xoves, 25 de xuño de 2026

ANTA-DOLMEN 2 DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ. San Vicenzo de Trasmañó, Redondela

ANTA-DOLMEN 2 DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ.

RUTA MEGALÍTICA DA CHAN DA CRUZ, MONTE PENIDE-MIRALLO


"Si no conoces al quien está al otro lado del mundo, quiérelo igualmente porque es igual que tú. Tiene los mismos sueños, las mismas esperanzas y temores. El mundo es uno, amigo. Todos somos vecinos."
Frank Sinatra


Debuxo versión Moncho Boga, 2026.

A pesares da miña numeración da ruta, a pesares de todas as numeracións e a pesares de que esta anta leva o número 2, deixo para o final a que sinalo co número 1 (a Anta Mámoa do Rei) debido a que é a meirande e a que ten mais cousas que nos dicir. Polo tanto, a miña anárquica ruta, comeza por onde non tiña que comenzar.  En calquera caso, deixarei sempre constancia da numeración oficial e a da súa catalogación para que, na medida do posible, non haxa lugar a dúbidas.


O traxecto para chegar segundo google maps.

Esta enorme mámoa ten o número de catálogo ou sinatura GA 36045052, e está situada dentro do gran conxunto ou necrópole denominada Chan da Cruz, Chan da Pedra do Couto ou tamén Chan das Formigas, como xa deberiamos saber. Tamén é necesario subliñar que toda esta área coñécese oficialmente co nome de "Conxunto Tumular da Chan da Cruz." No conxunto da necrópole a mámoa está sinalada co número 23.


Situación da Mámoa 2. Google earth.

Para chegar sanos e salvos, si saímos da fermosa Vila de Redondela, podemos coller a estrada que leva ao Aeroporto de Peinador. Pois ben, si tomamos un desvío á dereita que se nos presenta a uns tres quilómetros e medio, con direción a Cabeiro, pouco logo outro desvío á esquerda (unha vez que deixamos atrás o cemiterio parroquial) deberíamos transitar por unha pista moi costaneira ata chegar á última casa do núcleo: a uns catrocentos cincoenta metros, mais ou menos, aparece un cruzamento no que sería importante tirar pola dereita. A nosa mámoa atoparase, si non hai novidade, a uns douscentos metros á esquerda da estrada e a uns quince metros no monte, moi preto da Mámoa do Rei.


Imaxe da mámoa antes da súa limpeza.
Foto de Xosé Couñago, montepenide.wordpress.com

A mámoa cos restos da súa anta atópase nunha penechaira, nun rechán da dorsal do Monte Penide e o lugar no que se asenta aparece co topónimo Porto Cabeiro. Ubícase nun monte de repoboación de piñeiros e eucaliptos e parece ser que é unha área de gando semisalvaxe, sobre todo cabalar. Aparte da repoboación, a vexetación é sobre todo de monte baixo, predominando as toxeiras e os fieitos. A mámoa hoxe en día está sinalizada cun panel da ruta oficial e ubícase a unha altitude duns trescentos oitenta e sete metros; o solo pertence á Comunidade de Montes de Trasmañó.


Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Parece ser, segundo relata Couñago (ver bibl.), que a mámoa sempre estivo cuberta de maleza moi tupida, ata o ano 2014: con motivo da creación do Museo Virtual do Monte Penide  (promovido pola Asociación Alén Nós de Redondela, coa colaboura das Comunidades de Montes e o financiamento do Concello) conseguiuse sobre todo a limpeza, sinalización e polo tanto a posta en valor de moitos dos xacementos, grazas á eliminación das árbores e da maleza que cubría unha boa morea de mámoas, entre elas a que me ocupa.



Imaxe de Xosé Couñago no bloguemontepenide.wordpress.com.

Como ben sabemos, estamos diante dunha mámoa ou túmulo e dicir, un enterramento funerario adscrito á época do Neolítico e, neste caso, como dicía antes, é unha das mámoas mais grandes de todo o conxunto tumular ou necrópole: mide, nos seus eixos meirandes, vintesete por vinteseis metros e uhna altura aproximada de dous metros.


Versión da planta a partires de Vázquez Collazo.

No centro, ou ben ocupando unha considerable parte da masa tumular, ábrese como por ensalmo (é irónico) o enorme funil de violación froito da febril actividade dos menesterosos piratas buscadores dos inexistentes tesouros: mais que funil, conforma unha gran gavia que atravesa practicamente a totalidade da Mámoa,  do norte ao sul. O ancho máximo deste profundo  e meticuloso traballo de zapa,  na parte central, é de vinte metros e a metade (uns dez e medio) para o diámetro leste-oeste ocupando, como dicía antes, a meirande parte da superficie do xacemento.


Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Precisamente nesta zona de salvaxe violación, sobresaen os dous únicos esteos que se están a conservar da estrutura arquitectónica ou anta: son dous chantos de granito e están emprazados nas zonas leste e oeste. O esteo que permanece chantado na parte do oeste mide case os dous metros de altura, un metro e medio de ancho e ao redor de trinta centímetros para o grosor.


Imaxe de Xosé Couñago no bloguemontepenide.wordpress.com.

O esteo ou chanto (ortostato) que ocupa unha parte do leste, atópase lixeiramente inclinado cara ao interior da mámoa e mide aproximadamente un metro e vinte centímetros de alto, quince centímetros de grosor e un metro para o ancho.


Unha interpretación propia da anta.

Segundo me contan parece ser que se fan rozas periódicas, o que permite ver a mámoa en  toda a súa extensión unha boa parte do ano. O mesmo acontece coas mámoas que seguirei a amosar desta espléndida ruta.



Unha outra visión propia da Anta 2. Moncho Boga 2026.




EN SIGRÁS, NOS PROLEGÓMENOS DA FESTA PAGANA MAIS PAGANA DE TODAS AS FESTAS PAGANAS, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES VARIOS

https://megaliticia.blogspot.com/2025/12/Necropole-Monte-Penide.html

José Manuel Hidalgo Couñago e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico de Monte Penide, Redondela-Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980

Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado.” Boletín del Seminario de Arte y Arqueología, Tomo 4,1º., curso de 1935-36. Valladolid, 1936.

Patiño Gómez, R.: “La necrópolis megalítica de Monte Penide – Vixiador”. Traballos de Arqueoloxía, 1992. Publicación do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén.

Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXI. Pontevedra 1977.

R. Fábregas Valcarce, X. Carballo Arceo y V. Villoch Vázquez. Petroglifos y Asentamientos: El caso de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Antonio Martínez Cortizas, Ramón Fábregas Valcarce, Susana Franco Maside. Evolución del paisaje y actividad humana en el área de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia.” Bahía 1997.

Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia.” Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.

https://montepenide.wordpress.com/

https://oestrymnio.blogspot.com/2013/03/monte-penide-necropolis-megalitica-y.html

https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-inedita-1-das-pedras-do-picos-cabeiro-o-vixiador-2633234

https://web.archive.org/web/20140111003856/http://www.acitania.com/Visita_Guiada_MontePenide-ACITANIA.pdf

https://turismoriasbaixas.com/es/search/museo-virtual-monte-penide-prehistorico

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-tumulos-de-monte-penide-monte-mirallo-redondela-45986051

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/mirador-de-coto-fenteira/

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=56&id=2345

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/ruta-de-los-misterios-y-las-leyendas/

https://montepenide.wordpress.com/category/castro-de-negros/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html

https://redondela.gal/categoria/turismo-redondela/que-ver/

https://espanaviajar.com/pontevedra/pueblos/redondela/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/monte-penide-roteiro-prehistorico-9144743

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/05/06/redondela-musealizara-mayor-yacimiento-mamoas-galicia/0003_201305V6C3991.htm

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/que-ver/

https://www.google.com/maps/dir/Redondela,+Pontevedra/Petr%C3%B3glifos+de+Chan+da+Cruz,+Unnamed+Road,,+36811+Redondela,+Pontevedra