PEDRAFITA-MENHIR A6
6. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.
![]() |
Debuxo de Moncho Boga, 2025. |
Paseniña, esta descrición física e mítica vaime levando por carreiros que nin siquiera imaxinaba. Son camiños ilusionantes, camiños que só existen na miña imaxinación: posúen unha realidade que eu non coñezo en "persoa persoalmente", como diría un querido personaxe das novelas de Camillieri. Quixera tamén que fose un camiño iniciático, un camiño de autocoñecemento.
![]() |
O Camiño. Foto wilkiloc. |
Son camiños de esforzo, talvez camiños máxicos, como xa veño dicindo..., pero non podo sacar da cabeza que se cadra estou tentando racionalizar aquilo que non ten explicación. Explicar desde a distancia elementos primixenios, desde parámetros actuais. Os sendeiros do coñecemento poden levar a calexóns sen saída, a rutas dunha soa dirección onde nada é o que parece. E moitas veces a racionalidade da explicación adoita ser unha racionalización a posteriori: en descargo dos meus pecados, este feito acontece en toda a disciplina histórica.
Formación rochosa no Pozo do Demo. Foto wilkiloc. |
E xa estamos á beira da pedrafita A6, unha pedrafita tipo bolo, cilíndrica, mais semellante ás que todos temos na imaxinación cando pensamos nunha pedrafita, nun menhir.
![]() |
Pedrafita A6, foto de Rafa Castro. |
A pedrafita A6 amosa, desde o que poidemos apreciar na fotografía, un aspecto cilíndrico, redondeado, ancho na base e diminuindo sustancialmente cara á croa, onde xa ten unha forma cónica moi picuda. Segundo a tipoloxía de Alberte Alonso para a clasificación das pedrafitas tendo en conta a súa función, tamén esta entraría a formar parte das caracterizadas con "outras funcións", feito ben explicado xa nas anteriores entradas.
Mapa da Ruta Pozo do Demo PR-G 150. Concello de Verín. |
Segundo Rafa Castro, a pedrafita atópase esnaquizada en dúas metades e a lonxitude total, xuntándoas, acada os dous metros e sesenta centímetros.
OUTROS ELEMENTOS: OS PETRÓGLIFOS E AS LENDAS ASOCIADAS.
Como veño contando, o Camiño da Baixada de San Xosé, foi un camiño cristianizado, como ben nos amosa o propio nome. A pregunta debe orientarse a dilucidar a razón pola cual un camiño, en esencia algo trazado para circular, para trasladarse dun lugar a outro, foi cristianizado no seu conxunto. Un dos motivos que se me aparece claro e distinto é a definición do Camiño con pedrafitas e con petróglifos, ademais dos numerosos relatos lexendarios que se vencellan con todo o contorno. Todo ese contexto é o que lle confire unidade.
![]() |
Instántánea da área do Pozo do Demo. Foto wilkiloc. |
Xa contamos noutra entrada o folclore ou relato lexendario da viaxe da Virxe co Neno, San Xosé e a Burra fuxindo de Herodes. Pero hai outros míticos relatos que vencellan os petróglifos con forma de ferraduras co cabalo de Santiago, por exemplo.
Dicía tamén noutra entrada que talvez os relatos de "mouros" son os mais sustanciais e os que probablemente teñan unha base prehistórica, coma un fundamento solidificado que foi variando co devir dos tempos. Os veciños de Cabreiroá, por exemplo, saben que os Mouros baixaban ao castro da Baixada de San Xosé a escoitaren misa. Tamén contan que por toda a bisbarra vivían Mouras fermosísimas de cabelos dourados. Os rapaces da zona, que brincaban por estes recónditos paraxes, procuraban levarlles como agasallos panos de cor encarnado, posto que era a cor que mais lles gustaba ás mozas mouras. A cambio elas convertían os carbóns que levaban os mozos en ouro, simplemente cuspíndolle.
![]() |
Cartaz informativo sobre a Fervenza das Quintas. |
Vistas do Val de Monterrei desde o Pozo do Demo. En wilkiloc. |
Os mour@s empréganse no imaxinario popular para expresar simbólicamente conceptos que preocupan á nosa sociedade tradicional: son o doble simbólico dos campesiños e utilizan ideas como as de "humanidade" (o mouro non é humano), unha determinada idea de muller (a moura é fermosa e rica, máxica, pero, pola contra, é moi perigosa), a valoración do traballo para mellorar en contraposición ao tesouro atopado sen traballo... A complexidade dos mitos galegos ao redor dos mour@s e das "vellas", a pesares do tamiz desenvolvido polo cristianismo, reflicte toda unha teogonía, unha explicación dos fenómenos naturais e humáns a través de figuras mitolóxicas.
En Sigrás, nos incertos días centrais do Nadal de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html
Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html
ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html
https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/
https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm
https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html
O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf
https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/
https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613
https://nosvolveremosaver.com/pozo-do-demo/
.jpg)



