miércoles, 11 de septiembre de 2013

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA LONGA. Cabanas, Nogueira de Ramúín. Ourense.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA LONGA. Cabanas, Nogueira de Ramuín. 

Como case sempre que se me dá por iniciar un viaxe polas inexplicables autopistas da comunicación internetianas, pois así case sempre atopo elementos que inopinadamente baten comigo e deixanme  tamén case sempre un pouco anonadado, por non dicir outra cousa.

Este que presento é un deses elementos que se me presentan a miudo, dos que non sei que pensar, sobre todo tendo en conta que non dispoño máis que dunha fotografía para o seu análise.

O comentario do blogue de onde o saquei non conta mais que a posible pedrafita chámase Pedra Longa e que se atopa moi preto da necrópole de Cabanas de Moura, no concello de Nogueira de Ramuín.




Como podedes ollar, trátase dun aparentemente enorme cipo que, na base é estreito e comezase a abombar cara ao cumio, ocupando esta parte abombada a maior parte da estrutura da pedra. As dimensións, sen ningún dato que o avale, seguramente sobrepasan os dous metros de altura. Tamén semella que a sección é maiormente cilíndrica.

Así mesmo, segundo o que se pode deducir pola fotografía, é probable que se atope nunha aba bastante pronunciada, non sei si ao principio ou en calquera outro lugar dela. Si supoñemos que se ubica no cambio de vertente, estaríamos diante dun fito anunciador dunha necrópole megalítica, tamén supoñendo que a necrópole de Cabanas da moura estea a continuación.

Todo isto sempre hipotéticamente.

A necrópole de Cabanas da Moura foi publicada neste blogue co número 98 en decembro de 2012.

Si alguien me pode proporcionar máis datos e incluso algunha fotografía, estaría eternamente agradecido.


Fotografía de Tonio Campos no blogue dolmentierraviva.blogspot.com.es

martes, 3 de septiembre de 2013

Antas-dolmens do Chan da Besada e do Coto da Mina. Cotobade

ANTAS-DÓMENES DO CHAN DE BESADA E DO COTO DA MINA. Cotobade.

As mámoas do Coto da Mina e do Chan da Besada foron localizadas por Ángel Concheiro no transcurso da prospección realizada no ano 2008 no Concello de Cotobade.

Atópanse, segundo Concheiro, nunha paraxe moi fermosa, moi preto tamén do "foxo do lobo do Monte Castelo" e dos gravados rupestres dos Carreiros e o Campiño das Pías, que describe combinacións circulares.

A Mámoa do Chan da Besada atópase mesmo enriba da braña do mesmo nome; as mámoas do Coto da Mina atópanse no alto do outeiro. Pola súa beira serpenteaba a corredoira ou camiño tradicional que levaba á feira de Cuspedriños, roteiro ignoto de arrieiros e feirantes.


ANTA-DOLMEN DO CHAN DE BESADA. Paraños, Carballedo. Cotobade

Trátase dunha mámoa bastante alterada debido ao total abandono e aos traballos agrícolas e forestais. A mámoa atópase ubicada sobre un cativo outeiro que se sitúa na braña da Chan da Besada. As súas dimensións apenas sobrepasan os nove metros nos eixos máis longos e para a altura non sobresae máis dos oitenta centímetros.





ANTA-DOLMEN DO COTO DA MINA 1. Paraños, Carballedo. Cotobade.

Estamos diante dunha mámoa en bastante bo estado de conservación, aínda que tamén lle afectan negativamente os traballos agrícolas e forestais.

Trátase dunha espléndida mámoa con características monumentais.  Amosa unha extraordinaria visivilidade sobre a contorna inmediata, a saber, sobre a Chan da Besada, pero tamén a longa distancia: pódese albiscar desde aí a ría de Pontevedra. As dimensións nos seus eixos son de vinte por vinte metros e a altura máxima é dun metro e oitenta centímetros. No interior ábrese un gran funil de violación con forma ovalada. Obsérvanse restos da coiraza pétrea de recubrimento.





ANTA-DOLMEN DO COTO DA MINA 2. Paraños, Carballedo. Cotobade.

Trátase dunha mámoa moi alterada debido sobre todo aos traballos agrícolas e forestais. Amosa unha medidas de oito metros e medio por oito con dez  e uns corenta centímetros de altura máxima. Tamén amosa restos da coiraza pétrea do recubrimento e no funil de violación central sobresaen dous esteos. A masa tumular atópase en moi mal estado.





Tanto a información sobre estas mámoas como as fotografías fóronme proporcionadas polo arqueólogo Ángel Concheiro.