PEDRAFITA-MENHIR DA PORTELA DE PADORNELO
"El tiempo todo lo da y todo lo quita; todo cambia pero nada perece."Giordano Bruno
Debuxos de Moncho Boga. |
Hai xa moitos anos que lle levo dando voltas a un extraordinario cruceiro estudado e debuxado por Castelao: a Cruz das Portelas de Padornelo, situado no Concello de Lubián, na Alta Sanabria, lindeiro co país galego. Antes de entrar nunha análise mais minuciosa ao carón deste enigmático fito, vou precisar algunhas pequenas notas xeográficas e aquilas vencelladas coa historia das mentalidades deste especial emprazamento fronteirizo.
Mapa: Diputación de Zamora. |
A Alta Sanabria está conformada polos concellos de Hermesinde, Lubián, Pías e Porto (provincia de Zamora, Comunidade Autónoma de Castilla-León) e tradicionalmente a fala, a toponimía e a meirande parte dos seus costumes e tradicións son esencialmente galegos e por iso os concellos da Baixa Sanabria os coñecen co alcume de "los gallegos". Mesmo os habitantes destes catro concellos identifícanse como galegos, desde o mesmo Porto de O Padornelo.
Xeográficamente a peculiar situación de As Portelas exténdese entre Padornelo e A Canda: unha auténtica fronteira natural entre Galicia e a Alta Sanabria. No extremo suloccidental atópase o "Penedo dos Tres Reinos" que é o lugar onde están a confluir os reinos de Galicia, Portugal e León e, aínda hoxe, é o fito fronteirizo entre Portugal e as provincias de Zamora e Ourense.
Como toda área fronteiriza, estes concellos fluctuaron históricamente entre diversas xurisdicións, tanto civís como eclesiásticas, de xeito que ata o século XIX coa creación actual das provincias e dos novos concellos, a situación quedou fixada tal como hoxe a coñecemos.
Pois ben, ás beiras da vella estrada, no mais alto, atopábase, erqueita e poderosa, unha curiosa e ruda cruz que foi trasladada de lugar en diversas ocasións, nun vaivén que puido rematar cosa súa destrución e esquecemento: na década de 1970 foi levada ata un prado cercano e logo, froito da presión veciñal, rehubicada na praza do pobo en Portela de Padornelo. No seu lugar orixinal chantouse unha réplica.
O tremendo esteo que conforma a cruz mide ao redor dos tres metros de altura e, na parte superior, recórtase a cruz cristiana, conferíndolle o aspecto dun cruceiro. Ocupando unha das súas caras aparece gravada unha longa inscrición medieval. A cruz probablemente ten que ver e é a orixe etimolóxica do pobo: é posible que aluda á delimitación xurisdicional e, nas súas orixes mais profundas, puido ser unha pedrafita, transformada en cruz na Idade Media.
Para Castelao, a Cruz de As Portelas non é mais que un miliario cristianizado. Consideraba o miliario como o transo entre a pedrafita e o marco quilométrico, do mesmo xeito que na Bretaña francesa o "lech" é a transición entre o menhir e a cruz outa (croaz-hir). Este monolito enxertado ao carón dunha calzada, que no lugar denominan "vrea vella", atópase no lindeiro natural de Galicia, ao entrarmos nas terras sanabresas de Zamora.
Calco, Colmenero década 1970. |
Para Castelao amosa unha semellanza absoluta e indiscutible co "lech" da Bretaña. Ademais aporta uns poucos mais datos de especial relevancia: os galegos que se dirixían a Castela deposibaban pedriñas ao seu pé, como así mesmo se facía noutras moitas pedrafitas galegas que xa temos reseñado neste blogue. Como conclusións, Castelao apostilla que a Cruz das Portelas é tan vella como as mais vellas da Bretaña e, por aparecer chantada á beira dunha calzada romana é moi probable que esteamos diante dun miliario reaprobeitado ou dun elemento de transición entre o miliario e a "cruz outa" de camiño.
Tamén hai xa moitos anos lín un artigo na Revista Larouco nº 3 asinado por Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer onde analizaban este fito polo miudo, logo dunha viaxe en automóbil na que inopinadamente atoparon este senlleiro exemplar. O título xa é unha declaración palmaria de intencións a saber, "El hito-estela prehistórico de las Portillas de Padornelo."
Na estrada N-525 de Vilacastín a Vigo -escribían daquila- erixíase na década de 1970 unha pedraffita de granito que medía mais de tres metros de altura, co terzo superior esculpido en forma de cruz. Nun primeiro intre pensaron que se trataba dun miliario romano cristianizado (igual que Castelao), cousa que trocou algúns anos despois. A continuación relatan os azarosos vaivéns do adusto mololito (que non remataron ata fai ben pouco): desapareceu do seu lugar ata que o redescubriron semierecto e a preto de cen metros do seu lugar de emprazamento orixinal, na aba setentrional do outeiro que flanquea o pobo polo sul.
O posterior, detido e minucioso estudo, fixo que se decantasen pola adscrición ás estelas-menhires prehistóricas, refeita na Idade Media como cruceiro e tamén como posible fito de peregrinación. Dese xeito atopan paralelismos con outras estelas deste tipo coma o reverso da estela de Faioes, a do Rosal, Oimbra e A Gudiña, todos eles lugares relativamente pretos. Os paralelismos refírense sobre todo á metade inferior, con dúas bandas superpostas entre si. Na cara anterior descubren restos dos traballos da labra orixinario e o resto é o desvastado realizado na época medieval.
As conclusións de Colmenero-Ferrer céntranse na consideración de que se trataba dunha pedrafita (estela-menhir) das do tipo fálico con decoración de bandas en relevo; probablemente, na parte superior remataría cun modelado antropomorfo destruido pola remodelacion no meievo. A proba é o brazo horizontal da cruz que serían as extemidades superiores. Aventuran tamén que a forma orixinal sería a dun cilindro do que sobresairían os muñóns dos brazos rematando en hemiesfera apuntada, sumando á estampa actual as dúas bandas laterais.
O remate triangular superior da cruz suxire que en orixe era un cono, de xeito que todo o conxunto formaba unha gran pedrafita das do tipo fálico. O autores, en suma, manteñen que este tipo de estelas-menhir seguiron a manterse na época romana coas mesmas funcións, como fitos de termo despois e sempre como "talismáns pripiciadores da fecundidade."
As cruces monolíticas deste tipo é posible e probable que fosen pedrafitas reutilizadas, voltas a esculpir en forma de cruz. Como opina Dolores de la Peña, pode ser unha auténtica e antiga cruz dos camiños, o que se coñece como "hermae". Estes enigmáticos elementos colocábanse nos cruzamentos, e logo evolucionarian cara ao cruceiro cristián.
Para rematar, unha xeira pequena de consideracións. Comenzamos co topónimo "portela" (portilla) que se refire a un paso de montaña que se remonta á prehistoria. Como sabemos, son pasos de montaña e as pedrafitas poderían funcionar como pedras de termo (marcadores territoriais), sinais de rutas e abranguindo todo o anterior, como elementos simbólicos e rituais importantes para a comunidade en calquera época. Hai que considerar que estamos diante dunha ruta de tránsito empregada desde a prehistoria: vía romana, ruta xacobea (Camiño Sanabrés), antiga vía dos arrieiros... Polo tanto un auténtico punto de deslinde e de paso, o típico lugar para colocar pedrafitas e fitos antigos. Pero estamos diante da parroquia de Portela de Padornelo: "Padornelo" (ao igual que "Pedrón" ou "Padrón") é un topónimo íntimamente vencellado a pedras verticais, mollóns ou fitos e, por suposto, a pedrafitas megalíticas. Como xa vimos mantendo noutras entradas, malia que hoxe non sexa unha pedrafita, o topónimo indica que posiblemente existise unha pedrafita empregada como límite, como sinal anunciadora e, como non, como símbolo fálico.
EN SIGRÁS, ESPERANDO QUE PASE ALGO, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
NON Á GUERRA INDECENTE, COMO TODAS!!!
BIBLIOGRAFÍA E ENLACES CON SUSTANCIA
https://urdinheira.blogspot.com/2011/07/unha-estatua-menhir-nas-portillas-do.html
http://terraduero.info/descubre/Padornelo/Cruz-de-la-Portilla
https://tuvozdigital.com/wp-content/uploads/2019/02/revista-N59-2019.pdf
https://es.wikipedia.org/wiki/Alta_Sanabria#/media/Archivo:1838_detalle_mombuey.jpg
Rodríguez Colmenero, A., Ferrer, S. Por tierras de León y Zamora. Nuevas inscripciones y reinterpretación de otras. Larouco, 3: 237-242.
https://www.diputaciondezamora.es/opencms/export/sites/dipu-zamora/.Archivos/documentos/provincia/portada/mapa-de-la-provincia-de-zamora.pdf
J. R. Ortiz del Cueto e Laura López Covacho: “Prospecciones arqueológicas en la Alta Sanabria: Resultados etnográficos pastoriles”. PDF.







