PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DO PIÓN.
Debuxo versión Moncho Boga, Sigrás 2025. |
Podería dicir que o Marco do Pión é un punto na xeografía moi elevado e situado no Concello de Ourol. Emprázase nunha área montesía, de serra, de cordal, que se caracteriza por debuxar unha paisaxe singular rural e boscosa do interior da Mariña lucense Occidental.
![]() |
Fotografía de José Puentes. |
O término "marco", como é ben sabido, tanto na cartografía como no eido arqueolóxico, adoita nomear un fito ou un mollón de pedra que delimita terras, parroquias, concellos e incluso provincias. "Pión" refírese ao nome específico deste alto monte e fai de referencia ao "camiñante": é unha zona de paso relevante, moi preto do antigo "Camiño Real", no contorno inmediato da divisoria de augas do río Sor. O lugar, por iso, forma parte do patrimonio arqueotoponímico da comarca, marcando rutas de transo que conectaban o interior coa costa norte galega, mariñana, igual que pasa polas terras ortegalianas da Serra Faladoira, na outra vertente). Tamén hai que dicir que se atopa vencellado a necrópoles megalíticas: a divisoria de augas da bacía hidrográfica do río Sor, tanto o Camiño Real como as necrópoles megalíticas atópanse prácticamente na mesma divisoria.

Mapa de Domingo Fontán: pódese ver a parroquia de Bravos e
o Pico do Pión. Desde aí as augas verquen cara á bacía do Sor; desde a meirande
parte da parroquia, verquen cara á bacía do Landrove.
Como moitas outras veces, é significativa a análise de Dolores González de la Peña, que incide na frecuencia con que se menciona o Camiño Real no Catastro da Ensenada (1753), sobre todo nas delimitacións das parroquias que se atopan na bacía do río Sor ou nos seus lindeiros: na delimitación da parroquia de Bravos noméase o Marco do Pión, Coto do Peón, e a continuación o Camiño Real, que ven formando a fronteira natural.
Fotografía de José Puentes. |
Todos estes elementos, que teñen que ver co contexto inmediato e coa caracterización prehistórica da beira da Faladoira, falan da mais que probable adscrición tipolóxica da Pedrafita do Pión ao extraordinario universo megalítico galego.
En Sigrás, despois dunha semana da maldita guerra, 2026.
Saúde, sorte e libros!!!
NON Á GUERRA!!!
https://arqueotoponimia.blogspot.com/2021/06/divisoria-de-augas-do-sor.html#:~:text=As%C3%AD%20por%20exemplo%2C%20na%20delimitaci%C3%B3n%20da%20fegres%C3%ADa,cami%C3%B1ante)%20e%20de%20seguida%20o%20Cami%C3%B1o%20Real%2C
Dialnet-DedicatoriasALosLaresVialesEnLaProvinciaDeLugo-963560%20(1).pdf
https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/200525000145/pr-g-204-ruta-ribeira-do-bispo-miradoiro-de-augas-caidas?langId=es_ES&tp=6&ctre=23
