miércoles, 27 de diciembre de 2023

PEDRAFITA-MENHIR DO CAROLIÑO. Monte Xalo, Santo André de Meirama (Cerceda)

PEDRAFITA-MENHIR DO CAROLIÑO. Monte Xalo

"As pedras mais grandes non poden quedar ben asentadas sin contar coas mais pequenas". Platón

"Nunca chegas á verdade total, nin estás nunca totalmente lonxe dela". Aristóteles

O mesmo arrepiante día 7 de novembro (ver entrada da Anta-dolmen de Pedra Embarrada), o mesmo día no que os lóstregos amenazaban cun segundo Diluvio, ese mesmo día (xoves), no que o ceo semellaba caer nas nosas cabezas, ese día (o mesmo) no que as inclemencias metereolóxicas nos animaban a seguir camiñando, subindo costas, saltando montes, sempre cantando... Pois ben, ese mesmo día chegamos a Meirama e, ben equipados co XPS, procedimos do seguinte xeito: deixamos o automóbil no comenzo dunha corredoira extremadamente costaneira, chea de fochancas e regos que semellaban a fervenza do Ézaro, e contemplamos asustados a amenazante costa, pola que pouco logo casi deixamos os pulmóns, as pernas e as almas. A costa metía medo.



Debuxo de Moncho Boga, 2023

Pero seguimos adiante, con ánimos renovados, con osadía, grazas ao espectacular día que gustaba de animarnos coas encarnizadas ráfagas de vento, coa choiva que nos perseguía virulenta para envolvernos, liarnos e vapulearnos: chuzos de punta caían do ceo. Nesas estupendas condicións, chegamos. Unha milagre eso do XPS e tamén eso do goretex...

Desde a parroquia de Santiago de Sigrás, na que vivo, na que nacín e na que estiven a cumplir con rigor todos os ritos de paso, tanto os que son como os que non (bautizo, comuñón, voda, divorcio, monaguillo, fútbol, escola nacional, comisión de festas, asociación de veciños, fillos...) vexo, desde sempre e supoño que para sempre, a poderosa mole do Monte Xalo: a silueta do bispo tumbado e o cráter inexistente da dereita, que debuxan unha liña inquebrantable dentro do meu imaxinario particular. Trátase dunha fotografía irrepetible, simbólica, máxica e, por iso, absolutamente real. Desde a adolescencia temén era un lugar ao que ir, ao que sempre se volta, no que estar, no que ser: primeiro en bicicleta, algunhas veces en moto, logo en automóbil, pero nunca andando. Un lugar sorprendente no que pasabamos longas tardes estivais, primaverais, outonais e incluso invernais, onde iamos a ver a neve, onde apañabamos cogumelos co meu inesquecible irmán, onde pasamos algunha noite de festa. Un mundo onde case sempre vai frio...



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Desde este extremo do Val de Veiga, onde o río do Gaiteiro (Valiñas) pasa a engrosar o canle do río Mero; desde estas antigas terras, País de Nendos (bosque sagrado), o Monte Xalo estivo e estará sempre voluminoso e impertérrito, altivo, orgulloso, inefable, formando parte das nosas vidas, como un pétreo xigante silencioso, como unha fronteira do mais alá...

O Monte Xalo é, sen dúbida, unha montaña máxica, sagrada, repleta de lendas, de pedras que falan, de pedras sanadoras, de pedras mouras, de pedras adiviñadoras, pedras mouchas, pedras cantadoras, pedras galleiras. Aquí nacen os ríos Anllóns e Valiñas, aquí albiscamos valores ecolóxicos, arqueolóxicos, etnográficos; evidencias de torres altomedievais, gravuras rupestres e restos megalíticos. 



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

As terras altas do Monte Xalo son, desde tempos pretéritos, montes veciñais ou de man común, e os comuneiros están hoxe empeñados en salvagardar os seus valores ecolóxicos, histórico-arqueolóxicos e etnográficos. Hai, ademais,  extraordinarios, incansables e teimudos persoeiros como Lois Vilar Hermida, Manuel Ruibal e David Chas entroutros, que realizan continuos descubrimentos e poñen en valor sen descanso este antigo monte. Efectivamente, cada pedra, cada manancial, cada leira ou braña teñen o seu nome; e tamén falan si se sabe escoitar. Aí van uns cantos alcumes: As Picudas, a Pedra do Vello, a Pedra do Sombreiro, a Pedra dos Corvos, a Igrexa dos Mouros, a  Porta do Inferno, a Pedra do Rastro, a Pedra Gallada, a Pedra do Tesouro, a Pedra da Cadea de Ouro, a Fonte das Meigas, o Castelo de Veiga, a Pena Mazagacha, etc, etc, etc.

Pois ben, nunha penechaira no extremo deste sorprendente paraxe, na parroquia de Santo André de Meirama (Concello de Cerceda), nunha planicie pouco antes do cambio de vertente, que vai caendo case a chumbo cara ao Val das Encrobas e desde onde podemos otear a lagoa artificial resultante do remate da mina de lignitos, no Monte Caroliño, lindeiro coa parroquia de San Román das Encrobas atópase, escondido entre milenarios penedos cheos  das cicatrices dos canteiros, acostada no límite dun eucaliptal, a Pedrafita do Caroliño: tumbada, amosando as súas feridas, pero acompañada doutro pequeno esteo que parece abrazala, sostela pola base, agarimosa.

       


Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

                                                                                                                                       A espléndida Pedrafita do Caroliño describe sección cadrangular amosando catro caras pero coas arestas moi redondeadas: a sensación é a dun poderoso cilindro que vai diminuindo paulatinamente ata a croa para debuxar unha clara imaxe fusiforme. Chega  a unha lonxitude duns 4 metros (cm. arriba, cm. abaixo) e a anchura máxima das tres caras á vista non excede os 50 centímetros. Finalmente estreitase pouco a pouco, aínda que a parte central da cara da fronte vaise abombando suavemente para, a continuación, ir diminuindo ata chegar a unha especie de escotadura, onde se marca o inicio da parte mais esbelta e estreita, que mide uns 30 centímetros de ancho. O que considero lle outorga carácter megalítico a esta poderosa mole é talvez unha xeira de ringleiras ou acanaladuras que adornan unha das caras á vista: están feitas a xeito de sucos en diagonal na parte mais cercana á croa e dúas mais paralelas que cubren case toda a superficie, colocadas regularmente. Sen facer un rastrexo en profundidade, probablemente hai entre 6 e 10 ringleiras.



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023


Todas as caras aparecen ben puidas, traballadas, regularizadas, cun aspecto que pode recordar a algún dos ídolos atopados en varios dolmenes galegos, coa escotadura na parte superior: moitos foron considerados como representación do "glande" amosando un nítido aspecto fálico. O significado simbólico inmediantamente aboca a un vencellamento coa fecundidade.

Aínda que en Galicia os especialistas consideraron tradicionalmente que as cazoliñas ou coviñas constituían o único criterio para fundamentar a adscrición crono-cultural das pedrafitas a épocas prehistóricas, desde aquí mantemos que a existencia de cazoliñas non pode ser o único criterio para a devandita adscrición. Maila que na pedrafita do Caroliño as coviñas non se albiscan á vista, consideramos que as acanaladuras, de clara e distinta factura artificial, constitúen un motivo de poderosa suficiencia, definitivo si acaso, para incorporala ao corpus cada vez mais extenso das pedrafitas galegas. Con todo, mais abaixo aportarei outros argumentos para soster esta hipótese.

     


Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023. Fidel Méndez detrás.


Apoiada no que seguramente é a base do Caroliño aparece outro esteo que mide ao redor dun metro e medio de lonxitude. Trátase dunha pedra moito mais tosca pero que semella de factura artificial: mide 65 cms de ancho na base, 60 na parte media e 33 na parte final ou croa. A simple vista non amosa gravura algunha pero, a pesar diso,  non desgoto a posibilidade de que se trate doutra pedrafita, tendo en conta o contexto. Exemplos de pedrafitas  xuntas, colocadas unha preto da outra, hai documentadas dúas en Galicia: a Pedrafita de Cristal (parece ser que á súa beira había unha outra pequena pedrafita) e  a documentada por Antonio de la Peña González no século XIX quen daba conta de dúas pedrafitas situadas no camiño de peregrinación a Pastoriza e que posteriormente foron destruidas por unha canteira. 

Como estaba a expor antes, a existencia de cazoliñas non pode ser o único criterio para decidir a adscrición dunha pedrafita ao neolítico: é necesario ter en conta toda outra xeira de criterios e/ou regularidades a saber, a orografía, a toponimia, a etnografía, as rutas de tránsito, o contexto tumular, a existencia de gravuras e a forma. 



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Efectivamente, a Pedrafita do Caroliño atópase, como estaba a dicir antes, nunha suave penechaira, á beira de rutas de tránsito primitivas, moi preto dunha necrópole megalítica, ten un aspecto xeral eminentemente fálico e é probable que tivese unha función liminar. Abundando neste eido, a presenza na área inmediata de varias mámoas, de marcos de término (pedra Campaíña) e de petroglifos delimitadores (podomorfo, cazoliña e cruces -ver o enlace co blogue arqueotoponimia) son sinais indiscutibles que nos levan a considerar a adscrición do Caroliño a época megalítica. E dicir, a existencia do lindeiro, como delimitador espacial neses emprazamentos, nos que as pautas son semellantes e coincidentes cos dos túmulos, sendo aínda hoxe en día límites parroquiais, son e deben ser criterios que poden e deben axudar a imaxinar a súa antigüidade, a súa  adscrición, así como a entender un pouco mais un mundo, unha época que xa non é e que xamais voltará a ser.



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Para rematar, seguindo as inesperadas e fecundas contribucións de Dolores González de la Peña, no seu blogue arqueotoponimia, vou a incorporar unha análise moi atractiva e produtiva. Considera que esta zona do Monte Caroliño atópase rodeada dun complexo toponímico que abonda na devandita adscrición crono-cultural: as Brañas do Torreiro, o Rego das Lamas Maiores, o Coto das Arcas, as Pedras Campaíñas e a Pena Negra. Ademais, sostén  que a base etimolóxica de "caroliño" procede do latino "quadram" que ven a nomear un marco, unha pedrafita ou menhir, "por estar o esteo traballado nas súas catro caras". Por iso conclúe que a pedrafita que nos ocupa non só é megalítica senon que probablemente motivou o orónimo para referirse ao  pequeno outeiro no que se empraza (Monte Caroliño).

Para finalizar, unha consideración, un pensamento moitas veces repetido: as pedrafitas, noutrora sistemáticamente esquecidas, xa entraron con personalidade propia a formar parte insoslaiable das variadas manifestacións do megalitismo galego. Neste senso a Pedrafita do Caroliño ben a supoñer un paso cualitativo de extraordinaria importancia no conxunto das nosas pedrafitas.

A pedrafita-menhir do Caroliño foi descuberta por Manuel Ruibal.


Saúde!!!
En Sigrás, no Nadal de 2023.


Para saber bastante mais:

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=O+Caroli%C3%B1o

Victoria Villoch Vázquez: "Un nuevo Menhir en Cristal". Rev. Gallaecia 1998.

Ramón Boga Moscoso: "Dolmenes de Galicia". Ed. Baía, 1996.

Alberte Alonso Fernández: "O uso das pedrafitas no Neolítico galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1. SAGA 2014.

Marcos Martinón Torres: "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los munumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas". Trabajos de Prehistoria, 2010.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://www.barciaxalo.gal/2023/08/blog-post_8.html


COORDENADAS

43.2152013,-8.436104,17