Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Costa da Morte. Amosar todas as publicacións

mércores, 27 de agosto de 2025

ANTA-DOLMEN A MINA DAS CAXADAS. San Xoán de Cambeda, Vimianzo.

ANTA-DOLMEN A MINA DAS CAXADAS

"Toda verdad pasa por tres etapas. Primero, es ridiculizada. En segundo lugar, es violentamente rechazada. En tercer lugar, es aceptada como evidente por sí misma."

Arthur Shopenhauer



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.


E seguimos, e sigo..., continúo perseguendo soños, perseguendo sombras doutros tempos, pedras acurrucadas nos confíns dos nosos montes, nos lugares mais insospeitados, como sombras pétreas e impenetrables nos seus segredos milenarios, no seu silencio de sempre. Grandioso silencio, grandiosas sombras, grandiosas historias que esperan a poder ser contadas: ser contadas para poder existir.



Situación Necrópole e Mina das Caxadas.

E así volto novamente a Vimianzo, ás terras soneirenses de castelos, pazos e mámoas. Volto debido a  unha nova xornalística do ano 2016 na que o Concello de Vimianzo anunciaba o descubrimento dun novo dolmen no seu agarimoso territorio. Dicíase nas diversas notas de prensa que, a tamén coñecida como Arca de Ogás, atopábase sen inventariar, preto do camiño entre Caxadas e Sanfíns, dous lugares da parroquia de Cambeda. Semella claro que esta non é a coñecida como Arca de Ogás, senón a que se inventariou co nome da A Mina das Caxadas, a medio quilómetro (mais ou menos) do groso da necrópole megalítica das Caxadas, que se compón agora de cinco mámoas e onde está a Anta de Ogás. A pesares de atoparse moi preto dun camiño veciñal, a súa existencia pasou desapercibida ata aquiles momentos.



Mina das Caxadas no ano 2016. Foto Concello de Vimianzo.

Atópase á esquerda da estrada Nacional a Fisterra, as outras catro mámoas atópanse á dereita. Na contorna do emprazamento desta mámoa debúxase unha paisaxe de monte alto, terras de labradío e algunhas vivendas. Os terreos nos que se asenta están repoboados de peiñeiros e, polo sul, noutras parcelas inmediatas, xurdiu unha nova repoboación de eucaliptos. O que queda da cámara megalítica atópase case completamente cuberto de rastroxos así como de diversa ramaxe ou masa vexetal.



Mámoa da Mina das Caxadas, 2024.

A cámara, construida con grandes pedras de granito, está bastante esnaquizada, bastante descentrada do centro da cámara e cun burato de saqueo que aparece mais ao norte. Este burato acada unhas dimensións que van desde os catro metros de diámetro ata os trinta centímetros de profundidade, a simple vista. Nun lateral da mámoa ábrese unha gavia de dous metros na parte norte e con preto dun metro e medio polo sul.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A estrutura arquitectónica da cámara megalítica foi artellada con grandes esteos de granito e, como dicía antes, atópase moi descentrada con respecto ao diámetro da anta. O que permanece en pé desta estrutura mide de longo, polo interior, os dous metros e setenta centímetros (no eixo norte-sul), malia que está moi alterada e estas medidas seben ser tomadas con precaución. O esteo mais alto acada unha altura, ou sobresae do chan, un metro e dez centímetros. En total pódense identificar entre seis e oito esteos así como outras varias lousas espalladas e apoiadas sobre as outras, feito que me fai pensar en que sexan os restos ou anacos da pedra cobertora.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

O chanto da cabeceira mide uns dous metros de longo; un esteo no lado esquerdo (mirando ao sueste) e dous mais no lado dereito están imbricados; aparecen outros tres ou catro esteos mais colocados a continuación, un deles a mais dun metro se miramos cara ao norte.



Fotografía do ano 2024.

A Anta A Mina das Caxadas corre serio perigo de desaparición: a acción antrópica sobre todo pola repoboación de masa arbórea enriba da mámoa e pola acción das máquinas repoboadoras. Si non se toman mediadas me temo, nos tememos que, como noutros moitos casos, este espléndido exemplar da arquitectura megalítica galega sexa pasto da incomprensión, da ignorancia, da desidia e..., en definitiva, da acción devastadora provocada polos seres humáns, por nos.



Mapa da Ruta dos Dólmenes no Concello de Vimianzo.
Fonte: Concello de Vimianzo.



EN SIGRÁS, NO VERÁN DA VERGOÑA INCENDIARIA DE 2025. 
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


ENLACES NECESARIOS

http://patrimoniogalego.net/index.php/5696/2011/09/arca-de-ogas/

https://vimianzo.gal/turismo/?idioma=gl

https://historiadegalicia.gal/2016/08/galicia-o-pais-das-mamoas-esquencidas/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/2012/06/anta-pedra-cuberta-san-miguel-de-treos.html

https://www.quepasanacosta.gal/articulo/vimianzo/descobren-novo-dolmen-vimianzo-inventariar/20160825062753081761.html

avozdegalicia.es/noticia/carballo/vimianzo/2016/08/25/mamoa-hallada-cambeda-conserva-anta/0003_201608C25C2992.htm

https://vimianzo.gal/media/documentos/0MAPA_VIMIANZO.pdf

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosagro/agricultura/2008/05/21/arca-lugar-ogas-languidece/0003_6837001.htm

https://www.economiadigital.es/galicia/politica/descubren-en-vimianzo-un-nuevo-dolmen-sin-inventariar_375570_102.html

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/34297-descobren-vimianzo-novo-dolmen-inventariar

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-minas-de-caolin-e-dolmen-de-ogas-1835136

domingo, 13 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN DAS RIPAS. San Tirso de Vilanova de Santiso, Malpica.

ANTA-DOLMEN DAS RIPAS

"El imperativo práctico será por lo tanto éste: obra de tal modo que uses a la humanidad, tanto en tu persona como en la persona de cualquier otro, siempre al mismo tiempo como fin y nunca simplemente como medio."

Inmanuel Kan: "Fundamentación de la metafísica de las costumbres".



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A Anta-dolmen das Ripas atópase ubicada en Vilanova de Santiso, e tranquilamente podería pasar a formar parte do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Desde hai anos, malia que está inventariada, é practicamente descoñecida para o público en xeral, sobre todo porque se atopa escondida no medio dun piñeiral cuberto de espesa vexetacióñn, durante boa parte do ano. A limpeza ía engadida á que os donos facían e fan regularmente todos os anos, cousa que se relataba nunha noticia de La Voz de Galicia onde se facía fincapé en que era o propietario da finca José María Lista o que se encarga de desbrozar os fentos e os toxos que prosperan no monte con proverbial rapidez.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

A área onde se ubica é coñecida desde sempre pola alta densidade de mámoas, unhas todavía visibles e outras lamentablemente destruídas: Pedra da Arca, Mámoa do Marco, Taraío (berce da cista do mesmo nome custoidada no Museu Arqueolóxico de San Antón na Coruña) as mámoas do Marco 1 e 2 que  desapareceron (Taraio) e, despois de Limiñoa, a mámoa das Lagoas de Cachón. Logo aparecen as mámoas do Quente 1 e 2, ata chegar á mámoa das Ripas 1 e 2.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

A Anta-dolmen Mámoa das Ripas atópase cara  a Vilanova de Santiso desde Pedra da Arca e probablemente sexa o segundo monumento megalítico mais importante que se está a conservar en Malpica, despois de Pedra da Arca, por suposto. Xosé Manuel Varela opina que algún dos esteos  da cámara atópanse formando parte da entrada da finca e outros están enfoscados nos muros perimetrais.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

O que hoxe podemos contemplar da estrutura arquitectónica megalítica son dous esteos que se conservan completos e a metade dun terceiro chanto tamén in situ. En canto á estrutura tumular ou mámoa constatar que é de grandes dimensións (mais de 20 metros de diámetro) e amosa un enorme funil de violación de onde arrincan os tres esteos que se están a conservar.



Fotografía de La Voz de Galicia.

Cando observo as fotografías destes pequechos restos, non podo deixar de pensar no furibundo traballo dos buscadores de tesouros e dos canteiros que aproveitaban estes grandes esteos para que os seus quefaceres fosen mais doados: os esteos xa estaban ben desbastados, regularizados. Os buscadores de tesouros, ao profundizar no interior da cámara, talvez lles facilitaron o traballo de extracción. Tampouco podo deixar de pensar en que a cercana Pedra da Arca, que  conserva todos os chantos da estrutura arquitectónica (incluso a tampa), tamén foi obxecto dese menesteroso traballo dos canteiros posto que aínda podemos albiscar o resto do  furado para esnaquizar a pedra cobertora.



Fotos extraídas do vídeo de Xosé Manuel Varela Varela en youtube: 
https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi

Tampouco podo deixar de pensar en que moitos monumentos megalíticos hoxe estanse a conservar e pódense visitar grazas ao labor dos propietarios das fincas nas que se acubillan. Malia que sexa unha laboura que farían si non houbese unha anta, hai que agradecer eses traballos que non acometen nin vixilan as administracións competentes.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://youtu.be/Fjgob1mS0u0?si=fTyIyEiD_WPn_yyi
https://www.facebook.com/culxeo/posts/en-malpica-hay-un-dolmen-muy-conocido-y-otro-situado-en-vilanova-de-santiso-en-p/835320824679653/

xoves, 20 de febreiro de 2025

ANTA-DOLMEN DA GÁNDARA. Encoro da Fervenza. San Antoíño de Baíñas, Vimianzo.

ANTA-DOLMEN DA GÁNDARA


“Cada bloque de piedra tiene una estatua en su interior y es la tarea del escultor descubrirla.”

Miguel Ángel Buonarrotti.


Versión da Anta  segundo visión idealizada de 
Moncho Boga, 2024.

A parroquia de San Antoíño de Baíñas atópase ao sur do Concello de Vimianzo e limita ao norte coas parroquias de Castrelo, Cambeda e Serramo (Vimianzo), polo leste co Concello de Zas, polo sueste co de Mazaricos, polo suroeste co Concello de Dumbría e polo oeste coa parroquia de Berdoias.



Vista do Encoro da Fervenza, fotografía de Javier Pais.


Pertencente á Terra de Soneira, é unha das comarcas galegas con mais presenza de elementos megalíticos, non tanto en canto á densidade, como á conservación das cámaras ou dolmenes Baíñas amosa tamén unha forte presenza megalítica: a Pedra da Arca fai de marco de término co Concello de Dumbría, pero, ademais, forma parte da extensa necrópole megalítica situada na ribeira dereita do río Xallas e, como veremos, moitas das antas que a conformaban están hoxe baixo as augas do Encoro da Fervenza sobre o río Xallas.



Fotografía de Fidel Méndez.

O Encoro da Fervenza foi construido aló polo ano 1966 no cauce do río Xallas e está ubicado, ou abrangue, os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Ocupa unha superficie de 1.250 hectáreas.

A presa ten unha altura de vintesete metros e centovintesete de lonxitude. O nome procede do Castelo da Fervenza (parroquia de Olveira) que estaba nun dos pequenos outeiros que forman a garganta onde se asentan os cimentos da presa, que se sitúa sobre os límites que separan os concellos de Mazaricos e Dumbría.




Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com.

A construción deste encoro cambiou a vida dos habitantes para sempre: a inundación de grandes zonas adicadas tradicionalmente ao cultivo provocou o aumento da humidade, formando grandes bancos de néboa. Tamén quedaron asolagadas algunhas pequenas poboacións.



Fotografía de Fidel Méndez.

Precisamente debido a ese asolagamento e inundación brutal, tamén se anegou a necrópole megalítica que hoxe nos ocupa: baixo as augas deste enorme encoro atópase a Anta da Gándara de Baíñas e só se pode contemplar cando o nivel das augas baixa considerablemente.



Fotografía de patrimoniogalego.net

O movimento das augas foi erosionando tanto a terra que formaba a mámoa ou túmulo, como os esteos que conformaban a estrutura arquitectónica da cámara, que agora se está a conservar como un calco do que fora. Malia todo iso, aínda se pode contemplar nidiamente, cando a seca é extrema, a circunferencia da mámoa, coas pedras que formaban o anel peristalítico. No centro dese círculo resalta un gran esteo vertical moi puntiagudo, único resto  da estrutura arquitectónica da cámara que permanece no seu lugar orixinal: o resto dos esteos aparecen espallados, esnaquizados, e un deles partido pola metade. 



Fotografía de Fidel Méndez.

Como estaba a dicir mais enriba, a Terra de Soneira (e con ela toda a Costa da Morte), é unha das comarcas com maior presenza de dólmenes de Galicia: Pedra da Arca, Arca de Rabós, Casota de Freáns, Arquiña de Vilaseco, Mina de Recesindes, Pedra Cuberta, Pedra da Lebre ou Arca da Piosa, son algúns dos moitos mais dólmenes que salpican toda esta bisbarra. 


OUTRAS MÁMOAS NO ENCORO DA FERVENZA



Fotografía de Fidel Méndez.



Fotografía de Fidel Méndez.




Mapa do Encoro da Fervenza.



COUSAS QUE VISITAR E DISFRUTAR NA TERRA DE SONEIRA


Para non entrar noutros moitos recursos turísticos que abondan nestas terras, voume centrar nunha famosa ruta que desde hai xa anos mantense como un dos principais roteiros culturais desta terra a saber, a Ruta dos Dólmenes. Trátase dun itinerario circular que se pode realizar en automóbil, en motocicleta e/ou en bicicleta. Conecta uns poucos dos moitos exemplares megalíticos da Terra de Soneira.



Ruta dos dólmenes, Concello de Vimianzo




Centro Interpretación do Encoro Fervenza en Baíñas.



En Sigrás, nas previas do Entroido de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!

BREVE BIBLIOGRAFÍA


De Javier Pais from A Baña, España - Embalse da FervenzaUploaded by Igrexas, CC BY 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=22539926

http://patrimoniogalego.net/index.php/6649/2011/10/anta-na-gandara-de-bainas/

https://gl.wikipedia.org/wiki/Encoro_da_Fervenza

https://www.vimianzo.gal/turismo/info.php?sec=245&idioma=es

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/perimetral-encoro-da-fervenza-mazaricos-zas-vimianzo-y-dumbria-71781533

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/centro-de-interpretacion-encoro-da-fervenza-vimianzo-24837.html

https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/aves-e-auga/encoro-de-fervenza-e-bainas?langId=gl_ES

https://www.vimianzo.gal/turismo/info.php?id=645&idioma=es&sec=219






martes, 22 de outubro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR O HOME DO LAZO. Camelle, Camariñas.

PEDRAFITA-MENHIR O HOME DO LAZO.

SOSPEITOSOS HABITUAIS IV

Los griegos, que en sus dioses dicen y a la vez callan la doctrina secreta de su visión del mundo, erigieron dos divinidades, Apolo y Dioniso, como doble fuente de su arte. En la esfera del arte estos nombres representan antítesis estilísticas que caminan una junto a otra, casi siempre luchando entre sí, y que sólo una vez aparecen fundidas, en el instante del florecimiento de la «voluntad» helénica, formando la obra de arte de la tragedia ática. En dos estados, en efecto, alcanza el ser humano la delicia de la existencia, en el sueño y en la embriaguez. La bella apariencia del mundo onírico, en el que cada hombre es artista completo, es la madre de todo arte figurativo y también, como veremos, de una mitad importante de la poesía.

FRIEDERICK NIEZSCHE: "El nacimiento de la tragedia, Alianza, Madrid 1973, p.230-234".


Pedrafita-Menhir O Home do Lazo, 
segundo versión de Moncho Boga.




No ano 2028 dúas noticias na prensa minoritaria viñeron a chamar a miña atención: notificaban a posible existencia dunha pedrafita no lugar de Lazo, pertencente á parroquia de Camelle no Concello de Camariñas. Apostillaban que, segundo a Asociación Ecoloxista PX de Ponte do Porto, podería ser a única pedrafita identificada na Ría de Camariñas.

Como sabedes, a miña curiosidade sobre o peliagudo tema das pedrafitas galegas, non ten límite. Son un irredento defensor da posibilidade de que toda pedra chantada con forma mais ou menos fusiforme (ou non) con nome e acervo de lendas e outros moitos criterios que veño sinalando desde este blog, é susceptible de entrar a formar parte dun posible e necesario inventario-catálogo do misterioso e ignoto universo destes noutrora elementos probes do megalitismo galego. Incluso aínda que sexa unha formación natural, esa é unha xustificación dabaondo suficiente para esa consideración, sobre todo cando están rodeadas de brumosas lendas.

Nesas novas ás que aludía antes, que son o único que atopei por mais que rastrexei datos, definíase o Home do Lazo como unha formación pétrea ubicada nos montes do mesmo nome, a cal podería ser a primeira pedrafita indentificada na Terra de Soneira e Ría de Camariñas. Trátase, dicíase, dunha colosal pedra chantada, fincada, rodeada por unha morea  de lousas que semella están colocadas para soster a pedrafita. O seu gran tamaño permite que sexa visible desde longa distancia. A súa situación moito pouco accesible sempre fixo que se tivese como unha mais das primorosas e caprichosas formacións rochosas que abondan na Serra da Pena Forcada e nos Montes de Camelle que, desde o Cabo Vilán,  segue  a Brañas, Pasarela e Traba.



Pedrafita-menhir O Home do Lazo.
Foto: https://www.adiantegalicia.es/costa-da-morte/


O Colectivo Ecoloxista PX de Ponte do Porto, ademais de localizar numerosos elementos etnográficos e arqueolóxicos (mámoas, albarizas, petróglifos, penas lexendarias...), tamén detectou "varios dólmenes moi preto desta posible pedrafita na zona da Costa dos Cabalos, en Lazo e Brea".

Parece ser (aínda que non fun quen de atopalas por mais que investiguei) que a pedrafita está rodeada de relatos lexendarios e é moi popular na bisbarra precisamente por iso. O Colectivo PX non ten dúbida algunha da adscrición deste gran esteo ao mundo megalítico: a enorme pedra foi colocada pola man do home, é artificial, non unha rocha natural calquera.



Pedrafita-menhir O Home do Lazo.
Foto: https://www.adiantegalicia.es/costa-da-morte/


Para rematar, seguindo esas informacións, desde o ano 1974, o lugar de Lazo pertence á parroquia de Camelle. O antigo camiño que parte de A Grixa, a antiga igrexa parroquial, une Lazo con Ponte do Porto por unha pista de terra e, ademais, a estrada asfaltada comunica o lugar de Lazo coa  que leva de Arou a Santa Mariña.

En canto á etnografía, o único que puiden atopar  con respecto ao topónimo foi que talvez faga referencia  aos "lazos" que se adoitaban facer para pedir unha boa hora no parto: cos lazos tocábanse os peitos das mulleres e dos animais para propiciar unha boa lactancia aos recén nacidos.  Con respecto ao topónimo "Home" hai varios casos en Galicia como "Valdohome", "Pedra do Home"... Normalmente, si seguimos a Moralejo este sería un hidrónimo de orixe paleoeuropeo, segundo varios exemplos documentados coa forma latinizada por falsa etimoloxía Homine. Sen embargo, si seguimos a Monteagudo, podemos relacionar o topónimo con Omen, inis, que ven a significar agüeiro, presaxio... Si adoptamos esta interpretación, e tendo en conta a forma antropomorfa do esteo, non é dificil deducir unha asimilación do chanto coma un home que fai presaxios, adivinacións, etc, etc.

En definitiva, a falta de mais informacións, a pedrafita-menhir do Home do Lazo é unha candidata extraordinaria para pasar a engrosar as filas do apaixoante mundo pedrafiteiro de Galicia: un sospeitoso habitual mais.

"Se non è vero" esperemos que polo menos sexa "ben trovato".

En Sigrás, no outono chuvioso do  ano 2024.


QUEDAN COUSAS POR VER EN CAMARIÑAS?

A miña recomendación é sempre perderse  polos moitos camiños, estradas e vericuetos que xalonan toda esta impresionante xeografía da Costa da Morte. Entre arte, natureza e paisaxe, así como un bo xantar, podemos disfrutar dun día ou de varios de xeito impresionante. Aínda así, non podo evitar a recomendación duns cantos lugares que xa son un tópico na literatura turística do Concello de Camariñas. Entroutros moitos recursos turístico-culturais...:


NÚCLEO URBANO E PORTO DE CAMARIÑAS



O Porto de Camariñas.
Foto: www.caminodosfaros.com/puerto-de-camarinas


CABO E FARO VILÁN



Cabo e Faro Vilán.
Foto: www.caminodosfaros.com/faro-vilan


CEMITERIO DOS INGLESES



Cemiterio dos Ingleses
Foto: www.turismo.gal/recurso


CASTELO DO SOBERANO



Castelo-batería do Soberano.
Foto: turismocamarinas.net


IGREXA DE SANTA MARÍA DE XABIÑA



Igrexa de Xaviña.
Foto: www.visitacostadamorte.com


NÚCLEO DE AROU



Pobo e praia de Arou.
Foto: www.turismo.gal


CAMELLE E MUSEO DE MAN



Museo de Man, Camelle.
Foto: museos.xunta.gal


RUTA DOS NAUFRAXIOS



Unha vista da Ruta dos Naufraxios.
Foto: www.paxinasgalegas.es


PONTE DO PORTO



Ponte do Porto.
Foto: www.adiantegalicia.es/reportaxes



DUNA DO MONTE BRANCO



Duna do Monte Branco.
Foto: www.caminodosfaros.com



ENLACES E BIBLIOGRAFÍA 


J.J. Moralejo, "Hidronimia prerromana de Gallaecia", en Onomástica Galega II, ed. Dieter Kremer, 2013

Luis Monteagudo García. "La religiosidad, callaíca: estela funeraria romana de Mazarelas (Oza dos Ríos, A Coruña), cultos astrales, priscilianismo y outeiros". Separata do ANUARIO BRIGANTINO 1996, nº 19.

https://www.adiantegalicia.es/costa-da-morte/2018/09/11/el-home-de-lazo-podria-ser-el-unico-menhir-identificado-de-la-ria-de-camarinas-segun-el-colectivo-px.html

https://www.adiantegalicia.es/reportaxes/2022/04/20/home-de-lazo-y-home-do-curbeiro-dos-gigantes-en-los-montes-de-xavina.html

https://guia.turismocamarinas.net/es/inicio#1729494258390

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2023/07/o-suido-e-valdohome.html

https://www.visitacostadamorte.com/es/rutassendas/prg190rutadosmuinospontedoporto

https://www.caminodosfaros.com/duna-de-monte-branco/

https://camarinas.net/media/documentos/16_RUTA_DOS_NAUFRAXIOS.pdf

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/r8⁹8⁸uta-de-los-naufragios-camari%C3%B1as-23720.html

https://www.caminodosfaros.com/puerto-de-camarinas/

https://www.caminodosfaros.com/faro-vilan/

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/277440224/cemiterio-dos-ingleses?langId=es_ES&tp=9&ctre=40000100

https://turismocamarinas.net/que-hacer/castillo-soberano/

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/10290/arou?langId=es_ES&tp=3&ctre=15

https://museos.xunta.gal/es/exposicion/museo-del-ermita-o-man#gallery-1

luns, 18 de decembro de 2023

ANTA-DOLMEN DA PEDRA EMBARRADA. Santa María de Ferreira, Coristanco

ANTA-DOLMEN DA PEDRA EMBARRADA.


 "Y en el sendero boscoso que seguían, Adamsberg escuchaba al feliz guardaespaldas repetir en voz baja:

    -Hay que ver lo que da de sí un dolmen."

FRED VARGAS: "Sobre la losa". Ed. Siruela, 2023


Cantas veces non oiría eu a mesma afirmación que a do gardaespaldas de Adamsberg, ou outras moitas semellantes; cantas veces oín que eso non son mais que pedras mal amañadas;  cantas veces me dixeron que eso son "catro pedras"; cantas veces escoitei esas palabras, pero nun senso pexorativo e de incomprensión... E non obstante, cantas veces me dixeron "moito dan de sí esas pedras!". 



Debuxo de Moncho Boga, novembro de 2023

A anta da Pedra Embarrada (estas para min unhas novas "catro pedras") atópase na espesura do bosque entre floresta varia, nunha fraga que mestura eucaliptos, pinos e carballos..., despois de deixar atrás unha estrada asfaltada e unha fermosa corredoira, chea de pozas e carreiros laterais para evitar a inevitable lama que incide no camiñar de xeito inoportuno: nun día precioso con choiva a esgalla, no que te acordas dos innumerables nomes que ten a choiva en Galicia, na que o vento e as treboadas nos acompañaron durante case todo o día, chegamos a este recóndito lugar naquel fermoso día, chuvioso e frío, intempestivo. 

Alí estabamos pois, Fidel e mais eu, un precioso xoves de inverno que facía honra ao nome da estación e ao do dolmen; día estupendo, en fin, que non fixo mais que animarnos a proseguir coa excursión megalítica, coa incursión onde iamos escudriñar o mais profundo da alma galega, a esencia do que somos, a fonda raigame que pode dilucidar as grandes preguntas da existencia, a esencia, a sustancia, o que é e non pode non ser... No misterioso silencio desas sabias pedras atópase, terco e inexcrutable, o sentido da vida, da nosa vida. E si non é así, polo menos estamos diante dunhas extraordinarias e asombrosas pegadas da nosa historia, que non é pouco.



Foto Moncho Boga, novembro 2023

Alí, como dicía antes, no medio da espesura, acodillada nun muro de mampostería que fai de separación entre dúas parcelas, contemplamos este para min inédito espécimen do megalitismo galego. O lugar de asento-ubicación é unha penechaira, e forma parte dunha necrópole que consta de once mámoas, denominada Necrópole de Chan das Embarradas. Desas once mámoas, catro danse por desaparecidas e, do resto, a que se sinala co número 1, parece ser que está a conservar dous esteos da cámara. E, a uns 20 ou 30 metros da Pedra Embarrada, oculta entre a mesma arboreda, podemos vislumbrar a estrutura hemiesférica doutra mámoa que non está a conservar ningún esteo á vista.



Foto Moncho Boga, novembro de 2023

Parte da estrutura arquitectónica atópase inserida no muro de separación entre as dúas fincas: sabia e intelixente maneira de aproveitar os esteos sen o esforzo de esnaquizalos ou de movelos do sitio, en apariencia. Antes de continuar apetéceme indicar que o lugar de emprazamento é o límite entre os lugares de Bieites de Abaixo e Figueiras, un significativo topónimo este último no eido megalítico.

Pola súa situación en Terra de Bergantiños e pola singularidade das gravuras que está a conservar, así como pola aparente boa conservación da cámara, decidiuse que este espléndido exemplar dolménico debería ser catalogado como Ben de Interese Cultural. Sendo así as cousas, o 21 de xaneiro de 2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou ao Concello de Coristanco a realizar a prospección e delimitación dos elementos patrimoniais do Chao da Embarrada, de xeito que o dolmen da Pedra Embarrada constituiu a mámoa número 11 que se identifica na necrópole do mesmo nome   otorgándoselle o código GA15029076.



Foto Moncho Boga, novembro de 2023


As conclusións derivadas da prospección e delimitación son as seguintes, moi resumidas:  a anta está a contar coas características habituais da arte prehistórica e amosa motivos equiparables aos que se localizan noutros megálitos do NO e, por todo eso, conta cos requisitos legais fixados pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para ser declarado BIC. Deste xeito esta tan inopinada como inesperada anta megalítica está xa inscrita no Rexisto de Bens de Interese Cultural con nome de Dolmen da Pedra Embarrada.

Hoxe en día, cando semella que van por bo camiño os traballos para por en marcha o Parque do Megalitismo da Costa da Morte (do que formará parte esta anta), a última nova aparecida en La Voz de Galicia, en outubro de 2023, informaba da colaboura entre o Concello de Coristanco e a Deputación de A Coruña coa intención de talar os eucaliptos da contorna da anta así como a sinalización para facilitar o acceso dos visitantes. 



Foto Moncho Boga, novembro de 2023

A Anta-dolmen da Pedra Embarrada insírese nunha mámoa en apariencia de tipo medio e describe unha planta poligonal con corredor de entrada desenvolvido e orientado ao sueste, diferenciado tanto na planta como probablemente no alzado, como adoita ser habitual. O conxunto atópase bastante alterado e conserva sete chantos (poderían ser oito) así como a pedra cobertora desprazada enriba dos chantos e partida pola metade. A lonxitude máxima da cámara en planta acada no eixo N-S os 3,60 metros. A medida total, engadindo a cámara e o corredor, non sobrepasa os 6 metros.

Aínda que, como dicía mais enriba, o conxunto está bastante alterado debido a agresións antigas e á acción antrópica e forestal, non amosa, sen embargo, unha situación de extrema gravidade ou precariedade que afecte á súa estabilidade, a curto prazo. O estado de conservación considérase que, dadas as circunstancias, é bastante aceptable, non diferente ao de moreas de cámaras galegas en semellantes condicións. Polo tanto, si dixera que está en pésimas condicións, tampouco me equivocaría moito.



Foto Moncho Boga, novembro de 2023. Fidel Méndez ao fondo.

Se cadra o que fai que este exemplar dolménico se poda individualizar é a conservación, nun dos esteos da cámara (o que talvez sexa a pedra cabeceira), de diversas gravuras prehistóricas. Esta lousa amosa unha composición completamente diferente á do resto dos chantos: as demais lousas son de esquisto; estoutra é de cor negra tipo gneis e aparece, na cara interna, toda ela gravada cunha xeira de motivos de non doada interpretación, por non dicir que imposible. Durante os traballos prospectivo-delimitadores constatouse que estes debuxos só se puideron gravar antes da colocación dos esteos, posto que están parcialmente ocultos pola lousa contigua, o que reforza o seu carácter ou adscrición ao neolítico. Ou doutro xeito, son contemporáneas á construcción do megálito. O esteo atópase fondamente enterrado e está esnaquizado pola parte superior.



Foto de Fidel Méndez, novembro de 2023

As gravuras documentadas na cara interna desa lousa ocupan unha boa superficie da zona intermedia. Segundo a descrición formal, as gravuras están feitas a base de sucos de entre 2 e 3 cms de lonxitude e de entre 1 a 2 cms de profundidade. Aparecen motivos con forma de "U", o que parece indicar que se realizaron por abrasión, sen empregar material metálico algún. 



Foto Colectivo A Rula.  La Voz de Galicia

No conxunto destacan tres elementos abstractos subrectangulares e dous triangulos que hipotéticamente poderían representar figuras humanas, dun esquematismo extremo (tan extremo que ben poderían ser considerados simples triángulos). Estes motivos, posibles e moi hipotéticos antropomorfos, non teñen paralelo algún na arte megalítica occidental. En canto aos demais, son semellantes aos de Casa dos Mouros ou Dombate. 

Pois si, amigos megaliteiros, hai que ver o que da de sí un dolmen!

En Sigrás, decembro de 2023.

Saúde, sorte e libros!!


PARA SABER MAIS:


DOG 44 do 4/03/2022


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/coristanco/2022/03/04/xunta-incluye-dolmen-pedra-embarrada-catalogo-bic/00031646392875236711843.h


https://www.europapress.es/galicia/noticia-xunta-declara-bien-interes-cultural-dolmen-pedra-embarrada-coristanco-categoria-bien-inmueble-2022030411115


https://elpais.com/espana/galicia/2023-02-15/al-rescate-del-patrimonio-megalitico-galicia-expropia-fincas-privadas-con-dolmenes-y-menhires.html


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2021/04/15/dolmen-coristanques-chan-das-embarradas-grabados-dombate/0003_202104C15C3991.htm


https://www.quepasanacosta.gal/articulo/coristanco/coristanco-sumase-ao-parque-do-megalitismo-co-dolmen-chan-das-embarradas/20211129165944131972.html