcas".


Fotografía realizada por David V.A.


Pedrafita-menhir do Campo da Arca. Barallobre, Fene

Pedrafita-menhir do Campo da Arca. Barallobre, Fene

Esta posible pedrafita atópase a 187 metros de altidude, á beira do cemiterio municipal de Fene. Para chegar, no quilómetro 2 da estrada DP-3503. 

Como en moitos outros lugares da xeografía galega, parece que actualmente buscamos os mesmos emprazamentos que xa utilizaban os homes do neolítico para enterrar aos nosos mortos: o cemiterio actual ubícase e parece que destruiu un campo de mámoas denominado Campo da Arca.



 
Fotografías de Xabier Moure, abril de 2014


Pola parte de atrás do cemiterio, existe unha ruta de sendeirismo e unha pista de trial: entre as escombreiras e un depósito de auga, atópase esta posible pedrafita que sobresae máis de tres metros e medio de altura.

A única referencia que temos deste porbable elemento megalítico é precisamente a súa ubicación está  nunha necrópole megalítica.

A información así como o permiso para publicar as fotografías foron recollidas da páxina web Http.//www.estadepinga.es.



Fotografía de Pablo Herrera Coira


Segundo Xabier Moure Salgado, logo da súa amable comunicación, a pedrafita atópase ergueita a uns 150 metros no novo cemiterio municipal de Fene, á beira dun camiño que sube ata unha penechaira. As súas investigacións levárono a entablar conversación cun veciño da zona que lle contou que a pedrafita estaba no lugar que actualmente ocupa o depósito de auga. A pedrafita ía ser utilizada como cimentación na obra, pero a intervención dun veciño (un "madrileño") permitiu que a gran pedra fose levantada no lugar onde a podemos ver hoxe, de feito que xa non ocupa o seu lugar orixinal. Ao trasladala de lugar perdeu gran parte da súa masa.

A pedrafita atinxe uns tres metros e medio de alto e máis de tres metros de perímetro no lugar máis ancho. Nas súas caras anchas amosa unha serie de gravuras que tenden ao óvalo. 

Nalgunha das mámoas que conformaban esta necrópole (das cales parece ser, segundo Xabier, que só queda unha) todavía se atopaban restos das cámaras megalíticas antes de ser destruidas.

Información proporcionada por Xabier Moure. O seu blogue: onosopatrimonio.
 

Pedrafita-menhir de Catarou. Santa María de Galdo,Viveiro

Pedrafita-menhir de Catarou. Santa María de Galdo, Viveiro

Atópase no lugar de Catarou, pertencente á parroquia de Galdo. Estamos diante dunha pequena pedrafita que non sobresae máis que un metro e quince centímetros. Segundo a fotografía de Xabier Moure, semella e é probable que a súa planta sexa tendente ao triángulo e o remate moi redondeado. Tamén parece que as súas caras atópanse moi pulidas.

Non sabemos máis do contexto tumular e xeográfico, aínda que semella que se atopa nunha chaira. Segundo Moure, esta pedrafita foi citada por Federico Maciñeira.



Fotografía realizada por Xabier Moure Salgado, 
no blogue onosopatrimonio