Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Lemos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Lemos. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de abril de 2026

ANTA-DOLMEN LEIRA DA RAPADA. San Xoán de Vilatán, O Saviñao.

ANTA-DOLMEN LEIRA DA RAPADA

"Nadie está tan loco como para elegir la guerra mientras hay paz. Durante tiempos de paz, los hijos entierran a sus padres, pero en la guerra son los padres quienes envían a sus hijos a la tumba."
Heródoto


Debuxo de Moncho Boga, 2026.


ALGUNHAS NOTAS XERAIS

Nestes días oprobiosos, mirando si sae o místico sol, si sae a luz da verdade e da xustiza, estiven ollando por aquí e por aló, e volvín dar con ese enigmático megalito (para algúns de dubidosa adscrición neolítica) que é a anta de Leira da Rapada. E doúseme por debuxalo, por facer a miña particular interpretación ascética e tamén (non si?) estética, a miña estética persoal e intransferible. E, dicía, unha cousa levoume á outra: decidín voltar a describilo, decidín elaborar outra entrada. O Concello de O Saviñao, alfaia da Ribeira Sacra do Miño, ben o merece.



Un mapa de O Saviñao, en LVG.

Entre salientabeis paisaxes outonais, paisaxes autóctonos, entre os espectaculares meandros do río Miño, pai de todos os ríos galegos, entre a a mistura da paisaxe selvática coa paisaxe humanizada, aséntase este espectacular anaco da terra galega.



Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño.
Fotografía extraída da páx. web galiciamaxica.

Sen entrar en todos os inxentes recursos histórico-artísticos, naturais, paisaxísticos, é interesante incidir na conveniencia de visitar o Ecomuseo de Arxeriz onde, aparte de ensinar, dun ameno xeito, os costumes e modos de vida vencellados ao Miño e á vida cotiá dun pazo galego, nas súas propiedades aséntase un castro (escavado en parte) desde onde hai unhas marabillosas vistas do Cabo do Mundo.
 


Unha vista do Ecomuseo de Arxeriz.
Fotografía de:
 
http://www.ecomuseodearxeriz.org/

Este Ecomuseo amosa na súa páxina web un plano detallado das igrexas románicas do Miño e do Sil. Por destacar algunhas, dentro do término municipal de O Saviñao, son imprescindibles San Estevo de Ribas de Miño, San Martiño de Cova, San Paio de Diomondi, San Vitorio de Ribas de Miño, Santa María de Seteventos, San Lourenzo de Fión...


Captura do Mapa interactivo do Ecomuseo de Arxeriz onde se sitúan
todas as igrexas de orixe románico da Ribeira Sacra do Miño e do Sil.
http://www.ecomuseodearxeriz.org/

Voltando ao noso propio mundo debo subliñar que no sobranceiro concello de O Saviñao hai catalogadas 56 mámoas (destaca a Anta de Abuime) e, a indómita e defensora pertinaz Asociación Veciñal de O Saviñao, defensora acérrima dos valores que estamos a sinalar, xa hai anos que propuxo a creación dun necesario itinerario neolítico. Ignoro si estas lóxicas pretensións foron atendidas polas autoridades municipais. Tamén dicir que no ano 2024 o Concello estaba a estudar a posibilidade de acondicionar o camiño de acceso ao dolmen de Leira da Rapada... 



Anta de Abuíme. Fotografía de Leticia Couto, 2024.

A Asociación Veciñal ademais consideraba necesario implementar medidas para favorecer o aproveitamento turístico e achegar estes recursos a un tipo de visitante respetuoso cos valores medioambientais, arqueolóxicos e, en xeral, cos valores culturais. Pero semella que no ano 2022 as cousas pouco cambiaran, segundo fun indagando nas novas dos medios de comunicación: a Asociación Veciñal de O Saviñao nestas datas pedía actuar no contorno da anta de Leira da Rapada a saber, a sinalización, mantemento anual, limpeza do camiño de acceso á anta, colocación dun panel explicativo... En definitiva, non sei como andaran as cousas a día de hoxe.


SAN XOÁN DE VILATÁN

Para chegar á parroquia de Vilatán, si saímos de Escairón (capital municipal) debemos coller a estrada LU-617 con direción a Chantada e, no quilómetro catro, hai que coller o desvío á dereita que marca Vilatán: chegaremos logo duns catrocentos metros.



Casa do Penedo.
Foto da Asociación Veciñal de O Saviñao.

San Xoán de Vilatán é unha das parroquias mais cativas do Concello. A igrexa é do século XVIII e aséntase sobre un castro moi alterado. Malia esa desafortunada circunstancia, aínda se poden albiscar unha parte dun terraplén e tamén un anaco do foxo defensivo. 


Igrexa de San Xoán de Vilatán.
Foto de La Voz de Galicia.

En xeral, en Vilatán poderemos admirar uns nada desdeñables elementos de arquitectura civil-tradicional, etnográfica e arqueolóxica: a Casa do Penedo, a Casa do Fidalgo, a Casa de Branco, unha eira enteira para mallar, así coma os restos mencionados do castro e a igrexa.



Ruta en Vilatán, wilkiloc.

O Castro de Leira da Rapada atópase a uns cento cincoenta metros da anta do mesmo nome: conserva parte das súas murallas, varios terrapléns de ata quince metros de altura..., e pódense descubrir diversos vestixios das cabanas e das murallas. A Asociación Veciñal de O Saviñao contábame hai xa uns anos que atoparon nas cercanías unha especie de machada de granito (picuda e coa base mais ancha onde semella describir unha muesca para fixar un pao, un soporte) e tamén un biface de cuarcita gris. No castro poideron descubrir diversos elementos propios da cultura castrexa como restos de cerámica e pedras furadas, os típicos contrapesos para os teares.


Unha paisaxe no Saviñao. Foto Asociación Veciñal de O Saviñao.


ANTA-DOLMEN DE LEIRA DA RAPADA

Foi descuberta a primeiros do ano 2017, na parroquia de San Xoán de Vilatán e, ata ese momento, era un monumento megalítico inédito e único no sur da provincia de Lugo. Como sabemos, poucas antas se están a conservar íntegras polo que foi considerado un descubrimento excepcional. O seu descubridos foi o arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo: no medio dunha espléndida carballeira, consérvase enteiro, con varios esteos e a tampa ou pedra cobertora. Semella que non permanece practicamente nada da estrutura tumular ou mámoa.



Fotografía do blog fraga dos mouros.

Si a imos visitar, primeiro debemos chegar ao núcleo de Vilatán. Desde aí hai que ir pola estrada que leva a Felón, Vilameá e Marrube. Logo de percorrer ao redor de trescentos cincoenta metros, hai que desviarse á esquerda por un camiño sen asfaltar. Trátase dun ancho camiño que discorre por entre unha frondosa pantalla de árbores autóctonas (carballos e castiñeiros maiormente). Despois de catrocentos metros, o camiño-corredoira, descence suavemente bordeando o Castro de Leira Rapada. A uns cento cincoenta metros o camiño xira levemente á dereita e aí aparece un ramal á esquerda polo que hai que seguir uns cen metros ata chegar ao dolmen, inserido, emprazado, no medio dunha poderosa carballeira. E xa estamos diante da contundente e poderosa estrutura pétrea da nosa anta.



Fotografía da web Asociación Veciñal de O Saviñao.

Ubícase na aba que, desde o castro, descende cara ao río que discorre fondo e a separa das abas do Castro de Felón. Dentro da tipoloxía das antas galegas é unha das poucas excepcións (porque algunha mais hai) debido a que un dos esteos da posible cámara é un afloramento granítico natural reaprobeitado como soporte da tampa caso, como dicía, pouco común no amplo universo megalitíco galego. Este afloramento natural, un dos soportes da tampa, acada unha lonxitude de mais de catro metros e unha media duns oitenta centímetros de groso. Dous dos esteos que fan de soporte da tampa están labrados pola súa cara interna.



Fotografía do blog megaliticia.

Efectivamente, unha impresionante estrutura arquitectónica que se desenvolve a través dunha altura aproximada dun metro e oitenta centímetros e está cuberto por unha tampa ou pedra cobertora que mide mais de catro metros de longo e uns oitenta centímetros de grosor. A devandita pedra cobertora está asentada sobre outros dous esteos que miden na lonxitude, respectivamente, catro metros con sesenta centímetros e catro metros con corenta centímetros.



Fotografía do blog megaliticia.

O noso amigo megaliteiro Xabier Moure dubida de que se trate propiamente dunha anta, senon que lle parece un acubillo ou un "trilito" para o que se aproveitou un dos afloramentos rochosos da zona. Por outra banda, o arqueólogo Iván Álvarez puido documentar que a anta adoitábase empregar como refuxio para resgardarse das inclemencias metereolóxicas.


Calco dos petróglifos da Anta de Leira Rapada.
Autor, Diego Iglesias Barrilero. De Wilkipedia.

Pero un dos elementos que caracterizan esta anta son os petroglifos que aparacen gravados na parte superior da pedra cobertora: trátase dun conxunto de cinco insculturas tipolóxicamente semellantes: describen unha xeira de círculos concéntricos atravesados por unha liña. As gravuras ons moi difíciles de contemplar, debido aos desgaste pola erosión e pola proliferación do musgo: como case sempre, unha determinada luz solar permite a súa mellor visualización a tamén determinadas horas do día.



Un dos motivos concéntricos.
Foto avv veciñal de O Saviñao.

Sempre é e será un inmenso pracer mergullarse polas indómitas terras do Concello de Escairón, un territorio con suficientes elementos culturais para ilusionar os sentidos.



Outro dos motivos concéntricos.
Foto Asociación Veciñal de O Saviñao.

Estou seguro de que mais cedo que tarde chegarán a mín mais novas que me permitirán introducir novos datos ao redor da Anta da Leira da Rapada, unha indómita anta perdida no medio das máxicas carballeiras do Concello de O Saviñao.


EN SIGRÁS, A FINAIS DOS INTRANSIXENTES DÍAS DE ABRIL DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!



ENLACES SÚPER INTERESANTES E OBRIGATORIOS

https://asociacionlosdolmenes.blogspot.com/2014/02/galicia-el-dolmen-de-leira-da-rapada-un.html

https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmen-leira-da-rapada-1130927
4

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-leira-da-rapada.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-savinao/2014/07/31/visita-dolmen-recien-descubierto-leira-rapada/0003_201407M31C5991.htm

https://www.facebook.com/groups/1507289739330759/posts/24556933643939709/

https://xabean.blogspot.com/2014/08/dolmen-de-leira-da-rapadavilatano.html

https://www.elprogreso.es/articulo/ribeira-sacra/grupo-vecinal-pide-actuar-lugar-dolmen-leira-rapada/202209261859031603278.html

https://media.lavozdegalicia.es/scale.php?i=/default/2014/03/05/0012_201403M5C5F1jpg/Foto/M5C5F1.jpg&w=300px

https://aavvdosavinhao.org/nova/index.php/petroglifos-no-dolmen-ou-refuxio-da-leira-rapada/

https://afragadosmouros.blogspot.com/2014/03/dolmen-de-leira-de-rapada-achado-de.html

https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Petr%C3%B3glifos_da_Leira_da_Rapada.jpg

https://aavvdosavinhao.org/nova/index.php/visita-guiada-pola-area-da-leira-rapada/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://aavvdosavinhao.org/nova/index.php/o-dolmen-da-leira-rapada-debe-ser-posto-en-valor/

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/170525000684/pr-g-162-ruta-da-ribeira-sacra-do-mino?langId=es_ES&tp=6&ctre=23

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2017/05/09/mapa-turistico-mais-completo-das-igrexas-romanicas-do-mino-sil/0003_201705M9C4991.htm

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/lugo/comarca-da-terra-de-lemos/savinao/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Anta-dolmen+de+Leira+de+Rapada

https://www.facebook.com/apatrigal/posts/vilat%C3%A1n-o-savi%C3%B1ao-e-o-seu-patrimoniocarlos-rueda-francisco-albo-san-xo%C3%A1n-de-vila/2069492533329277/

https://www.academia.edu/118851696/El_PRIORATO_DE_SAN_MART%C3%8DN_DE_A_COVA_Y_LA_IMPRONTA_DE_LOS_CAN%C3%93NIGOS_REGULARES_DE_S_AGUST%C3%8DN_EN_LA_TIERRA_DE_LEMOS_Y_ALEDA%C3%91OS_EN_EL_CONTEXTO_DEL_CAMINO_DE_SANTIAGO

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/16841/miradoiro-da-cova?langId=es_ES&tp=4&ctre=17

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-savinao/2018/04/08/viaje-prehistoria-vilatan/0003_201804M8C5991.htm

asociación veciñal do saviñao21 de agosto de 2015, 03:58

https://turismo.ribeirasacra.org/museo-etnografico-ecomuseo-de-arxeriz




luns, 5 de maio de 2025

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA GÁNDARA. San Salvador de Neiras, Sober.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA GÁNDARA.


"Que una ambición sagrada invada nuestras almas, para que, insatisfechos con la mediocridad, deseemos con entusiasmo las cosas más elevadas y nos esforcemos con todas nuestras fuerzas para obtenerlas, ya que podemos hacerlo, si lo deseamos."

Giovanni Pico della Mirandola



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

A Pedrafita-marco-menhir de A Gándara atópase insertada, sólidamente clavada,  no sitio do mesmo nome, lugar de Roxos, parroquia de Neiras. A ubicación repite algunhas das constantes propias das pedrafitas galegas, neste caso a situación nunha ampla e extensa chaira e ademais ao carón dunha antiga ruta de comunicación, talvez prehistórica, un camiño tradicional e ancestral. A pedrafita-marco, cunha omnipresente presenza na chaira, fai de marco de termo entre as parroquias de San Salvador de Neiras e Santo Estevo de Refoxo. O río Neiras serpentea non moi lonxe en dirección norte-sur, preto do lugar de O Roxo.



Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

Este pequeno pero poderoso esteo amosa os típicos rasgos que permiten a súa adscrición ás pedrafitas da tipoloxía fálica. A feitura e a presenza de dúas coviñas confírenlle un claro aspecto de pedrafita neolítica, como atestigua Alberte Alonso, que a constextualiza no ámbito das pedrafitas de tipo fálico.

As principais novas encol desta pedrafita-marco de termo proceden en case toda a súa totalidade dos interesantísimos apuntamentos de Xabier Moure no seu blogue onosopatrimonio.



Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

A pedrafita, malia que semella, e é, de reducidas dimensións, o que sobresae do chan acada unha altura dun metro aproximadamente e unha anchura máxima, na base, de sesenta e cinco centímetros. O mais interesante e significativo (como apuntaba antes) desta pedrafita, probablemente reutilizada como marco de termo, son as gravuras que aínda se poden apreciar: na cara do norte aparece a gravura  do que presumiblemente é a letra "N" invertida (Neiras) e unha coviña ou cazoliña; na cara do sur sobresae unha "R" (Refoxo) así como outra pequena cazoliña. Nas outras dúas caras destacan, como adoita ser habitual nos fitos demarcatorios, dúas cruces latinas tamén gravadas. Segundo Moure este era o marco lindeiro que separaba os territorios das parroquias de Neiras e Refoxo. Pero ademais, noutrora, marcou os lindeiros entre os concellos de Monforte (ao que pertencía a parroquia de Neiras) e Sober.

Sabemos tamén, a partir das pescudas de Moure, que o marco da Gándara cítase no Catastro do Marqués da Ensenada como límite das dúas parroquias. Nelas exercían o seu poder xurisdicional o conde de Amarante (Refoxo) e o conde de Lemos (Neiras). 



Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

Atopámonos sen dúbida noutro caso claro da funcionalidade da pedrafita como marco de termo. Segundo as concienzudas investigacións de Martinón Torres, pola súa monumentalidade  destacando na paisaxe, os magalitos (e entre eles as pedrafitas) exercían desde a súa orixe un papel determinante para marcar o espazo no que se chantaban: este valor territorial como marcador de límites, de rutas de tránsito, de sinalización de necrópoles, son criterios fundamentales para a adscrición ao neolítico.


Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

As andanzas de Moure por terras galegas sempre son fecundas e os seus descubrimentos aportan un caudal infinito ao acervo da nosa cultura arqueolóxica, histórica e, neste caso, tamén á nosa cultura tradicional. Porque a pedrafita  ten lenda, tamén é, por iso, e un elemento que sempre foi apreciado por algunha característica especial: cambiaron os tempos, as épocas e ata os milenios..., pero a pedrafita sempre estivo a cumplir unha misión de referente para centos de xeneracións. A lenda é un conto universal, das lendas de onde beberon os clásicos, desde a tradición oral, como Romeo e Xulieta, don Juan e dona Inés, Calixto e Melibea... A Moure contoulla un veciño e eu vouna contar ao meu xeito.


Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

Efectivamente, mentres Moure escudriñaba os interminables recunchos das entrañables terras de Sober no ano 2016, atopouse cun veciño que o informou de que as cruces gravadas na pedrafita da Gándara indicaban a presenza de de dúas tumbas, de dous sepulcros. Un deles pertencía á sobriña do Conde de Lemos e a outra a un xoven pastor: cada un foi enterrado no lado contrario da pedrafita. A historia é como sigue: supoñemos que un espléndido día de primavera, cando o pastor levaba o gando cara ao lugar da Gándara a pacer, atopouse cunha fermosa muller que acababa de caer do seu cabalo. O intrépido rapaz, raudo e veloz, acudiu na axuda da moza, que podería estar ferida, logo de tan penoso lance. Como unha cousa acostuma levar á outra, a partires de aquí os dous rapaces comenzaron a verse a miudo, unhas veces como por casualidade e as outras a mantenta.



Castelo de Maside, Ferreira de Pantón.
Fotografía: turismodegalicia.com

E pasou o que tiña que pasar: acabaron irremediablemente namorados. Desgrazadamente o que barruntamos malévolo Conde de Lemos non tardou moito en enterarse destes prohibidos encontros e conminou á súa fermosa sobriña a que deixase de ver ao pastor. A moza, nun acto de heroica valentía, ese valor que só posibilita o amor, negouse taxativamente e continuou xuntándose co mozo á beira da nosa pedrafita. Pero o conde, astuto e cruel, enviou aos seus secuaces ao lugar de encontro dos xóvenes namorados. Cando chegaron, asasinaron ao mozo sen compasión: a sobriña do conde, horrorizada, púxose diante do pastor para defendelo, provocando que tamén fose ferida mortalmente. O conde, finalmente, para nada arrepentido, ordenou que os enterraran ao carón do marco: un mirando cara ao leste e o outro cara ao oeste, de xeito que non se poideran nin ver nin tocar incluso despois de mortos. A crueldade do conde, para rematar, retrata sempre o poder case omnipotente dos nobles medievais galegos.

En Sigrás, nunha primavera diferente do ano 2025.

Saúde, sorte e libros!!!




ALGÚNS ENLACES NECESARIOS E ALGO DE BIBLIOGRAFÍA

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/sober/2017/03/08/span-langgl-posible-menhir-antigo-marco-divisorio-spanspan-langgl-monforte-sober-span/0003_201703M8C2991.htm

MARCOS MARTINON-TORRES "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas." Rev. Trabajos de prehistoria,58, n.° 1,2001, pp. 95 a 108.





 

sábado, 3 de maio de 2014

ANTA-DOLMEN DE ABUIME: xa non está sola.

A ANTA-DOLMEN DE ABUIME xa non está sola.

Todavía recordo vívidamente cando sobre o ano 1993 visitei por vez primeira a Anta de Abuíme. Cheguei a Escairón (levaba aos meus pais comigo) cunhas parcas notas de cómo chegar a esta sonada anta. As notas para chegar eran importantes pero insuficientes: só o instinto megaliteiro permitiume atopar á anta despois de cruzar unhas leiras privadas. Recordo a emoción do achado, pero tamén recordo o descorazonamento de ver aquelas cinco enormes pedras chantadas abandonadas no medio da nada, sen accesos e sen sinalicación algunha. A segunda vez que me acerquei por isas fermosas terras de Lemos, da Ribeira Sacra, a anta estaba cuberta de neve..., pero isa é outra historia.


  
Anta de Abuíme, fotografía de Ramón Boga


Por iso a miña alegría foi grande cando esta semana recibín unha mensaxe da Asociación Veciñal do Sabiñao que me alegrou o día. Dentro do lamentable estado no que se atopan a meirande parte dos elementos megalíticos galegos ante a desidia de todo o mundo, é extraordinariamente loable a iniciativa desta Asociación: desde inicios de 2014 o acceso á Anta de Abuíme está sinalizado desde Escairón e tamén desde o Campo da Festa de Abuíme. Pero non só iso, a devandita Asociación conseguiu o permiso dos veciños para crear un acceso doado polas súas fincas ata a Anta.

Estes verdadeiros gardas do noso patrimonio foron capaces tamén de decatarse dunha perigosa inclinación do esteo central (probablemente a pedra da cabeceira) debido ás inclemencias metereolóxicas deste ano, notificando o feito á Dirección Provincial de Patrimonio. 



                                                          Anta da Leira Rapada

Desde este blogue non podo menos que felicitar a esta xente. Só, parece mentira, desde estas iniciativas cívicas poderemos salvar e poñer en valor o noso patrimonio.

Ademais, e para rematar, a Asociación está comprometida con todos os últimos achádegos na bisbarra: Anta da Leira Rapada en Vilatán, petroglifos, betilos ou idoliños cerca de Escairón, etc.

Información recibida da Asociación Veciñal de O Saviñao

martes, 25 de febreiro de 2014

ANTA-DOLMEN DA LEIRA RAPADA. San Xoán de Vilatán, O Saviñao.

ANTA-DOLMEN DA LEIRA RAPADA.

Na Voz de Galicia do día de hoxe, 25 de febreiro, apareceu, na edición comarcal de Lemos, a noticia do descubrimento dunha nova anta en Galicia, aínda sen catalogar. A noticia está firmada por Francisco Albo  que sinala que o novo elemento megalítico foi atopado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo a quen llo enseñou un veciño do lugar. Este exemplar estaba sen catalogar e tamén era inédito ata estes intres.




O dolmen atópase no medio dunha carballeira que se coñece co nome de Leira da Rapada, na parroquia de San Xoán de Vilatán. Segundo as fotografías que publica La Voz de Galicia, a vetusta anta aparece perfectamente sintonizada coa carballeira e a vexetación da contorna, ofrecendo unha imaxe bucólica da harmoniosa convivencia entre unha obra humana e a vexetación autóctona.

A anta, que podemos denominar "da Leira da Rapada", atópase ubicada nunha área de pouca pendente e, segundo a noticia, non semella que estivera a sofrir importantes alteracións tanto na estrutura arquitectónica como na estrutura tumular.

A mámoa na que se insire a anta non sobresae máis dun metro e oitenta centímetros e os esteos da cámara acadan unha media de catro metros e medio. Tamén está a conservar a tampa ou pedra cobertora. Un dos esteos da cámara é un afroramento natural que foi reaprobeitado como soporte da Tampa, caso escepcional dentro do megalitismo galego.





Esta última acada na súa lonxitude máis longa os catro metros e trinta centímetros e de media no grosor uns oitenta centímetros.

Como curiosidade, débese sinalar que na parte superior da pedra cobertora aparece gravado un petroglifo: trátase dunha gravura que debuxa unha especie de cazoliña central enmarcada por dous círculos concéntricos, feito tamén escepcional e inédito no universi do neolítico en Galicia.

Finalmente o arqueólogo Iván Álvarez puido documentar que a anta  adoitábase utilizar como refuxio para resgardarse da choiva.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


UN ENLACE

http://www.lavozdegalicia.es/lemos/

sábado, 10 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DA PENA LONGA. San Pedro de Canaval, Sober

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DA PENA LONGA.

A pedrafita do Marco da Pena Longa foi o marco de termo que delimitaba as parroquias de Canaval, Neiras, Refoxo e Mañente, no concello de Pantón.

Descubriuse cando se realizaban as obras dun paso da vía férrea e foi inmediatamente trasladada ao Museo Provincial de Lugo para a súa conservación.



Fotografía proporcionada por
Xabier Moure Salgado en maio de 2014.

Trátase dunha poderosa pedrafita que acada unha altura aproximada dun metro e setenta e seis centímetros. Amosa unha apariencia de formas achanzadas e redondeadas como se fose pulida, con varias cazoliñas alineadas. Tamén amosa diversos sucos e o que se pode denominar "círculo prepucial" que coroa o elemento e que lle da unha certa impronta fálica. O que podemos dicir desde aquí é que desde logo é un claro rebaixe ou escotadura artificial.

Segundo os veciños este era o marco divisorio dos señoríos das casas dos Andrade e dos Tor.




Fotografías: coladovento.blogspot.com.es


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DE TOALDE. Santiago de Louredo, O Sabiñao

PEDRAFITA-MENHIR DE TOALDE.

Nas brumosas terras do Saviñao, á beira dunh cierre, nunha propiedade privada (Angelito, o canteiro da pedra) atópase ergueita esta singular pedra que ben podería pasar a engrosar o xa elevado número das pedrafitas galegas. Aínda así, non podo testemuñar desde aquí a súa adscrición crono-cultural, e dubido que se poda facer algún día.

Atópase, dicía, ubicada a carón da estrada que leva a Buxán e mide ao redor de tres metros de altura e nas súas caras non se aprecian a simple vista restos algúns de gravuras.



Fotografía de Xabier Moure en o noso patrimonio, blog



MAIS INFORMACIÓN:



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 30 de maio de 2012

ANTA-DOLMEN DE ABUÍME. Santa María de Abuíme, O Saviñao.

ANTA-DOLMEN DE ABUIME. 

Para chegar. Pártese de Escairón -capital municipal do Concello de O Saviñao- con dirección a Currelos e despois a Seteventos. A anta está ubicada nunha chaira preto dunha leira  (que ás veces ten nabos) ao carón dun monte de piñeiros e detrás dunha escola en ruínas.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Desta senlleira anta consérvanse cinco esteos da cámara de boas proporcións. A planta mide ao redor de tres metros e medio de ancho. Aínda que non é posible reconstruir a planta na súa totalidade, é probable que sexa das do tipo poligonal con corredeor. Non conserva a pedra cobertora ou tampa. O esteo máis grande da cámara (que posiblemente sexa a cabeceira) sobresae dous metros e vinteseis centímetros e ten para o ancho máximo corenta e cinco centímetros.



Un esteo da Anta de Abuíme foi convertido por un canteiro da zona nunha pía para beber o gando e logo trasladada á casa dun veciño de Vilasante. Nunha mámoa do Saviñao había unha peneda que partiu á metade; unha metade levárona, mais a outra voou ata pousar no río Miño. Na mamoíña de Rebuxós aparecen moitas veces as mouras peiteando os seus cabelos. Algúns viron dous mouros vestidos cunha bata vermella que relucían coma o sol.


A Anta de Abuíme no ano 1993, por Ramón Boga.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!